Novas da lingua

Rexistros361 a 390 de 5273
12/02/2025. DINAMIZACIóN

A Deputación de Pontevedra convoca o programa “+Música 2025”

A Deputación de Pontevedra publica as bases reguladoras e mais a convocatoria do Programa “+Música 2025” de apoio á programación artística profesional en galego nos concellos da provincia de Pontevedra. O programa está dirixido aos concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes, que poderán solicitar un máximo de dúas actuacións, a desenvolverse entre o 15 de abril e o 31 de decembro do 2025, de entre os grupos incluídos no Catálogo +Música.

O prazo de presentación de solicitudes de actuacións por parte dos concellos interesados estará aberto desde o 20 de febreiro de 2025 ata o 5 de marzo de 2025, os dous incluídos.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
11/02/2025. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os SNL da Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca unha liña de axudas, dirixida a concellos e outras entidades locais da provincia, para a creación, mantemento ou reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) municipais durante o ano 2025. No caso das axudas á creación de SNL, poden optar os concellos de menos de 50.000 habitantes, ou ben as agrupacións de concellos, mancomunidades ou entidades locais menores da provincia que non conten con este servizo. Para o mantemento ou reforzo do SNL, poden optar os concellos que conten con este servizo e queiran mantelo ou reforzalo (contratando persoal a maiores ou incrementando a xornada existente).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no BOP de Pontevedra e na Base de Datos Nacional de Subvencións.
11/02/2025. AXUDAS E PREMIOS

Resolución definitiva das axudas da Deputación da Coruña aos SNL municipais

A Deputación da Coruña publica a resolución definitiva da convocatoria de subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para financiar gasto do persoal técnico dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2025.

Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
11/02/2025. OUTRAS

A Xunta de Galicia presenta un avance dos resultados da Enquisa sobre a percepción social do galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia presentou publicamente un avance dos datos obtidos na Enquisa sobre a percepción social do galego, encargada ao Instituto Sondaxe e realizada entre o 22 de outubro e o 27 de novembro de 2024. Os resultados foron obtidos a partir dunha mostra de 1.200 enquisas realizadas a familias con fillos/as en idade escolar nas etapas de primaria e secundaria. O principal obxectivo do estudo é avaliar a opinión das familias en relación á crenza de se existe en Galicia algún idioma discriminado, e sondar as súas preferencias sobre o uso do galego no sistema educativo.

O documento foille entregado ao coordinador das comisións da renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega para que poida empregarse como ferramenta de traballo.

Para ampliar información, preme aquí.
07/02/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos preparatorios para obter os Celga 2, 3 e 4

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados dos niveis Celga 2, Celga 3 e Celga 4. A oferta inclúe tanto cursos na modalidade presencial como na modalidade en liña, que poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2025.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
06/02/2025. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación da Coruña convoca o XVI Premio Rosalía de Castro da Lingua

A Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca a décimo sexta edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua, que ten como obxectivo recoñecer iniciativas de normalización lingüística ou traxectorias de persoas, colectivos e entidades que destaquen polo seu compromiso coa promoción e dignificación do idioma galego. Establécense tres categorías: unha para recoñecer o labor daquelas persoas que máis destaquen na promoción da lingua galega de calidade e cunha identidade propia e unhas características xenuínas para empregala en todos os estratos sociais; outra para a entidade que máis destaque na promoción do galego; e unha terceira para o proxecto de dinamización lingüística que estea dirixido especificamente aos sectores de menor idade (infancia e mocidade) e que atenda espazos emerxentes do uso da lingua. A dotación económica do premio é de 5.000 euros para cada unha das categorías.

O prazo de presentación de candidaturas rematará ás 14:00 h do 30 de abril de 2025.


Para consultar o texto coas bases completas deste premio, preme aquí.
06/02/2025. DINAMIZACIóN

VIII Certame de música infantil e xuvenil “Quero cantar”

A Deputación da Coruña publica as bases do VIII Concurso “Quero Cantar”, coa intención de fomentar o uso da lingua galega, así como a creatividade poética e musical entre a poboación infantil e xuvenil. O certame está dirixido a solistas ou grupos musicais, formados por rapaces e rapazas de ata 16 anos, que interpreten unha composición en galego con letra e música orixinais e inéditas. Establécense dúas categorías (infantil e xuvenil), segundo a idade dos participantes. Os tres primeiros clasificados de cada categoría terán a oportunidade de gravar a súa maqueta nun estudio profesional, e recibirán como agasallo material musical e/ou produtos culturais galegos. A maiores, os primeiros clasificados de cada categoría gravarán un videoclip da canción gañadora e o gañador/a da categoría xuvenil participará tamén nun programa formativo.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o 14 de marzo de 2025, ás 14:00 h.

Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí. No sitio web da iniciativa tamén podes coñecer os temas participantes nas edicións anteriores.
05/02/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación lingüística para a comunidade universitaria da UVigo

A Universidade de Vigo publica a convocatoria de cursos de formación en lingua galega do segundo cuadrimestre do curso académico 2024/2025, dirixidos á súa comunidade universitaria e organizados pola Área de Normalización Lingüística. Nesta ocasión os cursos ofertados son os seguintes: Curso de iniciación á lingua galega (40 h); Os erros máis frecuentes na lingua galega (30 h); A calidade lingüística na universidade (30 h); Obradoiro de lingua oral (15 h); Galego hoxe (40 h); Cuestións de sociolingüística e de léxico (30 h).

As sesións desenvolveranse durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio de 2025, na modalidade en liña. O prazo de inscrición remata o 14 de febreiro de 2025, e os trámites deben facerse a través da plataforma virtual https://bubela.uvigo.es.
05/02/2025. DINAMIZACIóN

Leria e A banda da Loba protagonizan a celebración do Día dos Medios en Galego 2025

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) conmemorará o Día dos Medios en Galego o vindeiro 7 de febreiro, día no que saíu por primeira vez á rúa, no ano 1976, o xornal O Tío Marcos d´A Portela (primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega).

Neste 2025 o lema da celebración será “A lingua que nos une” e o acto principal terá lugar no Playa Club da Coruña o propio 7 de febreiro a partir das 21:30 h, onde se celebrará un concerto de Leria e A banda da Loba. As entradas xa están á venda en entradium.com . A maiores, a partir dese día habilitarase a páxina web Medidas para o galego, a través da que a cidadanía poderá participar no proceso de elaboración de 100 medidas para mellorar a situación do noso idioma en todos os ámbitos sociais.

Na páxina web de AMEGA tes máis información sobre esta iniciativa.
04/02/2025. AXUDAS E PREMIOS

Coñece as canles gañadoras dos Premios Youtubeiras+ 2024

O xurado da oitava edición dos Premios Youtubeiras+ fixo públicas as canles gañadoras da edición de 2024. A gala de entrega dos premios tivo lugar o pasado sábado, 1 de febreiro de 2025, no Pazo da Cultura de Narón e nela foron galardoadas as seguintes canles: Galiactiva (Premio revelación); Rebelico Revista (Premio rede); Luís do Río (Premio calidade lingüística); “A Revolución Galega de 1846” de Orgullo Galego (Premio do público); Exército Mekemeke (Premio canle de YouTube); Sara Seco (Premio canle de TikTok); e Prado Rúa (Premio creación de contidos).
04/02/2025. DINAMIZACIóN

Comeza unha nova edición do programa “21 días co galego e +”

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia promove unha nova edición do programa “21 días co galego e +”, que este ano volve ter como lema Medrando en galego. No marco desta inicitativa o alumnado de dez centros de ensino de infantil e primaria comprométense a falar exclusivamente en galego durante 21 días, así como a desenvolver diferentes propostas didácticas deseñadas para reflexionar sobre os seus usos lingüísticos persoais e a situación xeral do idioma galego.

O programa desenvolverase entre o 31 de xaneiro e o 21 de febreiro de 2025. Posteriormente, o 25 de febreiro, terá lugar o III Encontro 21 Días co galego e +, unha xuntanza lúdica e didáctica que reunirá a todos os participantes no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela. Podes manterte ao día das novidades a través do seu blog.

No Portal da Lingua Galega tes máis información sobre esta iniciativa.
03/02/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega para o persoal da Administración pública galega

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, trinta e dous cursos de linguaxe administrativa galega e cinco de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior) para persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia. Todos os cursos se desenvolverán na modalidade de teleformación. O prazo de presentación de solicitudes remata o 7 de febreiro de 2025.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
03/02/2025. OUTRAS

O galego impartirase como lingua de especialización na Université Sorbonne Nouvelle - París 3

A partir do vindeiro ano académico, a Université Sorbonne Nouvelle - París 3 ofertará a nova titulación “Linguas e culturas rexionais da Península Ibérica: éuscaro, catalán e galego”, financiada pola Xunta de Galicia, o Instituto Ramón Llull e o Instituto Etxepare. Con este novo plan de estudos (o único destas características que existe actualmente en Francia) o galego impartirase como unha lingua de especialización, xunto co catalán e o éuscaro, e implantaranse novas materias sobre historia e sociolingüística de Galicia.

O Centro de Estudos Galegos da Université Sorbonne Nouvelle - París 3 convida a todas as persoas interesadas á xornada de portas abertas que terá lugar o vindeiro 8 de febreiro de 2025, na que se presentará oficialmente esta nova titulación.
03/02/2025. INVESTIGACIóN

Guía de apelidos galegos

A Real Academia Galega ofrece na súa páxina web o novo recursos onomástico Guía de apelidos galegos, unha ferramenta coordinada por Ana I. Boullón que recolle a forma estándar de máis de 6.000 apelidos, que se corresponden aproximadamente co 95% da poboación galega. A maiores, no caso dos termos castelanizados ofrécese unha equivalencia coas súas formas galegas correspondentes.

O fin último desta guía é contribuír á galeguización dos apelidos, facilitándolle ao funcionariado dos Rexistros a listaxe de formas estándares.

Na páxina web da RAG tes máis información.
03/02/2025. OUTRAS

Queremos Galego convida a cidadanía galega a manifestarse no Día de Rosalía

O vindeiro 23 de febreiro, coincidindo coa conmemoración do Día de Rosalía, a plataforma Queremos Galego convoca a cidadanía galega a participar na manifestación que terá lugar en Santiago de Compostela, a partir das 12 h, baixo o lema “Lingua vital xa!”. Como xa acontecera na última convocatoria do pasado 17 de novembro de 2024, o obxectivo é que a cidadanía reaccione ante a actual situación de emerxencia lingüística e demande a plena reivindicación do idioma en todos os ámbitos sociais.

Na páxina web da plataforma tes toda a información sobre esta iniciativa.
03/02/2025. DINAMIZACIóN

Teatro con Lingua en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra promove o grupo teatral “Teatro con Lingua”, unha iniciativa que busca dinamizar o uso do galego entre a mocidade a través do teatro amador improvisado. Os ensaios terán lugar no Centro Sur (Campolongo) desde o 5 de febreiro ata o 25 de xuño de 2025 (os mércores de 19 h a 21 h).

Se tes entre 18 e 30 anos e che interesa practicar o galego facendo teatro, atoparás toda a información que precisas para tramitar a inscrición premendo aquí.
03/02/2025. OUTRAS

Declaración de NEG sobre a actual situación de emerxencia lingüística

Nova Escola Galega acaba de facer pública a declaración “A emerxencia lingüística: do estado da cuestión á acción", coa que quere contribuír ao debate público sobre o presente o futuro do idioma galego, unha vez coñecidos os datos demolingüísticos presentados recentemente polo IGE.

Podes ler o texto completo da declaración premendo aquí.
29/01/2025. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a creación audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca subvencións para o ano 2025 destinadas a impulsar a creación de obras audiovisuais en lingua galega, concretamente, a través do apoio á realización e posprodución de curtametraxes e á produción de longametraxes.

O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.
27/01/2025. DINAMIZACIóN

A RAG e PuntoGal convocan o VIII Concurso de Microrrelatos

A Real Academia Galega e a Asociación PuntoGal convocan a oitava edición do seu Concurso de Microrrelatos, co obxectivo de reforzar a presenza do idioma galego e da identidade propias no mundo dixital. Os relatos, de temática libre, deberán estar escritos en galego, ser orixinais, inéditos e ter unha extensión máxima de 200 palabras (título incluído). Establécense tres categorías, segundo a idade dos participantes, e entregaranse tres premios en cada unha das categorías. A maiores, os relatos gañadores serán publicados nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na revista Luzes. O prazo para enviar os textos estará aberto desde o 1 ao 28 de febreiro de 2025.

A organización deste certame faise coincidir cunha campaña de promoción que permite rexistrar un dominio .gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE.

Podes ampliar información premendo aquí.
27/01/2025. EMPREGO

Convocatoria para a creación de listaxes de emprego temporal de técnico/a de normalización lingüística na Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo publica a convocatoria e mais as bases específicas do procedemento selectivo para a creación da listaxe de emprego temporal de técnico/a de normalización lingüística, grupo A – subgrupo A1, para xestionar de xeito áxil as necesidades deste tipo de persoal e poder efectuar nomeamentos ou contratacións de persoal interino/a.

Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía galega; licenciatura en Filoloxía hispánica (con habilitación de galego); licenciatura en Filosofía e Letras (sección Filoloxía hispánica, subsección galego- portugués); grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios (galego e español); grao de Estudos de Galego e Español; grao en Galego e Portugués: estudos Lingüísticos e Literarios; ou grao en Lingua e Literatura Galegas.

Tal e como se recolle nas bases xerais, o sistema de selección será o concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP.

Podes consultar o texto completo da convocatoria e mais as bases específicas premendo aquí.
23/01/2025. OUTRAS

Actualizamos información sobre as publicacións periódicas recibidas no CDSG en 2024

O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia publica en liña o Boletín de Sumarios 2024, un produto documental que inclúe os sumarios dos números das revistas que se incorporaron á hemeroteca do centro ao longo do ano pasado.

Tamén podes consultar a nosa colección completa actualizada a través do Catálogo de publicacións periódicas do CDSG.

Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde o boletín e o catálogo pode accederse directamente a elas.
22/01/2025. INVESTIGACIóN

En Internet o Dicionario do galego no Bierzo e a segunda edición do Dicionario galego-ruso

Xa se poden consultar en Internet dous novos recursos lexicográficos relacionados co idioma galego. Trátase do Dicionario do galego do Bierzo, elaborado por Sara Rodríguez e editado en 2023 pola Universidade de Vigo, que agora pode consultarse de balde en formato PDF; e da 2ª edición corrixida e aumentada do Dicionario galego-ruso, obra do investigador Aleksandr Dziuba editada pola Xunta de Galicia.
21/01/2025. INVESTIGACIóN

Accesible na Rede o volume Estudos de Onomástica Galega IX. Os outros nomes

A Real Academia Galega difunde no seu sitio web o volume Estudos de Onomástica Galega IX. Os outros nomes, que reúne os traballos presentados na IX Xornada de Onomástica Galega (que tivo lugar o 19 de outubro de 2024 no Museo de Pontevedra), nos que se trata a onomástica de ámbitos tan diversos como a astronomía, a zooloxía ou a intelixencia artificial, entre outros.
20/01/2025. DINAMIZACIóN

En liña as intervencións da décima edición do LGx15

O pasado 26 de outubro de 2024 tivo lugar en Santiago de Compostela a décima edición do LGx15, unha iniciativa organizada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua na que diferentes participantes transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego a través de charlas breves e amenas. Nesta edición os/as participantes foron Sole Felloza, Rodri Míguez, José Manuel Menéndez, Bernardo Penabade e Illa Bufarda (Adriana P. Villanueva, Pilar Adabes e Sabela Iglesias).

Podes ver todas as intervencións na canle de Youtube da CTNL.
20/01/2025. AXUDAS E PREMIOS

Resolución provisional das axudas da Deputación da Coruña aos SNL municipais

A Deputación da Coruña publica a resolución provisional das subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para financiar gasto do persoal técnico dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2025.

Os solicitantes teñen un un prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución provisional no Boletín Oficial da Provincia, para comunicar, se é o caso, a desistencia da solicitude, presentar solicitude de reformulación, alegacións ou emenda de erros. Transcorrido o prazo de 10 días sen que por parte dos solicitantes se desista expresamente, a subvención considerarase aceptada tacitamente.

Podes consultar o texto completo da resolución premendo aquí.
17/01/2025. DINAMIZACIóN

Bota a andar a terceira edición do programa “Modo galego, actívao!”

A Real Academia Galega e o Concello de Ames presentaron a terceira edición do programa Modo galego, actívao!, un proxecto de investigación e acción deseñado para intervir nas actitudes e usos lingüísticos da comunidade educativa deste concello (alumnado, profesorado, familias e persoal dos servizos complementarios). Nesta ocasión, ademais dos centros de educación infantil e primaria que xa participaran en edicións anteriores, súmase o alumnado de 1º e 2º da ESO dos institutos do Milladoiro e Bertamiráns.

O programa desenvolverase ao longo dun mes, no que o alumnado realizará diferentes actividades lúdicas e didácticas e asumirá unha serie de compromisos lingüísticos, ao tempo que recibirá tamén diferentes recompensas acordes co seu nivel de implicación coa activación do idioma galego.

Para ampliar información, preme aquí.
17/01/2025. DINAMIZACIóN

Gala dos Premios Youtubeiras+ 2024 e fiadeiro dixital

O vindeiro 1 de febreiro de 2025, ás 19:00 h, terá lugar no Pazo da Cultura de Narón a gala de entrega dos Premios Youtubeiras+, unha iniciativa promovida por 10 concellos galegos, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo co obxectivo de promover a creación de contidos en galego no YouTube e en TikTok, así como visibilizar os perfís das persoas creadoras. A gala estará presentada por Javi Sánchez Castro (Meiga-i) e contará coa actuación musical de De Ninghures.

Con antelación ao comezo da gala, de 17 h a 17:50 h, Nuria Espasandín e Sergio Casal, de Toxío, impartirán un obradoiro de creación de contidos dixitais en Internet. A actividade é de balde e está aberta ao público, pero require inscrición previa.
15/01/2025. OUTRAS

O Consello da Cultura Galega pon en marcha o “Foro participativo: un país coa súa lingua”

Hoxe, 15 de xaneiro de 2025, tivo lugar na sede do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, a presentación pública do “Foro participativo: un país coa súa lingua”, unha iniciativa de carácter propositivo na que se lle dará voz a persoas expertas no ámbito da planificación lingüística, a profesionais de diferentes ámbitos e a axentes sociais de referencia para o futuro do idioma, que reflexionarán sobre a situación sociolingüística actual e proporán as accións que se consideren prioritarias para a normalización e revitalización do galego.

O foro desenvolverase entre os meses de febreiro e xullo de 2025 e estruturarase en seis mesas temáticas: Educación e socialización; Administración, xustiza e servizos públicos; Sanidade, ciencia e servizos sociais; Comunicación, cultura e acción exterior; Economía, turismo e deporte; Sociedade, crenzas e participación comunitaria. Os resultados recolleranse nun documento que se fará público en novembro de 2025.

Na páxina web do CCG tes máis información sobre esta iniciativa.
15/01/2025. INVESTIGACIóN

O CCG presenta un estudo comparativo sobre a situación das linguas cooficiais en España

O Consello da Cultura Galega publica o informe Competencia e usos das linguas cooficiais en España. O galego en perspectiva comparada, un estudo que presenta os principais datos sociolingüísticos do idioma galego en clave comparativa coas outras cinco comunidades autónomas con lingua cooficial, nomeadamente, Cataluña, Comunidade Foral de Navarra, Comunidade Valenciana, Illas Baleares e País Vasco.

Desde esta perspectiva, a poboación galega (analizada no seu conxunto) é a que ofrece os mellores datos de competencia e uso da súa lingua propia, pero ao contrario do que acontece no resto de territorios analizados, en Galicia obsérvase unha clara tendencia de perda interxeracional, sendo a poboación que aínda está en idade escolar a que presenta os peores datos de competencia lingüística e frecuencia de uso do galego. Esta especificidade da realidade galega parece constatar unha “aparente menor efectividade das políticas educativas en comparación con outras comunidades” e pon de relevo a complexidade da nosa realidade sociolingüística e o gran desafío que temos por diante para poder reverter estas dinámicas.

Na páxina web do Consello da Cultura Galega tes accesible de balde a publicación en formato dixital.
15/01/2025. CURSOS E CONGRESOS

Curso de escrita creativa en Vigo

O Concello de Vigo organiza un curso de escrita creativa de nivel 1, de 30 horas de duración, para aquelas persoas que desexen iniciarse na escrita creativa en lingua galega. As sesións terán lugar durante os meses de febreiro e marzo de 2025 no Auditorio Mar de Vigo.

Podes consultar os contidos e obter máis información sobre os trámites de inscrición premendo aquí.