Novas da lingua

Rexistros421 a 450 de 5273
03/12/2024. AXUDAS E PREMIOS

Ela Diz, Toxo Telecom e Chichalovers, empresas premiadas polo seu compromiso co galego

O xurado da vixésimo quinta edición dos Premios Manuel Beiras fixo entrega onte, 2 de decembro de 2024, dos galardóns ás empresas premiadas este ano polo seu compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial compostelán. As empresas gañadoras desta edición son Ela Diz, na categoría de “uso continuado do galego”; Toxo Telecom, na categoría de “nova incorporación ao uso da lingua galega”; e Chichalovers, na categoría de “empresa innovadora no uso do galego”.

Para ampliar información, preme aquí.
02/12/2024. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación de Pontevedra publica as axudas concedidas a concellos e entidades culturais para a dinamización lingüística

A Deputación de Pontevedra publica no BOP do 2 de decembro de 2024 a resolución das subvencións concedidas durante o segundo semestre deste ano a concellos e a entidades culturais sen ánimo de lucro da provincia para a realización de actividades de dinamización lingüística.

Para consultar a listaxe de entidades beneficiarias, preme aquí.
28/11/2024. DINAMIZACIóN

A plataforma Bluesky xa está dispoñible en galego

Grazas ao activismo social a prol do galego, desde este mesmo xoves 28 de novembro xa se pode configurar no noso idioma Bluesky, unha plataforma de mensaxes curtas que ultimamente se está a converter para moitos/as usuarios/as das redes sociais na alternativa a X (coñecida anteriormente como Twitter).

O traballo colaborativo de tradución foi impulsado polo activista Carlos Vieito, que contou coa colaboración de Alexandre Espinosa e Xurxo GP nas tarefas de tradución e programación. Para configurar a túa conta en galego só tes que ir a Axustes > idioma > galego. Neste momento está tamén dispoñible no noso idioma a aplicación de Bluesky para Android e os promotores da iniciativa anuncian que en breve estará a versión para IOS.
27/11/2024. DINAMIZACIóN

Xa podes enviar as túas suxestións para escoller a Palabra do Ano 2024

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié, a través do seu proxecto Portal das Palabras, convida a cidadanía a participar na escolla da Palabra do Ano 2024, partindo da premisa de que o idioma forma parte da nosa identidade como pobo e a través das súas palabras podemos definir colectiva e simbolicamente as nosas experiencias.

Todas as persoas interesadas poden enviar as súas propostas ata o vindeiro 8 de decembro de 2024, ás 23:59 h. Tras seleccionar os termos máis populares e de maior carga semántica, abrirase un novo período de votación entre o 11 e o 25 de decembro para elixir definitivamente a palabra que mellor describe este ano que está a piques de rematar.
26/11/2024. DINAMIZACIóN

A mocidade carballesa rende homenaxe a Castelao no 80 aniversario da publicación de Sempre en Galiza

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza o acto de homenaxe Arredor de Sempre en Galiza 80 anos despois, no que unha representación da mocidade carballesa ofrecerá unha breve disertación a partir de citas textuais da obra de Castelao e reflexionará sobre os cambios que se produciron en materia de lingua desde 1944, ano da publicación en Bos Aries de Sempre en Galiza.

O acto terá lugar nas Escolas do Xardín Agra de Caldas o venres 29 de novembro de 2024, ás 18.30 horas. A partir dese mesmo día tamén poderá visitarse unha exposición de homenaxe a Castelao, centrada nas súas facetas de debuxante e humorista gráfico.

Para ampliar información, preme aquí.
26/11/2024. OUTRAS

A USC presenta a versión en galego do dicionario infantil de medicina Diximed

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presentou a versión en galego do dicionario infantil de medicina Diximed, unha obra dirixida a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos que foi elaborada en 2019 por un grupo de investigación da Universidade Pompeu Fabra dirixido pola profesora Rosa Estopà. Ademais do propio SNL da USC, que se ocupou da tradución dos textos, na versión en galego tamén colaborou o alumando de 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP López Ferreiro, de Santiago de Compostela, encargado de ler e gravar as definicións.

Xunto co dicionario propiamente dito, en Diximed atoparás tamén un atlas con láminas ilustradas sobre o corpo humano, xogos interactivos que permiten achegarse de xeito divertido ao contido do dicionario e mais un léxico temático sobre a covid-19.

No Xornal da USC tes máis información sobre o acto de presentación.
26/11/2024. DINAMIZACIóN

A EASD Mestre Mateo premia os proxectos finais de estudos que poñan en valor a lingua galega

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega da EASD Mestre Mateo convoca o Premio “A lingua, arte da túa terra” 2024/25, dirixido ao alumnado da Escola que no seu Proxecto Final de Estudos poña en valor a lingua e a cultura galegas. O xurado outorgará un premio para ciclos formativos e outro para estudos superiores, dotados con 200€ cada un. A data límite para a presentación dos traballos é o 30 de xuño de 2025.

Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
22/11/2024. DINAMIZACIóN

A Universidade de Vigo organiza unha nova edición do programa Tándem Lingüístico

A Vicerreitoría de Internacionalización e o Centro de Linguas da Universidade de Vigo organizan unha nova edición do seu programa Tándem Lingüístico, dirixido á comunidade universitaria co obxectivo de poñer en contacto persoas que desexen, mediante conversas informais, compartir os seus propios coñecementos lingüísticos e ao mesmo tempo aprender outros idiomas novos.

As persoas interesadas en participar no programa poden inscribirse a través deste formulario en liña.

Para obter máis información, preme aquí.
22/11/2024. CURSOS E CONGRESOS

O Simposio ILG 2024 analiza a materialidade da cultura impresa

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Consello da Cultura Galega e o Ministerio de Cultura do Goberno de España, organiza o Simposio ILG 2024, que nesta edición leva por título “Cultura Impresa: materialidades, paradigmas e retos epistémicos”, no que a lingüística dialogará con outras disciplinas como as artes visuais, os estudos culturais ou a historia social.

As sesións desenvolveranse os días 27 e 28 de novembro de 2024 no salón de graos da Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de inscrición remata o vindeiro 25 de novembro.
22/11/2024. EMPREGO

Praza de tradutor/a de lingua galega na Deputación de Ourense

A Deputación Provincial de Ourense publicou no BOP do 30 de outubro de 2024 as bases reguladoras para a provisión en propiedade das prazas vacantes correspondentes á oferta ordinaria de emprego público do ano 2021. Entre as prazas ofertadas atópase unha de tradutor/a de lingua galega (A1). Os/as aspirantes deben estar en posesión do título universitario de grao en: Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios (galego e español); Estudos de Galego e Español; Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; Lingua e Literatura Galegas; Tradución e Interpretación ou equivalentes, ou calquera outro título oficial universitario nivel 3 do marco español de cualificacións para a educación superior (nivel 7 do marco europeo de cualificacións) en calquera rama do coñecemento. O sistema de selección é a oposición libre.

O prazo para a presentación de solicitudes será de vinte (20) días naturais seguintes ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOE.

Para consultar o texto completo da convocatoria preme aquí.
21/11/2024. AXUDAS E PREMIOS

Convócanse os XXV Premios Manuel Beiras

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela convocan a vixésimo quinta edición dos Premios Manuel Beiras, que este ano levan por lema “En galego, empresa/comercio + intelixente”. Estes galardóns teñen como finalidade recoñecer o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial compostelán, premiando o uso do galego na comunicación comercial nas seguintes categorías: "empresa cun uso continuado da lingua galega", "empresa de nova incorporación ao uso da lingua galega" e "empresa innovadora no uso do galego". Poden concorrer a este premio as empresas radicadas do concello de Santiago de Compostela, entendendo aquelas que teñen a súa sede social no municipio ou que realizan unha importante actividade nel. As empresas poderán presentar directamente a súa candidatura ou seren propostas por calquera outra persoa ou entidade.

O prazo para presentar as candidaturas remata o 25 de novembro de 2024. O acto oficial de entrega de premios terá lugar o 2 de decembro de 2024, ás 20:00 h, no Teatro Principal.

Para ampliar información, preme aquí.
21/11/2024. LEXISLACIóN

O Comité de Ministros do Consello de Europa avala o informe do Comité de Expertos do pasado mes de setembro

O Consello de Europa publicou o pasado 24 de setembro de 2024 o sexto Informe de seguimento do cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, avaliación periódica que elabora o Comité de Expertos para analizar o grao de cumprimento dos compromisos que o Estado español asumiu ao ratificar este tratado internacional.

Tendo en conta o exposto no informe remitido polo Estado español en agosto de 2023 e tamén o recollido no mencionado informe do Comité de Expertos do pasado mes de setembro de 2024, o Comité de Ministros do Consello de Europa acordou trasladarlles ás autoridades españolas unha serie de recomendacións concretas. No que respecta ao galego, recoméndalles en termos xerais que teñan en conta todas as observacións e recomendacións feitas polo Comité de Expertos, pero con carácter prioritario as seguintes: que se garantan os dereitos lingüísticos da cidadanía nos centros sociosanitarios, que se garanta o ensino en galego en todos os niveis educativos, que a lexislación garanta o uso do galego en todos os procedementos xudiciais cando o solicite unha das partes e que se tomen as medidas necesarias para que os falantes de galego poidan relacionarse neste idioma coas delegación locais da Administración do Estado en Galicia.
19/11/2024. DINAMIZACIóN

Concurso de curtametraxes “Un idioma de cine”

O Concello de Caldas organiza o concurso de curtametraxes “Un idioma de cine”, dirixido a mozos e mozas de ata 30 anos de idade residentes en Galicia. As curtametraxes presentadas deben ser orixinais e inéditas, ter unha duración de entre 5 e 10 minutos, e unha temática relacionada co outono. O formato pode ser de acción ou de animación. O xurado outorgará tres premios, cunha dotación económica de 700€, 500€ e 300€ cada un. A maiores, a curta máis votada polo público tamén será premiada con 500€.

O prazo de presentación dos traballos remata o 10 de decembro de 2024. Podes consultar as bases completas premendo aquí.

A iniciativa enmárcase no programa de dinamización lingüística promovido polo Concello de Caldas para fomentar a creación audiovisual en galego entre a mocidade. No marco deste mesmo programa organizouse tamén un obradoiro formativo o pasado mes de outubro.
19/11/2024. DINAMIZACIóN

Festa da lingua na Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo

A Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, ubicada no Campus de Ourense, organiza o vindeiro venres 22 de novembro de 2024, a partir das 11 h, unha Festa da lingua para conmemorar o aniversario de que a UVigo lle outorgara o distintivo de galeguización Gal Ego, como recoñecemento público ao seu labor de fomento e promoción do idioma galego.

A festa terá lugar na Sala Emilia Pardo Bazán (Edificio Ferro) e actuará Xosé Antonio Touriñán e mais o grupo musical Factoría de Subsistencia.
19/11/2024. DINAMIZACIóN

Rechouchíos en galego para rematar o ano en Moaña

O Servizo de Normalización Lingüística, o Servizo de Igualdade e a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Moaña presentan as actividades que se organizarán durante os meses de novembro e decembro de 2024 no marco do programa municipal de dinamización lectora e lingüística Rechouchíos. O mes de novembro estará destinado á narración oral, para concienciar á cativada da importancia da igualdade de xénero, e en decembro tocará festexar o Nadal con moita maxia, circo, teatro e música.

Podes consultar o programa completo premendo aquí.
15/11/2024. EMPREGO

Bolsas de formación no Servizo de Publicacións do Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria de dúas bolsas de formación práctica, de doce meses de duración, vinculadas ao seu Servizo de Publicacións. Poden optar a estas bolsas as persoas que posúan o grao en Tradución e Interpretación, no que a lingua de orixe principal da súa combinación lingüística (1ª lingua ou lingua A1) sexa a lingua galega; o grado en Lingua e Literatura Galegas; o grao Estudos de Galego e Español con itinerario en lingua galega e española; ou equivalentes.

O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no DOG. As bases completas podes consultalas premendo aquí.
14/11/2024. LEXISLACIóN

Publicada no BOE a lei que garante o uso do galego ante o Tribunal Supremo e a Audiencia Nacional

Hoxe, 14 de novembro de 2024, publicouse no BOE a Lei orgánica 5/2024, do 11 de novembro, do dereito de defensa, que ten como obxecto regular o dereito de defensa, recoñecido no artigo 24 da Constitución Española. No que respecta ao uso das linguas oficiais, o texto recolle no artigo 10 que a cidadanía ten dereito a empregar ante os tribunais e nas súas relacións coa Administración de Xustiza as linguas oficiais no territorio da súa comunidade autónoma. Nese mesmo artigo dise que tamén ten dereito “nos procesos ante órganos con xurisdición en todo o Estado, a empregar calquera das linguas oficiais da comunidade autónoma onde residan ou onde se iniciaran as actuacións xudiciais, así como a recibir en calquera desas linguas as comunicacións producidas”. A maiores, no artigo 11 recóllese que naqueles casos nos que o uso dunha determinada lingua contribúa a garantir o dereito de defensa, “o xulgado ou o tribunal porá a disposición dos intervenientes que o requiran os mecanismos pertinentes de interpretación e/ou tradución”.

A efectos prácticos, a novidade é que a partir de agora os cidadáns poderán empregar o galego, o catalán e o éuscaro nos procesos xudiciais ante órganos como o Tribunal Supremo ou a Audiencia Nacional.
14/11/2024. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse os XXXIV Premios San Martiño de Normalización Lingüística

Hoxe, 14 de novembro de 2024, ás 20:30 h terá lugar no Teatro Principal da Estrada o acto de entrega dos XXXIV Premios San Martiño de Normalización Lingüística, cos que se recoñece publicamente o labor de persoas e entidades comprometidas coa normalización do idioma galego.

Nesta edición os galardoados son o Grupo Valenciaga, na categoría "Comarca Tabeirós-Terra de Montes"; o contador Celso Sanmartín, na categoría “Galicia enteira”; e a asociación cultural Cántigas e Frores, na categoría “Unha vida enteira”.

A entrada ao acto é libre ata completar a capacidade da sala.
14/11/2024. INVESTIGACIóN

A Universidade de Vigo presenta un estudo sobre os trazos diferenciais da fala de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta a publicación A fala de Vigo. Trazos diferenciais da nosa variedade dialectal, autoría do catedrático da Uvigo Xosé Henrique Costas-González. Trátase dunha obra de carácter divulgativo que ten o seu xermolo nunha conferencia impartida polo profesor Costas-González nos Faladorios-Vigo a comezos deste mesmo ano e nela recóllense e catalóganse os principais trazos fonético-fonolóxicos, prosódicos, morfolóxicos, léxicos e fraseolóxicos do galego que se fala en Vigo.

O volume está accesible en formato dixital na páxina web da Área de Normalización Lingüística da UVigo.

Se queres ampliar información sobre esta iniciativa, preme aquí.
13/11/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre litigación estratéxica e defensa de dereitos lingüísticos

A área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña e mais o Observatorio de Dereitos Lingüísticos da Mesa pola Normalización Lingüística organizan a xornada Lingua con dereito. Dereito á lingua, na que se reflexionará e debaterá sobre as posibilidades de litigación estratéxica como vía de avance para os dereitos lingüísticos.

A xornada terá lugar o 23 de novembro de 2024 na Biblioteca Provincial da Coruña (Rúa Rego de Auga. 37). Podes inscribirte enviando os teus datos a través deste formulario.

Para obter máis información e coñecer o programa completo, preme aquí.
13/11/2024. DINAMIZACIóN

O Museo do Pobo Galego acolle a exposición “Palabra e memoria”

O Claustro Alto do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, acolle a exposición Palabra e Memoria, unha mostra sobre a normalización da epigrafía funeraria en lingua galega, froito do traballo de documentación realizado desde o ano 2003 polo alumnado do IES Perdouro de Burela no marco do proxecto de innovación educativa "Modelo Burela de Panificación Lingüística". As fotografías son autoría da fotoxornalista Pepa Losada, que contou coa colaboración posterior de María Mon e Aida López.

A exposición inaugurouse o pasado 6 de novembro de 2024 e malia que estará pechada temporalmente durante esta semana (do 11 ao 17 de novembro) por mor dunhas obras no edificio, a partir da vindeira semana poderá visitarse con normalidade ata o vindeiro 29 de decembro.
11/11/2024. CURSOS E CONGRESOS

Accesible en liña o documento conclusivo dos XXVI Encontros para a Normalización Lingüística

O pasado 15 de outubro de 2024 tiveron lugar os XXVI Encontros para a Normalización Lingüística, que baixo o lema “Vivir e perdurar na nosa lingua” convocaron a representantes das confesións relixiosas maioritarias, a axentes que prestan servizos funerarios e a profesionais que desenvolven iniciativas de dinamización lingüística para reflexionar sobre a importancia da lingua escollida nos actos funerarios.

Como vén sendo costume, tras a sesión de exposición, intercambio e debate, a Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, coordinadora da actividade, elaborou un documento conclusivo, que a Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega tamén fixo seu, no que se ofrece unha panorámica xeral da xornada e se escolman unha serie de demandas dirixidas a potenciar o uso do galego en todas as actividades funerarias (liturxia, cerimonias civís, necrolóxicas, lápidas, bandas florais...).

O documento está xa accesible na páxina web do CCG.
11/11/2024. OUTRAS

Conversas en galego para a mocidade coruñesa no Espazo Xuvenil O Remanso

O Concello da Coruña, a través do Espazo Xuvenil O Remanso, organiza mañá 12 de novembro de 2024 a actividade conversas en galego, dirixida a mozos e mozas de entre 12 e 30 anos que queiran poñer en practicar e perfeccionar os seus coñecementos sobre o idioma galego. A asistencia é de balde mais cómpre inscrición.

Para ampliar información preme aquí.
11/11/2024. INVESTIGACIóN

Nova cita coa divulgación matemática en “Habelas, hainas”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas e o Seminario de Iniciación á Investigación da USC cítannos, un ano máis, na xornada Habelas, hainas. No programa, investigadores e investigadoras da facultade achéganse a temas de interese para o alumnado de grao e mestrado, dun xeito ameno e divulgativo.

Habelas, hainas 2024 terá lugar o vindeiro 21 de novembro, ás 16:00 h, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC. Podes inscribirte enviando este formulario.
08/11/2024. DINAMIZACIóN

Tardes con Apego en Carnota para concienciar sobre a igualdade de xénero

O Servizo de Normalización Lingüística agrupado dos concellos de Carnota e Mararicos organiza, no marco do programa Apego, dous espectáculos dirixidos a familias con nenos/as de 4 anos en diante, que teñen como obxectivo crear espazos de socialización en galego para os máis pequenos, así como promover a igualdade de xénero e fomentar a divulgación da ciencia en lingua galega.

O espectáculo Inventoras con mentes curiosas. Toupiciencia en feminino, creado por A Xanela do Maxín, terá lugar mañá 9 de novembro, ás 17:30 h no salón de actos do Concello de Carnota. A segunda cita será o 23 de novembro, no mesmo lugar e á mesma hora, co contacontos teatralizado Dúas nenas moi valentes, de Trémola Teatro. A entrada é libre e de balde, ata completar a capacidade do local.

Se precisas máis información, preme aquí.
08/11/2024. CURSOS E CONGRESOS

Vilalba acolle a I Xornada de Patrimonio Inmaterial

O Instituto de Estudos Chairegos e o Consello da Cultura Galega, en colaboración co Concello de Vilalba, organizan a I Xornada de Patrimonio Inmaterial, na que se analizarán cuestións xerais do noso patrimonio inmaterial e manifestacións concretas, como a improvisación oral en verso, o zahorismo, os ceremoniais florais galaicos, o son das campás ou o patrimonio cultural asociado á arquitectura.

As sesións desenvolveranse os días 15 e 16 de novembro de 2024 na Casa da Cultura de Vilalba. Tras a clausura, terá lugar unha ofrenda floral no monolito conmemorativo da constitución das Irmandades da Fala en Vilalba, coa participación do grupo A.C. de Andrade.
07/11/2024. DINAMIZACIóN

Narración oral en galego para cambiar o conto nos roles de xénero

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza a xornada de narración oral Cambiando o conto! Carapuchiña vermella, dirixida a nenos e nenas de 8 a 12 anos para promover a reflexión sobre os roles de xénero e as diferentes violencias asociadas a eles.

A actividade terá lugar o 16 de novembro de 2024 ás 12 h no Pazo da Cultura de Pontevedra. A inscrición pode facerse a través do correo alingualatexa@gmail.com.

Na páxina web do SNL do Concello de Pontevedra tes toda a información.
06/11/2024. CURSOS E CONGRESOS

Mesa redonda no CCG sobre o patrimonio inmaterial galego-portugués

No marco das actividades de conmemoración do Mes do Patrimonio Cultural Inmaterial, o Consello da Cultura Galega e a asociación Ponte... nas Ondas! organizan a mesa redonda O patrimonio cultural inmaterial galego-portugués e a súa presenza no mundo, que terá lugar mañá, 7 de novembro de 2024, a partir das 17:00 h na sede do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. O coloquio estará moderado por Santiago Veloso, presidente de Ponte... nas Ondas!, e nel participarán Xosé Manuel González Reboredo, antropólogo e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego; Cristina Sánchez Carretero, vicedirectora do INCIPIT-CSIC; Guadalupe Jiménez-Esquinas, antropóloga e profesora da USC; e Álvaro Campelo, profesor da Universidade Fernando Pessoa e vicepresidente da Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia.

A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

Na páxina institucional do CCG podes consultar o programa con máis detalle.
06/11/2024. AXUDAS E PREMIOS

Takekazu Asaka e Gabriel Álvarez Martínez recibirán o VII Premio Xela Arias

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) fixo pública a resolución do VII Premio Xela Arias, convocado para recoñecer o labor de empresas, entidades ou persoas que contribúan á promoción do uso do galego no ámbito da tradución e da interpretación. Nesta edición os galardoados son o lingüística, profesor e tradutor Takekazu Asaka (Tokyo, 1952), tradutor ao xaponés de obras clásicas da literatura galega e autor da primeira gramática galega para público xaponés; e Gabriel Álvarez Martínez (O Carballiño, 1985), autor dunha ducia de traducións ao galego de obras da literatura xaponesa.

Na páxina web da AGPTI tes toda a información sobre esta iniciativa.
06/11/2024. INVESTIGACIóN

A Universidade de Santiago crea a Cátedra Institucional Castelao

Onte, 5 de novembro de 2024, tivo lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a presentación pública da Cátedra Institucional Castelao, creada pola USC e dirixida polo profesor Henrique Monteagudo. Os seus obxectivos principais serán a investigación e a proxección da figura e da obra de Castelao, así como a difusión da lingua e cultura galegas.

A primeira iniciativa desta cátedra é a exposición Castelao, de Sempre en Galiza ao Consello de Galiza (1934-1944), coa que se conmemora o 80 aniversario da publicación de Sempre en Galiza. A mostra pode visitarse na Facultade de Filoloxía ata o 15 de xaneiro de 2025.

Se precisas ampliar información, preme aquí.