Novas da lingua

Rexistros481 a 510 de 5145
23/10/2024. DINAMIZACIóN

Teatro de monicreques e banda deseñada para gozar do outono en galego

O programa de dinamización lingüística FalaRedes, promovido pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, trae dúas novas propostas para gozar do lecer en galego durante os meses de outubro e novembro de 2024. Trátase do teatro de monicreques e música “Os Bolechas tocan nunha grande orquestra” (dirixido a público infantil) e mais dos obradoiros de banda deseñada impartidos por Manel Cráneo, Inés Vázquez e Alberto Guitián, neste caso deseñados para todos os públicos (infantil, mocidade e adultos).

No Portal da Lingua Galega podes consultar o calendario e os lugares concretos nos que se desenvolverán as actividades.
21/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornada en homenaxe a Xohán Vicente Viqueira, no centenario do seu pasamento

Mañá martes, 22 de outubro de 2024 ás 19:00 horas terá lugar no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2 - Vigo) a xornada Xohán Vicente Viqueira (1886-1924) no centenario do seu pasamento, organizada polo Consello da Cultura Galega, a Fundación Penzol e o Concello de Vigo. Trátase dunha xornada en homenaxe e este relevante intelectual galeguista, fundador e destacado membro da Irmandade da Fala coruñesa. Antón Costa (catedrático xubilado de Historia da Educación da USC), Xurxo Martínez (técnico de normalización lingüística do Concello de Redondela) e Xosé Manuel Dasilva (catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo) afondarán na faceta de Xohán Vicente Viqueira como defensor da modernización do ensino galego e da normalización do uso da nosa lingua.

A asistencia é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. Na páxina web do CCG podes consultar o programa completo.
21/10/2024. OUTRAS

Volven os Faladoiros Vigo con tres sesións de conversa en galego semanais

A Asociación Faladoiros Vigo organiza a quinta tempada dos seus Faladoiros, que consisten en pequenos grupos de conversa nos que se xuntan persoas que falan habitualmente en galego (voluntarios/as da asociación) con outras que por diferentes circunstancias non o fan, pero desexan mellorar a súa fluidez e competencia comunicativa no noso idioma. Nesta edición 2024-2025 hai tres sesións semanais; dúas delas presenciais (unha no Café de Catro a Catro e outra na cafetería da EOI de Vigo) e unha terceira que se organiza en liña.

A asistencia aos faladoiros é de balde. Se o desexas, podes inscribirte no formulario que atoparás na páxina web da asociación.

21/10/2024. DINAMIZACIóN

Queremos Galego convoca a sociedade a unha mobilización polo futuro do galego

Baixo o lema Mudemos o rumbo. Polo futuro do galego, a plataforma cívica Queremos Galego organiza un acto o vindeiro 17 de novembro en Compostela, en resposta aos datos sobre o uso e o coñecemento do galego publicados polo IGE o pasado 11 de outubro. En palabras dos seus voceiros, a plataforma convida a toda a sociedade a mobilizarse para demostrar que “entre todas e todos podemos rectificar a historia e garantir futuro para Galiza e o galego”. No seu espazo web tamén habilitou unha sección para recoller apoios individuais e colectivos.

Para ampliar información sobre esta iniciativa, preme aquí.
18/10/2024. DINAMIZACIóN

O Concello de Ames organiza o V Certame Galetiktokers

O Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Mocidade do Concello de Ames convocan a quinta edición do Certame Galetiktokers, dirixido a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 13 anos e os 35 anos, co obxectivo de estimular a creatividade, fomentar a creación de vídeos en galego con novos formatos e darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers. Os vídeos deben ser de creación propia, ser difundidos a través da aplicación TikTok ou dos reels de Instagram, ter unha duración de entre 15 e 60 segundos, e estar en lingua galega (con presenza oral, escrita ou musical). Outorgaranse seis premios de 300 euros . O prazo de inscrición e envío dos vídeos remata o 4 de novembro de 2024.

Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
Se o precisas, tamén podes ampliar información sobre este certame na páxina web do Concello de Ames.
18/10/2024. DINAMIZACIóN

O Concello de Caldas organiza o obradoiro didáctico “Un idioma de cine”

A Concellaría de Educación do Concello de Caldas organiza o obradoiro “Un idioma de cine”, dirixido ao alumnado de 4º de ESO do IES Aquis Celenis, do CPR San Fermín e do CPI Alfonso VII. As sesións estarán impartidas pola produtora “Producciones Mutantes”, que guiará aos mozos e mozas durante o proceso creativo para poder gravar as súas propias curtas en galego. O obxectivo deste obradoiro formativo é fomentar o talento creativo entre o alumnado, aproveitando para poñelo en contacto con referentes do audiovisual galego e influenciadores/as que utilizan a lingua galega para transmitir os seus contidos.

No Diario de Arousa podes ampliar información sobre esta iniciativa.
18/10/2024. DINAMIZACIóN

A USC anima ao alumnado de veterinaria para que cambie a súa mirada sobre a lingua e a cultura galegas

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria da USC, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística, pon en marcha unha nova edición da campaña Cambia a túa mirada, deseñada co obxectivo de promover entre o alumnado da facultade unha mirada positiva cara á cidade de Lugo e, en xeral, cara á cultura e lingua propias de Galicia.

Nesta edición, a principal iniciativa consiste no certame #cambiaatúamirada. Sortearanse catro pixamas veterinarios entre o alumnado que siga o perfil de Instagram @linguausc (do Servizo de Normalización Lingüística) e axude a difundir as mensaxes da campaña entre o 15 e o 25 de outubro de 2024.

Na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística da USC podes consultar as bases completas do certame, así como a información e os materiais gráficos da campaña.
17/10/2024. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación da Coruña convoca axudas para os SNL das entidades locais da provincia

A Deputación da Coruña publica as bases reguladoras da convocatoria de subvencións dirixidas aos concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades e outras entidades locais da provincia da Coruña, para contribuír ao financiamento do persoal técnico de normalización lingüística durante o ano 2025.

Poderán participar todos os concellos da provincia da Coruña de 5000 ou máis habitantes, ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima. No caso dos concellos sometidos ao réxime de organización de municipios de gran poboación, só poderán ser beneficiarios os que teñan máis dunha persoa técnica de normalización lingüística cun posto de traballo recollido na relación de postos de traballo ou instrumento de ordenación de persoal que corresponda.

O prazo de presentación de solicitudes estará recollido no anuncio do extracto da convocatoria que se publique no BOP, por conduto da Base de Datos Nacional de Subvencións.
17/10/2024. DINAMIZACIóN

O cemiterio de Eirín acollerá o acto central do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia

Un ano máis, co gallo da vindeira celebración do Día de Defuntos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) conmemora o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito dos ritos funerarios e das últimas vontades, e de facer pedagoxía sobre a incoherencia de despedir os falecidos con epitafios escritos nun idioma diferente ao que falaban en vida.

Nesta edición o acto central terá lugar no cemiterio municipal de Eirín (Caldas de Reis) o 26 de outubro de 2024, ás 18:00 h, no que se colocará unha placa de homenaxe aos defuntos e se procederá á sinatura da Acta de Vontades.
17/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

A RAG organiza un simposio sobre a vida e obra de Luísa Villalta

Os días 19, 20 e 21 de novembro de 2024 terá lugar na sede da Fundación Barrié, na Coruña, o simposio que leva por título Mil son eu tan só, tan soa, co que a Real Academia Galega pechará o seu programa de homenaxe á autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano 2024: Luísa Villalta. Preto dunha vintena de especialistas afondarán na vida e na obra da autora e o programa inclúe a maiores a actuación musical de Uxía e o espectáculo “Indóciles”.

A entrada é libre ata completar a capacidade da sala e todas as sesións, que se desenvolverán en horario de tarde na sede da Función Barrié, poderán seguirse tamén en directo dende academia.gal.

Na páxina web da RAG podes ampliar información.
16/10/2024. AXUDAS E PREMIOS

A CTNL convoca os VI Premios Mil Primaveras

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca a sexta edición dos Premios Mil Primaveras, co obxectivo de recoñecer e difundir exemplos de boas prácticas no ámbito da normalización lingüística. Poden optar a estes galardóns as accións, campañas, programas e proxectos que teñan como obxectivo principal fomentar a lingua e incrementar o seu uso e/ou prestixio e que foran desenvolvidos total ou parcialmente en 2021, 2022, 2023 ou 2024. Nesta edición recoñecerase un máximo de catro iniciativas, sen establecer ningunha xerarquía entre os premios que se outorguen.

O prazo para a inscrición dos proxectos, que debe ser realizada pola propia entidade ou persoa organizadora da iniciativa, remata o 31 de xaneiro de 2025.

Para consultar o texto completo das bases da convocatoria, preme aquí.
16/10/2024. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a resolución da convocatoria de subvencións destinadas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego. Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias, xunto co importe concedido, premendo aquí.
14/10/2024. DINAMIZACIóN

Mercedes Peón será a protagonista do AgoraSón do outono 2024

O Servizo de Normalización Lingüística e as Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña conmemorarán o Día das Bibliotecas organizando unha nova edición do programa AgoraSón, unha iniciativa que ten como principais obxectivos fomentar a lectura en lingua galega e promover o préstamo bibliotecario de materiais no noso idioma (libro, película, CD etc.). A principal acción do programa é a celebración dun concerto e nesta edición do outono 2024 a protagonista será Mercedes Peón, que actuará o vindeiro 26 de outubro, ás 21:00 h, no auditorio do Centro Ágora.

A entrada é de balde, mais cómpre ter invitación. A partir do vindeiro luns, 21 de outubro, entregaranse un máximo de dous convites por carné de socia/o das Bibliotecas Municipais da Coruña ao solicitar un préstamo de material en galego.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
14/10/2024. AXUDAS E PREMIOS

Julia Díaz recibe o Premio da Cultura Galega 2024 na categoría de Lingua

O xurado dos Premios da Cultura Galega fixo públicos os/as oito galardoados/as que son recoñecidos/as este ano 2024 polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Na categoría de Lingua, nesta edición outorgóuselle o premio a Julia Díaz Sixto, xornalista e presidenta do Club de Prensa de Ferrol.

Nas restantes categorías, os galardoados/as son Manuel Lourenzo (Letras), Xosé María Pérez Barro (Artes Visuais), Marta Pazos Antas (Artes Escénicas), Joaquín Martínez Silva (Música), Ficción Produccións (Audiovisual), Xosé Manuel González (Patrimonio Cultural) e o Real Club Celta de Vigo (Proxección Exterior).

Para ampliar esta información, preme aquí.
11/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

III Xornada sobre Variación e Cambio Lingüístico

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Línguas, Literaturas e Culturas da Universidade de Aveiro organizan a III Xornada sobre Variación e Cambio Lingüístico, un encontro que reunirá o vindeiro 8 de novembro de 2024 a investigadores e investigadoras para divulgar os seus estudos sobre a variación e o cambio lingüístico nas linguas románicas. Nesta edición a xornada terán lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

A data límite de inscrición é o 31 de outubro de 2024. Na páxina do ILG podes consultar o programa completo e a información adicional.
11/10/2024. OUTRAS

O IGE constata que o descenso de galegofalantes se acentúa e que o castelán é xa a lingua maioritaria en Galicia

O Instituto Galego de Estatística (IGE) presenta os datos sobre coñecemento e uso do galego extraídos da Enquisa estrutural a fogares de 2023. No que respecta aos principais datos sobre usos lingüísticos, constátase un importante descenso dos monolingües en galego, cunha baixada de 6,2 puntos porcentuais con respecto a 2018, que non se compensa co ínfimo incremento dos bilingües que afirman falar máis galego ca castelán (só suben 0,14 puntos). O incremento máis salientable nestes últimos 5 anos foi realmente o das persoas monolingües en castelán, que suben 5,26 puntos porcentuais con respecto a 2018. De feito, segundo estes últimos datos que hoxe presenta o IGE, o castelán sería xa a lingua de uso maioritario en Galicia, pois as persoas que afirman falar sempre en castelán ou máis en castelán ca en galego suman o 52,94% da poboación.

Indo ás cifras concretas, o 24,37% da poboación de Galicia afirma falar sempre en galego (6,2 puntos menos ca en 2018), un 21,86% afirma falar máis galego que castelán (0,14 puntos máis ca en 2018), un 24,11% falar máis castelán que galego (0,79 puntos máis ca en 2018) e un 29,66% afirma falar sempre en castelán (5,26 puntos máis ca en 2018). Mantéñense tamén as grandes desigualdades segundo a franxa de idade da poboación, resultando especialmente graves os datos da franxa de entre 5 e 14 anos, onde só o 16,19% fala “só galego” ou “máis galego que castelán”. Neste grupo concreto, a caída de galegofalantes foi de case 10 puntos no último lustro.

No web do IGE podes acceder á totalidade dos datos demolingüísticos desta enquisa de xeito detallado ou, se o prefires, á versión resumida.
11/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

II Xornadas de actualización en lingua galega e literatura no ensino

O Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega da Universidade da Coruña organiza as II Xornadas de actualización en lingua galega e literatura no ensino, baixo a coordinación dos profesores Cilha Lourenço Módia e Xoán López Viñas. As sesións desenvolveranse en horario de tarde o vindeiro 15 de outubro de 2024 na Facultade de Filoloxía da UDC.

Para ampliar información sobre o programa preme aquí.
10/10/2024. DINAMIZACIóN

O SNL do Concello da Coruña organiza novas visitas pola Coruña das Letras

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza unha nova edición da iniciativa A Coruña das Letras, un programa de andainas guiadas polo músico e escritor Xurxo Souto nas que o público asistente ten a oportunidade de coñecer a toponimia tradicional da cidade e a literatura que habitou nos diferentes barrios. Nesta edición do outono de 2024 os barrios que se visitarán son: Monelos (19 de outubro); San Roque de Fóra e Labañou (26 de outubro); e A Agra e o cemiterio de San Amaro (9 de novembro). Nesta última andaina Xurxo Souto contará coa colaboración de Enma Pedreira.

Podes obter máis información sobre o calendario e os trámites de inscrición premendo aquí.
10/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

Curso de habilidades comunicativas na USC

Se es alumno/a da Universidade de Santiago de Compostela e queres redactar ou defender en galego os teus traballos académicos de curso, o traballo de fin de grao, o traballo de fin de mestrado ou a tese, o Servizo de Normalización Lingüística da USC organiza semestralmente un curso formativo especialmente deseñado para ti: o Curso de habilidades comunicativas, que pode realizarse de xeito completo ou por módulos: A redacción científica, Falar en público e Presentacións dixitais eficientes.

Na páxina web do SNL da USC tes máis información sobre os prazos de matrícula desta 1ª convocatoria do período lectivo 2024-2025.
10/10/2024. DINAMIZACIóN

A Xunta de Galicia anima a sociedade galega a “sacar a lingua que leva dentro”

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia promove a campaña de dinamización lingüística Saca a lingua que levas dentro, na que empregando a imaxe de persoas de diferentes xeracións, interpela a toda a sociedade galega (con especial énfase na xente moza) para que empreguen o galego en todos os contextos sociais. A iniciativa está tamén dirixida á poboación inmigrante que vive en Galicia, un colectivo para o que se ofertarán máis de 100 cursos de lingua e cultura galegas durante o vindeiro ano 2025.

Na Portal da Lingua Galega podes ampliar información sobre esta iniciativa.
09/10/2024. DINAMIZACIóN

Chega a oitava edición de Enreguéifate con puro magnetismo

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo presentaron a oitava edición do certame Enreguéifate, unha iniciativa deseñada para difundir a regueifa como forma de improvisación oral e para promover o uso do idioma galego. O certame inclúe dúas categorías, unha xeral (na que pode participar calquera persoa) e outra escolar (dirixida ao alumnado do ensino non universitario). Para participar cómpre enviar un vídeo de temática libre, cunha duración máxima de 3 minutos, no que aparezan, cando menos, dúas persoas regueifando en galego. O xurado outorgará diferentes premios, de carácter simbólico, que incluirán o recoñecemento e difusión do traballo. O prazo para enviar os vídeos estará aberto entre o 20 de xaneiro e o 20 de marzo de 2025.

No marco deste proxecto organízanse tamén as Xornadas Enreguéifate, deseñadas para que os docentes coñezan as potencialidades didácticas da improvisación oral en verso. Nesta edición as sesións formativas estarán impartidas por Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Manolo Maseda e Séchu Sende, e terán lugar en Carballo o 18 de outubro de 2024. O prazo de inscrición estará aberto ata o 15 de outubro.

O alumnado tamén poderá asistir a obradoiros formativos que organizarán os servizos de normalización lingüística de cada concello durante este primeiro trimestre do curso escolar.
08/10/2024. DINAMIZACIóN

A Deputación da Coruña promove un outono cheo de letras

Hoxe, 8 de outubro, comeza nas redes sociais a nova edición da campaña “Un outono cheo de letras”, unha iniciativa promovida pola Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña para fomentar o libro e a lectura en galego. Durante as vindeiras tres semanas, nas redes sociais da Deputación difundirase contido relacionado con esta compaña co cancelo #UnOutonoCheodeLetras e todas as persoas que interaccionen entrarán no sorteo de dez bonos-libro de 100 euros cada un. Estes bonos poderanse empregar en calquera libraría da provincia da Coruña.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
08/10/2024. DINAMIZACIóN

A CTNL organiza unha nova edición do LGx15

Coma todos os anos por estas datas, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua presenta a nova edición do LGx15, un proxecto pensado para difundir, a través de charlas breves e amenas, argumentos e experiencias inspiradoras para o futuro do galego. Nesta edición de 2024 os participantes serán Sole Felloza, Rodri Míguez, José Manuel Menéndez, Bernardo Penabade e Illa Bufarda (Adriana P. Villanueva, Pilar Adabes e Sabela Iglesias). Da presentación do evento ocuparase María da Pontragha e a actuación musical correrá a cargo de Nadie González.

O acto terá lugar o sábado 26 de outubro de 2024, ás 19:00 h, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Podes conseguir xa a túa entrada, a través da venda anticipada, premendo aquí.
07/10/2024. DINAMIZACIóN

Pontevedra acolle a fase final da liga CeibaRimas

A Praza da Pedreira de Pontevedra acollerá o vindeiro sábado 12 de outubro, a partir das 17:00 h, a fase final da liga CeibaRimas, unha iniciativa de normalización lingüística dirixida á mocidade co obxectivo de fomentar o uso do galego dentro da disciplina do rap improvisado. Ademais das persoas que xa están clasificadas en fases anteriores, poden participar todos os mozos e mozas que o desexen. Só teñen que inscribirse a través do formulario habilitado na páxina web do proxecto.

A asistencia ao acto é libre e gratuíta e, ademais da propia competición, o público asistente tamén poderá gozar das actuacións musicais de grupos como Flow do Toxo, Kid Mount, Verdini, Mestre, Galego de Caracas, Puto Rumeinian e Carola.

Para ampliar información, preme aquí.
07/10/2024.

A Agrupación Ío elabora a versión en galego do xogo “Viaxe pola noite iluminada”

A bióloga alemá Annette Krop-Benesch presentou o pasado sábado, 5 de outubro de 2024, no transcurso do V Encontro da Noite, o xogo didáctico de mesa “Viaxe pola noite iluminada”, creado por ela mesma xunto cos seus fillos Benjamin e Viviane co obxectivo de concienciar dun xeito lúdico sobre os problemas que causa a luz artificial no medio natural. Grazas á Agrupación Ío o xogo conta tamén agora cunha versión en galego do taboleiro de xogo e mais das instrucións, elaborada co apoio da empresa láctea Deleite.

Na páxina web da Agrupación Ío podes ver o vídeo completo da presentación con subtítulos en galego.
07/10/2024. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse os premios do XIII Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

O pasado 3 de outubro tivo lugar no Museo do Pobo Galego a entrega de premios aos centros de ensino gañadores da décimo terceira edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, un certame que convoca anualmente a Fundación Antonio Fraguas, coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, para alentar entre a comunicade escolar a investigación sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico de Galicia.

Nesta edición os traballos gañadores foron “Viva o entroido vivo! Lingua, festa e comunidade” (na modalidade de ensino primario), presentado conxuntamente polos CEIP Lamas de Abade e Apóstolo Santiago de Santiago de Compostela, e Pérez Viondi da Estrada; e “A sustentabilidade das artes de pesca a través do proceso de encascado de redes: o caso de Burela” (na modalidade de ensino secundario), presentado polo IES Monte Castelo de Burela.

Cada un destes traballos será premiado con 7.000 euros e os seus autores/as deberán executalo ao longo deste curso 2024-2025. Os resultados serán obxecto de cadansúa exposición, que se mostrará no Museo do Pobo Galego.

Para ampliar información, preme aquí.
04/10/2024. DINAMIZACIóN

Os Bolechas animan ás familias acolledoras a empregar o galego

As consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, en colaboración coa Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo), presentan o proxecto didáctico Os Bolechas. Familias acolledoras, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego entre a infancia a través da lectura, así como sensibilizar as familias que participan en acollida temporal sobre a importancia de empregar o noso idioma neste proceso. Ao abeiro deste proxecto elaborouse un libro infantil e mais un caderno de actividades protagonizados pola Familia Bolechas, editados por Bolanda Edicións.

Se desexas ampliar información, preme aquí.
04/10/2024. DINAMIZACIóN

Actividades de socialización en galego para nenos e nenas de Narón

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón presenta o programa de actividades de socialización en galego que van desenvolverse durante os meses de outubro e novembro de 2024 no marco dos programas Apego (para nenos/as de 0 a 6 anos) e Guizo (para cativos/as de entre 6 e 12 anos). En outubro, os máis pequenos/as de Narón terán ocasión de gozar dun contacontos teatralizado, un obradoiro para aprender a identificar árbores autóctonas e un espectáculo de contacontos debuxado seguindo a técnica do Kamishibai xaponés. En novembro haberá un contacontos ilustrado, un obradoiro para aprender a facer xoias de papel e mais un espectáculo de música e narración oral.

Na páxina web do SNL do Concello de Narón tes máis información sobre estas actividades.
03/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

O CCG difunde nunha peza audiovisual o legado que perdura en mandas e epitafios

O Consello da Cultura Galega presenta a peza audiovisual O que nos une fainos perdurar, na que se compilan epitafios e mandas testamentarias recollidas de fontes históricas, literarias, redes sociais e proxectos dinamizadores.

A peza está producida por Miramemira e foi deseñada para promocionar os XXVI Encontros para a Normalización Lingüística, unha cita que reunirá a investigadores, dinamizadores sociais, axentes empresariais e representantes das confesións relixiosas maioritarias para reflexionar sobre a importancia da lingua escollida nos actos funerarios.

Os XXVI Encontros terán lugar o vindeiro 15 de outubro en Santiago de Compostela, na sede do CCG. A asistencia é libre e gratuíta. Se non o fixeches xa, aínda estás a tempo de inscribirte.

02/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de escrita creativa en Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza dous cursos de escrita creativa: un de nivel 1 (30 horas), para aquelas persoas que desexen iniciarse na escrita creativa en lingua galega; e outro de nivel 2 (20 horas), para as que queiran mellorar as súas destrezas literarias no noso idioma. Estes cursos impartiranse durante os meses de outubro, novembro e decembro de 2024.

Na páxina web do SNL do Concello de Vigo podes obter máis información sobre as datas e lugares de celebración, os contidos e mais os trámites de inscrición:
-Curso de escrita creativa. Nivel 1 – Pola mañá
-Curso de escrita creativa. Nivel 1 – Pola tarde
-Curso de escrita creativa. Nivel 2 – Pola mañá