Novas da lingua

Rexistros5011 a 5040 de 5153
31/10/2005. EMPREGO

Contrato de técnico/a de normalización lingüística para o Concello de Muros

O Concello de Muros anuncia a contratación laboral temporal dun técnico/a para xestionar os programas de normalización e dinamización lingüística que se desenvolvan no municipio. Os aspirantes, que teñen que estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega, teñen de prazo para presentar as súas solicitudes, xunto co seu currículo e fotocopia do DNI, ata o vindeiro 8 de novembro.

Se desexa máis información, prema aquí.
28/10/2005. AXUDAS E PREMIOS

Primeiros Premios “Xarmenta”

A Asociación Berciana da Lingua Xarmenta organiza no Bierzo os primeiros premios á difusión e ao fomento da lingua e a cultura galega e berciana. O obxectivo é premiar a figuras e institucións que contribuísen de forma activa á difusión, mantemento e dignificación da lingua galega no Bierzo.
(Máis información)
27/10/2005. EMPREGO

Prazas de técnico de normalización lingüística no Concello de Porto do Son

O Concello do Porto do Son convoca dúas prazas laborais temporais para desenvolver os labores propios do servizo de normalización lingüística municipal.
O procedemento de selección será o de concurso-oposición e, entre outros requisitos, os candidatos deberán estar en posesión do título de licenciado en Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués).

Todas as persoas interesadas en participar neste proceso deberán presentar as súas instancias no prazo de 10 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
27/10/2005. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Instituto da Lingua Galega

O Instituto da Lingua Galega convoca catro bolsas de colaboración para os proxectos Atlas Lingüístico Galego (3 bolsas) e Dicionario de dicionarios do galego medieval (1 bolsa).

Os solicitantes deberán estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), non levar licenciados máis de 5 anos e ter unha nota media igual ou superior a 2 puntos no expediente académico.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
27/10/2005. CURSOS E CONGRESOS

Diálogos sobre linguas e sociedades 2005

Baixo o lema Diversidade lingüística e intervención: as políticas da diversidade e a diversidade de políticas, xorde da man da Fundación Carlos Casares esta iniciativa que quere converterse en foro estable de reflexión e debate sobre as cuestións derivadas da complexa relación entre as linguas e os grupos humanos nas sociedades actuais.

As sesións desenvolveranse na Universidade de Vigo (Edificio Miralles, sala 1) durante os días 16 e 17 de decembro de 2005.

Se desexa consultar o programa, prema aquí.
26/10/2005. CURSOS E CONGRESOS

II Xornadas sobre Lingua e Usos

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración coa Real Academia Galega, organizan a segunda edición destas xornadas que xirarán nesta ocasión arredor do uso da lingua galega no ámbito da investigación.
As sesións desenvolveranse desde o 30 de novembro ata o 2 de decembro na Sala de Xuntas do Consello de Goberno da UDC.

O prazo de inscrición remata o 28 de novembro. Se desexa consultar o programa ou obter máis información sobre os trámites de inscrición, prema aquí.
25/10/2005. EMPREGO

Bolsa para colaborar co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra convoca unha bolsa para a realización de tarefas de dinamización e asesoramento lingüístico neste concello. Todos os licenciados/as en Filoloxía Galega ou Filoloxía Galego-Portuguesa que estean interesados en participar no proceso de selección deben presentar a súa solicitude no prazo de 15 días hábiles a contar desde o seguinte ao da publicación desta convocatoria.
25/10/2005. CURSOS E CONGRESOS

I Seminario de Dinamización Lingüística para as Escolas Infantís: recursos e metodoloxía

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames está a desenvolver o I Seminario de Dinamización Lingüística para as Escolas Infantís, que ten como principal obxectivo divulgar entre os formadores que traballan neste nivel educativo os recursos pedagóxicos existentes en galego para nenos/as de 0 a 3 anos.

O seminario impartiuse o pasado sábado, día 22 de outubro, na Casa da Cultura de Bertamiráns e volverá a realizarse novamente o vindeiro sábado, 5 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro.
25/10/2005. CURSOS E CONGRESOS

Iª Escola Permanente Fermín Penzol

A Vicerreitoría de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo e a Concellaría de Cultura do Concello de Ribadeo organizan unhas xornadas sobre a política lingüística e a normalización do galego estremeiro.

O curso, de entrada libre, desenvolverase os vindeiros días 28 e 29 de outubro no Concello de Ribadeo e os matriculados que asistan a todas as sesións recibirán un certificado de asistencia expedido pola Universidade de Vigo. Para realizar a matrícula deberá enviar un boletín de inscrición (onde conste o seu nome e datos de contacto) aos seguintes enderezos electrónicos: xcostas@uvigo.es ou alorenzo@uvigo.es

Se desexa máis información pode poñerse en contacto co Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo.
25/10/2005. CURSOS E CONGRESOS

Simposio “Na nosa lyngoage galega”

O simposio, organizado polo Instituto da Lingua Galega e o Consello da Cultura Galega, xirará arredor da emerxencia do galego como lingua escrita na Idade Media e desenvolverase entre os días 2 de novembro e 2 de decembro no Salón de graos da Facultade de Filoloxía da USC.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para inscribirse ata o vindeiro 31 de outubro. Se desexa máis información sobre o programa e os trámites de inscrición, prema aquí.
17/10/2005. CURSOS E CONGRESOS

Curso de dinámicas e técnicas grupais aplicadas á normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) organiza unha nova edición deste curso de formación que ten como principal obxectivo dar a coñecer ferramentas e dinámicas de traballo para desenvolver o labor de normalización lingüística no ámbito dos grupos.
(Máis información)
11/10/2005. AXUDAS E PREMIOS

II Concurso de monólogos monolingües

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de CC. Económicas e Empresariais da USC convoca o II Concurso de monólogos monolingües, que ten como obxectivo promover a reflexión entre os membros da comunidade universitaria sobre a situación da lingua galega.

Os monólogos versarán sobre o uso do galego na vida cotiá e todas as persoas interesadas en participar teñen de prazo para formalizar a súa inscrición ata o 31 de outubro de 2005.
07/10/2005. DINAMIZACIóN

Carballo incrementa o seu interese en galego

Baixo o lema Incrementa o teu interese en galego o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo está a desenvolver unha campaña de dinamización no ámbito socioeconómico. Os seus obxectivos principais son mellorar a calidade do comercio, sobre todo no aspecto comunicativo, na publicidade e na atención ao público, así como estender o uso do galego neste sector.

Entre as medidas inmediatas que se desenvolverán no marco desta campaña inclúese a realización dun curso para a optimización da comunicación empresarial ou a organización dun obradoiro práctico de estratexias de atención ao público.
05/10/2005. CURSOS E CONGRESOS

I Encontro de Sociolingüística Galega

A Fundación Carlos Casares, en colaboración co Consello da Cultura Galega (CCG), organizan o I Encontro de Sociolingüística Galega, que terá lugar o vindeiro 25 de novembro no salón de actos do CCG.

A finalidade do encontro é establecer un foro de debate e intercambio de opinión entre os diferentes investigadores, docentes e especialistas que están a traballar no ámbito da linguaxe e as linguas en contexto.

Neste acto intervirán, entre outros, Mauro Fernández, Henrique Monteagudo, Gabriel Rei-Doval, Modesto Rodríguez Neira e Fernando Ramallo.
03/10/2005. OUTRAS

Apoio á candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués nas festas do San Froilán

O Concello de Lugo está a organizar, coincidindo coas Festas do San Froilán, un acto central de apoio á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, en colaboración coa Comisión Promotora desta candidatura. Trátase do festival "Un patrimonio para o futuro”, no que estarán presentes diferentes manifestacións culturais galego-portuguesas, así como representantes deste patrimonio cultural no occidente de Asturias, no Bierzo e en Zamora.

O acto terá lugar o vindeiro día 5 de outubro, ás 17:30 horas, na praza de Santa María (Lugo).
29/09/2005. EMPREGO

Relación de admitidos e excluídos na convocatoria pública de bolsas do CCG

Xa pode consultar a relación de admitidos e excluídos na convocatoria pública de bolsas para colaborar en proxectos de investigación do CCG.

A partir da data de publicación desta relación (28 de setembro de 2005), os solicitantes teñen 10 días de prazo para corrixir a falta de documentación. Transcorridos estes días sen a devandita corrección, arquivaranse os expedientes.

Así mesmo, para facilitar o proceso de cómputo de méritos, prégase a todas as persoas que resultasen admitidas que nos fagan chegar o cálculo oficial (expedido pola corresponde universidade) da media do seu expediente académico.

27/09/2005. AXUDAS E PREMIOS

Convocatoria de axudas a proxectos de normalización lingüística

A Deputación da Coruña convoca programas de apoio a proxectos singulares educativos, culturais e de normalización lingüística durante o ano 2005. As axudas están destinadas a entidades culturais e educativas que presenten proxectos de especial relevancia relacionados con estes temas e que abrangan a toda a provincia.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no BOP da Coruña.
27/09/2005. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua e cultura galegas na Universitat de Barcelona

A Sección de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universitat de Barcelona fai pública a convocatoria de cursos de lingua e cultura galegas para o ano académico 2005-2006. A oferta formativa está destinada a maiores de 17 anos, sexan ou non alumnos/as desta universidade, e contempla diferentes niveis e tipos de cursos (galego oral, iniciación á lingua galega, perfeccionamento da lingua galega e extensión cultural).

O prazo de inscrición é do 26 de setembro ao 11 de outubro de 2005.

Se desexa máis información, prema aquí.
05/10/2005. CURSOS E CONGRESOS

Encontro de asesores lingüísticos na Universidade Complutense

A Universidade Complutense de Madrid (UCM), o grupo de investigación LEETHI e a asociación profesional Unión de Correctores (UniCo) organizan o I Encontro “Asesores lingüísticos na sociedade de hoxe”, onde se debaterá, entre outras cousas, sobre a situación do asesor lingüístico ou sobre as propostas para a viabilidade profesional do corrector. Como representante galego intervirá Antón Lado, fundador de Reverso Servizos Lingüísticos.

As sesións, de acceso libre, terán lugar os vindeiros días 14 e 15 de outubro, no Paraninfo da Facultade de Filoloxía da UCM.
23/09/2005. INVESTIGACIóN

O Consello de Europa avalía a política lingüística no Estado español

O Consello de Europa acaba de facer público un informe onde se avalía o grao de cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas por parte do Goberno español, que aprobou este documento en 1992 e posteriormente ratificouno en 2001.

No que respecta á promoción e protección da lingua galega, entre as consideracións que fai o Consello de Europa destaca a recomendación de que se promovan modelos educativos onde prime o uso do galego como lingua vehicular, que se respecten os dereitos lingüísticos dos cidadáns no ámbito da xustiza ou que se dobren os esforzos para a protección do galego estremeiro.

Se o desexa, pode consultar o informe completo.
20/09/2005. CURSOS E CONGRESOS

Oferta formativa de lingua galega para a Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta a oferta formativa de lingua galega para o primeiro cuadrimestre do curso 2005-2006, que inclúe diferentes cursos (tanto na modalidade virtual como presencial) destinados a mellorar a competencia lingüística da comunidade universitaria.

O prazo para realizar a preinscrición remata o vindeiro 3 de outubro. Se desexa máis información, prema aquí.

16/09/2005. DINAMIZACIóN

Proposta de cooperación para a dinamización lingüística no ámbito local

A iniciativa da Concellería de Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, o vindeiro luns, día 19 de setembro, celebrarase unha xuntanza de traballo na que participarán os técnicos/as de normalización lingüística e concelleiros responsables desta área, dos Concellos de Abegondo, Arteixo, Cambre, Cedeira, Culleredo, Fene, Melide, Mugardos, Oleiros e Pontedeume.

Nesta reunión, na que tamén participará Margarida Vázquez, deputada provincial responsable de normalización lingüística, estudaranse diferentes vías de cooperación entre os concellos co ánimo de optimizar recursos humanos, técnicos e económicos.
Se desexa máis información, prema aquí.

16/09/2005. OUTRAS

Nova secretaria xeral de Política Lingüística

En virtude do acordo acadado no Consello da Xunta de Galicia de onte, 15 de setembro, a lingüista e profesora da Universidade de Santiago María Sol López Martínez será a secretaria xeral de Política Lingüística.

A nova secretaria xeral contará cunha comisión de asesoramento integrada por Alberte Ansede, Manuel Portas, Håkan Casares e Xosé González.
05/09/2011. EMPREGO

O Centro de Linguas da Universidade da Coruña busca colaboradores/as docentes

O Centro da Linguas da Universidade da Coruña, dirixido polo profesor Mauro Fernández, está a elaborar unha relación de colaboradores/as docentes para o ensino de diferentes linguas estranxeiras a partir deste mesmo outono, así como para impartir galego para estranxeiros nun futuro próximo.

Todas as persoas interesadas deben enviar o seu currículo ao Centro de Linguas desta universidade. Se desexa máis información, prema aquí.
08/09/2005. CURSOS E CONGRESOS

Curso de perfeccionamento en lingua oral para os medios de comunicación

O Departamento de Filoloxía Galega e o Instituto de Lingua Galega da USC organizan este curso de lingua oral que ten como obxectivos ampliar a capacidade do alumnado para empregar os recursos fonéticos, prosódicos e pragmáticos máis axeitados para as diferentes funcións e formatos da comunicación audiovisual.
(Máis información)
29/07/2005. CURSOS E CONGRESOS

IX Encontros para a Normalización Lingüística

Xa está accesible no noso web toda a información referente á novena edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, que se celebrarán os días 20 e 21 de outubro de 2005. Consulte o programa provisional e, se o desexa, acceda ao formulario de inscrición en liña.

En breve poderá acceder tamén desde o programa aos resumos das diferentes intervencións, que iremos subindo á rede tan pronto como os relatores nolos vaian facilitando.
26/07/2005. EMPREGO

Bolsas de colaboración en proxectos de investigación do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega convoca 17 bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.
Os/as licenciados/as en Filoloxía galega poderán presentar a súa solicitude para colaborar nos seguintes proxectos ou seccións: Sección de Lingua (1 bolsa); Proxecto Sarmiento (2 bolsas); Área de publicacións (1 bolsa); Sección de Literatura e Industrias da Edición (1 bolsa); Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (2 bolsas).
No caso do CDSG tamén se convoca unha bolsa para licenciados/as ou diplomados/as en biblioteconomía e documentación.

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
26/07/2005. EMPREGO

Convocatoria para a selección de intérpretes-tradutores de galego

Como consecuencia da modificación do Regulamento do Senado para a ampliación do uso das linguas cooficiais, esta cámara convoca un proceso de selección de intérpretes-tradutores de linguas que, xunto co castelán, teñan carácter de oficial nalgunha das Comunidades autónomas.

Os candidatos deberán posuír a licenciatura de Tradución e Interpretación e acreditar especialización na lingua cooficial para a que soliciten ser seleccionados. O prazo de presentación de instancias será desde o día 1 ata o 16 de setembro de 2005.

Se desexa máis información, prema aquí.
22/07/2005. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese a concesión de axudas ás asociacións para o fomento da lingua galega

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 22 de xullo, a resolución da concesión de subvencións ás asociacións e institucións privadas sen fin de lucro para fomentar o uso social da lingua galega.

Se desexa consultar o texto completo da resolución, prema aquí.
20/07/2005. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a normalización da lingua galega na Administración local

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local convoca subvencións destinadas ás entidades locais para a normalización da lingua galega neste ámbito.
O prazo de presentación de solicitudes é de corenta días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.