Novas da lingua

Rexistros5071 a 5100 de 5145
08/04/2005. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 8 de abril de 2005, a convocatoria de bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que neste momento se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
(Máis información)
08/04/2005. AXUDAS E PREMIOS

I Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca, en colaboración con La Voz de Galicia, o Diario de Bergantiños e Galicia Hoxe, a primeira edición deste premio que pretende promover o uso do galego na prensa escrita e crear espazos nos xornais para a análise sociolingüística.

Os artigos deben ser inéditos, estar escritos en galego e tratar sobre un tema relacionado coa planificación e normalización da lingua galega. Todas as persoas interesadas deben presentar os seus orixinais entre o 11 e o 27 de abril.
Se desexa coñecer as bases completas desta convocatoria, prema aquí.
06/04/2005. OUTRAS

Preséntase a interface en lingua galega para o Office 2003

A Xunta de Galicia e a compañía Microsoft Ibérica presentaron hoxe, día 6 de abril, en Santiago de Compostela o paquete informático Office 2003 en lingua galega, froito dun protocolo de colaboración que ambas entidades asinaron en xullo de 2003 e que xa ten dado outros froitos como a interface en galego do Windows XP.

O paquete que hoxe se presenta fornece ao usuario dunha interface traducida ao galego para os seguintes programas: Microsoft Office Word 2003, Microsoft Office Outlook® 2003, Microsoft Office PowerPoint® 2003 e Microsoft Office Excel 2003.
06/04/2005. INVESTIGACIóN

A Casa das Linguas, un proxecto para a promoción dos idiomas da Península Ibérica

O Instituto Cervantes e a Universidade de Alcalá asinaron onte, 5 de abril, un acordo para crear a Casa das Linguas, unha entidade que se dedicará ao ensino, estudo e promoción de todas as linguas da Península Ibérica. O proxecto contará tamén coa colaboración de diferentes institucións dedicadas ao estudo e fomento das linguas cooficiais de España, entre as que se atopa a Real Academia Galega.

Se desexa máis información sobre esta iniciativa, prema aquí.

05/04/2005. INVESTIGACIóN

Materiais de apoio terminolóxico para os docentes da UDC

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña acaba de inaugurar unha nova colección de manuais terminolóxicos destinados a facilitarlle ao profesorado o seu traballo nas aulas e, ao mesmo tempo, a incentivar o uso do galego entre este colectivo.

Os seis primeiros volumes da colección están relacionados coas áreas de Arquitectura, Dereito, Bioloxía, Fisioterapia-Podoloxía-Enfermaría, Económicas-Empresariais e Informática e cóntase que en breve saian á luz outros seis manuais.

Se desexa máis información sobre estes materiais ou está interesado en adquirir algún exemplar, debe pórse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística da UDC.

05/04/2005. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 20 do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a presentación dos I Premios á calidade lingüística, a achega de novos datos estatísticos sobre a introdución do galego nos programas das diferentes materias universitarias e o artigo sobre a valoración do coñecemento de galego nos diferentes procesos selectivos de acceso ao corpo docente e investigador contratado ou interino.
23/03/2005. CURSOS E CONGRESOS

Xornada técnica sobre a toponimia en Galicia

O Proxecto Toponimia de Galicia organiza, o vindeiro 20 de abril, unha xornada técnica que ten como finalidade deseñar estratexias para desenvolver con éxito o traballo de recuperación, catalogación e depuración da toponimia galega. Todas as persoas interesadas en asistir teñen como data límite para formalizar a súa inscrición ata o 15 de abril.

Se desexa máis información sobre o programa da xornada ou sobre os trámites de matrícula, prema aquí.

15/03/2005. CURSOS E CONGRESOS

As reivindicacións nacionais e lingüísticas durante o S. XIX, a debate na Universidade Paul-Valéry

A Universidade Paul-Valéry organiza o coloquio internacional O espertar das nacionalidades e as reivindicacións lingüísticas en Europa (1830-1930). O evento conta coa colaboración, entre outras entidades, do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela e as sesións terán lugar os vindeiros días 2 e 3 de xuño en Montpellier (Francia).

Se desexa coñecer o programa provisional ou acceder ao boletín de inscrición, prema aquí.
11/03/2005. CURSOS E CONGRESOS

XV Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) organiza unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, que se celebrarán os vindeiros días 8 e 9 de abril.
Entre os contidos de sociolingüística, destaca o seminario de normalización e dinamización nas aulas (Colectivo Tagen Ata), as diferentes presentacións de experiencias educativas de inmersión lingüística e a conferencia “Sociolingüística ou ‛suciolingüística’?” (P. García Negro).

Se desexa coñecer o programa completo das xornadas ou acceder ao formulario de matrícula en liña, prema aquí.
10/03/2005. INVESTIGACIóN

Vocabulario xurídico-administrativo galego-castelán

O Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo preséntanos este repertorio terminolóxico bilingüe do léxico da Administración pública, baseado no Corpus Lingüístico da Universidade de Vigo (CLUVI).

Se desexa consultar a versión web do vocabulario, prema aquí.
10/03/2005. INVESTIGACIóN

Vocabulario xurídico-administrativo galego-castelán

O Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo preséntanos este repertorio terminolóxico bilingüe do léxico da Administración pública, baseado no Corpus Lingüístico da Universidade de Vigo (CLUVI).

Se desexa consultar a versión web do vocabulario, prema aquí.
08/03/2005. AXUDAS E PREMIOS

Novas iniciativas de dinamización lingüística na Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta dúas novas convocatorias destinadas a promover o uso do galego entre a comunidade universitaria.
Trátase dos premios de poesía, relato curto e tradución literaria 2005 e das axudas á investigación en lingua galega 2005.

No caso dos premios literarios, o prazo remata o vindeiro 18 de abril, mentres que as solicitudes para as axudas á investigación poden presentarse ata o 11 de novembro.
08/03/2005. AXUDAS E PREMIOS

II Certame Literario Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca a segunda edición do Certame Literario Concello de Ames. O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes.

Os textos, escritos en lingua galega, inéditos e de tema libre, deberán enviarse antes do vindeiro 22 de abril ao Servizo de Normalización Lingüística do concello.
08/03/2005. EMPREGO

Bolsa de colaboración no SNL da Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña convoca unha bolsa para desenvolver labores de apoio ao seu Servizo de Normalización Lingüística. As persoas solicitantes deben ser licenciados/as en Filoloxía Galega ou Filoloxía Galego-Portuguesa, ademais de ser alumnos/as de terceiro ciclo desta universidade.

O prazo de presentación de solicitudes é do 7 ao 17 de marzo. Se desexa consultar o texto íntegro desta convocatoria, prema aquí.
04/03/2005. AXUDAS E PREMIOS

Axudas aos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino privados

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 4 de marzo de 2005, a convocatoria de axudas a equipos de normalización lingüística dos centros de ensino privados (concertados e non concertados).

O prazo de presentación de solicitudes é de 40 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.


03/03/2004. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á edición e tradución en lingua galega

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo publica, no DOG do 3 de marzo, a convocatoria de subvencións á produción editorial en lingua galega. As axudas están destinadas concretamente a apoiar a edición de obras en galego, a tradución para o galego e a edición noutras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego.

Se desexa consultar o texto completo desta convocatoria, prema aquí.
02/03/2005. LEXISLACIóN

O Plan de normalización da lingua galega accesible en internet

Xa pode consultar en formato PDF o Plan de normalización da lingua galega, aprobado o pasado 22 de setembro de 2004 polo Parlamento de Galicia. Descargue este documento desde o noso propio web ou desde o portal educativo da Xunta de Galicia.
02/03/2005. DINAMIZACIóN

Ponte coa lingua, voceiro de normalización lingüística no Concello de Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo botou a andar o pasado mes de novembro Ponte coa lingua, unha nova publicación que irá dando conta do estado da lingua galega neste concello ao tempo que atenderá tamén aquelas iniciativas sociolingüísticas máis salientables que se vaian desenvolvendo no país.
(Máis información)
02/03/2005. DINAMIZACIóN

Xa está en liña o número 19 do Cartafol Dixital

Consulte en liña o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual da USC con novas sobre normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos os datos do Plan de Organización Docente do curso 2004-2005 sobre tendencias de uso do galego na docencia, o artigo sobre a divulgación científica en galego ou a información sobre o curso de expresión oral que organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía.
25/02/2005. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de integración lingüística e cultural para inmigrantes e emigrantes retornados/as

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza este obradoiro de integración lingüística e cultural que ten como obxectivo facilitarlles a integración no contexto sociolingüístico galego aos inmigrantes e emigrantes retornados.

As sesións desenvolveranse entre o 14 de marzo e o 7 de abril, en horario de 19.00 a 21.00 h., e todas as persoas interesadas teñen de prazo para formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 9 de marzo. Se desexa máis información sobre os contidos deste obradoiro ou sobre os trámites de inscrición, prema aquí.
23/02/2005. INVESTIGACIóN

Léxico multilingüe de transporte turístico

O grupo de traballo do Proxecto Linmiter, baixo a coordinación da Dirección de Terminoloxía e Industrias da Lingua da Unión Latina, preséntanos este novo produto terminolóxico relacionado co transporte turístico.

O léxico contén 255 entradas co seu equivalente en once linguas diferentes, entre as que se atopa o galego. Pode consultar en liña esta ferramenta no web do Termcat e en breve estará tamén accesible no web do Proxecto Linmiter.

18/02/2005. DINAMIZACIóN

Campusons, certame de rock universitario en galego

As tres universidades galegas convocan a segunda edición deste certame de rock universitario destinado a artistas noveis que empreguen a lingua galega nas súas composicións. Ademais das tres universidades galegas, o certame conta coa colaboración da casa discográfica Sons Galiza, así como dos concellos das sete cidades con campus universitario.

Todos os grupos ou solistas interesados en participar neste concurso teñen de prazo para enviar as súas maquetas, con catro temas orixinais en galego, ata o vindeiro 24 de abril. Se desexa máis información, prema aquí.
16/02/2005. INVESTIGACIóN

Acto de homenaxe a Fernando R. Tato Plaza

O Instituto da Lingua Galega organiza o vindeiro día 25 de febreiro, venres, ás 6 da tarde, un acto de homenaxe en memoria de Fernando R. Tato, coñecido investigador e lingüista. No acto, que terá lugar no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía (USC), presentarase o volume (Dis)cursos da escrita. Estudos de filoloxía galega ofrecidos en memoria de Fernando R. Tato Plaza.
(Máis información)
16/02/2005. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións a empresas editoriais

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 16 de febreiro, a convocatoria de subvencións a empresas editoriais para a elaboración de materiais didácticos en lingua galega.

Se desexa máis información sobre a convocatoria, prema aquí.
16/02/2005. AXUDAS E PREMIOS

Axudas aos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas destinadas a financiar proxectos de formación ou fomento do uso do galego destinados aos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino.

O prazo de presentación de solicitudes é de 40 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
15/02/2005. EMPREGO

Contratación dun técnico/a de normalización lingüística no Concello de Teo

O Concello de Teo fai pública a convocatoria das bases para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística. O proceso de selección consistirá nun concurso de méritos e todas as persoas que desexen participar nas probas selectivas teñen de prazo ata o vindeiro 19 de febreiro para presentar a correspondente instancia de solicitude no Rexistro do concello.

Pode obter máis información sobre as bases desta convocatoria no seguinte teléfono: 981 815700 (Concello de Teo).
10/02/2005. CURSOS E CONGRESOS

V Simposio galego de tradución

A Asociación de Tradutores Galegos (ATG) organiza a quinta edición deste foro de encontro e debate entre tradutores e autores de culturas minorizadas. O simposio terá lugar os vindeiros días 24 e 25 de febreiro na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Todas as persoas interesadas en asistir deberán formalizar a súa matrícula antes do 18 de febreiro na secretaría da ATG. Se desexa consultar o programa completo ou obter máis información sobre os trámites de inscrición, prema aquí.
02/02/2005. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 18 do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a presentación dos datos estatísticos sobre as axudas para o uso do galego nos traballos de investigación, a presentación da enquisa sobre os usos lingüísticos na Escola de Relacións Laborais da USC e o anuncio da apertura de matrícula na segunda quenda de cursos para non galegofalantes.
01/02/2005. EMPREGO

Bolsas de colaboración na Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca dúas bolsas para colaborar na súa Área de Normalización Lingüística. Poderán presentarse a esta convocatoria todos os/as licenciados/as en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo ou en Tradución e Interpretación (lingua A: galego) que estean matriculados/as nun curso de doutoramento desta universidade ou que posúan o Diploma de Estudos Avanzados.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 4 de febreiro. Se o desexa, pode descargar desde o noso web o texto completo da convocatoria e o formulario de solicitude.
01/02/2005. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de iniciación e perfeccionamento da lingua e de linguaxe administrativa galega

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca cursos lingua galega destinados aos seguintes colectivos sociais:

-Cursos de iniciación e perfeccionamento da lingua para adultos e colectivos galegos.

-Cursos de iniciación e perfeccionamento da lingua para galegos residentes no exterior.

-Cursos de iniciación e perfeccionamento da lingua para docentes.

-Cursos de linguaxe administrativa galega (nivel medio) para o persoal das administracións públicas de Galicia.