Novas da lingua

Rexistros5101 a 5130 de 5145
26/01/2005. OUTRAS

A Sociedade Galega de Terminoloxía convoca a súa primeira Asemblea Xeral

A Comisión Promotora da Sociedade Galega de Terminoloxía convoca a todas as persoas interesadas a participar na súa primeira Asemblea Xeral, que terá lugar mañá xoves, día 27 de xaneiro, ás 17.00 h. no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC.

Nesta xuntanza presentarase oficialmente a asociación e elixirase a súa Xunta Directiva, ao tempo que se debaterán as liñas de traballo que a entidade vai desenvolver no futuro. Se o desexa, tamén pode facerlle chegar as súas propostas a través dunha ficha de localización.

Para máis información sobre os obxectivos da asociación, consulte os seus estatutos.
26/01/2005. EMPREGO

Novas prazas de técnico de normalización lingüística

O Concello de Porto do Son convoca un concurso-oposición para cubrir 2 prazas de laboral temporal destinadas a crear o servizo municipal de normalización lingüística deste concello.

A duración dos contratos será de 6 meses e o prazo de presentación de instancias para participar no proceso de selección é de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincial da Coruña (25 de xaneiro de 2005).
24/01/2005. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á creación audiovisual dos novos realizadores

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo publica, no DOG do 19 de xaneiro, a convocatoria de axudas destinadas a fomentar o uso da lingua galega na creación audiovisual (desenvolvemento de guións ou proxectos de produción) dos novos realizadores.

O prazo de presentación de solicitudes é de corenta días naturais, contados a partir do seguinte á publicación desta convocatoria.
18/01/2005. INVESTIGACIóN

O Día das Letras Galegas dedicarase no 2005 a Lorenzo Varela

Tras o acordo da Real Academia Galega de dedicar o Día das Letras Galegas a Lorenzo Varela, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo declara tamén o 2005 Ano de Lorenzo Varela.

Se desexa obter máis información sobre a figura deste importante intelectual galeguista, prema aquí.
13/01/2005. CURSOS E CONGRESOS

Curso de actualización de lingua e linguaxe administrativa para persoal da Xunta de Galicia

Con motivo da reforma das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego de 2003, a Escola Galega de Administración Pública convoca un curso de actualización de lingua e linguaxe administrativa galega destinado ao persoal da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación no DOG desta convocatoria.
10/01/2005. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións á produción audiovisual en lingua galega

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo publica, no DOG do 31 de decembro de 2004, a convocatoria de subvencións a empresas vinculadas co sector audiovisual para fomentar a realización de proxectos en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de corenta días naturais, contados a partir do día seguinte á publicación desta
convocatoria
.
27/12/2004. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para asociacións e institucións privadas sen fin de lucro

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 24 de decembro, a convocatoria de subvencións para fomentar o uso social da lingua galega no ámbito asociativo.

O prazo de presentación de solicitudes é de 40 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
23/12/2004. LEXISLACIóN

A avogacía galega, en galego

No marco do III Congreso da Avogacía Galega, celebrado en Ourense os pasados días 16-18 de decembro, aprobouse o Código da Avogacía Galega, documento marco polo que se rexerá de agora en diante o exercicio da avogacía en Galicia.

Neste documento, o Consello da Avogacía Galega, xunto cos diferentes colexios de avogados, comprométense a impulsar a normalización do uso do galego en todas as profesións xurídicas e na Administración de Xustiza así como a prestar os servizos de asistencia xurídica gratuíta, de quenda de oficio e de orientación xurídica en lingua galega, sempre que o cliente así o demande.
22/12/2004. AXUDAS E PREMIOS

Premio para o labor de promoción da lingua

Onte, día 21 de decembro, entregáronse os Premios Manuel Beiras de promoción do galego no ámbito empresarial, convocados pola Cámara de Comercio e o Concello de Santiago. Nesta V edición os galardoados foron a empresa de telecomunicacións R, a xestoría XHO e o construtor Xosé Otero Pombo.

Así mesmo, a Universidade da Coruña resolveu tamén o
I Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras na Universidade da Coruña. O xurado outorgou neste caso tres premios na modalidade de “Deseño de campaña de promoción da lingua” e un premio na modalidade de “Artigo xornalístico”.
22/12/2004. EMPREGO

Bolsas de linguaxe administrativa galega

A Escola Galega de Administración Pública convoca dúas bolsas de colaboración para a realización de estudos e prácticas sobre linguaxe administrativa galega.

A dotación económica de cada bolsa é de 864 euros mensuais e o prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
21/12/2004. INVESTIGACIóN

Dicionario Visual da Construción

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia edita un dicionario terminolóxico galego-castelán de termos da construción. A obra contén 6 661 termos en galego e 6 886 en castelán e estrutúrase en 6 capítulos que conteñen diferentes ilustracións temáticas, así como a terminoloxía relacionada cos diferentes temas.

Se desexa consultar a versión web deste dicionario, prema aquí.
16/12/2004. DINAMIZACIóN

Apróbase o Plan de Política Lingüística da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo aprobou o pasado 14 de decembro, en comisión de goberno, o seu Plan de Política Lingüística, documento marco que ten como obxectivo propiciar a planificación dos usos lingüísticos da comunidade universitaria. Ofrecémoslle a introdución e o texto íntegro do plan.

Se desexa máis información sobre o seu proceso de elaboración, pode consultar o web que a Universidade de Vigo puxo o pasado mes de xullo á disposición de toda a comunidade para que puidese participar de xeito activo na xestación e elaboración deste documento.
15/12/2004. CURSOS E CONGRESOS

Declaración pola autodeterminación lingüística

Coa intención de impulsar o multilingüismo e a diversidade cultural dos pobos celebrouse entre os pasados días 15 e 20 de novembro en Rosario (Arxentina) o I Congreso das Linguas. Pilar García Negro e Rafa Villar foron os encargados de presentar, desde unha perspectiva diacrónica, a situación da lingua galega.

Como documento final do congreso presentouse a Declaración pola Autodeterminación Lingüística, onde todos os participantes esixen aos seus respectivos estados que recoñezan o dereito que todo pobo ten de xestionar e promover o mantemento das súas linguas propias. A versión galega do documento foi cedida por Rafa Villar, responsable do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
03/12/2004. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 3 de decembro de 2004, a convocatoria de bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que neste momento se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
(Máis información)
03/12/2004. AXUDAS E PREMIOS

Axudas ás empresas privadas para fomentar o uso do galego

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 3 de decembro de 2004, a convocatoria de subvencións a empresas privadas para fomentar o uso social da lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de 40 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
02/12/2004. DINAMIZACIóN

Impulso do uso do galego no Concello de Pontevedra

A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra está a desenvolver, en colaboración con outras entidades do concello, unha campaña de promoción do uso do galego nos medios de comunicación. En relación con esta iniciativa, celebrarase hoxe, 2 de decembro, unha mesa redonda-coloquio onde se tratará este mesmo tema. O coloquio terá lugar na Sala Sargadelos de Pontevedra, ás 8:30 horas, e contará coa participación de Anxo Lorenzo Suárez, Xosé Manuel Vega Gómez e Luis Bará Torres.

Co mesmo obxectivo de normalizar os usos lingüísticos no concello, entrou onte en vigor a Ordenanza de impulso do uso do galego no Concello de Pontevedra.

02/12/2004. DINAMIZACIóN

O galego, sempre en conta

A Mesa pola Normalización Lingüística está a levar a cabo unha campaña destinada a fomentar o uso do galego por parte dos bancos e caixas de aforro. O seu proxecto consiste en reunir o maior número posible de persoas dispostas a mudar a súa nómina para aquela entidade que se comprometa a normalizar os seus usos lingüísticos.

A día de hoxe, esta asociación conta xa cunha carteira de clientes dispostos a dar este paso cuxas nóminas ascenden a uns 7 millóns de euros anuais. Se desexa obter máis información xeral ou acceder ao documento de adhesión á campaña, prema aquí.
30/11/2004. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas de Expresión Oral Tíralle da Lingua

A Asociación Sócio-Pedagóxica Galega organiza a V edición destas xornadas que teñen como obxectivo principal incentivar os usos orais do galego no ámbito educativo. As sesións terán lugar o vindeiro día 11 de decembro, de 9:00 a 21:00 horas, no Museo do Pobo Galego (Santiago).

Se desexa consultar o programa ou acceder ao formulario de inscrición en liña, prema aquí.
30/11/2004. DINAMIZACIóN

Novas actividades de dinamización lingüística na Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta os dous últimos froitos do seu labor de promoción do uso do galego no ámbito universitario.

Trátase nesta ocasión do programa Intergalcome, que ten como obxectivo facilitar a integración lingüística e cultural do alumnado foráneo, e a publicación da obra Lingua galega. Dúbidas lingüísticas, que quere contribuír á mellora da calidade lingüística dos textos producidos pola comunidade universitaria.
26/11/2004. AXUDAS E PREMIOS

Convócase a V edición do Premio Manuel Beiras

A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago convocan unha nova edición deste premio que ten como fin outorgar un recoñecemento público ao esforzo de normalización do uso do galego no sector empresarial.

Para obter máis información, acceda ás bases do concurso e ao formulario de presentación de candidaturas.
26/11/2004. DINAMIZACIóN

Dez pasos para normalizar o galego no comercio compostelán

A Concellería de Política Lingüística e a Cámara de Comercio do Concello de Santiago presentan unha nova campaña de dinamización lingüística destinada a fomentar o uso do galego na comunicación comercial.

Todos os establecementos comerciais de Compostela e centros de información e recursos dirixidos a este sector recibirán un folleto informativo con argumentos e datos a favor do uso do galego, así como un decálogo con dez pasos a seguir para mellorar a comunicación lingüística no seu establecemento.
24/11/2004. CURSOS E CONGRESOS

V Simposio Internacional sobre Bilingüismo

A Universitat Autònoma de Barcelona organiza a quinta edición deste congreso internacional que quere constituírse nun foro estable para todos aqueles investigadores que traballan nos eidos da psicolingüística, a educación bilingüe, a adquisición da lingua ou a planificación e a política lingüística.

O simposio terá lugar os vindeiros días 20 – 23 de marzo en Barcelona. Se desexa obter máis información ou acceder ao formulario de inscrición en liña, prema aquí.
22/11/2004. DINAMIZACIóN

Nº 17 do Cartafol Dixital

Consulte en liña o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual da USC con novas sobre normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos os datos estatísticos sobre a elaboración de programas académicos en lingua galega, o artigo valorativo sobre os usos lingüísticos na Universidade da Coruña ou a información sobre o concurso de monólogos organizado pola Comisión de Normalización Lingüística de Económicas.
19/11/2004. CURSOS E CONGRESOS

II Encontro Galego-Brasileiro de Investigadores

A Universidade da Coruña celebrará os vindeiros días 24, 25 e 26 de novembro un encontro entre investigadores galegos e brasileiros para debater e poñer en común os traballos que se están a desenvolver en ámbitos análogos da investigación galega e brasileira.

Se desexa consultar o programa destes encontros, prema aquí. Para calquera outra información, pode poñerse en contacto co Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da UDC.
19/11/2004. INVESTIGACIóN

Dicionario da vestimenta tradicional galega

Consulte en liña este novo dicionario realizado por Manuel Souto Pico como traballo de fin de carreira da licenciatura de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo.

A obra recolle os termos fundamentais da vestimenta e o traxe tradicional galegos e concíbese como un estudo aberto en constante ampliación, buscando a complicidade do usuario á hora de achegar novos termos ou completar os xa existentes.
16/11/2004. CURSOS E CONGRESOS

Debates abertos "Lingua e linguas"

A Fundación Carlos Casares inaugura hoxe en Vigo este ciclo de debates coa presentación da obra O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000). Volume III. Elaboración e difusión da lingua. O ciclo terá continuidade con dúas novas sesións que xirarán arredor do futuro da lingua no sector da mocidade (24 de novembro) e da pluralidade lingüística de Europa (14 de decembro).

A sesión de hoxe terá lugar no Salón de Actos da Fundación Carlos Casares ás 19:30 horas.
11/11/2004. OUTRAS

A Universidade de Santiago de Compostela informa os seus estudades da realidade lingüística de Galicia

O Oficina de Relacións Exteriores da USC difunde entre os estudantes que chegan desde fóra de Galicia información sobre a situación sociolingüística do noso país. Así, estes estudantes recibiron, a través do folleto explicativo “Galicia e o galego”, ampla información sobre o status do galego como lingua propia de Galicia, sobre a situación do idioma na USC e sobre as vantaxes que lle pode aportar o seu contacto co noso idioma á hora de aprender outras linguas románicas.

Toda esta información está tamén accesible en diferentes idiomas no web da USC.
11/11/2004. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 16 do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

(Máis información)

09/11/2004. INVESTIGACIóN

A situación sociolingüística e a consciencia idiomática na Galicia da Restauración

A Deputación Provincial de Pontevedra acaba de publicar A lingua galega entre 1875 e 1916, estudo onde se presenta unha exhaustiva panorámica deste período que estaba en boa parte aínda sen analizar desde a perspectiva sociolingüística.
(Máis información)
27/10/2004. CURSOS E CONGRESOS

I Xornadas “Lingua e cidade”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña e a Real Academia Galega organizan unhas xornadas sobre os usos lingüísticos no ámbito urbano que terán lugar os vindeiros días 10, 11 e 12 de novembro na Coruña e Ferrol.

Se desexa obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición, prema aquí.