Novas da lingua

Rexistros5101 a 5130 de 5430
25/10/2005. CURSOS E CONGRESOS

Simposio “Na nosa lyngoage galega”

O simposio, organizado polo Instituto da Lingua Galega e o Consello da Cultura Galega, xirará arredor da emerxencia do galego como lingua escrita na Idade Media e desenvolverase entre os días 2 de novembro e 2 de decembro no Salón de graos da Facultade de Filoloxía da USC.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para inscribirse ata o vindeiro 31 de outubro. Se desexa máis información sobre o programa e os trámites de inscrición, prema aquí.
17/10/2005. CURSOS E CONGRESOS

Curso de dinámicas e técnicas grupais aplicadas á normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) organiza unha nova edición deste curso de formación que ten como principal obxectivo dar a coñecer ferramentas e dinámicas de traballo para desenvolver o labor de normalización lingüística no ámbito dos grupos.
(Máis información)
11/10/2005. AXUDAS E PREMIOS

II Concurso de monólogos monolingües

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de CC. Económicas e Empresariais da USC convoca o II Concurso de monólogos monolingües, que ten como obxectivo promover a reflexión entre os membros da comunidade universitaria sobre a situación da lingua galega.

Os monólogos versarán sobre o uso do galego na vida cotiá e todas as persoas interesadas en participar teñen de prazo para formalizar a súa inscrición ata o 31 de outubro de 2005.
07/10/2005. DINAMIZACIóN

Carballo incrementa o seu interese en galego

Baixo o lema Incrementa o teu interese en galego o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo está a desenvolver unha campaña de dinamización no ámbito socioeconómico. Os seus obxectivos principais son mellorar a calidade do comercio, sobre todo no aspecto comunicativo, na publicidade e na atención ao público, así como estender o uso do galego neste sector.

Entre as medidas inmediatas que se desenvolverán no marco desta campaña inclúese a realización dun curso para a optimización da comunicación empresarial ou a organización dun obradoiro práctico de estratexias de atención ao público.
05/10/2005. CURSOS E CONGRESOS

I Encontro de Sociolingüística Galega

A Fundación Carlos Casares, en colaboración co Consello da Cultura Galega (CCG), organizan o I Encontro de Sociolingüística Galega, que terá lugar o vindeiro 25 de novembro no salón de actos do CCG.

A finalidade do encontro é establecer un foro de debate e intercambio de opinión entre os diferentes investigadores, docentes e especialistas que están a traballar no ámbito da linguaxe e as linguas en contexto.

Neste acto intervirán, entre outros, Mauro Fernández, Henrique Monteagudo, Gabriel Rei-Doval, Modesto Rodríguez Neira e Fernando Ramallo.
03/10/2005. OUTRAS

Apoio á candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués nas festas do San Froilán

O Concello de Lugo está a organizar, coincidindo coas Festas do San Froilán, un acto central de apoio á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, en colaboración coa Comisión Promotora desta candidatura. Trátase do festival "Un patrimonio para o futuro”, no que estarán presentes diferentes manifestacións culturais galego-portuguesas, así como representantes deste patrimonio cultural no occidente de Asturias, no Bierzo e en Zamora.

O acto terá lugar o vindeiro día 5 de outubro, ás 17:30 horas, na praza de Santa María (Lugo).
29/09/2005. EMPREGO

Relación de admitidos e excluídos na convocatoria pública de bolsas do CCG

Xa pode consultar a relación de admitidos e excluídos na convocatoria pública de bolsas para colaborar en proxectos de investigación do CCG.

A partir da data de publicación desta relación (28 de setembro de 2005), os solicitantes teñen 10 días de prazo para corrixir a falta de documentación. Transcorridos estes días sen a devandita corrección, arquivaranse os expedientes.

Así mesmo, para facilitar o proceso de cómputo de méritos, prégase a todas as persoas que resultasen admitidas que nos fagan chegar o cálculo oficial (expedido pola corresponde universidade) da media do seu expediente académico.

27/09/2005. AXUDAS E PREMIOS

Convocatoria de axudas a proxectos de normalización lingüística

A Deputación da Coruña convoca programas de apoio a proxectos singulares educativos, culturais e de normalización lingüística durante o ano 2005. As axudas están destinadas a entidades culturais e educativas que presenten proxectos de especial relevancia relacionados con estes temas e que abrangan a toda a provincia.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no BOP da Coruña.
27/09/2005. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua e cultura galegas na Universitat de Barcelona

A Sección de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universitat de Barcelona fai pública a convocatoria de cursos de lingua e cultura galegas para o ano académico 2005-2006. A oferta formativa está destinada a maiores de 17 anos, sexan ou non alumnos/as desta universidade, e contempla diferentes niveis e tipos de cursos (galego oral, iniciación á lingua galega, perfeccionamento da lingua galega e extensión cultural).

O prazo de inscrición é do 26 de setembro ao 11 de outubro de 2005.

Se desexa máis información, prema aquí.
05/10/2005. CURSOS E CONGRESOS

Encontro de asesores lingüísticos na Universidade Complutense

A Universidade Complutense de Madrid (UCM), o grupo de investigación LEETHI e a asociación profesional Unión de Correctores (UniCo) organizan o I Encontro “Asesores lingüísticos na sociedade de hoxe”, onde se debaterá, entre outras cousas, sobre a situación do asesor lingüístico ou sobre as propostas para a viabilidade profesional do corrector. Como representante galego intervirá Antón Lado, fundador de Reverso Servizos Lingüísticos.

As sesións, de acceso libre, terán lugar os vindeiros días 14 e 15 de outubro, no Paraninfo da Facultade de Filoloxía da UCM.
23/09/2005. INVESTIGACIóN

O Consello de Europa avalía a política lingüística no Estado español

O Consello de Europa acaba de facer público un informe onde se avalía o grao de cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas por parte do Goberno español, que aprobou este documento en 1992 e posteriormente ratificouno en 2001.

No que respecta á promoción e protección da lingua galega, entre as consideracións que fai o Consello de Europa destaca a recomendación de que se promovan modelos educativos onde prime o uso do galego como lingua vehicular, que se respecten os dereitos lingüísticos dos cidadáns no ámbito da xustiza ou que se dobren os esforzos para a protección do galego estremeiro.

Se o desexa, pode consultar o informe completo.
20/09/2005. CURSOS E CONGRESOS

Oferta formativa de lingua galega para a Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta a oferta formativa de lingua galega para o primeiro cuadrimestre do curso 2005-2006, que inclúe diferentes cursos (tanto na modalidade virtual como presencial) destinados a mellorar a competencia lingüística da comunidade universitaria.

O prazo para realizar a preinscrición remata o vindeiro 3 de outubro. Se desexa máis información, prema aquí.

16/09/2005. DINAMIZACIóN

Proposta de cooperación para a dinamización lingüística no ámbito local

A iniciativa da Concellería de Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, o vindeiro luns, día 19 de setembro, celebrarase unha xuntanza de traballo na que participarán os técnicos/as de normalización lingüística e concelleiros responsables desta área, dos Concellos de Abegondo, Arteixo, Cambre, Cedeira, Culleredo, Fene, Melide, Mugardos, Oleiros e Pontedeume.

Nesta reunión, na que tamén participará Margarida Vázquez, deputada provincial responsable de normalización lingüística, estudaranse diferentes vías de cooperación entre os concellos co ánimo de optimizar recursos humanos, técnicos e económicos.
Se desexa máis información, prema aquí.

16/09/2005. OUTRAS

Nova secretaria xeral de Política Lingüística

En virtude do acordo acadado no Consello da Xunta de Galicia de onte, 15 de setembro, a lingüista e profesora da Universidade de Santiago María Sol López Martínez será a secretaria xeral de Política Lingüística.

A nova secretaria xeral contará cunha comisión de asesoramento integrada por Alberte Ansede, Manuel Portas, Håkan Casares e Xosé González.
05/09/2011. EMPREGO

O Centro de Linguas da Universidade da Coruña busca colaboradores/as docentes

O Centro da Linguas da Universidade da Coruña, dirixido polo profesor Mauro Fernández, está a elaborar unha relación de colaboradores/as docentes para o ensino de diferentes linguas estranxeiras a partir deste mesmo outono, así como para impartir galego para estranxeiros nun futuro próximo.

Todas as persoas interesadas deben enviar o seu currículo ao Centro de Linguas desta universidade. Se desexa máis información, prema aquí.
08/09/2005. CURSOS E CONGRESOS

Curso de perfeccionamento en lingua oral para os medios de comunicación

O Departamento de Filoloxía Galega e o Instituto de Lingua Galega da USC organizan este curso de lingua oral que ten como obxectivos ampliar a capacidade do alumnado para empregar os recursos fonéticos, prosódicos e pragmáticos máis axeitados para as diferentes funcións e formatos da comunicación audiovisual.
(Máis información)
29/07/2005. CURSOS E CONGRESOS

IX Encontros para a Normalización Lingüística

Xa está accesible no noso web toda a información referente á novena edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, que se celebrarán os días 20 e 21 de outubro de 2005. Consulte o programa provisional e, se o desexa, acceda ao formulario de inscrición en liña.

En breve poderá acceder tamén desde o programa aos resumos das diferentes intervencións, que iremos subindo á rede tan pronto como os relatores nolos vaian facilitando.
26/07/2005. EMPREGO

Bolsas de colaboración en proxectos de investigación do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega convoca 17 bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.
Os/as licenciados/as en Filoloxía galega poderán presentar a súa solicitude para colaborar nos seguintes proxectos ou seccións: Sección de Lingua (1 bolsa); Proxecto Sarmiento (2 bolsas); Área de publicacións (1 bolsa); Sección de Literatura e Industrias da Edición (1 bolsa); Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (2 bolsas).
No caso do CDSG tamén se convoca unha bolsa para licenciados/as ou diplomados/as en biblioteconomía e documentación.

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
26/07/2005. EMPREGO

Convocatoria para a selección de intérpretes-tradutores de galego

Como consecuencia da modificación do Regulamento do Senado para a ampliación do uso das linguas cooficiais, esta cámara convoca un proceso de selección de intérpretes-tradutores de linguas que, xunto co castelán, teñan carácter de oficial nalgunha das Comunidades autónomas.

Os candidatos deberán posuír a licenciatura de Tradución e Interpretación e acreditar especialización na lingua cooficial para a que soliciten ser seleccionados. O prazo de presentación de instancias será desde o día 1 ata o 16 de setembro de 2005.

Se desexa máis información, prema aquí.
22/07/2005. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese a concesión de axudas ás asociacións para o fomento da lingua galega

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 22 de xullo, a resolución da concesión de subvencións ás asociacións e institucións privadas sen fin de lucro para fomentar o uso social da lingua galega.

Se desexa consultar o texto completo da resolución, prema aquí.
20/07/2005. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a normalización da lingua galega na Administración local

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local convoca subvencións destinadas ás entidades locais para a normalización da lingua galega neste ámbito.
O prazo de presentación de solicitudes é de corenta días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
20/07/2005. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega para o persoal da Administración local

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración local convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis básico, medio e superior) para o persoal da Administración local.

O prazo de presentación de solicitudes é de corenta días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
14/07/2005. INVESTIGACIóN

Preséntase a tradución ao galego de Idioma e poder social, de Rafael Ninyoles

O vindeiro luns, 18 de xullo, ás 20 h, o sociolingüista Rafael Lluis Ninyoles presentará na Coruña (no local de Portas Ártabras, rúa da Sinagoga, 22) a tradución ao galego do seu libro Idioma e poder social. No acto intervirán tamén Mª Pilar García Negro, Francisco Pillado e Goretti Sanmartín Rei.

O profesor Ninyoles participará ao día seguinte, 19 de xullo, no
I Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, coa conferencia inaugural “Lingua e sociedade hoxe”.
12/07/2005. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas ao desenvolvemento de guións e á produción audiovisual de novos realizadores

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, publica, no DOG do 12 de xullo de 2005, a resolución de axudas para o desenvolvemento de guións e para a realización de proxectos de produción audiovisual en lingua galega que incorporen novos realizadores.

Se desexa consultar o texto completo da resolución, prema aquí.
11/07/2005. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas á produción audiovisual en lingua galega

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo publica, no DOG do 8 de xullo de 2005, a resolución de axudas para apoiar o desenvolvemento de proxectos de produción audiovisual, así como a produción audiovisual en lingua galega.

Se desexa máis información, prema aquí.

07/07/2005. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a adquisición de material didáctico en galego

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 7 de xullo, a convocatoria de axudas públicas destinadas a centros de ensino privados para a adquisición de material didáctico en galego.

O prazo se presentación de solicitudes é de 40 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
05/07/2005. INVESTIGACIóN

Primeira tese sobre a planificación lingüística no ámbito socioeconómico

A investigadora Valentina Formoso presentou onte na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago a súa Tese de Doutoramento A lingua galega no ámbito empresarial. Usos e representacións sociolingüísticas.

A tese, dirixida polos doutores Carmen Alén Garabato e Manuel González González, achega unha ampla análise sociolingüística do ámbito socieconómico, ao tempo que propón medidas concretas para a planificación e normalización lingüísticas neste eido.

O tribunal outorgou a este traballo a cualificación de Sobresaliente “Cum Laudem”.
04/07/2005. DINAMIZACIóN

O Día das Letras Galegas 2006 estará dedicado a Manuel Lugrís Freire

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado día 2 de xullo, dedicar o Día das Letras Galegas 2006 a Manuel Lugrís Freire, un dos membros fundadores da RAG e presidente desta institución entre o 28 de abril de 1934 e o 20 de agosto de 1935.

Se desexa máis información sobre a biografía deste destacado persoeiro da cultura galega, prema aquí.
01/07/2005. DINAMIZACIóN

Nova versión do programa Xestora

O programa Xestora é unha ferramenta informática creada no ano 2000 a iniciativa da Concellaría de Relacións Veciñais e Política Lingüística do Concello de Santiago.
Xestora (3.0) engade modelos adaptados á lexislación vixente e contén, entre outras prestacións, un plan de contabilidade adaptado ás asociacións; documentación para a solicitude de subvencións; axuda para efectuar o balance e conta de resultados e os asentos de apertura e peche do ano.

Na edición desta terceira versión colabora a Deputación da Coruña, que xa distribuíu
3 000 exemplares entre as entidades sen ánimo de lucro da provincia.

30/06/2005. LEXISLACIóN

Refórmase o Regulamento do Senado sobre o uso das linguas cooficiais

O Senado aprobou onte o texto que previamente os grupos con representación nesta cámara pactaran para ampliar o uso do galego, éuscaro e catalán na Cámara Alta.
A reforma permitirá o emprego das tres linguas en todas as sesións da Comisión Xeral de Comunidades Autónomas. Así mesmo recóllese que se unha moción, interpelación ou pregunta se presenta, ademais de en castelán, nalgunha das linguas cooficiais do Estado, esta publicarase tamén neste idioma no Boletín Oficial das Cortes Xerais.

Finalmente, as emendas presentadas por CIU e PNV, co apoio do senador do BNG integrado no grupo mixto, non foron aprobadas.