Novas da lingua

Rexistros541 a 570 de 5145
11/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Curso sobre o aproveitamento das redes sociais no traballo de normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza o curso “As redes sociais, unha ferramenta valiosa para a normalización lingüística”, no que os/as participantes terán oportunidade de coñecer as oportunidades que ofrece a contorna dixital nos procesos de normalización lingüística e aprender a optimizar as redes sociais que temos ao noso dispor.

O curso será impartido por Verónica Ramallal Trevín, CEO de Pekecha, e desenvolverase en Santiago de Compostela os días 17, 24 e 31 de outubro de 2024. O prazo de inscrición estará aberto entre o 16 de setembro e o 7 de outubro.

Na páxina web da CTNL podes consultar o programa completo e obter máis información sobre os trámites de matrícula.

11/09/2024. DINAMIZACIóN

A USC convoca o TriviGal 2024

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convoca o III TriviGal, unha partida de trivial en galego organizada no marco do programa #BenVida USC, que se desenvolverá o vindeiro martes 17 de setembro de 2024 a partir das 18:15 h na Cafetaría da Facultade de Veterinaria.

O equipo gañador recibirá como premio un lote de produtos galegos e mais un exemplar do xogo de mesa “Ti non es de aquí?”. A inscrición estará aberta ata o 17 de setembro ás 12 h.

Para obter máis información sobre esta iniciativa ou consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
11/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Aberto o prazo de matrícula en dúas actividades formativas do CIOV

O Centro de Interpretación de Oralidade de Vigo (CIOV) anuncia que xa está aberto o prazo de inscrición en dúas actividades formativas que se desenvolverán durante os vindeiros meses de setembro, outubro e novembro de 2024. Trátase concretamente do Módulo de improvisación oral en verso impartido por Branca Trigo, que se desenvolverá entre o 25 de setembro e o 23 de outubro de 2024; e o Módulo de ferramentas teatrais para a narración oral, que impartirá Déborah Vukušić do 3 de outubro ao 12 de novembro de 2024.

Para inscribirse en calquera dos dous módulo só é preciso enviar un correo electrónico co nome completo e un teléfono de contacto ao seguinte enderezo: actvidades.snl@vigo.org
11/09/2024. AXUDAS E PREMIOS

Accesibles en liña os vídeos gañadores do “Vémolo Nós 2024”

A segunda edición do concurso de vídeos “Vémolo Nós”, un certame deseñado para fomentar o uso do galego como lingua de divulgación científica, xa ten gañadores. Os vídeos que recibiron o primeiro premio nas diferentes categorías desta edición de 2024 foron: Falando de vacas, de Rocío Mateiga Souto, na categoría “Divulgación do coñecemento”; Homenaxe a Carolina, de Iria Losada Rodríguez, na categoría “Descubrindo a USC”; e Aaron Bennett Kleinschmidt, un estadounidense aprendendo galego, de Iker Fernández Villar, na categoría “A utilidade do galego”. Podes ver todos os traballos galardoados (tanto co primeiro coma co segundo premio) nesta lista de Youtube.

A entrega de premios terá lugar nun acto organizado pola Universidade de Santiago de Compostela en outubro de 2024.

Na páxina do Servizo de Normalización Lingüística da USC tes toda a información sobre esta iniciativa.
09/09/2024. AXUDAS E PREMIOS

Adega Pazo Lalón e Kaleikoi, empresas galardoadas cos Premios Bacelos de Prata 2024

O xurado da décimo sexta edición dos Premios Bacelos de Prata acordou por unanimidade que as entidades galardoadas este ano 2024 son a Adega Pazo Lalón, con sede no Concello de Leiro (Ourense), e mais a empresa de Rodeiro (Pontevedra) Kaleikoi, como recoñecemento á súa aposta polo uso do idioma galego como marca de calidade, tanto na etiquetaxe dos seus produtos como na comunicación publicitaria.

Podes consultar a acta do xurado premendo aquí.

O acto de entrega dos premios terá lugar o 5 de outubro de 2024, no Pazo dos Ulloa (Esposende, Ribadavia).
05/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

O Concello de Ribeira organiza un curso preparatorio para as probas Celga

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ribeira organiza un curso de lingua galega dirixido a persoas maiores de 16 anos que teñan pensado presentarse ás probas oficiais que organiza a Xunta de Galicia para a obtención do certificado Celga. O curso é de balde e as sesións comezarán a partir do vindeiro 17 de setembro de 2024, todos os martes e mércores de 19:00 a 21:00 horas. A inscrición estará aberta ata o mesmo 17 de setembro e para tramitala só é preciso enviar un correo electrónico co nome, apelidos e teléfono de contacto ao enderezo normalizacion@ribeira.gal.
05/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas de microtoponimia en Carballo

Hoxe, 5 de setembro de 2024, comezan nas Escolas do Xardín Agra de Caldas de Carballo as Xornadas de microtoponimia, que continuarán ata o vindeiro 26 de setembro en diferentes lugares do concello. O programa, que inclúe as intervencións de diferentes historiadores/as e especialistas en toponimia, pecharase coa proxección das primeiras pezas dunha serie audiovisual sobre microtoponimia carballesa e a actuación das cantareiras de Arume de Verdillo, que interpretarán cantigas con referencias a topónimos locais.

A asistencia é de balde e está aberta a toda a cidadanía, ata completar a capacidade dos diferentes espazos.

Podes ampliar información premendo aquí.
05/09/2024. DINAMIZACIóN

O outono tamén chegará á Coruña con moito Apego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña anuncia as actividades que se desenvolverán no Centro Sociocultural Ágora durante os vindeiros meses de setembro, outubro e novembro de 2024, no marco do proxecto Apego. O programa, dirixido a familias con nenos/as de 0 a 6 anos, inclúe espectáculos de música, teatro e narración oral.

Na páxina web do SNL do Concello da Coruña podes obter máis información sobre as diferentes actividades (datas e horarios) e mais sobre os prazos de inscrición.

05/09/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a investigación en lingua galega na Universidade da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade da Coruña convoca axudas, tanto económicas como dirixidas ao asesoramento lingüístico, para a redacción e defensa en galego de teses de doutoramento, traballos de fin de mestrado e traballos de fin de grao. Pode acceder a estas axudas o alumnado de titulacións oficiais da UDC, excepto o do grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; do dobre grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios, e Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; e mais do dobre grao en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios, e Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, así como o daqueles estudos de cuxa natureza e/ou de cuxo contido se derive o uso da lingua galega nos mencionados tipos de traballo de investigación.

O prazo de solicitudes para as axudas económicas estará aberto ata o 31 de outubro de 2024.

Para consultar o texto completo da convocatoria preme aquí.
04/09/2024. DINAMIZACIóN

Ames presenta o programa de Apego para o último cuadrimestre do ano

As familias residentes no concello de Ames adheridas ao proxecto Apego poderán gozar durante os vindeiros meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 2024 dun amplo abano de actividades didácticas e lúdicas deseñadas para fomentar o uso do galego na socialización da primeira infancia. A programación inclúe xogos, contos, música, espectáculos teatrais, maxia, cine, excursións e mesmo a visita do Apalpador.

Para consultar o programa completo e obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
03/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de acollemento lingüístico e de preparación das probas Celga en Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Carballo organiza unha nova edición do obradoiro de acollemento lingüístico dirixido a persoas de fóra de Galicia que queiran achegarse á lingua e cultura galegas. As sesións desenvolverase desde o 10 de setembro ata o 19 de decembro de 2024, todos os martes e xoves de 17:30 a 19:00 horas, no centro social Escola de Arrabaldes, na Milagrosa. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a snl@carballo.gal no que indiquen o seu nome e apelidos e mais un teléfono de contacto.

Así mesmo, desde ese mesmo SNL organízanse cursos preparatorios das probas Celga 2, 3 e 4, dirixidos a todas as persoas interesadas. As sesións terán lugar todos os xoves, de 19:00 a 21:00 horas, no centro social Escola de Arrabaldes, desde o 12 de setembro ata o 28 de novembro de 2024. A inscrición pode tramitarse enviando un correo co nome e apelidos e mais un número de teléfono de contacto a snl@carballo.gal.

Na páxina web do SNL do Concello de Carballo podes ampliar información.
30/08/2024. DINAMIZACIóN

Regueifas e rock en galego para rematar o verán en Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza dúas actividades lúdicas deseñadas para crear espazos de lecer en galego, dirixidas tanto ao público infantil e familiar, como ao xuvenil e adulto.

No primeiro caso, os máis pequenos/as da casa e as súas familias poderán gozar dos cinco concertos de rock en galego de Pakolas que terán lugar en diferentes puntos da cidade ao longo do mes de setembro. Para o público xuvenil e adulto, organizaranse (nos mesmos días e lugares mais en diferente horario) outros cinco espectáculos de regueifas, nos que actuarán diferentes membros da Asociación ORAL de Galicia.
30/08/2024. DINAMIZACIóN

O Concello de Santiago presenta o seu programa de Apego para o mes de setembro

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presenta o programa de actividades que se organizarán no vindeiro mes de setembro no marco do proxecto Apego (deseñado para fomentar o uso do galego na socialización da primeira infancia). Trátase dunha oferta moi variada que inclúe obradoiros de cociña, actividades de psicomotricidade, ciencia, contos, xogos e espectáculos lúdicos.

Podes ampliar información sobre as diferentes actividades, así como sobre os trámites de inscrición, premendo aquí.
29/08/2024. EMPREGO

Praza de técnico/a medio/a de tradución na Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra publica no BOP do 5 de agosto de 2024 a convocatoria dunha praza de técnico/a medio/a de tradución, encadrada na escala de Administración especial, subescala técnica, clase técnico/a medio/a e integrada no subgrupo A2. O sistema de selección será a oposición libre, reservada a persoas con discapacidade. As persoas aspirantes deben estar en posesión do título de grao, licenciatura ou ter finalizados os tres primeiros cursos da licenciatura en filoloxía, en tradución, interpretación e linguas aplicadas ou equivalentes, ou estar en condicións de obtelo o día en que remate o prazo de presentación de instancias.

O prazo de presentación das solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOE, mediante extracto.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
28/08/2024. DINAMIZACIóN

O Festiletras 2024 enche a aldea do Couto de cultura, lingua e mar

Entre o 30 de agosto e o 1 de setembro de 2024 terá lugar na aldea do Couto (Ponteceso) a 42 edición do Festiletras, o programa cultural que organiza anualmente a Fundación Eduardo Pondal e que este ano xunta música, artesanía, obradoiros didácticos, divulgación científica e diversas actividades lúdicas e culturais baixo o título Unha lingua para poder amar a mares!.

Nesta edición de 2024 o Consello da Cultura Galega colabora na programación organizando o venres 30 de agosto “Un paseo polo fondo do mar no Festiletras”, un espectáculo dirixido ao público infantil que estará guiado por Lucho Penabade e Yago Espasandín.

Podes ampliar información premendo aquí.

27/08/2024. CURSOS E CONGRESOS

Grupo de conversa para practicar galego na Coruña

As Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña organizan “Coa lingua de fóra”, unha actividade formativa dirixida a persoas adultas que desexen practicar galego nun grupo de conversa dinamizado por unha persoa nativa. O grupo reunirase na Biblioteca Ágora a partir do 2 de outubro de 2024, todos os mércores en horario de 19:00 a 20:15 h.

O prazo de inscrición estará aberto entre o 16 e o 30 de setembro de 2024.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
27/08/2024. EMPREGO

Propostas de resolución definitiva das bolsas e prazas en centros de estudos galegos no exterior

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica as propostas de resolucións definitivas das dúas convocatorias públicas para cubrir sete bolsas de formación en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas de universidades de Madrid, Barcelona, París, Río de Janeiro, Roma, Salvador de Bahía e Zádar; así como cinco prazas nos lectorados de universidades de Cork, Leipzig, Oxford, Vitoria e Varsovia.

Podes consultar os documentos nas seguintes ligazóns:

-Proposta de resolución definitiva de bolsas de formación en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

-Proposta de resolución definitiva de prazas en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas
27/08/2024. AXUDAS E PREMIOS

Resolución de axudas para a edición en galego de recursos didácticos

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia publica, no DOG do 1 de agosto de 2024, a resolución da convocatoria de axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares non universitarios. Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.
31/07/2024. DINAMIZACIóN

#veránlingua, o cancelo que che permite conectar con iniciativas normalizadoras aproveitando o tempo de lecer e as redes sociais

A Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua lanza de novo este verán o cancelo #veránlingua.

Con el poderás seguir as propostas da CTNL nas redes X e Instagram durante o mes de agosto. Tanto a actualidade coma iniciativas, lecturas, campañas, documentos ou recursos de interese.
29/07/2024. AXUDAS E PREMIOS

XXVII Premio de Investigación Concello de Pontedeume

O BOP da Coruña publica hoxe, 29 de xullo de 2024, as bases reguladoras do XXVII Premio de Investigación Concello de Pontedeume.

A este premio poden presentarse traballos escritos en lingua galega que se centren en aspectos de Pontedeume e a súa Comarca, dende a perspectiva da descrición propia da Etnografía ou das interpretacións propias da Antropoloxía Social e Cultural e da Etnohistoria.

O prazo de presentación remata o 13 de setembro.
29/07/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas da Deputación de Pontevedra aos concellos de menos de 50 000 habitantes, para a realización de actividades dinamizadoras

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou o 26 de xullo o reparto de 150 000 euros entre 35 concellos da provincia de menos de 50 000 habitantes.

O propósito destas axudas consiste en apoiar actividades de dinamización da lingua galega: obradoiros, proxectos audiovisuais, programación de espectáculos, premios literarios, etc. Podes consultas a asignación por concellos na nova publicada pola Deputación.
29/07/2024. OUTRAS

Novo récord da Praza dos Libros de Carballo

O Concello de Carballo fixo público o informe sobre a Plic 2024, que nesta edición bateu o récord de vendas ao superar os 1700 exemplares nos catro días de edición.

O balance da Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística déixanos outro dato moi positivo: case a metade dos libros mercados foron publicados en lingua galega.
26/07/2024. OUTRAS

A Associaçom Galega da Língua, novo órgano consultivo da CPLP

A Associaçom Galega da Língua (AGAL), histórica entidade do reintegracionismo galego, foi recoñecida como observadora consultiva polo Conselho de Ministros da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa.

O acordo, tomado o 19 de xullo, converte a AGAL na cuarta entidade recoñecida pola CPLP, canda o Consello da Cultura Galega, a Academia Galega de Língua Portuguesa e a Associação de Docentes de Português na Galiza.
24/07/2024. INVESTIGACIóN

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades crea a colección Tesouro paleogalaico

Baixo o título Documentación epigráfica do teónimo deus Lar Berobreus. Edición e comentario lingüístico, o CIRP inaugura unha nova liña de publicacións resultado do estudo do material lingüístico prelatino de Galicia polo proxecto TPGal, Tesouro Paleogalaico.

As distintas investigacións, estruturadas en dous grandes bloques (onomástica e léxico), verán a luz a través da colección do mesmo nome, recementemente presentada polo Centro Ramón Piñeiro e a Secretaría Xeral da Lingua.
24/07/2024. DINAMIZACIóN

Tíralle da Lingua; Coreografíate e Certame de Curtas: abertas as inscricións nestas tres actividades da AS-PG

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega publica, na sección de novidades da súa web, a apertura de inscricións en tres actividades normalizadoras cun importante percorrido no ámbito do ensino:

Tíralle da Lingua. XXIII Certame de Lingua Oral: antes do 15 de novembro de 2024. A entrega de vídeos, antes do 22 de novembro.

IV Certame Coreografíate: recepción de vídeos antes das 14 horas do 15 de novembro de 2024.

XIV Certame Curtas: antes das 14 horas do 8 de novembro de 2024.

Clicando nos nomes das iniciativas, podedes acceder ás bases completas.
24/07/2024. AXUDAS E PREMIOS

Premios á creación e produción de contidos dixitais en galego

No marco do XII Festival Carballo Interplay, que terá lugar entre os días 24 e 27 de abril de 2025, o Concello de Carballo publica dúas convocatorias de premios que teñen como obxectivo poñer en valor, visibilizar e fomentar o traballo dos creadores e creadoras que difunden contidos en lingua galega en Internet.

No BOP da Coruña do 24 de xullo de 2024 podes consultar as bases completas:

-Bases dos premios a mellor contido dixital en galego Festival Carballo Interplay 2025. Prazo de inscrición ata o 23 de febreiro de 2025.

-Bases do premio a produción de contido dixital en galego Festival Carballo Interplay 2025.Prazo de inscrición ata o 31 de marzo de 2025.
23/07/2024. OUTRAS

Novos glosarios multilingües de voleibol de praia, trampolín, escalada e surf

A Delegación xeral para a lingua francesa e as linguas de Francia do Goberno francés, en colaboración coa Rede panlatina de terminoloxía (Realiter), publica catro novos glosarios multilingües co léxico básico de deportes que acadaron a categoría de olímpicos nas últimas edicións: voleibol de praia, trampolín, escalada e surf.

De elaborar as correspondencias en galego para os glosarios de voleibol de praia e trampolín ocupouse o SNL da Universidade de Santiago, que tamén colaborou, xunto coa Universidade de Vigo e a Federación Galega de Montañismo, no vocabulario de escalada. Das correspondencias en galego para o vocabulario de surf ocupouse a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Podes consultar estes catro novos glosarios (xunto co de rugby, publicado en 2023) premendo aquí.
18/07/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas concedidas pola Deputación de Pontevedra aos SNL municipais

A Deputación de Pontevedra publica, no BOP do 18 de xullo de 2024, a listaxe de axudas concedidas no primeiro semestre de 2024 para o mantemento dos servizos de normalización lingüística dos concellos da provincia.

Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias premendo aquí.

16/07/2024. DINAMIZACIóN

IX Concurso de subtitulación de vídeos TED ao galego

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago convoca o IX Concurso de subtitulación de vídeos TED ao galego, co obxectivo de estimular a presenza do galego na comunicación e a divulgación científica e de fomentar a existencia de recursos divulgativos audiovisuais neste idioma. Como novidade, nesta edición a temática dos vídeos non ten que estar circunscrita exclusivamente ás ciencias da saúde, senón que se abre o abano para dar cabida a todas as disciplinas científicas. Existen dúas modalidades de participación, unha dirixida a alumnado, PDI ou PTXAS da USC durante o ano 2024 (modalidade A) e outra destinada a persoas alleas á USC (modalidade B). Os participantes da modalidade A terán a posibilidade de inscribirse nun obradoiro formativo. Outorgaranse varios premios cunha dotación económica que vai desde os 200 aos 300 euros, ademais dun diploma honorífico.

O prazo para inscribirse no certame remata o 27 de setembro de 2024.

Para consultar as bases completas preme aquí.

16/07/2024. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca dez bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Os/as beneficiarios/as colaborarán nos seguintes proxectos: Bibliografía da literatura galega; Fraseoloxía Galega; Corpus de referencia do galego actual (Corga); Cantigas de Santa María; Prosa literaria medieval; Terminoloxía científico-técnica; Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala; Base de datos do ALIR; Dicionarios de literatura; e Literatura infantil e xuvenil.

As actividades de formación iniciaranse coa incorporación da persoa seleccionada (previsiblemente o 1 de decembro de 2024) e rematarán, en calquera caso, o 30 de novembro de 2026. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.