Novas da lingua

Rexistros631 a 660 de 5153
29/05/2024. AXUDAS E PREMIOS

Convocado o I Premio Autobán ao mellor fanzine galego

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, convoca o I Premio Autobán ao mellor fanzine galego 2023-2024, galardón orientado ao sector da autoedición.

O Premio Autobán consta dun trofeo personalizado por Aisha Rey (gañadora da última edición do Combate de Debuxantes) e dunha dotación económica de 1250 €. A el poden presentarse persoas e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de maio de 2024.

O prazo de preinscrición en liña remata o 16 de xuño de 2024 e pode realizarse na páxina do certame.
29/05/2024. AXUDAS E PREMIOS

A tradutora e asesora lingüística Rosa Moledo é recoñecida co premio Dolores Ben

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) outorga o III Premio de Honra Dolores Ben á tradutora e asesora lingüística Rosa Moledo, unha profesional vinculada a numerosos traballos de cine e televisión.

O galardón foi creado no 2021 para "manter viva a súa memoria e recoñecer as persoas e institucións que encarnan os valores de loita e defensa do ben común" que Dolores Ben representaba. A entrega do premio terá lugar o 18 de xuño de 2024, ás 19 h, en Cinemar Films, estudio cinematográfico de son fundado pola propia Dolores en 2006.
29/05/2024. AXUDAS E PREMIOS

Mañá remata o prazo para presentar traballos xornalísticos ao Premio Fernández del Riego

O XXI Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego, destinado a recoñecer artigos xornalísticos, de tipo literario, publicados en galego durante 2023, pecha o 31 de maio de 2024 o prazo para presentar candidaturas. Consulta as bases.
28/05/2024. OUTRAS

Convocatorias para ampliar as coleccións Unidades didácticas USC e Esenciais USC

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela publica dúas convocatorias destinadas a fomentar a creación de materiais didácticos en lingua galega. Trátase concretamente dunha convocatoria para apoiar e financiar a elaboración e edición dixital de quince títulos da colección Unidades didácticas USC e outra para financiar a elaboración e edición dixital de doce títulos da colección Esenciais USC. En ambos os dous casos o prazo para a presentación de propostas remata o 28 de xuño de 2024.

Podes consultar os textos completos das convocatorias nas seguintes ligazóns:
-Convocatoria para a elaboración de Unidades didácticas USC
-Convocatoria para a elaboración de Esenciais USC
28/05/2024. DINAMIZACIóN

A oitava edición de No bico un cantar conmemora o centenario do nacemento da revista Nós

Despois de varios anos de interrupción por mor do parón ocasionado pola pandemia, neste 2024 o Consello da Cultura Galega, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, retoma a iniciativa No bico un cantar, na que o alumnado dos conservatorios e centros de ensino musical de toda Galicia fusionan música e tradición literaria galega. Nesta oitava edición o programa conmemora o centenario do nacemento da revista Nós (Ourense, 1920), poñendo voz e música aos creadores da denominada Xeración Nós.

O evento terá lugar no Auditorio Rubén García, no Castelo de Ribadavia, o 31 de maio de 2024 a partir das 18 h. A asistencia é libre e gratuíta ata completar a capacidade do Auditorio.

Podes consultar o programa completo premendo aquí.
28/05/2024. LEXISLACIóN

Asturias comeza a dar pasos cara á oficialización do galego e o asturiano

Xosé Antón González Riaño, presidente da Academia da Llingua Asturiana, entregou aos grupos parlamentarios autonómicos, o xoves 23 de maio de 2024, o informe "A lingua asturiana nunha perspectiva de oficialidade".

Nel, detállase un programa a implantar en dúas lexislaturas que comezará polo recoñecemento do asturiano como lingua oficial no Estatuto de Autonomía e continuará pola actuación progresiva na xeneralización do ensino nos niveis non universitarios e a dignificación social do idioma.

Da Secretaria General de Política Llingüística, que se creará para desenvolver estes obxectivos, vai depender unha oficina específica para o Navia-Eo, responsable das accións que teñan que ver coa normalización do galego de Asturias. Información recollida de Galicia Press.

28/05/2024. DINAMIZACIóN

Preséntase o Minidicionario de xustiza social na expo-feira "A ciencia que vén"

A Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo organiza o vindeiro 31 de maio de 2024 a expo-feira "A ciencia que vén", unha oportunidade para achegar á cidadanía o labor do seu persoal investigador.

Física, bioloxía, enxeñaría, telecomunicacións, historia e medio ambiente constitúen as liñas temáticas dos catorce postos dos grupos de investigación que poderá coñecer o público xeral no horario de tarde.

Esta xornada vai ter lugar na praza da Ferreiría de Pontevedra e contará tamén, as 17:30 h, coa presentación da publicación Minidicionario de xustiza social por parte dos grupos GETS-IT e Post-Growth Innovation Lab, un volume complementado por estes dez vídeos.

Máis información no DUVI.
27/05/2024. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación da Coruña resolve o XV Premio Rosalía de Castro de Lingua

A sociolingüista, política e profesora Pilar García Negro (na categoría de persoas que destacan na promoción da lingua galega); a asociación Nova Escola Galega (na categoría de entidades destacadas no fomento do galego) e o proxecto do IES Rafael Dieste da Coruña "Aquí tamén se fala" (na categoría de proxectos de dinamización lingüística dirixidos á infancia ou mocidade) son os/as gañadores/as do XV Premio Rosalía de Castro de Lingua.

Este galardón, convocado pola Deputación da Coruña cunha periodicidade anual, ten como obxectivo recoñecer o labor de persoas, colectivos e proxectos que destacan polo seu compromiso coa promoción e dignificación do idioma galego.

Na páxina web da Deputación da Coruña podes ampliar información sobre esta iniciativa.

27/05/2024. EMPREGO

Convocatoria de prazas e bolsas de formación en centros de estudos galegos de universidades do exterior

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica dúas convocatorias públicas para cubrir sete bolsas de formación en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas de universidades de Madrid, Barcelona, París, Río de Janeiro, Roma, Salvador de Bahía e Zádar; así como cinco prazas nos lectorados de universidades de Cork, Leipzig, Oxford, Vitoria e Varsovia. [corrección de erros na convocatoria de cinco prazas]

En ambas as dúas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
27/05/2024. AXUDAS E PREMIOS

Resolución defitiva das axudas da Deputación da Coruña para SNL municipais

A Deputación da Coruña publica a resolución definitiva da convocatoria de subvencións a concellos e outras entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) durante o ano 2024.

Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
22/05/2024. CURSOS E CONGRESOS

A Asociación Pro-Fundación Manoel Vello promove un programa de aprendizaxe do galego en liña

A Asociación Pro-Fundación Manoel Vello, que ten como principais obxectivos fomentar o uso do galego en todos os ámbitos sociais, promove un programa de aprendizaxe do galego en liña impartido pola docente Carolina Silva Arandia e dirixido a persoas de todas as idades. No proxecto ofértanse diferentes modalidades de aprendizaxe: clases de galego grupais (dirixidas a persoas de todas as idades e niveis de coñecemento), encontros de conversa en liña (para persoas con coñecementos previos de galego) e clases de alfabetización (orientadas á adquisición da competencia escrita).

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
21/05/2024. DINAMIZACIóN

A Deputación da Coruña organiza un ciclo de música de autora en galego

Guadi Galego, Antía Muiño, Uxía e Ugía Pedreira protagonizan o cartel do ciclo de música “Coa nosa voz”, organizado pola Deputación da Coruña para darlles visibilidade ás autoras que compoñen e cantan en galego. As actuación terán lugar os domingos 2, 9, 23 e 30 de xuño de 2024 no Teatro Colón da Coruña e as entradas poden adquirirse de balde na páxina web ataquilla.com.

Para ampliar información, preme aquí.
21/05/2024. DINAMIZACIóN

O Concello de Arzúa aposta polo uso do galego sen límites

Coincidindo coas iniciativas de conmemoración das Letras Galegas que durante todo este mes de maio se están a organizar ao longo do país, o Concello de Arzúa quixo amosar tamén a súa aposta pola normalización do uso do galego en todos os ámbitos sociais coa presentación da campaña En galego, sen límites!. A primeira acción que se está a desenvolver no marco desta iniciativa é a distribución entre os establecementos de hostalaría de manteis coa mensaxe «En galego, sabe mellor», co obxectivo de que os centos de peregrinos/as que cada día visitan a vila saiban que Galicia ten un idioma propio.

Na páxina web do Concello de Arzúa podes ampliar información.
21/05/2024. DINAMIZACIóN

V Festa do Apego en Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza a quinta edición da Festa do Apego, unha actividade lúdica, dirixida ao público infantil e ás súas familias, que ten como obxectivo fomentar a transmisión interxeracional da lingua e crear novos espazos de uso para o galego no ámbito do lecer. O programa inclúe concertos, espectáculos interactivos, sesións de contos con música, obradoiros, xogos e espazos informativos e de recursos. Terá lugar o vindeiro 25 de maio de 2024, entre as 11:00 e as 21:00 horas, no Pazo da Peregrina (Bertamiráns). A entrada é libre e gratuíta en todas as actividades.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
20/05/2024. CURSOS E CONGRESOS

Últimas prazas no curso "20 anos co cinema galego. Industria, cultura, identidade"

Entre o 24 e o 28 de xuño de 2024, no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, terá lugar o curso 20 anos co cinema galego. Industria, cultura, identidade.

Estas xornadas, dirixidas por Miguel Anxo Fernández Fernández, van contar con profesionais do sector das industrias culturais e creativas con máis pulo de Galicia, para analizar a creación audiovisual, estudar distintos formatos, así como o proceso de consolidación deste ecosistema. Tamén se vai realizar un obradoiro de produción desenvolvido polo alumnado de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo.

A inscrición remata o 10 de xuño. Tes toda a información e o programa aquí.
20/05/2024. CURSOS E CONGRESOS

XVII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística: Traballando en Lingua nas Redes Sociais

Entre o 16 e o 18 de xullo de 2024, a Universidade da Coruña organiza a edición XVII de Traballando en Lingua, curso de verán sobre dinamización lingüística.

Este ano centra a súa atención das redes sociais, desde a análise de oportunidades e preconceptos, ás propostas e a visibilización do galego neste ámbito. As xornadas, unha vez máis, terán lugar no Pazo da Cultura de Carballo e o prazo de inscrición para participar nelas remata o 11 de xullo. Consulta o programa e outros datos na páxina do curso.
20/05/2024. CURSOS E CONGRESOS

A USC organiza un curso de verán sobre a innovación dixital no ámbito das Humanidades e das Ciencias Sociais

A Universidade de Verán da USC ofrece o curso Humanidades Dixitais: recursos, ferramentas e servizos, que terá lugar entre os días 15 e 18 de xullo de 2024 na Facultade de Filoloxía da Universidade. O propósito desta actividade é proporcionarlle "ao alumnado os contidos e competencias necesarios para a posta en marcha ou para a participación en proxectos de innovación dixital no ámbito das Humanidades e das Ciencias Sociais. Asemade, permitiralle achegarse a diferentes proxectos de Humanidades Dixitais, particularmente os desenvolvidos en Galicia, así como coñecer as infraestruturas dixitais de investigación DARIAH e CLARIN".

O prazo de inscrición está aberto ata o 5 de xullo. Para ampliar información sobre o programa ou os trámites de matrícula, preme na ligazón.
20/05/2024. INVESTIGACIóN

IV Simposio Internacional Aspectos Lingüísticos do Noroeste Ibérico

Os días 3 e 4 de outubro de 2024, na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, vai ter lugar a cuarta edición do SIALNI, Simposio Internacional Aspectos Lingüísticos do Noroeste Ibérico.

As investigadoras e os investigadores interesados en presentar comunicacións deben entregalas para a súa valoración antes do 30 de xuño. Os temas propostos, sempre relacionados con algunha das variedades faladas no noroccidente da península ibérica (asturiano, castelán, galego, leonés, mirandés e portugués), son: análise sincrónica da estrutura lingüística; análise diacrónica; dialectoloxía; aspectos sociolingüísticos; estandarización e política lingüística; e historiografía lingüística.

Consulta toda a información aquí.
.
16/05/2024. DINAMIZACIóN

Celebracións do Día das Letras Galegas na Universidade da Coruña

A UDC comezou as actividades arredor do Día das Letras Galegas 2024 coa presentación onte de Por que os homes non nos len?, un texto case inédito da escritora homenaxeada, Luísa Villalta.

Pola tarde houbo un concerto da banda galega de indie rock Chicharrón, que repetirá na Sala Cubo de NORMAL, o Espazo de Intervención Cultural da UDC, o vindeiro xoves, día 23 de maio, ás 19:30 horas.

Por parte da Universidade Sénior, este mesmo local acollerá o 21 de maio, ás 10:30 h, a conferencia “Luísa Villalta, todas as artes son amigas”, a cargo de Pilar García Negro e Marica Campo. A continuación, ás 12:00 h, terá lugar o concerto “Villalta con Música”, a cargo da soprano Esperanza Mara.

A entrada é libre ata completar aforo.
16/05/2024. DINAMIZACIóN

O Foro Enrique Peinador pon en valor a galeguización de Embutidos Lalinense

O Foro Enrique Peinador celebrará este ano o Día da Galeguidade Empresarial o vindeiro 25 de maio de 2024, ás 12:00 h, en Agruchave (Lalín), na sede de Embutidos Lalinense, co obxectivo de conmemorar o 75 aniversario da creación desta empresa e poñer en valor a súa aposta pola galeguización da actividade empresarial e da etiquetaxe dos seus produtos.

O Día da Galeguidade Empresarial é unha conmemoración anual instaurada polo Foro Enrique Peinador para recoñecer publicamente a empresas que apostaron polo uso da lingua galega nas súas actividades. Na páxina do colectivo Galeguizar Galicia podes obter máis información sobre esta conmemoración durante os últimos anos.

15/05/2024. OUTRAS

Ciencia en galego para os máis pequenos da man do CSIC

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) presentou hoxe, 15 de maio de 2024, na sede do Consello da Cultura Galega a súa colección de divulgación científica “Mentes curiosas, curiosas mentes”, un proxecto editorial deseñado para ofrecerlle ao alumnado de educación primaria e ESO recursos científicos nas diferentes linguas oficiais do Estado.

Os dous primeiros títulos que xa están accesibles en galego son Cheirar. Aromas, esencias, fedores e pestilencias, autoría de Berta Páramo, que contou co asesoramento científico de Laura López-Mascaraque (investigadora do Instituto Cajal – CSIC), e Bechos. A xungla na casa, tamén autoría de Berta Páramo, neste caso co asesoramento científico de Óscar Soriano Hernando (investigador do Museo Nacional de Ciencias Naturales – CSIC).

Hoxe pola tarde, ás 16:30 h, terá lugar na librería Couceiro de Santiago de Compostela un obradoiro lúdico para dar a coñecer estes títulos á cidadanía. Poden participar todos/as os/as nenos (maiores de 10 de anos) e mais os adultos que o desexen.

Para ampliar información, preme aquí.

15/05/2024. AXUDAS E PREMIOS

Resolucións provisionais das axudas para o fomento do galego nos centros de ensino

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia publica na súa páxina web as propostas provisionais de resolución das axudas para o fomento da lingua galega nos centros de ensino, tanto de titularidade pública como privada.

O prazo para presentar alegacións remata o día 27 de maio de 2024 (incluído).

Podes consultar a documentación nas seguintes ligazóns:
-Resolución provisional aos centros de titularidade pública.
-Resolución provisional aos centros de titularidade privada.
15/05/2024. CURSOS E CONGRESOS

A USC organiza un curso de verán sobre os desafíos da lingua galega no século XXI

A Universidade de Verán da USC inclúe na súa oferta formativa deste ano 2024 o curso “A lingua galega no século XXI: desafíos e fronteiras”, que vai desenvolverse no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira entre os días 8 e 10 de xullo de 2024. O curso, dirixido por Xosé Luís Regueira e Henrique Monteagudo, ten como obxectivo analizar algúns dos principais desafíos aos que se debe enfrontar a lingua galega: a transmisión interxeracional, o perigo da extinción dixital e a integración de poboacións migrantes con diferentes linguas e culturas. O prazo de matrícula estará aberto entre o 15 de maio e o 28 de xuño de 2024.

Para ampliar información sobre o programa ou os trámites de matrícula, preme aquí.
15/05/2024. OUTRAS

O CCG publica unha obra colectiva en homenaxe a Luísa Villalta

No marco do seu programa de actividades de conmemoración das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta a obra Luísa Villalta: entender para vivir, na que, baixo a coordinación de Dolores Vilavedra, unha selección de quince persoas de referencia no ámbito cultural galego dialogan coa autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas e coa súa obra. A maiores, reprodúcese un caligrama que a propia Luísa Villalta lle dedicou a Francisco Pillado e, como material anexo, inclúese unha lámina ilustrada, realizada para a ocasión por Ana Pillado.

No especial web que o CCG elaborou con motivo do Día das Letras Galegas 2024 atoparás máis información e documentación de interese.
14/05/2024. DINAMIZACIóN

A USC aproba o seu Plan de Accións de Normalización Lingüística para o período 2024-2026

O Claustro da Universidade de Santiago de Compostela aprobou o seu novo Plan de Accións de Normalización Lingüística para o período 2024-2026. O documento, elaborado en estreita colaboración coas comisións de normalización lingüística dos centros, inclúe 31 accións normalizadoras que serán implementadas en catro eixos de intervención: xestión, docencia, investigación e proxección. No que respecta ao ámbito concreto da docencia, o compromiso da USC é acadar un terzo da docencia en galego no ano 2026.

No Xornal da USC podes ampliar información sobre esta iniciativa.
13/05/2024. DINAMIZACIóN

13 institutos da Costa da Morte celebran cunha gala o peche da campaña “Falemos + galego”

O 20 de xuño de 2024, a partir das 10:00 h, terá lugar en Cee a gala coa que 13 centros de educación secundaria da Costa da Morte porán o peche á campaña de dinamización lingüística “Falemos + galego”, que levan desenvolvendo conxuntamente desde o pasado mes de marzo. O obxectivo é incrementar o uso do noso idioma entre a mocidade amosando o orgullo de pertencer á Costa da Morte, unha comarca na que o uso do galego está asentado entre a poboación como lingua habitual.
Ao abeiro desta iniciativa, durante estes últimos meses organizouse un certame para seleccionar os mellores lemas, logotipos e vídeos promocionais da campaña. A proposta gañadora darase a coñecer na gala do vindeiro 20 de xuño, na que tamén participarán a actriz e poeta María Lado, e o músico, escritor e docente Xurxo Souto. Así mesmo, o alumnado asistente poderá gozar das actuacións musicais do grupo Malleira, da artista Antía Muíño e do dúo Caamaño&Ameixeiras. Colaborarán na animación do acto o alumnado do IES Fernando Blanco, que organizará unha batucada, e o grupo de gaiteiros e gaiteiras do IES Maximino Romero de Lema.

No xornal Que pasa na Costa tes toda a información sobre esta iniciativa.
13/05/2024. AXUDAS E PREMIOS

Resolto o III Premio Xurídico de Investigación en Lingua Galega Xosé Luís Franco Grande

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo deu a coñecer os nomes das persoas premiadas na terceira edición do Premio Xosé Luís Franco Grande.

Aínda que os galardóns serán entregados nos actos de graduación de Dereito da Universidade de Vigo, publicáronse como parte dos seus actos de celebración do Día das Letras Galegas. Consulta a información detallada aquí.
13/05/2024. DINAMIZACIóN

As asociacións veciñais de Bugallido, Ames, organizan A Carballeira das Letras

Agrupacións veciñais, culturais ou agrarias, cunha extensa tradición de iniciativas de dinamización do ámbito rural, convídannos a participar o 17 de maio na Carballeira das Letras. Unha acción colectiva na que coflúen música, lingua, arte, pobo e celebración.

A xornada terá lugar na carballeira de Bugallido e ofrecerá interpretacións musicais, obradoiros sobre Luísa Villalta, un xantar campestre con foliada e a gravación dunha flashmob baseada nunha canción de Guadi Galego como fin de festa.

Podes ampliar esta información nas súas redes sociais.
10/05/2024. DINAMIZACIóN

Aberto o prazo de inscrición na X Carreira Camiño das Letras

Xurdir, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza a décima edición da Carreira Camiño das Letras, que vai ter lugar o 17 de maio de 2024 en Santiago de Compostela, co obxectivo de conmemorar o Día das Letras Galegas a través da práctica deportiva, sumando ao mesmo tempo o simbolismo do Camiño de Santiago.

A carreira constará de dúas probas absolutas (de 15 e 5 km) na que poderán participar atletas federados e non federados (estes últimos correrán coa licenza de día da Federación Galega de Atletismo). A maiores, organizaranse tamén carreiras para as distintas categorías “escolares” (de sub6 a sub16) por un circuíto da Cidade da Cultura. Todos os participantes recibirán un libro de agasallo e mais o diploma Camiño das Letras. Os/as gañadores/as tamén recibirán un lote de libros e mais o seu correspondente trofeo.

A inscrición estará aberta ata o martes 14 de maio. Para ampliar información sobre o regulamento das probas e mais os trámites de inscrición, preme aquí.
08/05/2024. DINAMIZACIóN

A RAG celebrará o acto central das Letras Galegas na Coruña, cidade natal de Luísa Villalta

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, ás 12:30 h, terá lugar no Teatro Rosalía de Castro da Coruña a sesión extraordinaria e pública que a Real Academia Galega celebra este ano en homenaxe a Luísa Villalta. No acto intervirán os/as académicos/as Ana Romaní, Margarita Ledo Andión e Euloxio R. Ruibal, ademais do presidente da institución, Víctor F. Freixanes.

As persoas que non poidan asistir presencialmente poderán ver a emisión en directo desde a páxina web academia.gal.