Novas da lingua

Rexistros751 a 780 de 5153
26/02/2024. DINAMIZACIóN

Volve Lingua de Namorar, o concurso en liña de mensaxes de amor

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia convocan unha nova edición de Lingua de Namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega, dirixido á mocidade e pensado para dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e nas novas tecnoloxías.

As bases establecen 3 categorías: A (persoas de 14 a 19 anos); B (persoas de 20 a 35 anos) e C (persoas de 14 a 35 anos, só para Instagram). Outorgaranse tres premios en cada unha das categorías A e B (1º- patinete eléctrico; 2º- altofalante bluetooth JBL; 3º. cascos sen fíos), e un único premio na categoría C (patinete eléctrico).

O prazo para enviar as mensaxes remata o 1 de abril de 2024.

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
23/02/2024. DINAMIZACIóN

Santiago e Padrón acollen os actos centrais do Día de Rosalía 2024

Institucións, entidades culturais e centros educativos do país conmemoran hoxe, 23 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro, e nesta edición de 2024 Padrón e Santiago de Compostela acollerán os principais actos institucionais desta homenaxe colectiva dedicada á escritora que se converteu nun dos principais símbolos da lingua e a cultura galegas.

A Fundación Rosalía de Castro, en colaboración coa a Xunta de Galicia, o Concello de Padrón, o Concello de Santiago de Compostela, a Asociación Raigame, a Asociación de Hostelería Compostela, Hostalaría.gal, o Hostal dos Reis Católicos e a Asociación de Gaiteiros Galegos, organizou un programa de actividades que se desenvolverán en Padrón e Santiago de Compostela ao longo de toda a xornada do 23 de febreiro. O acto institucional central terá lugar no Hostal dos Reis Católicos, ás 12:00 h, cunha lectura de poemas rosalianos, música e degustación do Caldo de Gloria.

Pola súa parte, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co apoio de CEDRO, tamén celebra este 23 de febreiro actos na Coruña, Vigo e Lugo, mais o seu acto central conmemorativo terá lugar o sábado 24 de febreiro, ás 12:00 h, no Panteón de Galegos Ilustres (Santiago de Compostela), no que se fará unha lectura pública de fragmentos da obra rosaliana e mais do Manifesto da AELG, asinado este ano por Carlos Callón. No web da AELG podes consultar o seu programa completo de actividades.
22/02/2024. DINAMIZACIóN

Os neofalantes do IES Marco do Camballón cóntannos a súa experiencia co idioma galego

O Clube da Lingua do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) presenta a peza audiovisual Neofalantes, unha pílula lingüística na que alumnado e profesorado do centro de procedencia moi variada (Marrocos, Inglaterra, Venezuela, China, Andalucía, Asturias, Romanía...) explican a súa experiencia vital co idioma galego. O obxectivo é dobre, por un lado preténdese demostrar que noso idioma pode ser unha importante ferramenta de integración para o alumnado que procede de fóra de Galicia e por outro quérese animar aos falantes habituais de galego para que lles falen neste idioma aos novos/as compañeiros/as, porque é o único xeito de que estes poidan melloraren a súa competencia lingüística.

Este traballo enmárcase no Proxecto Matrix, que procura animar a falar galego ao alumnado non galegofalante inicial e reflexionar sobre os distintos tipos de falantes; e mais na campaña “Aquí tamén se fala", deseñada para que o propio alumnado teña un rol activo na normalización lingüística da súa contorna.
22/02/2024. DINAMIZACIóN

A segunda edición do certame “Petiscos de ciencia” xa ten gañadores

Onte, 21 de febreiro, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC fixo entrega dos premios da segunda edición do certame “Petiscos de ciencia”, deseñado para fomentar a creación de recursos audiovisuais en lingua galega de temática científica.

Nesta edición de 2023, o primeiro premio foi para o traballo O efecto Tyndall, presentado por Diego Lois Ojea, do IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda. Así mesmo, o traballo Neutrinos, presentado por Nuria Castro González, Alejandra Chamorro García e Xiomara Silva Vázquez, do IES Laxeiro de Lalín, foi galardoado co segundo premio.
22/02/2024. INVESTIGACIóN

A RAG compila en dous volumes os discursos e ideoloxías sobre a lingua do período 1916-1936

A Real Academia Galega presenta a obra Ideas, propostas e debates sobre a lingua (1916-1936), publicada en dous volumes coa edición literaria de Henrique Monteagudo, Nélida Cosme e Mª Dolores Sánchez Vales. A obra compila máis dun cento de textos relevantes sobre o idioma galego publicados en libros, opúsculos e distintas publicacións periódicas durante o período 1916-1936, dúas décadas protagonizadas pola actividade das Irmandades da Fala, Nós e o Seminario de Estudos Galegos.

Os dous volumes están accesibles de balde na páxina web da RAG:
-Ideas, propostas e debates sobre a lingua (1916-1936): 1. Lingua nacional, idioma moderno
-Ideas, propostas e debates sobre a lingua (1916-1936): 2. A demanda da norma

Podes atopar máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
22/02/2024. CURSOS E CONGRESOS

A USC convoca unha nova edición do curso de habilidades comunicativas

O Servizo de Normalización Lingüística da USC abre a matrícula da 2ª convocatoria do período lectivo 2023-2024 do Curso de habilidades comunicativas, dirixido a alumnado que vai redactar ou defender en galego traballos académicos de curso, traballos de fin de grao, traballos de fin de mestrado ou teses. O curso (que se desenvolverá ao longo dos meses de febreiro, marzo e abril de 2024) pode realizarse de xeito completo ou por módulos: A redacción científica, Falar en público e Presentacións dixitais eficientes.

Máis información sobre os contidos de cada módulo e os prazos de matrícula na súa páxina web.
21/02/2024. AXUDAS E PREMIOS

XV Premio Rosalía de Castro de Lingua

A Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca unha nova edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua, que ten como obxectivo recoñecer iniciativas de normalización lingüística ou traxectorias de persoas, colectivos e entidades que destaquen polo seu compromiso coa promoción e dignificación do idioma galego. Establécense tres categorías: unha para recoñecer o labor daquelas persoas que máis destaquen na promoción da lingua galega de calidade e cunha identidade propia e unhas características xenuínas para empregala en todos os estratos sociais; outra para a entidade que máis destaque na promoción do galego; e unha terceira para o proxecto de dinamización lingüística que estea dirixido especificamente aos sectores de menor idade (infancia e mocidade) e que atenda espazos emerxentes do uso da lingua. A dotación económica do premio é de 5.000 euros para cada unha das categorías. O prazo de presentación de candidaturas publicarase no anuncio de publicación da convocatoria elaborado a través do Sistema Nacional de Publicación de Subvencións, e rematará ás 14:00 h do 30 de abril de 2024.

Para consultar o texto coas bases completas deste premio, preme aquí.
21/02/2024. DINAMIZACIóN

A UNESCO conmemora hoxe o Día Internacional da Lingua Materna

Hoxe, 21 de febreiro, conmemórase o Día Internacional da Lingua Materna, unha celebración instaurada pola UNESCO en 1999 para festexar a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta. "Educación multilingüe: un piar da aprendizaxe interxeracional" será o eixo temático das actividades organizadas neste 2024.

Desde o CDSG convidámoste a visitar a selección temática “Día da Lingua Materna”, onde atoparás unha ducia de recursos audiovisuais de temática lingüística extraídos de Proxector.
19/02/2024. AXUDAS E PREMIOS

Canles gañadoras dos Premios Youtubeiras 2023

O pasado sábado, 17 de febreiro de 2024, tivo lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela a gala dos sétimos Premios Yoububeiras e estas foron as canles gañadoras da edición de 2023: “OU ké! ” (Premio Canle), “Recuncho Gamer” (Premio Youtubeira), “O Faiado Podcast” (Premio Youtubeira Revelación), “Unha fin de semana en Londres” da canle “todomalva Gz” (Premio Vídeo), “olaxonmario (Premio Calidade Lingüística), “Fica coa Bola” (Premio Pioneiro), “Youtube en galego” (Premio Rede), e “Savia Nova” (Premio do Público).

Os Premios Youtubeiras están organizados polos servizos de normalización lingüística de nove concellos galegos, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, para fomentar a produción de contidos en galego en Internet e darlle visibilidade á comunidade youtubeira.
19/02/2024. DINAMIZACIóN

Xornada 'Contar a ciencia desde nós'

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC conmemora o Día Internacional da Lingua Materna organizando a xornada 'Contar a ciencia desde nós'.

Esta sesión, que terá lugar o 21 de febreiro de 2024, ás 12 h, no salón de actos da Facultade, pon o foco na importancia de formar en ciencia nas linguas maternas, tanto en contextos formais -o ensino- coma nos informais -a divulgación científica.

Para coñecer a iniciativa en detalle, consulta o programa.
19/02/2024. DINAMIZACIóN

Acordo entre a Federación de Cineclubs de Galicia e Agadic para a difusión de produción cinematográfica

A Axencia Galega das Industrias Culturais e a Federación de Cineclubs de Galicia (Feciga) renovaron o convenio de colaboración que veñen mantendo co obxecto de apoiar a proxección de películas nas 14 localidades onde teñen as súas sedes os espazos integrados no colectivo, así como a ampliación das programacións estendidas da Filmoteca de Galicia. En 2024, concretarase en 19 ciclos e sete semanas de cine nos cineclubs Pontevedra, Lumière de Vigo, Adega de Vilagarcía de Arousa, Cangas, Poleiro de Goián, Bueu, Padre Feijoo de Ourense, Groucho Marx do Barco de Valdeorras, O Carballiño, Valle-Inclán de Lugo, Val Miñor de Nigrán, Serie B de Narón, O Acomodador de Allariz e Os Papeiros de Chantada.

Na programación ofrecerase unha escolma representativa da programación da Filmoteca de Galicia do último ano, da que un mínimo do 20% dos programas corresponderá á produción galega máis recente.

16/02/2024. DINAMIZACIóN

Chega unha nova edición do Festival Rosalía cun grande atrevemento

A Deputación da Coruña e o Concello de Santiago presentaron o programa da sexta edición do Festival Rosalía, deseñado para “pór en valor a diversidade e a calidade da creación artística da nosa lingua e as novas dimensións que se lles outorga desde diferentes disciplinas tanto á figura de Rosalía como ao noso idioma”. Baixo o lema Un grande atrevemento, as rúas de Compostela encheranse de poesía, teatro, música, artesanía e narración oral durante os vindeiros días 23 e 24 de febreiro.

Se o precisas, podes atopar máis información sobre esta iniciativa tanto na páxina web do Concello de Santiago como na da Deputación da Coruña.
16/02/2024. INVESTIGACIóN

Presentación pública do volume Toponimia de Antas de Ulla

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica presentan o volume Toponimia de Antas de Ulla, unha obra de Andrea Santiso Arias que indaga na orixe e o significado de 163 topónimos deste municipio lugués. A presentación pública terá lugar hoxe, 16 de febreiro de 2024, ás 18:30 h na Casa da Cultura de Antas de Ulla. No acto intervirán Andrea Santiso (autora do volume), Víctor F. Freixanes (presidente da RAG), Antón Santamarina (coordinador do Seminario de Onomástica da RAG), Ana Boullón (representante da Asociación Galega de Onomástica) e Pilar García Porto (alcaldesa de Antas de Ulla).

Este traballo, accesible en liña en formato dixital, intégrase na colección Terra Nomeada, creada para recompilar e estudar os nomes de lugar habitados e algúns dos principais accidentes xeográficos dos concellos de Galicia.
16/02/2024. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de acollemento lingüístico no Concello de Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza un obradoiro de acollemento lingüístico dirixido a persoas de fóra de Galicia que queiran achegarse á lingua e cultura galegas. As sesións comezarán en marzo, todos os martes e xoves de 18:00 h a 19:30 h, no centro social Escola de Arrabaldes, na Milagrosa. As persoas interesadas poden inscribirse ao longo deste mes de febreiro enviando un correo electrónico a snl@carballo.gal no que indiquen o seu nome e apelidos e mais un teléfono de contacto.
16/02/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos preparatorios para obter os Celga 2, 3 e 4

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados dos niveis Celga 2, Celga 3 e Celga 4. A oferta inclúe tanto cursos na modalidade presencial como na modalidade en liña, que poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2024.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/02/2024. DINAMIZACIóN

O Concello da Coruña presenta a programación de Apego do primeiro semestre de 2024

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña presentou o programa das actividades (contos, música, teatro, obradoiros didácticos....) que se van desenvolver na cidade durante este primeiro semestre de 2024 no marco do proxecto Apego, dirixido a familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos.

As actividades desenvolveranse na aula 8 ou no auditorio do Centro Ágora. Podes obter máis información sobre o programa e mais os trámites de inscrición premendo aquí.
14/02/2024. EMPREGO

Prazas para profesorado de Lingua Galega e Literatura no ensino secundario

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica a convocatoria do procedemento selectivo para ingreso e acceso aos diferentes corpos de inspectores de ensino, profesores e mestres. Entre as prazas ofertadas para o corpo de profesores de ensino secundario inclúense 80 para a especialidade de “Lingua Galega e Literatura”. Así mesmo, ofértanse 7 prazas para a especialidade de “Galego” no corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas. O proceso de selección será o de concurso-oposición.

O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
13/02/2024. DINAMIZACIóN

Xa podes conseguir as entradas da gala dos Premios Youtubeiras 2023

O vindeiro sábado 17 de febreiro de 2024, a partir das 20:00 h, terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela a gala na que se darán a coñecer os/as gañadores/as dos Premios Yoububeiras 2023. O evento será conducido por Nuria Vil e Gabri Fuentes e contará coa actuación musical de Mondra.
A asistencia é gratuíta, mais cómpre retirar previamente as entradas. Podes facelo entre o 13 e o 17 de febreiro na zona C do Teatro Principal de Santiago de Compostela ou na billeteira do teatro unha hora antes do evento.

Para ampliar información, preme aquí.
09/02/2024. INVESTIGACIóN

As científicas da UDC convidan o alumnado de primaria e secundaria a pescudar con elas

A Unidade de Divulgación Científica e Cultural da Universidade da Coruña presenta unha nova edición da súa iniciativa Atrévete a pescudar con elas!, coa que quere celebrar o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia 2024. No marco deste iniciativa elaboráronse dúas pezas audiovisuais, unha dirixida a alumnado de educación primaria e outra a alumnado de educación secundaria) onde diferentes investigadoras desta universidade nos contan cal foi a súa traxectoria científica e vital, así coma os seus logros profesionais, co ánimo de incentivar o interese pola profesión investigadora e científica.

O alumnado pode dialogar coas mulleres científicas que protagonizan os vídeos enviándolles as súas preguntas, antes do 31 de marzo de 2024, a través deste formulario. Entre os/as participantes sortearase unha visita a algún dos centros do Parque Tecnolóxico da UDC.
09/02/2024. INVESTIGACIóN

Investígase o uso do galego en Instagram

Lisamaria Fabro, alumna de mestrado na Universidade de Heildeberg, está a realizar unha investigación sobre o uso do galego en Instagram. O obxecto, segundo ela mesma indica, é "analizar as prácticas lingüísticas na era dixital e contribuír ao enriquecemento da nosa comprensión sobre a presenza do galego en liña".

Podes colaborar no estudo cubrindo esta enquisa.
08/02/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación en lingua galega na Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo publica a convocatoria de cursos de formación en lingua galega do segundo cuadrimestre do curso académico 2023/2024, dirixidos á comunidade universitaria e organizados pola Área de Normalización Lingüística. Os cursos ofertados son os seguintes: Curso de iniciación á lingua galega (40 h); A calidade lingüística no teu TFG ou TFM (30 h); Avanza co galego (40 h); Curso de linguaxe administrativa e xurídica (40 h); Os erros máis frecuentes na lingua galega (30 h); Escribir en internet (30 h).

As sesións desenvolveranse durante os meses de marzo, abril e maio de 2024, na modalidade en liña. O prazo de inscrición remata o 23 de febreiro de 2024, e os trámites deben facerse a través da plataforma virtual https://bubela.uvigo.es.
08/02/2024. DINAMIZACIóN

Aberto o prazo de inscrición para o certame Ciencia Calidade 2024

As divulgadoras científicas Andrea Muras e Eva Cabanelas, co apoio da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica, organizan a terceira edición de Ciencia Calidade, un concurso de monólogos científicos en lingua galega que ten como obxectivos fomentar a divulgación en galego e contribuír á formación dos divulgadores/as científicos/as que apostan polo noso idioma. Os monólogos deben ser en galego, ter unha duración de 3 minutos e tratar un tema científico (ciencias puras, ciencias sociais, historia...). O prazo de inscrición remata o 31 de marzo de 2024. En outubro, os participantes seleccionados terán a oportunidade de asistir a unha xornada de formación. O certame terá lugar o 2 de novembro de 2024 na Domus (A Coruña).

Podes acceder ao formulario de inscrición premendo aquí.
07/02/2024. OUTRAS

Campaña Celebrarmos Rosalía: leva a túa escolma da súa obra pola compra dun libro en galego

Aproxímase o 23 de febreiro, Día de Rosalía, e xa coñecemos a programación de 2024. Como novidade, xunto ás alboradas, o Caldo de Gloria, os actos literarios e as numerosas actividades previstas en centros educativos e culturais, xorde unha campaña para animar a lectura en lingua galega.

A quen merque un libro en galego entre o 6 de febreiro e o 3 de marzo nas librerías da Federación de Librarías de Galicia, a Casa de Rosalía e a Fundación Xistral, coa colaboración da Xunta de Galicia, entregaralle como agasallo un dos 20 000 exemplares da escolma da súa obra Celebrarmos Rosalía, edición feita por Anxo Angueira.

07/02/2024. DINAMIZACIóN

10ª edición do Festival Converxencias Portugal-Galicia

O grupo Canto D´Aquí e o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho xúntanse, un ano máis, para homenaxear a Rosalía de Castro e a Zeca Afonso durante un mes de ampla programación cultural no Festival Converxencias Portugal-Galicia.

Entre o 3 de febreiro ao 9 de marzo, Braga, Ponteareas, A Estrada, Padrón e Santiago de Compostela uniranse a través da música, a danza, o teatro e a literatura. Consulta no programa as datas e lugares de realización de cada actividade concreta.

07/02/2024. OUTRAS

Estrea de O diamante galego o 14 de febreiro

A Associaçom Galega da Língua, co apoio da Deputación da Coruña e a produción de Nós TV, presenta o documental O diamante galego. Trátase dunha proposta centrada nas relacións económicas galego-portuguesas na que participan expertas e expertos das áreas institucional, empresarial, política ou económica.

A estrea vai ser o 14 de febreiro, ás 19 h, na Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela. Aquí tes o trailer e máis información sobre os seus protagonistas.
05/02/2024. INVESTIGACIóN

Presentación do terceiro volume de Papés d'emprenta condenada

O vindeiro mércores 7 de febreiro de 2024, ás 11: 00 h, terá lugar na biblioteca do Consello da Cultura Galega (CCG) a presentación pública da obra Papés d'emprenta condenada (III). Novos textos, reflexións finais, editada por Ramón Mariño Paz e Damián Suárez Vázquez. No acto de presentación intervirán os dous editores da publicación e mais Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega.

Na páxina web do CCG podes consultar os volumes anteriores da colección: Papés d'emprenta condenada (I) e Papés d'emprenta condenada (II).
02/02/2024. DINAMIZACIóN

O alumnado de Cedeira encherá de literatura en galego os espazos públicos do concello

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Cedeira presenta o proxecto “Literarrúa”, que desenvolverá en colaboración cos equipos de dinamización da lingua galega do CEIP Nicolás do Río e mais do IES Punta Candieira. No marco desta iniciativa o alumnado seleccionará aqueles textos literarios (poesía ou prosa) que mellor concorden con cada lugar, tendo en conta a súa toponimia ou a súa historia en xeral. Unha vez feita a selección dos textos, elixirase a mellor maneira de plasmalos nos diferentes espazos públicos escollidos (nunha placa, pintados nunha parede ou no chan...)

Na páxina web do Concello de Cedeira tes máis información sobre esta iniciativa.
02/02/2024. DINAMIZACIóN

A celebración do Día dos Medios en Galego comeza este sábado na Estrada

Como en anos anteriores, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) conmemora o Día dos Medios en Galego o 7 de febreiro, día no que saíu por primeira vez á rúa, no ano 1976, o xornal O Tío Marcos d´A Portela (primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega).
Neste 2024 o programa de actividades inclúe diferentes rutas xornalísticas que se desenvolverán en varias vilas galegas. A primeira delas terá lugar mañá, sábado 3 de febreiro, no Concello da Estrada, e comezará ás 12:00 h na Praza da Música, nos estudos de Radio Estrada. No Xornal da Estrada podes consultar o programa completo desta primeira ruta.

Na páxina web da AMEGA podes manterte ao día sobre o resto das actividades conmemorativas.
02/02/2024. DINAMIZACIóN

A Deputación de Pontevedra convoca o Programa “+Música” de apoio á programación artística profesional en galego

A Deputación de Pontevedra publica no BOP do 2 de febreiro de 2024 as bases reguladoras e mais a convocatoria do Programa “+Música” de apoio á programación artística profesional en galego nos concellos da provincia de Pontevedra. Así mesmo, créase o Catálogo +Música, como o inventario de grupos e artistas profesionais de música que realizan as súas actuacións ou os seus concertos en lingua galega ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega. Neste catálogo incorporaranse de oficio todos os grupos e artistas actualmente inscritos no Catálogo de grupos Musigal.

O programa “+Música” está dirixido aos concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes, que poderán solicitar unha actuación dalgún dos grupos incluídos no Catálogo +Música, dirixida ao público en xeral e de entrada libre, para desenvolverse entre o 1 de maio e o 31 de decembro do 2024.

O prazo de presentación de solicitudes de actuacións por parte dos concellos interesados estará aberto desde o 1 ata o 15 de marzo de 2024, os dous incluídos.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
01/02/2024. CURSOS E CONGRESOS

Curso para mellorar a competencia lingüística en galego para docentes

CIG-Ensino e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) organizan un Curso para mellorar a competencia lingüística en galego para docentes, que será impartido, na modalidade de teleformación, pola docente Marta Dacosta Alonso. As sesións desenvolveranse entre o 2 e o 29 de febreiro de 2024.
Podes matricularte cubrindo este formulario.