Nos primeiros anos deste século a Comisión Técnica de Prensa Histórica do Consello da Cultura Galega impulsou un proxecto de investigación que tiña o obxectivo de reunir nun volume todos os textos conservados, manuscritos ou impresos, que se escribiron en galego entre 1797 e 1846, coa exclusión dos vilancicos mindonienses por constituíren un xénero singular que requiriría unha aproximación particular que xa realizara con brillantez Carlos Villanueva. Se 1797 fora o ano en que Manuel Pardo de Andrade, un dos xornalistas e escritores máis activos e fecundos daquela época, puxo en letras de molde no Diario de Madrid o seu primeiro poema en galego, en 1846 produciuse o frustrado levantamento progresista e provincialista contra o Goberno moderado de Narváez, nun momento en que a prensa galega estaba desenvolvendo xa un proceso transformador que a levaría a dar máis peso aos contidos informativos ca aos ideolóxicos e tamén a dar máis cabida aos versos en lingua galega dos poetas da primeira xeración provincialista.
En 2008 deuse a coñecer a primeira entrega deste proxecto, que acabamos bautizando co nome de Papés d’emprenta condenada, tomado dun breve artigo que Manuel Freire Castrillón deu ao prelo en 1813. Novos textos e outras informacións enriqueceron o catálogo inicial en 2012. Agora, en 2023, ofrécense á comunidade científica interesada outros doce papeis novos —once impresos e un manuscrito—, tres primeiras edicións das que nada se sabía con anterioridade e outros materiais recentemente descubertos. O libro complétase cun estudo de conxunto sobre toda a produción reunida nos Papés e cunha «Cronoloxía dos textos escritos en galego entre 1797 e 1846» que permite reconstruír, con moitos máis nomes, datas e datos ca os que ata non hai moito se coñecían, a ponte que une Martín Sarmiento e Diego Cernadas con Xoán Manuel Pintos e Rosalía de Castro.

[Data da nota de prensa: febreiro 2024]
Título | Papés d’emprenta condenada (v. III) Novos textos, reflexións finais |
Edición |
Ramón Mariño Paz Damián Suárez Vázquez |
Publicación | Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; Instituto da Lingua Galega, 2024 |
Edición | 1ª edición |
Descrición física | 556 p; 24 cm. |
Notas | Este libro insírese no marco do proxecto de investigación denominado Diccionario histórico y etimológico de la lengua gallega (I): preparación de recursos, diseño y test inicial (PID2019-105411GB-I00), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España. Contén: PRESENTACIÓN (p.6).- I. NOVOS PAPÉS (p. 15) .- II. OS PAPÉS E O PRERREXURDIMENTO GALEGO (p.119).- III. CRONOLOXÍA DOS TEXTOS ESCRITOS EN GALEGO ENTRE 1797 E 1846 (p. 215).- IV. BIBLIOGRAFÍA (p. 245) Obra completa en 3 v.: Volume I. A escrita galega entre 1797 e 1846/ Ramón Mariño Paz (ed.). (Colección Base) Volume II. Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea / Ramón Mariño Paz, editor. -- (Ensaio & investigación) |
ISBN | 978-84-17802-61-5 |
Depósito Legal | C 24-2024 |
Url externa | Catálogo RBG |
Colección | Ensaio & Investigación |
Evento |
Presentación. Papés d'emprenta condenada (III). Novos textos, reflexións finais. 7/2/2024. Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela |
Materias | |
Áreas | |
Código QR |
|
Gabinete de comunicación
O Consello da Cultura Galega pecha a colección Papés d'emprenta condenada con 69 novos textos do século XIX en lingua galega [Data da nota: 7/2/2024].