Novas da lingua

Rexistros1351 a 1380 de 5145
07/06/2022. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega para o persoal da seguridade pública

A Academia Galega de Seguridade Pública convoca un curso superior e dous cursos medios de linguaxe administrativa galega, dirixidos a policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta Comunidade Autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica). O prazo de presentación de solicitudes remata o 23 de xuño de 2022. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
07/06/2022. AXUDAS E PREMIOS

A Fundación Lois Peña Novo premia o traballo de Rodrigo Romaní, María Luisa Castro e Nova Escola Galega

O xurado dos Premios Lois Peña Novo fixo públicos os/as galardoados/as da edición de 2022, en recoñecemento ao seu traballo de normalización do galego no eido das administracións públicas e da vida institucional de Galicia. Nesta edición os/as premiados/as son o músico Rodrigo Romaní, a doutora en bioloxía María Luisa Castro e a asociación Nova Escola Galega. O acto público de entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro 30 de xuño en Soutomaior.
07/06/2022. INVESTIGACIóN

Ideas para un plurilingüismo dende o galego

Preséntase Ideas para un plurilingüismo dende o galego no Concello de Ames, un traballo realizado polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, María López-Sandez e Bieito Silva, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Este manual xorde como resposta a demandas realizadas polo profesorado dos centros educativos amesáns durante o proceso de elaboración do Mapa sociolingüístico escolar de Ames. Recolle diagnoses, información sobre o plurilingüismo no mundo e orientacións para traballar nas aulas co galego como eixe vertebrador da diversidade lingüística.
03/06/2022. CURSOS E CONGRESOS

Xornada "Aquí medra a lingua. Experiencias de dinamización do galego no ensino"

O luns 13 de xuño de 2022, o Consello da Cultura Galega organiza a xornada "Aquí medra a lingua. Experiencias de dinamización do galego no ensino". Trátase da presentación dun documental producido a partir da serie de audiovisuais realizados co mesmo nome sobre seis proxectos de centros escolares de Galicia. O encontro servirá tamén para a reflexión sobre prácticas, metodoloxías e formas de avanzar na normalización lingüística desde o ámbito educativo.

Xa está aberta a inscrición. As prazas son limitadas.
03/06/2022. AXUDAS E PREMIOS

Xa está en marcha o premio Youtubeiras 2022

Co lema "Para rede, a nosa!", convócase a 6ª edición do premio Youtubeiras, un certame dirixido a potenciar a creación de vídeos na rede social máis relevante neste ámbito a nivel mundial.

A convocatoria de 2022 vai repartir 7500 € entre oito categorías, ademais de desenvolver paralelamente múltiples actividades de formación e intercambio de experiencias. O prazo para inscribir as canles vai do 27 de setembro de 2022 ao 15 de novembro de 2022 ás 23:59 h. Toda a información e o formulario de inscrición poden consultarse na web oficial.
03/06/2022. CURSOS E CONGRESOS

Nova edición de 'Conexões', encontro da mocidade dos territorios lusófonos

O 17 de xuño de 2022 vai ter lugar na Casa da lusofonía de Vigo un novo colóquio entre xente nova de oito territorios de fala portuguesa ou lusófona. O obxectivo é dinamizar o intercambio lingüístico e cultural para afortalar o coñecemento mutuo entre as diversas comunidades que os integran.

A iniciativa parte da Juventude Unida dos Países de Lingua Portuguesa e nela participa unha representación de Galicia, que se uniu ao proxecto en novembro de 2021.
03/06/2022. AXUDAS E PREMIOS

Resolto o II Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible

Acaban de darse a coñecer os proxectos premiados no II Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible, organizados pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística.

O primeiro premio foi para "Microextracción Dispersiva Líquido-Líquido", de Pamela Cabarcos Fernández e Iván Álvarez Freire. "O futuro está no asombroso tesouro agochado nos refugallos!", de María Celeiro Montero, Aly Castillo Zamora e Laura Rubio Lareu, obtivo o segundo premio e "Química biolóxica ao rescate" o terceiro.
01/06/2022. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese os XIII Premio Rosalía de Castro de Lingua

O xurado do XIII Premio Rosalía de Castro de Lingua anunciou que as persoas, entidades e proxectos galardoados nesta edición son a escritora María Canosa, na categoría de persoas que destacan na promoción da lingua galega de calidade; a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), na categoría de entidades que destacan na promoción do galego; e Brazolinda, na categoría de proxectos de dinamización lingüística dirixidos especificamente aos sectores de menor idade (infancia e mocidade). Este premio está promovido pola Deputación da Coruña e ten como obxectivo recoñecer o labor de persoas, colectivos e entidades que destacan polo seu compromiso coa promoción e dignificación do idioma galego. Podes ampliar información premendo aquí.
31/05/2022. INVESTIGACIóN

O CCG participará na elaboración dun informe bianual sobre as linguas oficiais do Estado

O Consello da Cultura Galega, o Institut Ramon Llull, o Extepare Euskal Institutua e o Instituto Cervantes promoverán, cunha periodicidade bianual, a realización dun informe sobre a situación das linguas oficiais do Estado español. A elaboración deste estudo permitirá obter indicadores estatísticos comúns a todos os idiomas oficiais, o que facilitará a formulación de conclusións conxuntas de carácter propositivo. Así o acordaron o pasado mércores, 25 de maio de 2022, nunha reunión que mantiveron en Santiago de Compostela os/as representantes das citadas institucións. Podes ampliar información premendo aquí.
27/05/2022. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a distribución de audiovisual en galego na provincia da Coruña en 2022

O 31 de maio remata o prazo para presentar solicitudes ao programa de subvencións a empresas audiovisuais para apoiar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia da Coruña durante o ano 2022.

Esta convocatoria contempla dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc. feitas en Galicia) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe); e outra para a distribución en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe) de contidos audiovisuais non galegos.
25/05/2022. EMPREGO

Oferta de traballo para subtitulación de programas de televisión

La Región busca profesionais para a elaboración, corrección e tradución de textos ao galego. As persoas interesadas poden enviar o seu currículo a: producciontv@op.laregion.es.
24/05/2022. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega publica a convocatoria de tres bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta entidade, un deles de perfil lingüístico, ádscrito á Área de Publicacións (1 bolsa). Para optar a esta bolsa cómpre estar en posisión do título de licenciatura ou grao en Filoloxía Galega, Galego-Portuguesa, Lingua e Literatura Galegas, ou titulacións equivalentes. As bolsas finalizarán o 31 de xullo de 2023 e terán unha duración máxima de catorce meses. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
23/05/2022. INVESTIGACIóN

European Lenguage Equality alerta que o galego está lonxe dos obxectivos marcados para 2030 sobre uso en internet e nas tecnoloxías da lingua.

Segundo as conclusións do último estudo de ELE, publicado no mes de febreiro de 2022, existe unha brecha importante co catalán e o éuscaro en canto a presenza na web e no número de produtos e tecnoloxías desenvolvidos en lingua galega, especialmente os relacionados con datos de tipo multimedia ou do ámbito da saúde. Nelas, recóllese tamén a necesidade dun maior interese polas linguas cooficiais en xeral dentro das estratexias do Goberno de España.

Para ampliar a información, consulta o informe sobre a lingua galega.
20/05/2022. OUTRAS

A Fala do Xálima no Festival Internacional de Teatro em Línguas Minoritárias

Barcelos acolle, entre o 10 e o 12 de xuño, o Festival Internacional de Teatro em Línguas Minoritárias. Haberá representacións e debates, co fin de potenciar espazos de expresión e servir de punto de encontro multicultural. Nesta primeira edición, o programa inclúe unha peza na Fala do val do Xálima.
19/05/2022. AXUDAS E PREMIOS

Resolución definitiva das axudas para os SNL municipais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica a resolución definitiva das subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2022. Podes consultar o texto completo da resolución, coa listaxe de entidades beneficiarias, premendo aquí.
18/05/2022. EMPREGO

Ampliación da bolsa de traballo para contratacións como técnico/a de normalización lingüística no Concello de Cedeira

O Concello de Cedeira publica a convocatoria para a ampliación da súa bolsa de traballo para a contratación laboral temporal, ou nomeamentos interinos, como técnico/a de normalización lingüística. O sistema de provisión é un concurso de méritos e mais unha entrevista curricular. Os/as aspirantes deben estar en posesión do grao en Lingua Galega, das licenciaturas en Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), ou calquera outra titulación de grao/licenciatura equivalente (neste último caso, deben acreditar o Celga 5). O prazo de presentación de solicitudes é de dez días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP.
18/05/2022. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en galego de materiais didácticos

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares, realizados en soportes impresos ou dixitais, para niveis non universitarios. As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
18/05/2022. EMPREGO

Elaboración de lista de agarda para contratacións temporais no Centro de Linguas Modernas da USC

A Universidade de Santiago de Compostela publica as bases da convocatoria para elaborar unha listaxe de agarda para cubrir temporalmente postos da categoría profesional técnico/a superior de linguas modernas, perfil galego-portugués (grupo I). O proceso selectivo será o concurso-oposición. Para participar na convocatoria cómpre estar en posesión do título universitario de grao, doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalentes. O prazo de presentación de solicitudes remata o 23 de maio de 2022. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
13/05/2022. DINAMIZACIóN

Ponte… nas ondas! presenta o álbum fotográfico do patrimonio inmaterial galego-portugués

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! presenta o proxecto “Memoria e patrimonio”, un volume de carácter didáctico coordinado por Xerardo Feijoo, que compila 25 fotografías seleccionadas entre as recollidas no certame escolar “As imaxes do patrimonio”. Cada imaxe preséntase acompañada dun texto explicativo redactado polo propio alumnado e mais dunha banda deseñada do ilustrador Andrés Meixide. O obxectivo desta iniciativa, elaborada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022, é difundir entre os centros educativos o patrimonio inmaterial e a memoria compartida que atesouran Galicia e o norte de Portugal.
13/05/2022. DINAMIZACIóN

“Compromiso na distancia”, unha exposición da Xunta de Galicia para coñecer o legado de Florencio Delgado Gurriarán

O pasado luns, 9 de maio, a Xunta de Galicia inaugurou en Valdeorras a mostra “Compromiso na distancia”, un percorrido pola vida e obra do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2022, Florencio Delgado Gurriarán, na que se inclúen fotografías orixinais do seu arquivo familiar. A exposición percorrerá outras nove localidades galegas durante os vindeiros meses, acollida en varios centros da Rede Galega de Bibliotecas de Galicia e concellos da Rede de Dinamización Lingüística. Concretamente, despois de deixar Valdeorras chegará a Santiago de Compostela, A Coruña, Chantada, Vigo, Ourense, O Barco de Valdeorras, Lugo, Pontevedra e Celanova. Para ampliar información preme aquí.
13/05/2022. DINAMIZACIóN

Subscríbete ao galego. Campaña de dinamización do uso do galego en internet

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA), Dinahosting e PuntoGal suman forzas para lanzar a campaña Subscríbete ao galego. Esta iniciativa, destinada a mellorar a presenza da lingua galega nos espazos de información na rede, ofrece de balde un dominio .gal e un aloxamento web para ese dominio durante un ano a quen se subscriba aos medios de comunicación participantes: Nós Diario, Radiofusión, Tempos Novos, Praza, Luzes, O Sil, Revista Mazarelos, Nós TV, O Barbanza e Código Cero. Para favorecerse desta oferta, cómpre realizar a subscrición entre os días 17 e 31 de maio de 2022.
12/05/2022. OUTRAS

A FEGAMP considera necesario normalizar os usos lingüísticos da policía local

Coincidindo coa celebración das Letras Galegas, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) fixo pública unha declaración institucional aprobada pola súa Xunta de Voceiros o pasado 10 de maio de 2022. Neste documento, elaborado a petición da Irmandade Xurídica Galega, a FEGAMP maniféstase a favor do uso do galego como lingua xurídica e administrativa, centrándose concretamente na necesidade de normalizar os usos lingüísticos do persoal da policía local. Podes consultar o texto completo da declaración premendo aquí.
12/05/2022. OUTRAS

A RAG celebrará o acto central das Letras Galegas 2022 en Córgomo

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, a Real Academia Galega celebrará unha sesión extraordinaria e pública dedicada a Florencio Delgado Gurriarán. O acto terá lugar en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), a vila natal do autor homenaxeado, e nel intervirán a académica Rosario Álvarez e os académicos Ramón Villares e Xesús Alonso Montero, así coma o presidente da institución, Víctor F. Freixanes, que será o encargado de pechar a sesión. Igual que aconteceu en anteriores edicións, a sesión poderá seguirse en directo desde o sitio web da RAG.
Podes ampliar información premendo aquí.
12/05/2022. DINAMIZACIóN

Xa podes consultar os vídeos gañadores do concurso “Petiscos de ciencia”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias e mais o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela deron a coñecer os vídeos gañadores e os finalistas do concurso “Petiscos de ciencia”, un certame deseñado para fomentar a creación de recursos audiovisuais para transmitir, desde unha perspectiva didáctica e divulgativa, contidos científicos en lingua galega. Na páxina web do SNL da USC podes consultar todos estes vídeos.

A entrega de premios aos gañadores e de diplomas aos finalistas terá lugar o 20 de maio de 2022, ás 12 horas, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias de Lugo.
11/05/2022. DINAMIZACIóN

O CCG homenaxea con música e poesía a Florencio Delgado Gurriarán

Nas vésperas da celebración do Día das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega presenta as dúas iniciativas centrais do seu programa de homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán. Unha delas é a edición facsimilar do seu Cancioneiro da loita galega, publicado en México en 1943 polo Partido Galeguista. A maiores, o facsímile que agora presenta o CCG conta cun estudo introdutorio de Xesús Alonso Montero e cun apéndice documental de Ricardo Gurriarán. Por outra banda, tamén se celebrará este ano o tradicional Concerto das Letras Galegas, que terá lugar o vindeiro 16 de maio no Teatro Laura Olmo (O Barco de Valdeorras), ás 20:00 horas. O programa desta duodécima edición está deseñado como recoñecemento á persoa de Florencio Delgado Gurriarán e ao colectivo galego de exiliados en México, cunha selección representativa das súas obras. Carme Rodríguez foi nesta ocasión a encargada de compoñer a peza de nova creación, para voz e quinteto de vento, que se estreará o propio día do concerto. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.


09/05/2022. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a tradución do libro galego

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica a convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
05/05/2022. DINAMIZACIóN

O alumnado de Redondela aprende xogando no camiño da lingua

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela botou a andar esta semana o programa “Camiño da lingua”, unha serie de 16 obradoiros de carácter lúdico e didáctico dirixidos ao alumnado dos centros de primaria redondeláns. A través dun xogo de temática lingüística, os nenos e nenas poderán aprender vocabulario galego, refráns, cantigas..., así como achegarse á historia e cultura de Galicia en xeral, e de Redondela en particular. Podes ampliar información premendo aquí.
05/05/2022. DINAMIZACIóN

Semente de brincar. Xogos cantados de Galicia

Semente Compostela ofrécenos unha colección de 20 vídeos breves que recollen xogos tradicionais cantados, como o calacú, a cesta ou que sei onde. Esta iniciativa pretende ofrecerlles ás familias e docentes, desde a recuperación patrimonial, recursos para o lecer e a oralidade en galego.
05/05/2022. OUTRAS

A dobraxe en galego, un modelo de normalización

Recrea films produce este documental no que actrices e actores de dobraxe explícannos as características da súa profesión, conectándoa coa incidencia que ten sobre a lingua galega. Reflexionan sobre o impacto da aparición de series e películas en galego nos anos 80, a fala e a norma ou a relevancia de continuar ofrecendo produtos audiovisuais en galego para fortalecer os usos e as actitudes da mocidade.
04/05/2022. DINAMIZACIóN

Concurso de booktrailers para alumnado de entre 12 e 18 anos

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Pontepedriña de Santiago de Compostela convoca a V edición do seu Concurso de booktrailers. O obxectivo é contribuír á creación e difusión de traballos audiovisuais escolares no ámbito da normalización lingüística e promover a lectura como entretemento entre a mocidade. O prazo de presentación de traballos remata o 20 de maio. Consulta toda a información nas bases do certame.