A Fundación Antonio Fraguas Fraguas convoca a duodécima edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, que ten como obxectivo alentar entre a comunidade escolar a investigación sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico de Galicia. Poden participar todos os centros docentes públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia que impartan ensinanzas de educación primaria, ESO ou bacharelato. Outorgarase un premio de 7.000 euros para o traballo gañador en cada unha das dúas modalidades: ensino primario e ensino secundario. O prazo de presentación de candidaturas remata o 20 de maio de 2022. Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí.
04/03/2022. INVESTIGACIóN
04/03/2022. DINAMIZACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, organiza a décima edición do concurso Explícoche matemáticas 2.0, co obxectivo de promover o uso do galego como medio de transmisión do coñecemento matemático, así como a creatividade do alumnado cos medios audiovisuais. O certame está dirixido ao alumnado das universidades públicas do Estado español, estudantes de 3º e 4º da ESO, de 1º e 2º de Bacharelato e de ciclos de formación profesional dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes. Para participar cómpre realizar un vídeo, dunha duración de entre 1:30 e 2:30 minutos, onde se explique en galego un tema relacionado coas matemáticas. O xurado outorgará un premio de 200 euros en cada unha das dúas categorías do certame. O prazo para enviar os proxectos remata o 31 de marzo de 2022.
04/03/2022. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e a A.C.F. O Fiadeiro organizan un obradoiro de recollida de patrimonio oral, centrado na música popular galega. As sesións, impartidas por Mário Pereiro, terán lugar os días 10, 17, 24 e 31 de marzo de 2022, de 17:00 h a 20:00 h, no Verbum. Podes obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición premendo aquí.
04/03/2022. AXUDAS E PREMIOS
A Universidade de Santiago de Compostela convoca os XVIII Premios á calidade lingüística, unha iniciativa impulsada polo Servizo de Normalización Lingüística co obxectivo de vincular calidade e uso do galego no ámbito académico. Nas bases establécense quince premios que se distribúen en tres categorías: traballos académicos, traballos de fin de grao e traballos de fin de mestrado. A este premio pode optar o alumnado da USC matriculado en titulacións oficiais de grao ou mestrado no curso 2021-2022.
04/03/2022. DINAMIZACIóN
A Mesa pola Normalización Lingüística lanza Pensatermos, a versión galega do exitoso Pauralògic. Trátase dun xogo lingüístico lixeiro, para entreter e fomentar o uso do galego nas redes sociais, no que se reta aos xogadores a contruír palabras de ata sete letras a partir de unha dada. No seu desenvolvemento, A Mesa contou coa colaboración da Real Academia Galega e o Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo.
02/03/2022. DINAMIZACIóN
A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) presenta catro novas pezas audiovisuais da súa colección Dicionarios de ida e volta, que se suman ás seis presentadas en 2020. O obxectivo é difundir a experiencia de persoas migrantes que viven en Galicia, poñendo o foco no poder integrador que ten a lingua galega nas súas vidas. No marco deste proxecto elaboráronse tamén cinco cuñas de radio para difundir as mensaxes que promoven os vídeos e 12 carteis coas imaxes dos protagonistas. Así mesmo, organizaranse dez obradoiros didácticos en diferentes IES de Galicia.
02/03/2022. INVESTIGACIóN
GCiencia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística publican 15 novos capítulos do Dicionario da ciencia, un recurso audiovisual que ten como propósito achegar conceptos científicos ao público xeneralista e promover o uso correcto do galego nun ámbito en que non cabe a ambigüidade e os estranxeirismos tenden a impoñerse. A primeira edición, de 2020, achegounos dez vídeos que podes consultar nesta páxina.
28/02/2022. AXUDAS E PREMIOS
A Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca a décimo terceira edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua, que ten como obxectivo recoñecer iniciativas de normalización lingüística, ou traxectorias de persoas, colectivos e entidades que destaquen polo seu compromiso coa promoción e dignificación do idioma galego. Establécense tres categorías: unha para recoñecer o labor daquela persoa que máis destaque na promoción da lingua galega de calidade; outra para a entidade que máis destaque na promoción do galego; e unha terceira para o proxecto de dinamización lingüística que estea dirixido especificamente aos sectores de menor idade (infancia e mocidade) e que atenda espazos emerxentes do uso da lingua. A dotación económica do premio é de 5.000 euros para cada unha das categorías. O prazo de presentación de candidaturas publicarase no anuncio de publicación da convocatoria elaborado a través do Sistema Nacional de Publicación de Subvencións, e rematará ás 14:00 h do 29 de abril de 2022.
28/02/2022. AXUDAS E PREMIOS
A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo convoca o premio A lingua galega en 2050, co obxectivo de promover a reflexión prospectiva sobre a situación social da lingua galega a mediados do século XXI a partir de propostas ensaísticas, literarias ou de divulgación científica. As persoas premiadas, que deberán ser alumnas da universidade, recibirán 200 euros e verán os seus traballos publicados nun volume colectivo xunto con profesionais recoñecidos no uso ou xestión política do galego. O prazo de presentación de traballos remata o 22 de abril de 2022 ás 14 h.
25/02/2022. AXUDAS E PREMIOS
Hoxe venres, 25 de febreiro de 2022, terá lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, ás 19:00 h, a entrega das Medallas de Honra do Consello da Cultura Galega, unha distinción instaurada en 2018 para recoñecer o labor de persoas que sobresaen polos servizos prestados ao CCG ou á cultura galega en xeral. Nesta edición recibirán o galardón Luís García Montero, actual director do Instituto Cervantes, e Helena González, profesora de literatura galega na Universidade de Barcelona, como recoñecemento ao seu labor de promoción da lingua e cultura galegas no exterior. O acto é de acceso libre e será tamén retransmitido en directo a través da páxina web do CCG. Podes ampliar información premendo aquí.
24/02/2022. INVESTIGACIóN
A Fundación Dr. Antoni Esteve e o TERMCAT presentan o Diccionari multilingüe de la COVID-19: Cinc-cents termes per a entendre la pandemia, unha obra lexicográfica que compila 500 termos relacionados coa COVID-19, coa definición en catalán e os equivalentes en nove linguas, entre elas o galego. De fornecer os termos equivalentes no noso idioma ocupouse o TERMIGAL. A versión impresa está accesible para descarga libre e, se o prefires, tamén podes consultar a obra na súa versión en liña.
21/02/2022. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación de Pontevedra publica as bases das subvencións dirixidas a concellos e outras entidades locais para a creación, mantemento ou reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) municipais durante o ano 2022. Poden optar ás axudas para a creación de SNL os concellos de máis de 5.000 habitantes e de ata un máximo de 50.000 habitantes (así como as agrupacións de concellos, mancomunidades ou as entidades locais menores que cheguen a esa cifra mínima). No caso das axudas para mantemento e reforzo, poderán solicitalas os concellos da provincia de Pontevedra que no momento da publicación da convocatoria teñan creado e en funcionamento un SNL. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
21/02/2022. OUTRAS
A Real Academia Galega ofrece na súa páxina web a edición dixital de dúas novas publicacións dedicadas á toponimia. Trátase de Estudos de Onomástica Galega VI. A onomástica e o Camiño de Santiago e Toponimia de Tordoia.
18/02/2022. EMPREGO
A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en diferentes proxectos de investigación. Entre as prazas ofertadas anúnciase unha para colaborar no Instituto da Lingua Galega, concretamente, no proxecto “Contacto, cambio lingüístico e ideoloxía en contextos de minorización lingüística”. A forma de provisión é o concurso de méritos. A duración do contrato será de seis meses, cunha xornada a tempo parcial (75%). O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 22 de febreiro de 2022. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
18/02/2022. DINAMIZACIóN
O vindeiro 21 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Lingua Materna, unha celebración instaurada pola UNESCO en 1999 para festexar a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta. Neste 2022, o eixo temático elixido para as diferentes actividades é "O uso da tecnoloxía para a aprendizaxe multilingüe: desafíos e oportunidades". Como é costume, a Xunta de Galicia organizará tamén un acto institucional conmemorativo, que nesta edición terá lugar o domingo 20 de febreiro, no Xardín do Teatro da Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela), ás 11:30 horas. O acto contará coa actuación das Tanxugueiras e do grupo infantil Trotaventos.
18/02/2022. AXUDAS E PREMIOS
O día 16 de setembro de 1915 Luís Porteiro Garea pronunciou a primeira lección en galego na Universidade e, para homenaxear a figura deste profesor de dereito civil e membro das Irmandades da Fala, a USC convoca anualmente o Premio Luís Porteiro Garea. Con este galardón, que ten carácter de distinción pública, quérese tamén recoñecer o traballo de persoas, entidades ou colectivos que traballan a prol do uso do galego na universidade. O prazo para presentar as candidaturas desta quinta edición remata o 30 de abril de 2022.
18/02/2022. DINAMIZACIóN
Despois de que a investigadora Sagrario Abelleira acreditase documentalmente que a data real de nacemento de Rosalía de Castro é o 23 de febreiro, as institucións galegas vinculadas á organización do “Día de Rosalía de Castro” acordaron que a partir de agora se celebrará nese día a homenaxe pública. Como en edicións anteriores, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) convida á cidadanía a agasallar ás súas persoas queridas cun libro en galego e unha flor. A maiores, mañá sábado, 19 de febreiro, ás 12:00 h, a AELG celebrará no Panteón de Galegos Ilustres (Santiago de Compostela) o acto central de conmemoración. Outras institucións, entidades culturais e centros de ensino do país tamén están a organizar estes días diferentes actividades. No web da AELG podes ampliar información sobre esta iniciativa.
17/02/2022. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia organizan unha nova edición de Lingua de namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor deseñado para dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en Internet e na mensaxería instantánea. O certame está dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos e os gañadores de cada categoría recibirán diferentes premios tecnolóxicos. O prazo para enviar as mensaxes remata o venres 18 de marzo.
17/02/2022. AXUDAS E PREMIOS
A Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convoca o "I Concurso de vídeos sobre enxeñaría informática e química", co fin de promover o uso do galego entre o alumnado da ETSE, difundir a súa oferta académica e contribuír á divulgación desta área de coñecemento. Pode participar o alumnado actual da ETSE, presentando un vídeo en galego, dun máximo de 3 minutos, de temática xeral sobre algún aspecto ou temática emerxente dos estudos impartidos na ETSE, divulgativos ou proxectos educativos para o ensino secundario. Concederanse catro premios por valor de 325 euros cada un. O prazo de presentación dos traballos remata o 29 de abril de 2022.
17/02/2022. AXUDAS E PREMIOS
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convoca unha nova edición do seu "Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible". Pode participar calquera membro da USC, presentando un vídeo en galego, dun máximo de 3 minutos, sobre unha achega concreta da química sostible na resolución de problemas nos ámbitos da saúde, o ambiente e a industria. O prazo de presentación dos traballos remata o 20 de abril de 2022.
16/02/2022. INVESTIGACIóN
Xa podes consultar en liña a selección documental que elaborou o Consello da Cultura Galega sobre Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022. Neste especial web atoparás a súa entrada biográfica no Álbum de Galicia, un audio sonoro coa participación do autor no programa Poetas de Galicia (RNE, 1968) e unha escolma das súas composicións poéticas publicadas en diferentes revistas ou cabeceiras do exilio.
16/02/2022. OUTRAS
A Consellería de Emprego e Igualdade convoca probas de avaliación en competencias clave, necesarias para o acceso ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional. Entre as competencias clave requiridas para acceder a estes certificados está a “comunicación en lingua galega”. As persoas interesadas en participar nestas probas teñen de prazo para presentar a súa solicitude ata o 7 de abril de 2022. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
16/02/2022. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca unha nova edición deste certame literario que ten como principal obxectivo promover a creatividade en lingua galega. O concurso conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega. O prazo de presentación de orixinais remata o 24 de marzo de 2022. Para consultar as bases completas preme aquí.
16/02/2022. CURSOS E CONGRESOS
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza dous obradoiros de acollemento lingüístico, dirixidos principalmente a persoas adultas procedentes doutras comunidades lingüísticas, mais abertos a calquera persoa adulta que queira iniciarse na aprendizaxe do galego. As sesións terán lugar todos os luns e mércores entre o 2 de marzo e o 1 de xuño de 2022. Podes obter máis información sobre os trámites de inscrición premendo aquí.
14/02/2022. CURSOS E CONGRESOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. A oferta inclúe tanto cursos na modalidade presencial como na modalidade en liña, que poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2022. O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
11/02/2022. AXUDAS E PREMIOS
A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo convoca o I Premio de investigación xurídica en lingua galega, dirixido tanto ao estudantado desta facultade (modalidade B), como ao resto do estudantado do sistema universitario de Galicia e do Estado (modalidade A). Os traballos deberán ser orixinais e estar redactados en lingua galega e poderán tratar de calquera tema do ámbito xurídico. Outorgarase un premio en metálico de 400 euros en cada unha das modalidades, ademais dun diploma acreditativo. O prazo de presentación remata o 20 de abril de 2022. Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
11/02/2022. OUTRAS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presenta os datos sobre os usos lingüísticos docentes no curso 2021-2022, con información detallada segundo o tipo de titulación (grao ou mestrado), o departamento no que se imparte a docencia ou a categoría do profesorado. En termos xerais, actualmente impártese en castelán o 71,54% das horas docentes, en galego o 24,35% e noutros idiomas estranxeiros o 4,12%. Tamén podes consultar a evolución dos usos lingüísticos desde o curso 2003-2004, ano no que o SNL comezou a compilar estes datos. Para ampliar información, preme aquí.
11/02/2022. DINAMIZACIóN
O pasado 3 de febreiro de 2022 tivo lugar, na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, a presentación pública da Iniciativa polo audiovisual en galego, unha plataforma composta por entidades do ámbito académico, profesional, empresarial e lingüístico que reivindica que se recoñezan os dereitos lingüísticos dos galegos e galegas na Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. Na páxina web da Mesa pola Normalización Lingüística podes obter máis información sobre esta plataforma, así como sobre anteriores iniciativas de promoción do galego no ámbito audiovisual.
10/02/2022. INVESTIGACIóN
A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo acaba de presentar tres novas guías didácticas, de carácter práctico, elaboradas co obxectivo de divulgar entre o estudantado de ensino secundario o resultado das investigacións desenvolvidas na UVigo. En concreto, presentáronse os seguintes títulos: Para raros os monolingües. Unha pequena introdución ao bilingüismo; E ti, como repartirías? O pouco ben repartido... e Histoloxía para todos. O Atlas histolóxico da Universidade de Vigo. Estas tres guías súmanse ás outras catro obras, presentadas en xaneiro de 2021, coas que se inaugurou a colección.
10/02/2022. DINAMIZACIóN
Co gallo da celebración este ano do centenario da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela, a Comisión de Normalización Lingüística desta facultade, coa colaboración do SNL da USC, convoca o concurso de vídeos “Petiscos de ciencia”, dirixido a alumnado da ESO, de formación profesional e de bacharelato (categoría A) e calquera membro da USC (categoría B). Os participantes deben elaborar un vídeo en galego de entre 30 e 90 segundos no que se presenten pílulas sobre calquera tema relacionado coa ciencia. Outorgaranse dous premios en cada categoría, un de 500 euros e outro de 200 euros. O prazo para a presentación dos traballos remata o 22 de abril de 2022. Para consultar as bases completas do concurso, preme aquí.

