Novas da lingua

Rexistros1471 a 1500 de 5145
10/02/2022. DINAMIZACIóN

Xa están en liña os vídeos da última edición do LGx15

O pasado 16 de outubro de 2021 celebrouse en Santiago de Compostela a última edición do LGx15, unha iniciativa organizada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, na que diferentes participantes transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego a través de charlas breves e amenas. Nesta ocasión, participaron Alice Piccardi (xornalista), Ana Moreiras (docente e coordinadora de Olloboi), María Vázquez (actriz), Paco Cerdeira Pakolas (músico), Xosé Luís Reza (especialista en márketing) e Agos Reigosa (impulsor de Twich en Galego). Na canle de Youtube da CTNL podes ver todos os vídeos.
10/02/2022. CURSOS E CONGRESOS

Coñecer o patrimonio natural tamén axuda a aprender galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza unha nova edición do Curso de auga doce, deseñado para ampliar o coñecemento da lingua galega (léxico, fraseoloxía, toponimia, lendas...) empregando como fío condutor a relación de Vigo co seu patrimonio cultural e natural. As sesións desenvolveranse en febreiro e marzo de 2022 no edificio Mar de Vigo. Para obter máis información sobre os horarios, os contidos e os trámites de inscrición, preme aquí.

10/02/2022. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxes específicas para o persoal da Administración

A Escola Galega de Administración Pública publica dúas convocatorias de cursos de linguaxes específicas, unha na que se ofertan dous cursos de linguaxe xurídica galega para o persoal da Administración de Xustiza que presta servizos fóra de Galicia, e outra na que se ofertan cursos de linguaxe administrativa e xurídica destinados ao persoal ao servizo das distintas administracións galegas: xeral, local, de Xustiza e universitaria. Todos os cursos desenvolveranse na modalidade de teleformación. En ambas as dúas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de febreiro.

07/02/2022. DINAMIZACIóN

V edición do Concurso de Microrrelatos da RAG e Puntogal

A Real Academia Galega e a Asociación Puntogal convocan a quinta edición do Certame de Microrrelatos, que veñen organizando desde 2018 para reforzar a presenza do idioma galego e da identidade propias no mundo dixital. Os relatos, de temática libre, deberán estar escritos en galego, ser orixinais, inéditos e ter unha extensión máxima de 200 palabras. Establécense tres categorías, segundo a idade dos participantes, e entregaranse tres premios en cada unha das categorías. A maiores, os relatos gañadores serán publicados nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na revista Luzes. O prazo para enviar os textos remata o 28 de febreiro de 2022. A organización deste certame faise coincidir cunha campaña de promoción que permite rexistrar un dominio .gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE. Podes ampliar información premendo aquí.
07/02/2022. EMPREGO

Ábrense listas de substitucións para profesorado de Lingua e Literatura galegas

A Consellería de Educación da Xunta de Galicia convoca un procedemento urxente para elaborar listas de interinidades e substitucións que inclúe, entre outras especialidades, a de Lingua e Literatura galegas. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o martes 8 de febreiro. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
03/02/2022. LEXISLACIóN

O Concello de Cabanas regula os seus usos lingüísticos

No BOP da Coruña do pasado 1 de febreiro de 2022 publícase a Ordenanza municipal de normalización lingüística do Concello de Cabanas, documento no que se recollen as obrigas e liñas de actuación que rexerán os usos lingüísticos tanto deste ente municipal como das empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratadas cando actúen en función desa adxudicación, concesión ou contrato; así como as de explotación mixta. No Kit para a normalización en rede podes consultar a listaxe completa de ordenanzas e regulamentos lingüísticos en vigor na Administración local galega.
02/02/2022. DINAMIZACIóN

AMEGA festexa o Día dos Medios en Galego cunha ruta lingüística

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) organiza a ruta “Compostela e a lingua”, que se desenvolverá o vindeiro sábado 5 de febreiro, a partir das 11:30 h, en Santiago de Compostela. Con esta iniciativa AMEGA quere conmemorar o Día dos Medios en Galego, que se celebra cada 7 de febreiro, día no que saíu por primeira vez á rúa, no ano 1976, o xornal O Tío Marcos d´A Portela (primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega). Na páxina web da AMEGA podes consultar o programa completo da celebración, que neste 2022 leva por lema “Bota a lingua a pacer”.
02/02/2022. DINAMIZACIóN

Comeza a cuarta edición do programa “21 días co galego e +”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) da Xunta de Galicia promove a cuarta edición do programa “21 días co galego e +”, que se inaugurou onte, 1 de febreiro de 2022, e na que participan doce centros de ensino galegos, con alumnado de idades comprendidas entre os 8 e 18 anos. Baixo o lema “Creando en galego no século XXI”, o alumnado adherido a esta iniciativa comprométese nos vindeiros 21 días a falar exclusivamente en galego durante as 24 horas do día, así como a desenvolver diferentes propostas didácticas deseñadas para reflexionar sobre a situación actual do noso idioma.
02/02/2022. DINAMIZACIóN

Nace un novo proxecto web centrado na comunidade neofalante

O grupo de Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presenta o web Neofalantes.gal, un proxecto que ten como obxectivos dinamizar, dignificar e darlle visibilidade á comunidade neofalante. Ademais de difundir contidos de interese relacionados co neofalantismo (información, investigación, formación...), os promotores da iniciativa queren crear novos espazos físicos e virtuais que estimulen a incorporación ao galego de novos falantes, nomeadamente no ámbito universitario. Podes ampliar esta información premendo aquí.
02/02/2022. OUTRAS

Serie audivisual para divulgar a historia dos nomes da terra

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega presenta a serie Os nomes da terra, seis pezas audiovisuais de carácter didáctico, deseñadas co obxectivo de divulgar a orixe e significado do noso rico patrimonio toponímico. Na elaboración destes seis capítulos colaboraron expertos en lingua, pedagoxía e audiovisual, así coma os propios veciños da zona. Cada un deles está centrado nos seguintes nomes de lugar: Barcia de Mera, A Coruña, Oleiros, Arteixo, Marzoa e O Monte Pindo.
02/02/2022. EMPREGO

A Real Academia Galega convoca dous contratos de perfil lingüístico

Trátase de dous contratos eventuais a tempo completo de persoal técnico, para colaborar nos proxectos lexicográficos da Real Academia Galega e na redacción e revisión lingüística e estilística de textos. A duración dos contratos será de seis meses, desde o 14 de marzo ao 13 de setembro de 2022, cun salario bruto de 9.210,40 euros, pagas extraordinarias incluídas. Os/as candidatos/as deben estar en posesión da Licenciatura ou Grao en Filoloxía Galega, Filoloxía Galego-Portuguesa ou titulación equivalente. O prazo de presentación de solicitudes remata o 11 de febreiro de 2022. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.

01/02/2022. OUTRAS

Publicados os mellores traballos fin de grao en galego no ámbito da educación social

A Xunta e o Colexio de Educadores Sociais de Galicia presentaron un volume que compila os traballos premiados na sétima edición do Concurso TFG.eduso, unha iniciativa que recoñece os mellores proxectos de fin de grao arredor da educación social presentados en lingua galega nas universidades públicas de Galicia nos cursos académicos 2018/2019 e 2019/2020. Deste xeito, facilítanselle ao alumnado universitario materias en galego de calidade e grande variedade temática: renda básica, prensa e proxenetismo, xestión cultural no eido local, educación afectivo-sexual, adolescencia ou vellez alén da heteronormatividade. Xa están accesibles as bases correspondentes á 8ª edición.
01/02/2022. AXUDAS E PREMIOS

Vitoria Ogando Valverde e Anxo González Guerra, Premio Cidade de Pontevedra

O Concello de Pontevedra homenaxeou aos dous docentes, que exerceron durante máis de 30 anos neste municipio, recoñecéndoos co galardón ás persoas físicas. No acto, destacouse o seu traballo no ensino e tamén a súa incorporación ao mundo dixital como colaboradores da Galipedia e creadores de galego.eu, remando sempre a favor da lingua do país.
27/01/2022. DINAMIZACIóN

Unidade didáctica sobre o tema Terra das Tanxugueiras

As Tanxugueiras están estes días a participar no “Benidorm Fest” e optan a representar a España no Festival de Eurovisión co seu tema Terra, unha proposta musical que representa o orgullo pola lingua e cultura galegas e que reivindica que para os idiomas non debe haber fronteiras. O profesor Cándido Paniagua Pousa elaborou a unidade didáctica Veñen para quedar, adaptable aos diferentes niveis educativos, que permite traballar contidos de música e sociolingüística nas aulas. Podes descargala premendo aquí.
26/01/2022. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas en Vigo sobre recursos educativos en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza as II Xornadas sobre recursos educativos para traballarmos en galego, dirixidas principalmente ao profesorado de todas as etapas educativas e aos membros dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino de Vigo. O obxectivo é dar a coñecer proxectos ou recursos didácticos que poidan contribuír a normalizar o uso da lingua galega dentro e fóra das aulas. As sesións terán lugar os días 10, 17 e 24 de febreiro de 2022 no Verbum (Vigo). O prazo de inscrición remata o 8 de febreiro. No web do SNL do Concello de Vigo podes consultar o programa completo e mais obter información sobre os trámites de inscrición.
26/01/2022. OUTRAS

Accesible en liña o Boletín de Sumarios do CDSG de 2021

O Boletín de Sumarios 2021 do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) é un produto documental que inclúe os sumarios dos 22 números de publicacións periódicas, correspondentes a 10 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do centro ao longo do ano 2021. Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde este boletín pode accederse directamente aos números completos. Podes consultar a nosa colección completa de seriadas premendo aquí.
26/01/2022. CURSOS E CONGRESOS

Curso de química en galego baseado en prácticas de laboratorio

O grupo de investigación CienciaNosa da USC, coordinado polo profesor Marcelino Maneiro, presenta o curso “Química, unha ciencia experimental”. Trátase do primeiro curso de química en galego accesible en liña, de libre acceso e gratuíto. O programa formativo, cun enfoque experimental baseado en prácticas de laboratorio, estrutúrase en seis temas, que incluén vinte e catro pezas audiovisuais de carácter didáctico. Para ampliar información sobre esta iniciativa preme aquí.
25/01/2022. CURSOS E CONGRESOS

Curso sobre o deseño e desenvolvemento de proxectos de normalización lingüística

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e CIG-Ensino organizan o curso "Deseño e desenvolvemento de proxectos de normalización lingüística", na modalidade de teleformación. O docente é Nel Vidal Barral e as sesións desenvolveranse entre os días 4 e 25 de febreiro de 2022. Para obter máis información sobre os contidos e obxectivos deste curso, preme aquí. Se desexas solicitar praza, podes facelo a través deste formulario.
25/01/2022. INVESTIGACIóN

Estudo toponímico do concello da Pontenova

A Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica presentan o volume Toponimia da Pontenova, autoría da filóloga Xulia Marqués Valea, que recolle a orixe e o posible significado dos nomes das 11 parroquias e 102 entidades de poboación deste concello lugués. O estudo súmase á colección Terra Nomeada, creada para recompilar e estudar os nomes de lugar habitados e algúns dos principais accidentes xeográficos dos concellos de Galicia.
24/01/2022. CURSOS E CONGRESOS

A Mancomunidade de Ordes ofrece dous cursos de lingua galega

O SNL da Mancomunidade de Ordes vai impartir, entre febreiro e maio, dous cursos formativos de lingua galega.
Para inscribirse no primeiro, orientado a acadar un nivel básico en galego, o prazo de inscrición remata o 31 de xaneiro. Para o segundo,
destinado a persoas interesadas na preparación das probas de obtención do Celga 4, o 17 de marzo.
21/01/2022. DINAMIZACIóN

Wordle está en galego

Adiviña a palabra oculta. Un enigma cada día, pistas e 6 intentos para resolvelo. A través desta páxina web, xa podes acceder en galego a un dos xogos con maior éxito deste comezo de ano.

19/01/2022. OUTRAS

Nova etapa de Proxector con máis contidos e novo aspecto gráfico

Convidámoste a visitar o novo sitio web de Proxector, o espazo destinado a compilar, clasificar e difundir audivisuais de apoio á docencia en lingua galega, que xestionamos conxuntamente co SNL da USC. Cunha apariencia gráfica renovada, comezamos esta nova etapa con 600 recursos audivisuais clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados, e o nivel de ensino no que consideramos que poden ser empregados (universitario ou secundario). Tamén inauguramos unha nova sección na que periodicamente ofreceremos seleccións temáticas vinculadas a efemérides, persoeiros ou feitos salientables.Podes ampliar información premendo aquí.
14/01/2022. DINAMIZACIóN

2022 estréase con calendario científico escolar en galego

365 efemérides do ámbito científico e tecnolóxico, acompañadas dunha guía didáctica para o aproveitamento transversal deste recurso educativo nas aulas de primaria e secundaria obrigatoria. Isto é o que nos ofrece a nova edición do Calendario Científico Escolar en galego, froito da colaboración co CSIC da Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña. A edición impresa será distribuída nos centros de ensino. A edición dixital podes descargala aquí.
30/12/2021. DINAMIZACIóN

A Deputación de Pontevedra pon en marcha o Musigal 2022

A Deputación de Pontevedra publica as bases do programa Musigal 2022, deseñado para contribuír á difusión e á promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia de Pontevedra. Ao abeiro deste programa crearase un catálogo de grupos musicais profesionais que fagan música galega e en galego nos seus concertos ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega. Posteriormente, este catálogo ofertaráselles aos concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes para que poidan solicitar a actuación dos grupos. O prazo de presentación de solicitudes de inclusión, baixa ou modificación de datos para os grupos musicais estará aberto do 1 ao 15 de xaneiro de cada ano natural. Os concellos interesados poderán presentar as solicitudes entre o 20 de xaneiro e o 15 de febreiro de 2022. Podes consultar as bases completas do programa premendo aquí.
29/12/2021. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os SNL municipais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica as bases da convocatoria de axudas dirixidas ás entidades locais da provincia, para a creación, mantemento e reforzo dos seus servizos de normalización lingüística (SNL) durante o ano 2022. Poderán participar todos os concellos da provincia da Coruña de 5.000 ou máis habitantes, ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima. Así mesmo, tamén poden solicitar as axudas os concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, mais unicamente para persoal técnico de reforzo do SNL xa creado. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria do BOP da Coruña, e finalizará ás 14.00 horas do vixésimo día natural posterior.
29/12/2021. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego no ensino

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2021/2022; unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada. En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
27/12/2021. OUTRAS

Tanxugueiras é a palabra do ano 2021

O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, acaba de facer público que o termo elixido como Palabra do Ano 2021 é Tanxugueiras. Trátase da forma plural do microtopónimo da parroquia de Fumaces, no concello de Riós (Ourense), que Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro escolleron no seu día para dar nome ao seu grupo musical, converténdose na actualidade nun "referente dos novos camiños que está a abrir, con grande éxito, a música tradicional galega". No segundo posto quedou resiliencia, que é a capacidade dos seres humanos de adaptarse positivamente ás situacións adversas, mais que mellor demostración de resiliencia ante a adversidade ca a ilusión que está a transmitir en todos e todas nós a música das Tanxugueiras, como símbolo do noso máis prezado patrimonio colectivo: a cultura e a lingua galegas. Podes ampliar esta información premendo aquí.
21/12/2021. INVESTIGACIóN

Manual sobre a política lingüística durante a ditadura franquista

A editorial Galaxia vén de tirar do prelo, na súa colección de manuais, a obra O idioma galego baixo o franquismo. Da resistencia á normalización, autoría do académico e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Henrique Monteagudo. O autor analiza neste estudo a política lingüística da ditadura franquista, caracterizada pola imposición do castelán e a marxinación do galego, poñendo o foco na resistencia político-cultural galeguista ao réxime represor. Podes obter máis información premendo aquí.
21/12/2021. EMPREGO

Contrato de investigación no Instituto da Lingua Galega

A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en diferentes proxectos de investigación. Entre as prazas ofertadas anúnciase unha con perfil lingüístico para colaborar no proxecto “Atlas Lingüístico Galego”, que se está a desenvolver no Instituto da Lingua Galega. A forma de provisión é o concurso de méritos. A duración do contrato será de once meses e medio, cunha xornada do 75%. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 27 de decembro de 2021. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
21/12/2021. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse os XXII Premios Manuel Beiras

A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago de Compostela deron a coñecer os galardoados da vixésima segunda edición dos Premios Manuel Beiras. Neste ano 2021, os premiados foron o espazo enocultural Vide Vide!, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego; o colectivo empresarial Creativas Galegas, na categoría de nova incorporación ao uso do galego; e Código Cero, na categoría de empresa innovadora no uso da lingua galega. Se precisas máis información, preme aquí.