NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago remudan Proxector para visibilizar recursos didácticos en galego

Como afecta a débeda pública sobre a recuperación da economía? Ou que nos pode ensinar a vacinación de morcegos vampiros sobre as pandemias? Estes son algúns dos contidos que se poden atopar na nova etapa de Proxector, un espazo web con 600 vídeos didácticos feitos ou subtitulados en galego. Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) e Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentaron esta mañá a renovación deste espazo que pretende visibilizar materiais científicos, de calidade e na nosa lingua, dirixidos a docentes e alumnado universitario e de Ensino Medio.

O proxecto presentado esta mañá é moito máis que un redeseño visual, é un cambio de concepto para ofrecerlle á comunidade universitaria e ao estudantado de secundaria, que existen recursos didácticos no noso idioma. Rosario Álvarez, presidenta do CCG, fixo fincapé en que é un produto que une tres eixes de acción “ciencia e divulgación científica; un público novo e o feito lingüístico”. Ámbitos nos que tamén coincidiu Gumersindo Feijoo, vicerreitor da USC, que engadiu a importancia de ser un produto audiovisual e en acceso aberto, fundamental nas institucións públicas.

Proxector iniciara a súa andaina en 2015 pero entra agora nunha nova etapa con importantes novidades. Dunha banda, todos os vídeos están aloxados no repositorio creado polo do CCG, o que lle dá unha maior estabilidade e difusión. E, da outra, amplía o seu público para incorporar recursos para o ensino secundario. Deste xeito permítese actuar nun ámbito relevante para a normalización lingüística: ESO, bacharelato e FP, o que se ofrecen recursos para materias que non poden darse en galego por lei. Son materiais para etapas máis desatendida pola Administración, tal como se reflectiu nas conclusións dos últimos Encontros para a Normalización Lingüistica que organizou o Consello da Cultura Galega o pasado mes de outubro.

Antropoloxía social, bioloxía, dereito, economía, comunicación audiovisual, xornalismo... son moitos os ámbitos temáticos nos que se pode buscar dentro deste repositorio que non produce vídeos propios, senón que concentra nun espazo materiais que existen noutras redes, xa filtrados e etiquetados. Ademais, ofrece especiais que agrupan materiais sobre aspectos de actualidade ou relevantes. A renovación de Proxector arrinca cun especial sobre “virus, epidemias e vacinas”.

A presentación contou coa asistencia de Elena Vázquez Cendón, membro do CCG e decana da facultade de matemáticas, que destacou a importancia de localizar estes materiais nun único espazo. “É un punto de encontro que demandaba o Ensino Medio e a Universidade, onde se poden atopar recursos moi destacados, xa validados e certificados” apuntou. Canda ela estaban Xusto Rodríguez Río, responsable da Área de Terminoloxía da Universidade de Santiago de Compostela; Manuel Núñez Singala, responsable de normalización lingüística da USC; Susana Mayo, coordinadora técnica do Centro de Documentación Sociolingüística (CDSG), e Rosario Pérez Magdalena, técnica do CDSG.

Funcionamento de Proxector
Desde hoxe os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados, e o nivel de ensino no que consideramos que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre e/ou os diferentes despregables que permitirán filtrar resultados. Co ánimo de apoiar a introdución do portugués no sistema educativo galego, tamén ofrecemos vídeos gravados ou subtitulados neste idioma.

Aínda que esta nova etapa conta con 600 vídeos, Proxector é un catálogo que está en continua actualización e está pensado para que a comunidade didáctica engada contidos. Todos aqueles que queiran participar neste proxecto poden enviar a súa suxestión a cdsg@consellodacultura.gal ou snl_lugo@usc.es.

A orixe
A Universidade de Santiago puxo a andar en 2015 unha iniciativa para compilar recursos educativos en galego. Fíxoo a través do portal educativo Didactalia e só para o eido universitario. En 2018 o Consello da Cultura Galega, a través do seu Centro de Documentación Sociolingüística, súmase á iniciativa e comeza a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o Consello da Cultura Galega acordou asumir tamén a custodia dos datos que foron compilados ao longo destes anos, que a partir de agora estarán ao dispor da cidadanía.