A Consellería de Cultura e Turismo publica o concurso público de dez bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Os/as beneficiarios/as colaborarán nos seguintes proxectos: Dicionario galego-italiano (Galita), Bibliografía da literatura galega, Fraseoloxía Galega, Corpus de referencia do galego actual (Corga), Cantigas de Santa María, Prosa literaria medieval, Terminoloxía científico-técnica, Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala, Base de datos do ALIR e Dicionarios de literatura. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
25/08/2020. EMPREGO
25/08/2020. AXUDAS E PREMIOS
O Concello de Ponteareas convoca a segunda edición do Premio “Ponteareas, lingua e empresa”, co obxectivo de promover o uso do galego no ámbito empresarial e, ao mesmo tempo, recoñecer publicamente o compromiso coa normalización lingüística das empresas e profesionais deste sector. Concederase un premio por cada unha das seguintes categorías: “uso continuado da lingua galega”, “incorporación recente ao uso da lingua galega” e “traxectoria do uso da lingua galega ao longo de décadas”. O prazo de presentación de candidaturas remata o vindeiro 3 de setembro. Podes consultar as bases do premio premendo aquí.
24/08/2020. EMPREGO
O Concello de Sada convoca un proceso selectivo para a elaboración dunha bolsa de emprego para a contratación dun/dunha técnico/a de normalización lingüística. O sistema de selección será o de oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), grao en Lingua Galega, ou calquera outra licenciatura/grao sempre que acrediten o Celga 5. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 24 de agosto. Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
24/07/2020. DINAMIZACIóN
Neste último xoves de xullo convídamoste a misturar letras e ciencias con dous novos taboleiros de Pinterest: Enredad@s coa literatura e Enredad@s coa ciencia e a tecnoloxía. No primeiro, atoparás diferentes recursos literarios en formato dixital para público infantil e xuvenil. No segundo, ofrécemosche unha selección de contidos en galego sobre ciencia e tecnoloxía. Con eles pechamos a serie de seis taboleiros temáticos que integran o produto documental Galego 2.0, onde tes ao teu dispor unha selección de 150 recursos en liña deseñados para fomentar o uso da lingua galega entre a infancia e a mocidade.
23/07/2020. DINAMIZACIóN
Despois de tres semanas enredad@s co lecer (a música, o adiovisual e os xogos), nesta cuarta entrega de Galego 2.0 centrámonos no ensino, un ámbito de especial relevancia para a normalización do noso idioma. No taboleiro Enredad@s co ensino atoparás unha selección de repositorios e recursos didácticos en liña deseñados para servir de apoio á docencia en galego nas diferentes etapas educativas. O vindeiro xoves, último deste mes de xullo, pecharemos a serie cun par de taboleiros dedicados ás letras e ás ciencias.
23/07/2020. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes está a desenvolver, como vén sendo habitual os últimos veráns, a súa xincana lingüística, unha iniciativa deseñada para crear espazos de uso para o galego no tempo de lecer dos máis pequenos. As actividades, dirixidas a nenos e nenas dos primeiros cursos do ensino primario, desenvolveranse durantes os meses de xullo e agosto, e os/as participantes, ademais de divertirse nun clima favorable ao uso do galego, terán a oportunidade de aprender léxico deportivo e descubrir información sobre deportistas galegos/as. Para obter máis información preme aquí.
20/07/2020. DINAMIZACIóN
Co gallo do 25 aniversario do primeiro procedemento xudicial instruído integramente en lingua galega, a Irmandade Xurídica Galega, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia promoveron a “Declaración de Celanova”, nun acto que tivo lugar o pasado 16 de xullo de 2020 no Xulgado de 1ª Instancia e Instrución desta vila ourensá. Trinta e oito alcaldes e alcaldesas da provincia de Ourense asistiron ao acto e, en representación dos seus respectivos concellos, asinaron esta declaración comprometéndose publicamente a usar o idioma galego nas súas relacións coas notarías e xulgados, e a solicitarlles así mesmo aos órganos xurisdicionais que tamén empreguen a lingua galega nas resolucións que diten.
20/07/2020. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presentan o programa “Falamos”, deseñado en colaboración por ambas as dúas entidades co obxectivo de conseguir neofalantes en galego no Campus de Pontevedra. O programa, que está dirixido especialmente ao alumnado de primeiro curso, botará a andar a partir do vindeiro setembro e incluirá diversas actividades de carácter lúdico (como obradoiros, clubes de lectura ou cursos de cociña) pensadas para fomentar a creación de novos espazos de uso para o noso idioma. Se desexas ampliar información, preme aquí.
16/07/2020. DINAMIZACIóN
Xa podes consultar en liña o taboleiro temático Enredad@s cos xogos, a terceira entrega do produto documental Galego 2.0, elaborado polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega co obxectivo de difundir e darlles visibilidade a recursos dixitais deseñados para promover o galego entre a infancia e a mocidade. Despois dos taboleiros sobre música e audiovisual que presentamos en semanas anteriores, continuamos co ámbito do lecer e ofrecémosche nesta ocasión unha selección de xogos interactivos en liña, videoxogos, pasatempos (encrucillados, sopas de letras, enforcados, xeroglíficos…), exemplos de actividades para o tempo libre e mesmo unha guía de recursos sobre o patrimonio lúdico galego. Nos vindeiros xoves de xullo completaremos a serie con máis iniciativas relacionadas co ensino, a literatura, a ciencia e a tecnoloxía.
16/07/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación de Pontevedra publica as bases das subvencións dirixidas a concellos e outras entidades locais para a creación, mantemento ou reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) municipais durante o ano 2020. Poden optar ás axudas para a creación de SNL os concellos de máis de 5.000 habitantes e de ata un máximo de 50.000 habitantes (así como as agrupacións de concellos, mancomunidades ou as entidades locais menores que cheguen a esa cifra mínima). No caso das axudas para mantemento e reforzo, poderán solicitalas os concellos da provincia de Pontevedra que no momento da publicación desta convocatoria teñan creado e en funcionamento un SNL. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
16/07/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación da Coruña publica a resolución definitiva da convocatoria de subvencións a concellos e outras entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) durante o ano 2020. Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
16/07/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación da Coruña publicou, no BOP do pasado 7 de xullo de 2020, as bases do programa de subvencións a empresas audiovisuais para apoiar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia da Coruña durante o ano 2020. O programa contempla dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc. feitas en Galicia) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe); e outra para a distribución en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe) de contidos audiovisuais non galegos. O prazo de presentación de solicitudes, segundo o extracto publicado no BOP do 16 de xullo, remata ás 14:00 h. do 31 de xullo de 2020.
16/07/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia publica as bases das subvencións ás entidades locais para o ano 2020 destinadas ao mantemento ou reforzamento dos seus servizos de normalización lingüística. Poderán optar a estas axudas os concellos ou agrupamentos de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
14/07/2020. CURSOS E CONGRESOS
A Real Academia Galega presenta o programa da V Xornada de Onomástica Galega, que organiza en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra. As sesións terán lugar o 7 de novembro de 2020 no Museo de Pontevedra e nesta edición centraranse nos nomes comerciais, co obxectivo de promover a reflexión sobre as tendencias na denominación dos establecementos e dos produtos comerciais e sobre o seu papel na normalización lingüística. O prazo de inscrición remata o 15 de outubro. Podes obter máis información na páxina web da RAG.
13/07/2020. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra inaugurou o pasado venres, 10 de xullo de 2020, o programa de dinamización lingüística En3vistas, un ciclo de entrevistas a dez referentes das artes escénicas, a música, o xornalismo, a gastronomía ou o deporte, para demostrar como o uso do galego pode ir ligado a traxectorias profesionais de éxito. A longo deste mes de xullo terán lugar en diferentes espazos públicos da cidade de Pontevedra estes encontros con María Mera, Gena Baamonde, Javier Olleros, Kin Martínez, Sabela Ramil, Patricia Hermida, Adrián Ben, Diego Espiño, Cora Velasco e Marcelo DoBode. As entrevistas poderán seguirse en directo a través das redes sociais e as gravacións quedarán accesibles nas canles do concello. Podes ampliar esta información premendo aquí.
09/07/2020. DINAMIZACIóN
Neste segundo xoves de xullo presentamos un novo taboleiro do produto documental “Galego 2.0”, elaborado polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega. Nesta segunda entrega, Enredad@s co audiovisual, ofrecémosche unha selección de filmes, curtametraxes, series de animación, vídeos, programas televisivos ou proxectos de radio escolar deseñados para promover o uso do galego entre a infancia e a mocidade. Iremos completando a serie ao longo dos vindeiros xoves deste mes, con máis recursos en galego relacionados co lecer, o ensino, a literatura, a teconoloxía e a ciencia.
09/07/2020. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela organiza unha nova convocatoria do Curso de habilidades comunicativas, dirixido ao alumnado desta universidade, que se desenvolverá ao longo dos meses de setembro, outubro e novembro de 2020. O obxectivo é ofrecer recursos e ferramentas que faciliten o traballo de redacción e defensa oral dos traballos académicos. O curso consta de tres módulos diferentes (a redacción científica; falar en público; presentacións dixitais eficientes) e o alumnado pode optar por realizalo completo ou elixir aqueles módulos que máis lle interesen. Podes completar esta información premendo aquí.
07/07/2020. AXUDAS E PREMIOS
O xurado do XI Premio Rosalía de Castro de Lingua, que promove a Deputación da Coruña co obxectivo de recoñecer o labor de dignificación do noso patrimonio lingüístico, deu a coñecer os galardoados da súa undécima edición. Os premiados foron Nós Televisión SL, na categoría de colectivo, entidade ou asociación que destaca na promoción da lingua galega; e o Club de Debate (representado pola Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega), como recoñecemento ao seu traballo específico cos tramos da poboación de menor idade (infancia e mocidade). Para obter máis información, preme aquí.
07/07/2020. EMPREGO
A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en diferentes proxectos de investigación. Entre as prazas ofertadas anúnciase unha con perfil lingüístico para colaborar no proxecto “Ferramentas TraduWord e XeraWord: tradución de caudal léxico e xeración automática da linguaxe natural en galego e portugués ”, que se está a desenvolver no Instituto da Lingua Galega. A forma de provisión é o concurso de méritos. A duración do contrato será de tres meses e medio. O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de xullo de 2020. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
06/07/2020. DINAMIZACIóN
O programa Galicia por Diante, da Radio Galega, incorpora unha nova sección este verán que ten como obxectivo gañar novos falantes para o noso idioma. A profesora Pilar Ponte, coñecida en Internet como “A Profa”, ocuparase todos os xoves do “Espazo da Profa”, onde presentará diferentes estratexias para comezar a falar galego. Este espazo radiofónico compleméntase coa conta de Twitter @oespazodaprofa, que che permitirá interactuar directamente coa “Profa”, comentar as súas propostas ou presentar as túas propias.
03/07/2020. INVESTIGACIóN
O Consello da Cultura Galega (CCG) presenta a publicación Calen barbas, falen cartas. A escrita en galego na Idade Moderna, na que se compilan e completan as achegas presentadas no simposio homónimo organizado polo Instituto da Lingua Galega e mais o CCG en novembro de 2017. No presente estudo, editado por Rosario Álvarez e Ernesto González, analízase a produción escrita en galego durante un período que a historiografía lingüística galega vén denominando “séculos escuros” polo decaemento no uso do galego nos ámbitos máis formais e a práctica ausencia de testemuños escritos, pero que, grazas á luz que ofrecen as novas pesquisas realizadas desde o ámbito da historia da lingua e da literatura, podemos deixar xa de alcumar como “escuros”. Podes completar esta información premendo aquí.
03/07/2020. EMPREGO
A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia publica as convocatorias públicas para cubrir seis prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades de Bargor, Cork, Kiel, Miño (Braga), Deusto (País Vasco) e Autónoma de Barcelona. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
01/07/2020. AXUDAS E PREMIOS
O xurado da terceira edición do Premio “Luís Porteiro Garea” acordou por unanimidade entregar o galardón a Antón Costa Rico, catedrático de Historia da Educación na Facultade de Ciencias da Educación da USC. O xurado destacou a súa traxectoria científica, académica, cultural, cívica e social a prol do galego, destacando a súa implicación nos movementos de renovación pedagóxica. A Universidade de Santiago de Compostela outorga ese galardón, que ten carácter de distinción, para recoñecer publicamente o traballo de persoas ou colectivos a prol do uso do galego na universidade. Podes ampliar esta información premendo aquí.
01/07/2020. DINAMIZACIóN
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presenta unha nova edición do concurso #fotolingua, co obxectivo de darlles visibilidade aos establecementos comerciais da cidade comprometidos co uso do galego. Para participar, debes facerte seguidor/a da conta de Facebook ou Instagram da iniciativa e subir unha fotografía na que se amose o galego como lingua habitual da paisaxe empresarial e comercial de Santiago de Compostela (cartelería, escaparates, elementos decorativos, letreiros, etiquetaxe, sinalética...). As fotos deben publicarse cos seguintes cancelos: #EstablecementoEnGalego, #Fotolingua, #EnGalegoFaiADiferenza e #OgalegoVende. O prazo para participar remata o 30 de xullo de 2020. As persoas gañadoras recibirán como premio unha tableta Levono Tab. A maiores, podes conseguir tamén un bono de 100 euros para gastar nos establecementos colaboradores participando no #SorteoPasatempo.
29/06/2020. INVESTIGACIóN
A Real Academia Galega edita a publicación Estudos de Onomástica IV. Os nomes das rúas, que recolle os traballos presentados na IV Xornada de Onomástica, celebrada no Museo de Pontevedra o pasado mes de outubro de 2019. No estudo, trece especialistas na materia poñen o foco na necesidade de preservación da toponimia tradicional por parte dos poderes públicos, que neste caso sería a Administración local ao tratarse de nomes urbanos. A maiores, o volume péchase cun modelo de declaración institucional, promovida pola Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica, para que todos os concellos galegos se adhiran ao recoñecemento da toponimia como elemento de primeira orde no noso patrimonio inmaterial.
29/06/2020. DINAMIZACIóN
O xurado da IV edición do certame Enreguéifate fixo públicos os vídeos gañadores nas diferentes categorías, así como as mencións especiais, que podes ver na páxina web da iniciativa. Enreguéifate é un proxecto promovido polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega.
26/06/2020. EMPREGO
A Deputación de Pontevedra convoca dúas prazas de redactor/a corrector/a, integradas no grupo C1 da escala de Administración especial. As persoas aspirantes deberán posuír o título de Bacharelato ou o de técnica ou técnico, ou equivalente. O sistema de selección será o de concurso-oposición libre. O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE). Podes consultar o texto íntegro das bases e da convocatoria premendo aquí.
25/06/2020. OUTRAS
A Mesa pola Normalización Lingüística, A AS-PG, Nova Escola Galega, a Confederación de ANPAS Galegas e os sindicatos CIG-Ensino, CSIF e STEG presentaron publicamente o documento “Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza”. Nel apóstase por un modelo no que o galego se considere lingua vehicular de todo o ensino e, polo tanto, se empregue na docencia de todas as materias e niveis educativos. Nos vindeiros días as entidades promotoras presentaranlles o documento ás diferentes organizacións políticas e sociais, co ánimo de que se adhiran a unha proposta que se considera de urxente implementación, tendo en conta que os últimos datos demolingüísticos confirman que a transmisión interxeracional non está garantida e a situación é especialmente preocupante na franxa de poboación de entre 5 e 14 anos, onde só o 26,12% fala “só galego” ou “máis galego que castelán”.
22/06/2020. EMPREGO
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional anuncia a convocatoria dun concurso público de méritos para a provisión dunha praza de profesor/a de lingua e literatura galegas no colexio Vicente Cañada Blanch de Londres. Poden participar no concurso os funcionarios/as do corpo de mestres licenciados/as en Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), Filoloxía Románica (subsección Galaico-Portuguesa) ou Filoloxía Galega, así coma os catedráticos/as e profesores/as de lingua e literatura galegas de ensino secundario. O prazo para a presentación de solicitudes é de 15 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
15/06/2020. EMPREGO
O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria de dúas bolsas de formación, de doce meses de duración, vinculadas ao seu Servizo de Publicacións. Poden optar a estas bolsas as persoas que posúan o grao/licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que a lingua de orixe principal da súa combinación lingüística (1ª lingua ou lingua A1) sexa a lingua galega; o grao en Estudos de Galego e Español, con intinerario en lingua galega e española; ou a licenciatura en Filoloxía Galega. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no DOG. As bases completas podes consultalas premendo aquí.

