NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega presenta unha publicación que ofrece novos documentos sobre o galego nos Séculos Escuros

“Esta publicación contribúe a que os Séculos Escuros sexan algo menos escuros” afirma Ernesto González no vídeo de presentación da publicación “Calen barbas, falen cartas”. Un libro do que é coeditor xunto con Rosario Álvarez e que o Consello da Cultura Galega (CCG) pon á disposición da cidadanía para entender como se foi configurando o galego actual durante a Idade Moderna e tamén o momento en que os documentos escritos cobraron máis protagonismo que a tradición oral.

A frase que dá orixe á publicación “Calen barbas, falen cartas” é a sentenza que fai o portavoz Roleiro na “Contenda dos labradores de Caldelas”. É unha peza teatral de Gabriel Feixoo de Araúxo datada arredor de 1671. Este entremés narra o enfrontamento entre os moradores deste concello galego e os veciños portugueses da outra beira do Miño. Proclama así a importancia testemuñal dos documentos fronte ao relato oral, por máis que este se pretenda garantía da memoria transmitida de xeración en xeración pola comunidade. E esta é unha das intencións que pretende destacar esta publicación. A segunda delas é ofrecer máis información sobre unha etapa significativa para o galego: a Idade Moderna.

No período que vai do s. XVI ao s. XVIII xeráronse ou consolidáronse boa parte dos trazos que singularizaron o galego tal e como é hoxe en día. É unha etapa complexa polo o escaso volume de textos que se conserva, feito que dificulta enormemente a documentación e datación de moitos deses procesos. Por todo isto, “Calen barbas, falen cartas. A escrita en galego na Idade Moderna” é unha publicación relevante porque xunta toda a investigación recente xunto coa edición de textos xa coñecidos con criterios sistemáticos da man de recoñecidos investigadores como Henrique Monteagudo, Pegerto Saavedra, Concha Varela ou os propios editores (Rosario Álvarez e Ernesto González), entre moitos outros.
Ademais, esta obra recolle os traballos do simposio desenvolvido en 2017 co mesmo título, no que deron a coñecer os resultados de “Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna”. Trátase dun repositorio dixital que xunta toda a produción escrita en lingua galega ao longo dos séculos XVI, XVII e XVIII e, ao tempo pretende poñer ao dispor dos investigadores e do público interesado toda unha serie de ferramentas para o seu estudo e interpretación.

A publicación
O volume está estruturado en tres seccións. Na primeira, «Galicia e o galego na Idade Moderna», despréganse catro visións panorámicas complementarias sobre o período, desde o punto de vista da historia política e social, da sociolingüística, da lingüística histórica e da cultura libraria. A segunda, «Edición dixital e corpus lingüísticos», ten como obxectivo mostrar algunhas ferramentas tecnolóxicas para a creación e explotación de corpus históricos e varios proxectos de referencia, desenvolvidos no ámbito ibérico, que combinan a edición e visibilización de textos históricos coa súa explotación como corpus lingüísticos. Na terceira, «Bago a bago. Novos textos, novas interpretacións», ofrécense diversas contribucións con presentación e análise de obras ata agora descoñecidas ou que se daban por perdidas.