Novas da lingua

Rexistros1891 a 1920 de 5145
12/03/2020. OUTRAS

Probas para obter os certificados de lingua galega (Celga)

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica unha convocatoria de probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4) para este ano 2020. As probas realizaranse nos meses de maio e/ou xuño de 2020 en Santiago de Compostela e Ponferrada, e as datas concretas publicaranse no Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria. [Prazos de inscrición suspendidos]
11/03/2020. DINAMIZACIóN

Comezan os obradoiros de improvisación oral “Enreguéifate”

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo organizan conxuntamente a nova edición do proxecto Enreguéifate, que ten como obxectivo impulsar a improvisación oral en verso e contribuír a través dela á promoción do uso da lingua galega. No marco desta iniciativa, ao longo dos meses de marzo e abril de 2020 desenvolveranse unha serie de obradoiros de improvisación oral dirixidos ao alumnado dos centros de ensino dos concellos promotores (5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º da ESO). Os centros educativos interesados en participar nestes obradoiros deben dirixirse ao SNL do seu respectivo concello. A finalidade destas accións formativas é que o alumnado, ademais de aprender os métodos da improvisación oral, se anime a participar no certame Enreguéifate, que inclúe unha categoría específica para o ámbito escolar.
11/03/2020. INVESTIGACIóN

XII Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

A Fundación Antonio Fraguas convoca a décima segunda edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, dirixo á comunidade educativa, que ten como obxectivo o desenvolvemento dun programa de investigación no ámbito do patrimonio etnográfico, antropolóxico, xeográfico, histórico ou artístico da contorna do centro. Un capítulo ou alínea do traballo debe dedicarse a abordar algún aspecto lingüístico (toponimia, antroponimia, léxico, fraseoloxía...) relacionado co tema proposto. Establécense dúas modalidades, ensino primario e secundario, e outorgarase un premio de 7.000 euros para cada modalidade. O prazo para enviar as candidaturas remata o 15 de maio de 2020.
10/03/2020. DINAMIZACIóN

Benvido Montaigne!, nova iniciativa da USC para promover o galego

No marco da iniciativa Benvido Montaigne!, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC, organiza un obradoiro e mais un concurso de fanzines e ensaios en galego; dúas actividades complementarias deseñadas para fomentar o uso da lingua galega e a creatividade na comunidade universitaria. O prazo para participar no “Obradoiro de fanzine e ensaio mutante en galego” estará aberto ata o 20 de marzo de 2020. Así mesmo, calquera membro da comunidade universitaria da USC pode participar no “I Concurso de fanzines e ensaios en galego”, presentando os seus fanzines ou ensaios orixinais e inéditos en galego antes do 9 de outubro de 2020. Para ampliar información, preme aquí.
10/03/2020. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de recursos informáticos para traballar en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza o obradoiro “Recursos informáticos para traballar en galego”, dirixido a todas aquelas persoas que desexen ampliar os seus coñecementos sobre este tema. As sesións desenvolveranse os días 15, 16, 21, 22 e 23 de abril de 2020 no Auditorio Mar de Vigo. A inscrición debe tramitarse a través deste formulario web, indicando no título da actividade “recursos informáticos”. Para consultar o programa completo de cada bloque de contidos, preme aquí.
Aviso: esta actividade foi adiada.
05/03/2020. CURSOS E CONGRESOS

XXII Encontros para a Normalización Lingüística

Xa podes consultar en liña o programa da nova edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, que nesta ocasión terán como fío condutor a integración lingüística das persoas migrantes como ferramenta de cohesión social. Convidámoste a que participes neste foro de debate e reflexión que terá lugar os días 16 e 17 de abril de 2020 na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Santiago de Compostela). Coma en anos anteriores, manteremos un grupo de Facebook, que nos permitirá compartir información e iniciar o debate antes das sesións presenciais. A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado para este efecto e as prazas cubriranse por estrita orde de chegada das solicitudes.

Aviso: esta actividade foi adiada ata o 1 e 2 de outubro de 2020.
05/03/2020. CURSOS E CONGRESOS

Curso de acollemento lingüístico en Santiago

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza un Curso de acollemento lingüístico, dirixido a persoas adultas procedentes doutras comunidades lingüísticas que queiran realizar un primeiro achegamento ao galego e á nosa realidade cultural e social. O curso estrutúrase en 15 sesións, que se desenvolverán todos os luns a partir do 23 de marzo, en horario de 17 a 19 horas. Tamén se realizarán activades paralelas para nenos e nenas a partir de 3 anos. Podes obter máis información sobre os trámites de inscrición premendo aquí.

04/03/2020. OUTRAS

A USC presenta unha colección de materiais esenciais para a docencia en galego

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presentou a colección Esenciais USC, unha serie de recursos para a docencia que condensan en poucas páxinas a parte máis significativa dunha materia, co obxectivo de que se convertan en material de referencia para o alumnado. O persoal docente e investigador da USC que queira participar na elaboración de materiais para esta colección poden acollerse a esta nova convocatoria e presentar as súas propostas antes do 13 de marzo de 2020. Para ampliar información, preme aquí.

27/02/2020. CURSOS E CONGRESOS

A CTNL publica materiais de referencia sobre a avaliación de competencias lingüísticas

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) publica en liña unha
selección de documentos
que foron difundidos no “Curso de avaliación de competencias lingüísticas para técnicos/as de normalización lingüística”, impartido por Manuel Núñez Singala en 2019. Se non puideches asistir a esta actividade formativa, agora tes ao teu dispor unha compilación de materiais de referencia entre os que atoparás criterios para a avaliación dos CELGA, especificacións para a elaboración de exames ou unha proposta de estrutura de exame de galego para presentar aos representantes institucionais.
26/02/2020. DINAMIZACIóN

Premio para os mellores vídeos en galego sobre o cambio climático

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística desta universidade, organiza o concurso de vídeos “Cambio climático e Nós”, vinculando a promoción do uso do galego co compromiso adquirido pola USC coa Axenda 2030. O certame inclúe dúas categorías, unha dirixida ao alumnado da ESO, bacharelato e FP e outra na que poden participar os membros das comunidades universitarias das tres universidades galegas. Os participantes deben enviar un vídeo en galego, dun máximo de 2 minutos de duración, sobre o cambio climático. O prazo de presentación dos traballos remata o 24 de abril de 2020. Outorgaranse dous premios por cada categoría, un primeiro premio de 500 euros e un segundo de 250 euros.
26/02/2020. OUTRAS

Probas de competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade

A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca probas de avaliación en competencias clave, necesarias para o acceso ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional. Entre as competencias clave requiridas para acceder a estes certificados está a “comunicación en lingua galega”. As persoas interesadas en participar nestas probas teñen de prazo para presentar a súa solicitude ata o 20 de marzo de 2020. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí. [Probas anuladas]
21/02/2020. DINAMIZACIóN

Institucións, asociacións e centros de ensino homenaxean a Rosalía

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrará o vindeiro domingo, 23 de febreiro de 2020, ás 12:00 h, no Panteón de Galegos Ilustres (Santiago de Compostela) o acto central de conmemoración do Día de Rosalía de Castro 2020. A AELG promove desde 2010 que cada 24 de febreiro se homenaxee a Rosalía de Castro, figura clave na reivindicación e prestixio do idioma galego no século XIX, convidando á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor. A maiores, institucións, entidades culturais e centros de ensino do país tamén teñen previsto desenvolver durante os vindeiros días diferentes actividades e actos de homenaxe. No web da AELG podes manterte ao día de todo o relacionado con esta celebración.
21/02/2020. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal da Administración autonómica

A Escola Galega de Administración Pública convoca cursos de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional. Entre a formación programada, ofértanse os seguintes cursos de contido lingüístico: “A calidade da redacción administrativa. Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos”, “Ferramentas e técnicas para falar mellor en público” e “Redacción de documentos técnico xurídicos en galego”. O prazo de presentación de solicitudes remata o 27 de febreiro de 2020. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
21/02/2020. AXUDAS E PREMIOS

Convócase o XI Premio Rosalía de Castro de Lingua

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca a undécima edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua, que ten como obxectivo recoñecer iniciativas de normalización lingüística, ou traxectorias de persoas, colectivos e entidades que destaquen polo seu compromiso coa promoción e dignificación do idioma galego. Establécense dúas categorías, unha para recoñecer o labor de promoción da lingua galega de persoas, colectivos ou asociacións, e outra para premiar o traballo específico nos sectores da infancia e a mocidade. A dotación económica do premio é de 3.000 euros para cada unha das categorías. O prazo de presentación das candidaturas remata o 30 de abril de 2020.
20/02/2020. AXUDAS E PREMIOS

Premio para Guadi Galego na véspera do Día Internacional da Lingua Materna

A UNESCO conmemora mañá, 21 de febreiro, o Día Internacional da Lingua Materna, unha celebración instaurada en 1999 para celebrar a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta. Neste 2020, a UNESCO quere poñer o foco nos idiomas locais e transfronteirizos, que axudan a promover o diálogo pacífico entre os pobos que os falan e a preservar o seu patrimonio cultural. Na véspera desta celebración, a Xunta de Galicia, xunto cos gobernos de Euskadi, Catalunya, Illes Balears, Navarra e Valencia, conmemorarán conxuntamente este día en Madrid entregándolle a Guadi Galego o “Premio á promoción da realidade plurilingüe do Estado Español” polo seu disco Inmersión, no que a artista galega incluíu doce temas en sete linguas da Península Ibérica. Tras a entrega do premio, Guadi Galego ofrecerá un concerto en Callao City Lights/Cines Callao, ás 20:00 h.
20/02/2020. OUTRAS

Atlas do patrimonio léxico da Gallaecia

O Instituto da Lingua Galega (ILG) presenta o recurso Patrimonio Léxico da Gallaecia, co obxectivo de documentar e mostrar a variación no léxico patrimonial actual dentro da área que comprende a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e as zonas galegófonas de Asturias e de Castela e León. Os datos proceden de diferentes estudos de léxico dialectal galego e portugués (dicionarios, vocabularios, atlas lingüísticos, obras de carácter etnográfico, traballos académicos, etc.). A iniciativa está enmarcada dentro do proxecto GEOARPAD e nela participan, ademais do ILG (en calidade de coordinador), un equipo do Centro de Linguística da Universidade do Porto e outro do Centro de Estudos em Letras da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro.
19/02/2020. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro para coñecer a potencialidade da voz como ferramenta de comunicación

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza un obradoiro de voz e comunicación, dirixido a profesionais que empregan a súa voz como ferramenta de traballo. Neste obradoiro, impartido por Esperanza Mara (soprano, comunicadora e mestra), traballaranse contidos relacionados co aparello respiratorio, fonador, resoador e articulatorio; coas diferentes técnicas de comunicación e cos aspectos técnicos do dominio da voz. As sesións terán lugar os días 6, 9, 13, 16 e 23 de marzo de 2020 na Casa da Xuventude de Vigo. A inscrición debe tramitarse a través deste formulario web, indicando no título da actividade “obradoiro de voz”.
18/02/2020. DINAMIZACIóN

Nova edición do Festival Audiovisual Escolar Olloboi

A Asociación Olloboi organiza unha nova edición do Festival Audiovisual Escolar Olloboi, un certame de videocreacións (ficción ou documental) no que pode participar calquera persoa pertencente á comunidade escolar (alumnado, profesorado e PAS). Poderán presentarse videocreacións realizadas nos últimos tres anos, accesibles en Internet, de temática libre e cunha duración non superior aos 20 minutos. Se o precisas, no blog “Aprendo con Olloboi” atoparás recursos didácticos sobre as diferentes fases do proceso cinematográfico.
O prazo de inscrición dos traballos remata o 17 de maio. Os días 28 e 29 de maio celebrarase o Encontro Olloboi 2020, onde terán lugar actividades lúdicas e didácticas (proxeccións de cine, obradoiros de creación audiovisual...), así como a entrega dos premios do certame. Podes consultar as bases completas premendo aquí.
18/02/2020. DINAMIZACIóN

Programación institucional das Letras Galegas 2020

A Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a CRTVG, a Associaçom Galega da Língua, a Fundación Penzol e a Academia Galega da Língua Portuguesa, en colaboración con diferentes concellos, entidades culturais e empresas, presentan un programa conxunto de actividades para homenaxear a Ricardo Carvalho Calero, autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2020. O programa inclúe exposicións, iniciativas de participación social (roteiros, viaxes culturais, obradoiros...), campañas audiovisuais, música, actividades académicas e propostas variadas para o ámbito educativo. No que respecta ao Consello da Cultura Galega, organizará o seu tradicional Concerto das Letras, editará unha edición facsimilar da peza teatral A farsa das zocas e elaborará un espazo web con información e documentación sobre o autor homenaxeado.

17/02/2020. AXUDAS E PREMIOS

A CTNL convoca os II Premios Mil Primaveras

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca a segunda edición dos Premios Mil Primaveras, co obxectivo de recoñecer e difundir exemplos de boas prácticas no ámbito da normalización lingüística. Poderán presentarse accións, campañas, programas e proxectos destinados á promoción do prestixio do galego e ao incremento do seu uso, desenvolvidas total ou parcialmente en 2018, 2019 ou 2020 (ata a finalización do prazo de inscrición de proxectos). O prazo para a inscrición das iniciativas, que debe ser feita pola propia entidade organizadora, remata o 5 de abril de 2020.
17/02/2020. AXUDAS E PREMIOS

Aberto o prazo de solicitudes de axudas para os SNL municipais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica hoxe o extracto da convocatoria de axudas dirixidas ás entidades locais da provincia para a creación, mantemento ou reforzo dos seus servizos de normalización lingüística. O prazo de solicitudes comeza a partir do día seguinte á publicación deste extracto e remata o 6 de marzo de 2020, ás 14:00 horas. As bases completas desta convocatoria publicáronse no BOP da Coruña do pasado 5 de febreiro de 2020.
14/02/2020. DINAMIZACIóN

Nova edición do concurso #TEDSaúde

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC, convoca o
V Concurso de subtitulación de vídeos TED de Ciencias da Saúde ao galego, coa finalidade de contribuír á creación de recursos divulgativos en galego en novos soportes. O certame inclúe dúas modalidades, unha dirixida a membros da comunidade universitaria da USC que non pertenzan á comunidade TED (modalidade A) e outra destinada a membros da comunidade TED (modalidade B). Os participantes deben realizar a tradución ao galego e a subtitulación dun vídeo TED da área de saúde segundo as instrucións que se lles fornecerán. O premio está dotado con 250 euros para a modalidade A e 150 euros para a modalidade B, ademais dun diploma honorífico.
14/02/2020. DINAMIZACIóN

O galego tamén é lingua de namorar

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia organizan unha nova edición de
Lingua de namorar
, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos. A iniciativa está deseñada para dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en Internet e na mensaxería instantánea. Outorgaranse tres premios por cada unha das categorías de idade establecidas. O prazo para enviar as mensaxes remata o 9 de marzo de 2020.
12/02/2020. DINAMIZACIóN

A RAG presenta a nova edición da Primavera das Letras

A Real Academia Galega presentou no CEIP Cruceiro de Canido (Ferrol) unha nova edición do seu proxecto Primavera das Letras, que este ano se centra na figura de Ricardo Carballo Calero, autor homenaxeado no Dia das Letras Galegas 2020. No web atoparás materiais lúdicos e didácticos deseñados para o profesorado e o alumnado de infantil e primaria, ademais de información biográfica e bibliográfica sobre este autor. Para ampliar a nova preme aquí.
12/02/2020. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas de formación do profesorado sobre experiencias educativas normalizadoras

O IES Arcebispo Xelmírez I e o CAFI organizan as xornadas de formación do profesorado “Experiencias na normalización e dinamización do galego. Xornadas Calviño 2020”, que terán lugar os días 3, 4 e 5 de marzo de 2020. Nestas xornadas presentaranse diferentes experiencias de innovación educativa dirixidas ao fomento do uso do galego no ámbito escolar. As sesións terán lugar na Aula Magna do IES Arcebispo Xelmírez I, en Santiago de Compostela. A inscrición debe tramitarse a través da aplicación web de xestión da formación do profesorado da Xunta de Galicia.
11/02/2020. DINAMIZACIóN

A Mesa e o estudantado de medicina reivindican o uso do galego na sanidade

A Mesa pola Normalización Lingüística e o Grupo de Normalización Lingüística do Estudantado de Medicina da USC presentan unha campaña dirixida a fomentar o uso do galego no ámbito sanitario. Baixo o lema “Falar galego é saudábel” os promotores da iniciativa queren concienciar ao persoal sanitario e aos propios doentes de que o uso do galego é un indicador máis de calidade na prestación dos servizos sanitarios, xa que contribúe á precisión e comprensión comunicativa entre as partes. Co ánimo de difundir esta idea, repartiranse entre os centros médicos e hospitais públicos carteis informativos e chapas co lema da campaña. Podes ampliar información premendo aquí.
10/02/2020. CURSOS E CONGRESOS

O Concello de Vigo organiza un curso de nivel básico de galego

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Vigo convoca un curso de nivel básico de galego, destinado a persoas de dentro e fóra de Galicia sen apenas coñecementos da lingua galega. As sesións desenvolveranse durante os meses de marzo e abril de 2020. As persoas interesadas deben formalizar a súa inscrición cubrindo o formulario accesible no web do SNL. Para ampliar información sobre as datas de realización e mais o programa do curso, preme aquí.
10/02/2020. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega

A Escola Galega de Administración Pública publica dúas convocatorias de cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega (niveis medio e superior), que se organizarán tanto na modalidade presencial como de teleformación. A primeira das convocatorias, na que se ofertan dous cursos de linguaxe xurídica galega na modalidade de teleformación, está dirixida ao persoal ao servizo da Administración de xustiza que preste servizos fóra de Galicia. Unha segunda convocatoria, onde se ofertan vinte e seis cursos de linguaxe administrativa galega e cinco de linguaxe xurídica galega, está dirixida ao persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia. Nos dous casos, o prazo de presentacións de solicitudes é de oito días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
10/02/2020. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a tradución do libro galego

A Consellería de Cultura e Turismo publica a convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, así como para a súa edición. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
10/02/2020. AXUDAS E PREMIOS

Axudas ás entidades locais para a compra de novidades editoriais en galego

A Consellería de Cultura e Turismo publica unha convocatoria de subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico e para mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.