VENRES 13 DE NOVEMBRO
14:00 h
Publicación dos relatorios gravados dos "XXII Encontros para a normalización lingüística" en consellodacultura.gal.
LUNS 16 DE NOVEMBRO
18:30 h
Debate en directo en wwww.consellodacultura.gal
Modera: Gregorio Ferreiro
Inmigración e lingua(s): o debate da diversidade como riqueza cultural
- Belén Fernández Suárez. Universidade da Coruña
- Vicent Climent-Ferrando. Universitat Pompeu Fabra
O feito migratorio está a constituír, neste primeiro cuarto do século XXI, un dos fenómenos de maior relevancia e impacto dentro dos países occidentais, nos que a chegada e asentamento dun elevado número de persoas foráneas está a dar lugar a cambios sociais, económicos e demográficos de gran alcance. Unha das principais preocupacións que suscita esta realidade é a da integración cultural e lingüística desta poboación con orixes xeográficas e culturais moi heteroxéneas, para o que se ensaiaron e aplicaron diferentes modelos nos distintos países de recepción.
A adquisición de competencias lingüísticas é un dos elementos básicos para a integración nos países de acollida da poboación inmigrante, proceso que pode resultar problemático naqueles territorios nos que existe máis dunha lingua, como é o caso de Galicia, onde a integración adoita facerse primordialmente só en castelán, a lingua de prestixio e maioritaria no seu uso no ámbito urbano, ignorando o galego.
Abordarán estas cuestións dúas persoas cuxa carreira académica está centrada no ámbito da integración cultural e lingüística da poboación inmigrante.
MARTES 17 DE NOVEMBRO
18:30 h
Debate en directo en wwww.consellodacultura.gal
Modera: David Cobas
A formación de adultos en galego como ferramenta de integración social: o sistema Celga
- Xaquín Núñez Sabarís. Universidade do Minho
- Manuel Núñez Singala. Universidade de Santiago de Compostela
Os Certificados en Lingua Galega (Celga) substituíron no ano 2007 os Cursos de Iniciación e Perfeccionamento como fórmula de aprendizaxe e acreditación de competencia neste idioma na educación non regrada. O cambio buscaba fundamentalmente harmonizar o modelo galego co que funcionaba xa daquela na inmensa maioría das linguas estranxeiras, someténdoo aos principios do Marco europeo común de referencia para as linguas (MECRL) e ás directrices da Asociación europea da avaliadores de linguas (ALTE). Os relatores desta sesión participaron no deseño dos Celga e tamén na súa implementación posterior. Esta traxectoria persoal, xunto coa súa formación científica, convérteos en voces especialmente indicadas para valorar as debilidades e fortalezas do modelo na adquisición das capacidades de ‘saber facer’ e de ‘saber ser e comportarse’ en lingua galega; dúas dimensións básicas na relación con calquera lingua, pero de maneira especial cunha lingua minorada.
Propostas de aproveitamento dos cursos Celga para o acollemento e a cohesión social
- María López Expósito. Profesora dos Celga
- Rosa Moreiras. SNL do Concello de Ames
- Olga López. Secretaría Xeral de Política Lingüística
A educación de persoas adultas converteuse nunha ferramenta básica e indispensable para mellorar a capacitación lingüística das linguas minorizadas e tamén serviu para promover unha visión amable e moderna desas linguas e das culturas que as sustentan. Noutros contextos, a planificación e o deseño da educación de persoas adultas mereceu tanta atención por parte das autoridades e dos movementos sociais como a educación regrada ou as campañas para promover a transmisión interxeracional da lingua. E na Galiza, aproveitouse ou estase a aproveitar esta ferramenta?
Nesta mesa de debate, reflexionarase sobre esta cuestión en particular e ofreceranse propostas de futuro para mellorar as oportunidades que esta modalidade educativa nos ofrece para avanzar no proceso de normalización da lingua galega.
MÉRCORES 18 DE NOVEMBRO
18:30 h
Debate en directo en wwww.consellodacultura.gal
Modera: Valentina Formoso
Inmigración e acollida lingüística en Cataluña e Euskadi
- Àngels Guerrero Nàjar. Servizo de Recursos Lingüísticos – DGPL da Generalitat de Cataluña
- Miren Biotza Piko Gabantxo. Berritzegune de Gasteiz. Goberno Vasco
Euskadi e Cataluña, dúas realidades e proxectos diferentes pero que teñen en común a acollida lingüística para persoas inmigrantes. Desde Gasteiz, Biotza Piko achéganos un programa de pilotaxe que veñen de poñer en marcha nos centros de ensino dentro do Plan marco para o desenvolvemento da escola inclusiva (2019-2022). Desde Barcelona, observaremos as intervencións na formación de adultos migrantes desenvolvidas no territorio catalán. Coñeceremos de primeira man as políticas de acollida lingüística levadas a cabo durante os últimos anos, así como os proxectos e materiais didácticos que Ángels Guerrero coordina.
Con elas imos poder, non só, coñecer como desenvolven o traballo con poboación inmigrante noutras realidades, senón tamén comprobar que problemáticas tiveron e teñen que resolver e valorar que aspectos poderiamos aproveitar das súas experiencias.
XOVES 19 DE NOVEMBRO
18:30 h
Debate en directo en wwww.consellodacultura.gal
Moderan: Anxos Sobriño e Marta Souto
Integrarmos o colectivo migrante no sistema educativo
- Valentina Formoso. IES do Milladoiro. Programa de adquisición de linguas
- Bernardo Penabade. IES Perdouro. Modelo Burela
- Loli Castiñeira. Concello de Salceda de Caselas. Programa de apoio lingüístico
A chegada de poboación inmigrante non é un fenómeno de hoxe, mais é unha realidade para a cal tamén hoxe debemos reflexionar e tomar decisións nas dúas direccións, para quen chega e para quen aquí está. Decisións que inflúen tamén nas linguas de quen chega e de quen acolle. No caso particular do galego, xogan un papel fundamental no futuro da lingua de noso. Elemento sobranceiro desta reflexión para acadarmos a integración é a disposición de políticas e de recursos públicos. E dentro dos diferentes ámbitos nos que se poden achegar, o sistema educativo antóllasenos como un dos lugares máis salientables. No centro educativo van adquirir coñecementos, destrezas, habilidades... mais tamén van socializar, van interactuaren realidades sociolingüísticas diferentes. As experiencias que se expoñen nesta mesa tentan atender a tal diversidade: un proxecto novo que xorde dende a comunidade educativa para o alumnado inmigrante do instituto do Milladoiro. Unha experiencia consolidada, do IES Perdouro, que nace como intervención educativa e se estende dende o principio ás familias, á sanidade, comercio, relixión, xustiza… E, por último, unha experiencia impulsada dende a administración local. O Concello de Salceda, lonxe de ver o galego como unha materia, emprégao como un elemento integrador destas mozas e mozos e das súas familias.
Integrarmos o colectivo migrante desde os SNL
- Leonardo Pena. Concello de Ames. En galego, co teu acento
- Concha Diéguez. Reverso Comunicación. En galego tamén noutros mundos
- Isabel Vaquero. SNL da USC. Cambia a túa mirada
Tamén é obxectivo dos servizos de normalización lingüística (SNL) a integración do colectivo inmigrante, novos galegos e galegas que teñen dereito a sentírense parte da sociedade que os acolle apropiándose da nosa lingua. Nesta segunda mesa de experiencias presentaranse tres campañas dirixidas a público adulto, dúas do ámbito municipal e a terceira universitaria. Para presentalas contamos con tres perfís técnicos, tres perspectivas: a do responsable do departamento que colabora co SNL; a da representante da empresa que planificou e desenvolveu as accións para o concello e, finalmente, a da técnica do SNL.
20:00 h
Actuación de Soledad Felloza