Novas da lingua

Rexistros2041 a 2070 de 5145
19/06/2019. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas a proxectos de innovación lingüística no ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a resolución da convocatoria para a realización dos proxectos de innovación en dinamización lingüística nos centros públicos de ensino durante o curso académico 2018/2019. Os cinco proxectos seleccionados pola súa excelencia son: “O Prado fala galego” (IES Carlos Casares e IES Santa Irene, Vigo); “A cidade sen barreiras” (CEE Nosa Señora do Rosario, A Coruña); “Ao son delas” (IES Maximino Romero de Lema, Zas); “Cóxegas: caixas de investigación e creación como experiencia estética e emocional de acompañamento lingüístico” (CEIP Heroínas de Sálvora, Ribeira) e “Miserábeis (IES Illa de Ons, Bueu). Cada un destes proxectos recibirá 2.000 euros para a súa execución.
18/06/2019. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Cultura e Turismo publica o concurso público de nove bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Os/as beneficiarios/as colaborarán nos seguintes proxectos: Legado científico de Jürgen Untermann (1 bolsa), Corpus de referencia do galego actual (1 bolsa), Corpus ducumentale latinum Gallaeciae (1 bolsa), Bibliografía informatizada da lingua galega (1 bolsa), Terminoloxía científico-técnica (1 bolsa), Informes de literatura (1 bolsa), Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos (1 bolsa), Lírica profana galego-portuguesa (1 bolsa), Dimensións da indentidade colectiva de Galicia (1 bolsa). O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
17/06/2019. EMPREGO

Bolsas no Servizo de Publicacións do Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria de dúas bolsas de formación, de doce meses de duración, vinculadas ao seu Servizo de Publicacións. Poden optar a estas bolsas as persoas que posúan o grao/licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que a lingua de orixe principal da súa combinación lingüística (1ª lingua ou lingua A1) sexa a lingua galega, ou a licenciatura en Filoloxía Galega. O prazo de presentación de solicitudes é de quince días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG. As bases completas da convocatoria podes consultalas premendo aquí.
13/06/2019. OUTRAS

A Mesa presenta unha batería de medidas para a política lingüística na Administración local

A Mesa pola Normalización Lingüística acaba de presentar publicamente a Guía para o uso do galego na Administración local (2019-2023), que vai distribuír entre os máis de 3.700 concelleiros e concelleiras que este sábado tomarán posesión nos 313 concellos do país. O obxectivo da guía é promover a normalización lingüística na Administración local propoñendo unha serie de orientacións e medidas de fomento do galego que poidan implementarse desde as diferentes áreas de goberno municipal. O grao de cumprimento destas medidas será avaliado no futuro a través dun formulario que A Mesa enviará a todas as entidades locais. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
13/06/2019. DINAMIZACIóN

Chega a edición estival do programa #SenCancelas

A Concellería de Mocidade e o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presentan a edición estival do programa #SenCancelas, un proxecto de intervención socioeducativa dirixido a toda a mocidade entre 14 e 17 anos, que ten como obxectivo crear espazos de socialización en galego nos que a rapazada poida desenvolver a súa creatividade e habilidades persoais. O programa desenvolverase os mércores de 11:00 a 13:00 horas no Centro Xove da Almáciga. O prazo de inscrición remata o 1 de xullo.
10/06/2019. OUTRAS

Novo dicionario plurilingüe de galego para móbiles Android

O Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo presenta a aplicación móbil do Dicionario Galnet, deseñada para dispositivos con sistema operativo Android. Trátase dun dicionario plurilingüe con traducións e sinónimos para dez linguas (galego, portugués, catalán, éuscaro, español, inglés, alemán, latín, italiano e chinés), que contén 725.000 palabras, das que 70.000 son formas léxicas en galego. O proxecto Galnet forma parte do Multilingual Central Repository e do Open Multilingual Wordnet. A maiores da aplicación móbil, o dicionario tamén está accesible desde unha plataforma web e o seu contido pode descargarse en formato RDF o LMF con licencia libre. Para ampliar información, preme aquí.
10/06/2019. EMPREGO

Praza de tradutor/a de galego na Deputación de Ourense

A Deputación Provincial de Ourense publica as bases do proceso selectivo para a contratación, como persoal funcionario interino (subgrupo A1), dun/unha tradutor/a de galego. O proceso de selección será o concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica (subsección de Galego-Portugués) ou Filosofía e Letras (sección Filoloxía Hispánica, subsección Galego-Portugués); dalgún dos seguintes graos: Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios (galego e español), Estudos de Galego e Español, Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, Lingua e Literatura Galegas; licenciatura/grao en Tradución e Interpretación, ou equivalentes. O prazo para a presentación de solicitudes é de 7 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
06/06/2019. CURSOS E CONGRESOS

Niterói acolle tres xornadas académicas sobre o galego e o portugués

Onte, 5 de xuño de 2019, tivo lugar en Niterói (Brasil) a inauguración do I Seminário Internacional de Estudos Linguísticos. Galego e português: o passado presente, organizado pola Universidade Federal Fluminense (UFF), a Universidade de Santiago de Compostela, o Grupo de Pesquisa Galego e Português, o Núcleo de Estudos Galegos da UFF, o Programa de Estudos Galegos da Universidade do Estado do Rio de Janeiro, o Conselho Nacional de Desenvolvimento Científico e Tecnológico e a Xunta de Galicia. Ao longo de 3 días, ata o vindeiro 7 de xuño, terán lugar diferentes minicursos e simposios onde expertos en lingua galega e portuguesa reflexionarán sobre aspectos sociais, históricos, discursivos, pragmáticos e cognitivos destes dous idiomas.
04/06/2019. CURSOS E CONGRESOS

Traballando en lingua no sector turístico

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza o XV Curso de verán sobre dinamización lingüística "Traballando en lingua", que nesta edición se centrará en analizar a situación do idioma galego no sector turístico e en deseñar estratexias para incrementar o seu uso. As sesións desenvolveranse os días 17 e 18 de xullo de 2019 no Fórum Carballo. O prazo de matrícula remata o 10 de xullo.
31/05/2019. DINAMIZACIóN

Convócase a décima edición do certame Ouff Escola

O Concello de Ourense, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca o X Certame de Cinema OUFF Escola, que se desenvolverá no marco da vixésimo cuarta edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). O obxectivo deste certame escolar é impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, fomentar a creatividade audiovisual e promover o traballo en equipo. Poderá participar o alumnado matriculado en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2018-2019, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan no seu currículo materias en lingua galega. Os/as participantes deben elaborar obras audiovisuais en lingua galega de ata 20 minutos de duración. O prazo de inscrición remata o 2 de xullo de 2019. Para consultar as bases completas, preme aquí.
27/05/2019. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios Lois Peña Novo 2019

O xurado dos Premios Lois Peña Novo deu a coñecer os/as gañadores/as da vixésimo quinta edición destes galardóns, deseñados para animar o proceso de normalización lingüística no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. Nesta edición os/as premiados/as son o profesor emérito da USC Manuel Bermejo Patiño, pola coherencia na utilización da lingua galega durante toda a súa vida académica; a maxistrada Paz Filgueira Paz, por desenvolver a súa actividade profesional en galego desde hai máis de 20 anos; e Carlos Salgado López, profesor do Departamento de Física de Partículas da USC, polo seu compromiso coa lingua galega na súa actividade docente e investigadora.
27/05/2019. OUTRAS

O filme “O que arde” recibe premio no Festival de Cannes

O que arde, de Oliver Laxe, foi galardoado co premio do xurado na sección “Un certain regard” da 72ª edición do Festival de Cannes, que se celebrou entre os días 14 e 25 de maio de 2019. O filme, rodado en versión orixinal en lingua galega e proxectado tamén neste idioma durante o festival, xa conseguira facer historia ao converterse na primeira película en galego seleccionada para competir neste prestixioso certame. Con este galardón Oliver Laxe demostra que a lingua galega non é en absoluto unha pexa para que unha obra audiovisual poida acadar o recoñecemento internacional. A película, rodada integramente en Galicia e ambientada nos Ancares, trata sobre os incendios forestais. A estrea nas salas está prevista para finais de 2019, con distribución de Numax.
27/05/2019. EMPREGO

Convocatoria de cinco prazas e cinco bolsas en centros de estudos galegos no exterior

A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia publica as convocatorias públicas para cubrir cinco prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades de Bangor, Heidelberg, Kiel, Leipzig e Varsovia e mais outras cinco bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades de Algarve, Berlín, Río de Xaneiro, Roma e Zadar. En ambas as dúas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
23/05/2019. DINAMIZACIóN

Reconstruíndo a estima polo galego na Guarda

O pasado 16 de maio, nun acto organizado polo colectivo Xuliva, o Equipo de Normalización Lingüística do IES A Sangriña presentou publicamente o documental “As linguas na Guarda. (RE)construíndo a autoestima”. A obra, coordinada por Denis Vicente e Menchu Costa, foi elaborada co alumnado de 3º da ESO durante o curso 2017/2018. O obxectivo da iniciativa é que o alumnado e a poboación en xeral reflexionen sobre a perda de falantes de galego no Concello da Guarda e tentar reverter esta situación reforzando a súa autoestima.
21/05/2019. INVESTIGACIóN

Accesible en liña a publicación “Malas linguas”

A Deputación da Coruña presenta a publicación Malas linguas, deseñada como unha guía práctica onde atopar información e recursos relacionados coas xornadas homónimas que tiveron lugar entre outubro do 2018 e novembro de 2019. Estas xornadas, organizadas en catro sesións, estiveron dirixidas principalmente aos profesionais que traballan no ámbito da normalización lingüística e das políticas públicas, co ánimo de reflexionar e deseñar estratexias para activar os/as falantes do século XXI.
20/05/2019. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en galego de materiais didácticos

A Consellería de Cultura e Turismo publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
16/05/2019. INVESTIGACIóN

Conclusións dos XXI Encontros para a Normalización Lingüística

Os pasados días 4 e 5 de abril tiveron lugar os XXI Encontros para a Normalización Lingüística, que neste ano 2019 estiveron dedicados á divulgación científica en lingua galega. Recollendo as reflexións, debates e suxestións que foron aflorando ao longo destas dúas xornadas, o Consello da Cultura Galega publica o documento de conclusións que pon ao dispor do conxunto da cidadanía a través da súa páxina web.
16/05/2019. DINAMIZACIóN

A RAG celebra o acto central das Letras Galegas en Cotobade

Mañá, 17 de maio, a Real Academia Galega celebrará o Día das Letras Galegas cunha sesión extraordinaria e pública dedicada a Antonio Fraguas Fraguas, que terá lugar ás 11:30 h na carballeira de Famelga, no concello de Cerdedo-Cotobade. No acto intervirán os/as académicos/as Clodio González Pérez, Fina Casalderrey e Francisco Díaz-Fierros Viqueira, así coma o presidente da institución, Víctor F. Freixanes, que será o encargado de pechar a sesión. Para coñecer máis sobre o autor homenaxeado, preme aquí.
15/05/2019. DINAMIZACIóN

O alumnado do IES María Casares de Oleiros comprométese co galego

O Equipo de Normalización Lingüística do IES María Casares de Oleiros, tras constatar que ningún dos 600 alumnos/as do centro era falante habitual de galego, deseñou a iniciativa “Desafío 48 h”. Despois dunha campaña de expectación previa, propúxoselle ao alumnado asinar un contrato de compromiso lingüístico durante 48 horas, onde podían escoller dous niveis: ProGalego (falar galego todo o tempo no IES) e ProGalegoPlus (usalo sempre, nos usos orais e escritos, dentro e fóra do IES). Arredor de 200 rapaces e rapazas adheríronse ao contrato (a maioría no nivel ProGalegoPlus) e a iniciativa está a desenvolverse na actualidade con grande acollida entre a comunidade educativa. Podes manterte ao día do desenvolvemento da campaña nas redes sociais (Twitter e Instagram) a través do cancelo #Desafío48h.
15/05/2019. AXUDAS E PREMIOS

Resolución definitiva das axudas para SNL da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica, no BOP do 15 de maio de 2019, a resolución definitiva da convocatoria de subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) durante o ano 2019. Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
15/05/2019. OUTRAS

Datas das probas para a obtención do Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) anuncia as datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4), que foron convocadas ao abeiro da resolución publicada no DOG do pasado 25 de marzo. As datas son as seguintes: Celga 1 (16 de xuño), Celga 2 (15 de xuño), Celga 3 (8 de xuño en Ponferrada; 8 e 9 de xuño en Santiago); Celga 4 (1 e 2 de xuño). As sedes e horarios de realización das probas, así como as listaxes de persoas admitidas para cada nivel e localidade, poden consultarse no web da SXPL.
14/05/2019. DINAMIZACIóN

As empresas alimentarias súmanse á homenaxe a Antonio Fraguas

Un ano máis, as empresas alimentarias Velgasa-Eroski e Gadis súmanse con diferentes iniciativas á conmemoración do Día das Letras Galegas, no marco das súas actividades de responsabilidade social empresarial. Gadis homenaxea a Antonio Fraguas coa edición e distribución de 30.000 exemplares da obra Relatos da Ulloa, que inclúe 13 pezas curtas de autores galegos, así como de 30.000 marcapáxinas e 60.000 bolsas de papel con fragmentos da obra do autor homenaxeado. Pola súa parte, Vegalsa-Eroski, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, festexará as Letras Galegas coa edición de 500 exemplares dunha lámina titulada Amor a Galicia e a distribución de 1.256.000 bolsas conmemorativas.
14/05/2019. OUTRAS

Mesa redonda sobre o rol do galego na mercadotecnia empresarial

O Instituto Galego do Talento organiza hoxe, 14 de maio de 2019, unha mesa de redonda que leva por título “O galego no marketing e na comunicación”, na que profesionais das áreas de comunicación e mercadotecnia reflexionarán sobre o papel que xoga o galego nestes departamentos empresariais. No acto, que terá lugar ás 17:30 h no IESIDE da Coruña, participarán Xosé Luís Reza, presidente da Asociación Galega de Marketing; Ana Veiga, responsable de comunicación do grupo Galejobs; e Gloria Rodríguez, coordinadora de comunicación de Afundación.
10/05/2019. CURSOS E CONGRESOS

Xornada para fomentar o plurilingüismo entre o profesorado

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional organiza a xornada formativa “Do galego ao plurilingüismo”, no marco do programa europeo RUSH, que ten como obxectivo fomentar as competencias plurilingües do profesorado. Ao longo da xornada intervirán as diferentes institucións e centros de ensino que colaboran no proxecto e, a maiores, tamén participarán Jorge Mira, Yolanda Castaño e Sabela Ramil, que reflexionarán sobre o uso do galego nas súas respectivas carreiras profesionais. As sesións, abertas a todo o profesorado, terán lugar o vindeiro martes 14 de maio no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela. Para ampliar información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
10/05/2019. DINAMIZACIóN

Volve o Festiletras á aldea do Couto

A Fundación Eduardo Pondal presenta a programación do Festiletras 2019, demostrando un ano máis que o ámbito rural tamén é foco de creación e difusión cultural. Entre os días 12 e 19 de maio de 2019, a aldea do Couto, en Ponteceso, conmemorará as Letras Galegas cun amplo programa que inclúe obradoiros e roteiros didácticos, actuacións musicais, contacontos, xogos, actividades de divulgación científica, etc. Así mesmo, entregaranse os Premios Bos e Xenerosos 2019, que nesta edición recaeron en Isabel Aguirre, Miguel de Lira, Rosario Álvarez e Carlos Blanco.
09/05/2019. DINAMIZACIóN

Nova edición do concurso #fotolingua

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presenta a cuarta edición do concurso #fotolingua, co obxectivo de darlles visibilidade aos establecementos comerciais da cidade comprometidos co uso do galego. Tal e como recollen as bases da convocatoria, para participar debes facerte seguidor/a da conta de Facebook ou Instagram da iniciativa e subir unha fotografía na que se amose o galego na paisaxe empresarial e comercial de Santiago de Compostela (cartelería, escaparates, elementos decorativos, letreiros, etiquetaxe, sinalética...). As fotos deben publicarse con estes tres cancelos: #establecementoengalego, #fotolingua, #ogalegovende. O prazo para subir as imaxes remata o 7 de xuño de 2019. As persoas gañadoras recibirán como premio unha tableta Huawei Mediapad.
09/05/2019. INVESTIGACIóN

Documental sobre a emerxencia da lingua escrita na Idade Media

A Associaçom Galega da Língua presenta o documental Pacto de irmãos, dirixido por Rafael Janeiro, cuxo título fai alusión ao documento “O Pacto dos irmãos Pais”, o máis antigo (de entre os que chegaron aos nosos días) escrito en galego-portugués. O filme trata sobre os manuscritos máis antigos coñecidos en galego-portugués, así como sobre o papel da escrita na conformación social e cultural da comunidade de falantes. No marco deste proxecto elaborouse tamén material didáctico complementario dirixido a alumnado universitario e de bacharelato.
09/05/2019. DINAMIZACIóN

Concerto das Letras Galegas en homenaxe a Antonio Fraguas

O Consello da Cultura Galega organiza unha nova edición do seu tradicional Concerto das Letras Galegas, que este ano terá lugar o 16 de maio de 2019, ás 20:30 h, no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela. Nesta edición, a orquestra folk SonDeSeu e o grupo O Fiadeiro, dirixidos por Rodrigo Romaní, interpretarán un repertorio baseado na recreación da música popular, entre o que salienta a Suite Cotobade, creada para a ocasión como homenaxe a Antonio Fraguas. Podes retirar as entradas de balde no Teatro Principal de Santiago (dispoñibles a partir do 9 de maio) ou no Auditorio de Galicia (o propio día do evento).
06/05/2019. DINAMIZACIóN

VI Carreira Camiño das Letras

Xurdir S.L., coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, organiza a VI Carreira Camiño das Letras, que vai ter lugar o 17 de maio de 2019 en Santiago de Compostela. O obxectivo da iniciativa é homenaxear a figura de Antonio Fraguas, autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas, así como difundir o Camiño de Santiago a través da práctica deportiva. A carreira contará cunha proba absoluta desde o Pico Sacro, seguindo o Camiño do Sueste - Vía da Prata, ata a Cidade da Cultura e cun circuíto para as categorías de menores, que se realizará no Gaiás e o Bosque de Galicia. O prazo de inscrición remata o 13 de maio. Para ampliar información, preme aquí.
03/05/2019. DINAMIZACIóN

Peque Peixe convídate a coñecer o mar a través do seu léxico

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia presenta o proxecto didáctico Peque Peixe, dirixido a nenos e nenas de 3 a 15 anos, co obxectivo de difundir a terminoloxía en galego do ámbito mariñeiro. No marco desta iniciativa elaboráronse 6 unidades didácticas para que o alumnado dos diferentes niveis educativos, do ensino infantil ata secundaria, poidan coñecer a vida que agochan os nosos océanos e aprender o léxico galego relacionado co mundo mariñeiro e pesqueiro. Todos os materiais poden consultarse e descargarse no web pequepeixe.gal.