Novas da lingua

Rexistros2131 a 2160 de 5145
06/02/2019. DINAMIZACIóN

Nova plataforma para visibilizar a oferta empresarial en galego

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo presentan a iniciativa #Galegoempresas, unha plataforma que achega información sobre as empresas con sede nestes tres municipios que ofrecen produtos e servizos en galego. O obxectivo é dar visibilidade a aqueles negocios que apostan polo galego e, ao mesmo tempo, poñer en valor o uso do noso idioma como marca de calidade no sector empresarial. Aquelas empresas interesadas en incorporarse a esta plataforma só teñen que cubrir unha ficha e un formulario de autodiagnóstico, que revisará e validará o equipo promotor de #Galegoempresas. Pola súa parte, os consumidores poden usar a plataforma para coñecer, localizar e valorar a oferta empresarial existente en galego.
06/02/2019. OUTRAS

Informe anual de actividade da Liña do Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o seu informe anual da Liña do Galego, un servizo gratuíto que atende consultas sobre dereitos lingüísticos, tramita queixas sobre a súa vulneración e recolle parabéns para as entidades que os respectan. Segundo os datos recollidos neste último informe, ao longo do ano 2018 tramitáronse 303 expedientes de queixas, atendéronse 29 consultas e recibíronse 58 parabéns. Igual que acontecía en anos anteriores, os dous principais motivos das queixas foron a exclusión e discriminación do galego (30%) e a deturpación da toponimia (22%). No que respecta á tipoloxía de entidades implicadas, o 46% das queixas van dirixidas a administracións e institucións públicas, o 23% a empresas de servizos, o 20% a institucións privadas, o 8% a entidades bancarias e o 3% a empresas de telefonía.
05/02/2019. CURSOS E CONGRESOS

A terceira sesión das xornadas Malas Linguas centrarase na transmisión non familiar

A Deputación da Coruña organiza a terceira sesión das xornadas Malas Linguas, que terá lugar o vindeiro 1 de marzo e estará centrada na transmisión lingüística en contextos diferentes ao ámbito familiar. Estas xornadas, estruturadas en catro sesións, están dirixidas principalmente ás persoas que traballan no ámbito da normalización lingüística e das políticas públicas, co obxectivo de deseñar estratexias para activar os/as falantes do século XXI. Podes inscribirte de balde cubrindo este formulario. Se non asistiches ás dúas sesións anteriores, tes ao teu dispor todos os vídeos das intervencións accesibles en Youtube.
01/02/2019. DINAMIZACIóN

A II Gala dos Medios en Galego terá lugar en Pontevedra

Co gallo da celebración o vindeiro 7 de febreiro do aniversario de O Tío Marcos d´A Portela (primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega), a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) promove a celebración anual dunha gala para conmemorar o Día dos Medios en Galego, cuxa primeira edición tivo lugar o 3 febreiro de 2018 en Fene. A segunda edición desta gala terá lugar mañá sábado, 2 de febreiro de 2019, ás 12:00 h, no Pazo da Cultura de Pontevedra. A AMEGA quere con esta celebración visibilizar os medios de comunicación que apostan polo galego e axudar a concienciar a poboación da importancia de normalizar o uso do noso idioma no ámbito xornalístico e adiovisual. Para ampliar esta información, preme aquí.
01/02/2019. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Rois

O Concello de Rois publica as bases para a provisión dunha praza de técnico/a de normalización lingüística. O sistema de selección será o de concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de licenciatura/grao en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), grao en Lingua Galega, ou calquera outra licenciatura/grao, sempre que estean en posesión do certificado Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE).
01/02/2019. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a convocatoria de subvencións para o ano 2019 destinadas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego. O prazo de solicitude é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.
29/01/2019. CURSOS E CONGRESOS

Curso sobre avaliación de competencias lingüísticas

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística, en colaboración co Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago, organizan un Curso sobre avaliación de competencias lingüísticas para técnicos/as de normalización lingüística, que impartirá Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da USC. O curso, de 15 horas de duración (9 presenciais e 6 a distancia), está especialmente dirixido a técnicos/as de normalización lingüística que deban elaborar e avaliar probas de coñecemento de galego para o acceso a prazas da Administración. As sesións presenciais terán lugar os días 22 de febreiro e 7 de marzo de 2019. O prazo de inscrición remata o 13 de febreiro.
24/01/2019. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego no ensino

A Consellería de Cultura e Turismo publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2018/2019; unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada. En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
23/01/2019. OUTRAS

Recomendacións para evitar a discriminación social na linguaxe

O alumnado da materia de “Redacción informativa” da Facultade de Comunicación da USC, en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, elaborou a Guía de linguaxe inclusiva, unha clara aposta por un xornalismo comprometido coa inclusión social. A iniciativa, coordinada polos profesores Xosé López e José Casás, quere implicar o alumnado no uso dunha linguaxe inclusiva, fomentando o pensamento crítico sobre os usos lingüísticos que perpetúan a discriminación. Trátase dun proxecto aberto que se completará con novas áreas temáticas de interese informativo. Así mesmo, adaptaranse as recomendacións da guía aos formatos propios de Instagram, rede social moi usada entre a mocidade. Podes ampliar información premendo aquí.
23/01/2019. OUTRAS

A TVG promove a divulgación do léxico a través de Instagram

A Televisión de Galicia estreou no seu perfil de Instagram a sección #InstaGal, onde cada martes propoñen unha palabra ou expresión galega, a través de imaxes emitidas nos medios públicos, e convidan aos usuarios/as desta rede social a que envíen sinónimos ou a variedade dialectal empregada na súa zona. Con todas as achegas dos ususarios/as a TVG elabora un vídeo didáctico, deseñado para divulgar a nosa riqueza lexicográfica entre a xente máis nova. A sección estreouse o martes 13 de decembro coa expresión “guindoulle pedras” e este semana convídante a que participes enviando os sinónimos do termo “folerpas”.
21/01/2019. AXUDAS E PREMIOS

Aberto o prazo de solicitude de axudas para os SNL municipais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica hoxe o prazo de solicitude das axudas ás entidades locais da provincia para a creación ou mantemento dos seus servizos de normalización lingüística, segundo a remisión da Base de Datos Nacional de Subvencións. Os concellos de 5000 habitantes ou máis, así como a agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen ao mesmo número mínimo de habitantes, teñen prazo ata o 15 de febreiro ás 14 h para tramitar as súas solicitudes.
As bases completas da convocatoria de axudas foron publicadas no BOP da Coruña o pasado 10 de xaneiro.
18/01/2019. OUTRAS

Xa podes consultar o novo Boletín de Sumarios do CDSG

Xa está accesible en liña o noso Boletín de Sumarios 2018, produto documental que inclúe os 83 números de publicacións periódicas, correspondentes a 40 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do CDSG ao longo do ano 2018. No caso de publicacións en papel, ofrécense, mediante ligazóns, os seus sumarios. Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde este boletín pode accederse directamente aos números completos. Para consultar a nosa colección completa de seriadas, preme aquí.
18/01/2019. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a creación de obras audiovisuais en galego

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca axudas para o ano 2019 destinadas á creación de obras audiovisuais, en versión orixinal en lingua galega, con decidida vocación artística e cultural. En concreto, subvenciónase a escrita individual de guións en galego, a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega e a elaboración de proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
18/01/2019. CURSOS E CONGRESOS

Xornada de formación dos equipos de dinamización da lingua galega

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional organiza a “Xornada de formación dos equipos de dinamización da lingua galega. Sumando espazos, espallando lingua”, que terá lugar o 26 de xaneiro de 2019 no Salón de actos do Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. A xornada está destinada a todo o profesorado e terá prioridade na asignación de prazas aquel que exerza a función de coordinador/a dos equipos de dinamización da lingua galega. Para coñecer o programa completo da sesión preme aquí.
18/01/2019. AXUDAS E PREMIOS

Premios para a dinamización lingüística no ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa publican unha convocatoria dirixida aos centros de ensino de titularidade pública para que participen en proxectos educativos de innovación en dinamización lingüística durante o curso académico 2018-2019. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán unha dotación económica de 2000 euros. As experiencias e os materiais didácticos producidos difundiranse no sitio web da SXPL. O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de febreiro de 2019. Para consultar o texto completo da convocatoria preme aquí.
17/01/2019. DINAMIZACIóN

En liña os vídeos da última edición do LGx15

O pasado 15 de novembro de 2018, na Sala Capitol de Santiago de Compostela, tivo lugar a cuarta edición do LGx15, un proxecto promovido pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua no que, a través de charlas breves e amenas, se transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego. Se non puideches asistir, agora podes consultar en liña os vídeos dos/as participantes desta última edición: Ruth Caramés, Xema Varela, Mercé Barrientos, Manolo Maseda, Javier Balea, Inma Gil Rosendo, Eira Losada e Aquel-e. Se o desexas, tamén podes ver os vídeos das edicións anteriores na canle de Youtube da CTNL.
17/01/2019. DINAMIZACIóN

I Certame de Podcast e Relato Radiofónico Xosé Mosquera Pérez

O IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración con Arraianos Multimedia, convocan o I Certame de Podcast e Relato Radiofónico Xosé Mosquera Pérez, dirixido a alumnado de primaria (sexto curso) e secundaria de Galicia, así como de centros que impartan ensinanzas de galego de réxime xeral fóra de Galicia. Os participantes deberán elaborar un texto inédito en galego, pensado para ser radiado, así como un podcast baseado nel, relacionado con Antón Fraguas, persoeiro ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. O prazo de presentación de traballos remata o 17 de maio. O traballo gañador recibirá un premio de 1000 euros. Para consultar as bases completas do certame, preme aquí.
16/01/2019. DINAMIZACIóN

Un convite á reflexión en formato audiovisual para cada mes do ano

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta unha nova edición do seu calendario anual, que nesta ocasión se enmarca na campaña de promoción do galego “Na Universidade… onde queiras, pero coa lingua”. Como novidade, o calendario deste ano 2019
incorpora unha peza audiovisual en cada un dos meses (á que pode accederse a través dun código QR), coa intención de potenciar a difusión da iniciativa a través das redes sociais. Continuando co humor como fío condutor, volven tratarse os principais prexuízos lingüísticos instalados na sociedade, ao tempo que se lles dá visibilidade a realidades sociolingüísticas clave para o futuro da lingua. A maiores da versión dixital, tamén se editaron 2000 exemplares en formato papel, que están a ser distribuídos polos diferentes centros da Universidade de Vigo. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
16/01/2019. CURSOS E CONGRESOS

Seminario sobre reflexividade sociolingüística

O Instituto da Lingua Galega, o Grupo de Investigación Filoloxía e Lingüística Galegas (FILGA) da USC e o Mestrado Interuniversitario en Lingüística Aplicada organizan o Seminario “Reflexividade sociolingüística: reflexións e cambios socioculturais”, que terá lugar os días 30 e 31 de xaneiro, e 1 de febreiro de 2019 na Facultade de Filoloxía da USC (Sala de videoconferencias B03). No seminario, impartido polo profesor Héctor Muñoz Cruz, da Universidad Autónoma Metropolitana de México, analizarase a importancia, a natureza e a estrutura lóxico-discursiva de razoamentos, actitudes e algunhas outras formas de cognición social sobre a diversidade lingüística e a comunicación intercultural. O prazo de inscrición remata o 29 de xaneiro ás 14.00 horas.
16/01/2019. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a distribución de audiovisual en galego na provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica as bases do programa de subvencións a empresas audiovisuais para apoiar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia da Coruña durante o ano 2019. O programa contempla dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe); e outra para a distribución en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe) de contidos audiovisuais non galegos. O prazo de presentación de solicitudes, segundo o extracto publicado no BOP do 16 de xaneiro, remata o 15 de febreiro de 2019, ás 14:00 h. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
15/01/2019. INVESTIGACIóN

Accesible en liña a obra “Antroponimia e lexicografía”

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG) presentaron hoxe, 15 de xaneiro de 2019, a publicación Antroponimia e lexicografía, que compila as achegas presentadas no simposio homónimo organizado polo ILG no ano 2016. Trátase dunha serie de contribucións que abordan os problemas comúns no estudo lexicográfico dos apelidos en territorios con características lingüísticas, demográficas, xeográficas e históricas moi diferentes. Tamén se tratan a maiores cuestións máis particulares da onomástica persoal en Galicia. Na presentación pública participou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director do ILG, Xosé Luís Regueira; e a editora da publicación, Ana Isabel Boullón.
15/01/2019. DINAMIZACIóN

Xove emprende en galego

O Concello de Xove está a difundir a campaña “Xove emprende en galego”, unha iniciativa de fomento do emprendemento e a actividade empresarial que pon de relevo o uso do idioma galego como valor engadido. A principal acción da campaña consiste na difusión dunha serie de vídeos, gravados polo director Xacio Baño, onde seis persoas emprendedoras do municipio reflexionan sobre os seus usos lingüísticos na actividade empresarial. O primeiro vídeo desta serie xa está dispoñible na canle de Youtube do Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Xove. Nos vindeiros días iranse publicando nesta mesma canle as restantes entrevistas.
15/01/2019. DINAMIZACIóN

A iniciativa “21 días co galego” esténdese a alumnado das catro provincias

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) da Xunta de Galicia está a desenvolver o programa “21 días co galego e +”, no que participan catro centros de ensino medio galegos (IES Pontepedriña de Santiago de Compostela, IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, IES Otero Pedrayo de Ourense e IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos). O obxectivo é que os adolescentes adquiran o hábito de falar galego en diferentes contextos, reflexionen sobre a situación actual do noso idioma e se comprometan co seu uso. Esta iniciativa está inspirada na experiencia didáctica “21 días co galego” que se desenvolve no IES da Pobra do Caramiñal desde 2013 e que xa foi galardoada pola propia SXPL cun premio de innovación en dinamización lingüística. Para ampliar información preme aquí.
10/01/2019. AXUDAS E PREMIOS

Aberto o prazo de inscrición en Musigal 2019

Os grupos e artistas musicais profesionais con domicilio social en Pontevedra poden inscribirse ata o 18 de xaneiro de 2019 neste programa que pretende apoiar a contratación de música galega e en galego por parte das entidades locais da provincia. O prazo para que os concellos soliciten actuacións remata o 8 de febreiro. Consulta as bases completas aquí.
09/01/2019. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os SNL das entidades locais da provincia de Pontevedra

A Deputación Provincial de Pontevedra publica hoxe as bases de subvencións para a dinamización lingüística nos concellos e outras entidades locais durante o ano 2019. Poden optar a estas axudas os concellos, as agrupacións de concellos ou as entidades locais menores da provincia, ata un máximo de 50.000 habitantes, que conten cun servizo de normalización lingüística, que pretendan crealo ou que, carecendo del, realicen programas de dinamización da lingua galega. O prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de febreiro de 2019. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
28/12/2018. OUTRAS

Deseucaliptización, palabra do ano 2018

O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, fixo público o resultado da votación popular para escoller a Palabra do Ano 2018. A palabra elixida foi deseucaliptización, despois de recibir máis da metade dos 5.724 votos emitidos. A vaga de lumes que padeceu Galicia estes últimos anos está sen dúbida no cerne dunha crecente conciencia social pola protección da biodiversidade dos nosos montes, que leva parella a aparición de neoloxismos como eucaliptización e deseucaliptización. A palabra gañadora do 2018 fai pois referencia á necesidade de recuperación da nosa masa forestal autóctona, eliminando as plantacións indiscriminadas de eucaliptos. Podes ampliar información sobre esta nova premendo aquí.
26/12/2018. CURSOS E CONGRESOS

Congreso sobre a diversidade lingüística na University College Cork

O Centro Irlandés de Estudos Galegos, o Department of Spanish, Portuguese and Latin American Studies e o MA in Applied Linguistics da University College Cork organizan o congreso “Linguistic Diversity: Celebrating Difference”, que terá lugar os días 12 e 13 de abril de 2019 na University College Cork. As entidades organizadoras convidan a investigadores/as das áreas de lingüística estrutural, tradución, sociolingüística e planificación das linguas a participar cun relatorio, enviando as súas propostas antes do 1 de febreiro de 2019. Podes manterte ao día das novidades do programa e mais dos trámites de matrícula no sitio web do congreso.
26/12/2018. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega

A Escola Galega de Administración Pública publica dúas convocatorias de cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega (niveis medio e superior), que se organizarán tanto na modalidade presencial como de teleformación. A primeira das convocatorias, na que se ofertan dous cursos de linguaxe xurídica galega na modalidade de teleformación, está dirixida ao persoal ao servizo da Administración de xustiza que preste servizos fóra de Galicia. Unha segunda convocatoria, onde se ofertan vinte e seis cursos de linguaxe administrativa galega e catro de linguaxe xurídica galega, está dirixida a todo o persoal ao servizo das distintas administracións galegas. Nos dous casos, o prazo de presentacións de solicitudes é de oito días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
26/12/2018. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a tradución do libro galego

A Consellería de Cultura e Turismo publica a convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, así como para a súa edición. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
26/12/2018. AXUDAS E PREMIOS

Axudas ás entidades locais para a compra de novidades editoriais en galego

A Consellería de Cultura e Turismo publica unha convocatoria de subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico e para mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.