A Deputación Provincial de Pontevedra publica a resolución da convocatoria de subvencións para a dinamización lingüística nos concellos e outras entidades locais da provincia de Pontevedra. O obxecto destas axudas é a creación ou mantemento de servizos de normalización lingüística (SNL), así como o desenvolvemento de programas de dinamización do galego. Consulta a listaxe de beneficiarios aquí.
19/07/2018. AXUDAS E PREMIOS
19/07/2018. EMPREGO
A Universidade de Vigo convoca un concurso público para a elaboración de listas de substitución de persoal docente interino, para o curso académico 2018-2019. Entre as prazas convocadas para a elaboración destas listas de agarda, hai unha da área de coñecemento de Filoloxía Galega e Portuguesa, adscrita ao Departamento de Filoloxía Galega e Latina. O prazo de presentación de solicitudes é de dez días hábiles contados desde o día
seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia (remata o 20 de xullo). Para obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia (remata o 20 de xullo). Para obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
19/07/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a resolución da convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. Para coñecer a listaxe de beneficiarios, preme aquí.
18/07/2018. OUTRAS
A cidade de Leeuwarden (Frisia, Holanda) foi nomeada Capital da Cultura Europea de 2018, e entre os diferentes proxectos de conmemoración que se están a desenvolver destaca o Pavillón das linguas, un espazo para difundir a diversidade lingüística de Europa no que, cada semana, unha lingua minorizada diferente é a protagonista. Grazas á colaboración entre Afûk (institución que promove o frisio), a Mesa pola Normalización Lingüística e a Fundación Vía Galego, entre os vindeiros 22 e 29 de xullo, os habitantes e visitantes da cidade de Leeuwarden terán ocasión de coñecer tamén o noso idioma a través dun programa de actividades nos que a música e a literatura galegas serán os eixos principais. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
13/07/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso do galego. No texto da resolución podes consultar a listaxe de concellos que, ben de xeito individual ou agrupado, recibirán axuda económica para a creación ou mantemento dun servizo de normalización lingüística, así como para o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua.
12/07/2018. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes organiza un obradoiro de lingua galega de carácter lúdico, na modalidade de xincana lingüística, destinado a nenas e nenos de 6 a 12 anos. A iniciativa, que se enmarca no programa de actividades de conciliación de verán, busca crear espazos de uso para o galego no ámbito do lecer, promovendo a comunicación oral e difundindo, de forma lúdica, vocabulario relacionado coas actividades deportivas. O obradoiro realizarase durante os meses de xullo e agosto nos diferentes concellos que conforman a mancomunidade.
12/07/2018. CURSOS E CONGRESOS
A Rede de Lexicografía RELEX organiza o curso “O emprego do dicionario no ensino e na aprendizaxe da lingua galega”, dirixido ao profesorado de lingua e literatura galegas do ensino non universitario, co obxectivo de analizar as potencialidades didácticas das ferramentas lexicográficas (como pode ser o dicionario) no proceso de ensino e aprendizaxe do idioma galego. As sesión desenvolveranse os días 20, 21, 27 e 28 de setembro de 2018 na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. O prazo de inscrición remata o vindeiro 13 de setembro. Para obter máis información sobre o programa e os trámites da matrícula, preme aquí.
11/07/2018. DINAMIZACIóN
As concellarías de Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Vigo presentan o programa “Os libros ao sol”, unha campaña de dinamización da lectura en galego que vai levar ata a praia da Argazada (no paseo de Samil) unha ampla variedade de libros en galego, de diferentes xéneros, grazas á colaboración das editoriais Elvira, Galaxia, Ir Indo e Xerais. Todas as persoas que o desexen terán ao seu dispor esta orixinal “biblioteca de praia” durante o mes de xullo, de luns a venres (en horario de mañá e tarde). A maiores, tamén se desenvolverán diferentes actividades complementarias (contos, cantos, música, xogos), para que os máis pequenos/as poidan gozar do seu tempo de lecer en galego. Podes ampliar información premendo aquí.
11/07/2018. AXUDAS E PREMIOS
O xurado da décimo novena edición de Ciencia en Acción, certame internacional de divulgación científica, acordou outorgarlle o primeiro premio na modalidade de “curtametraxes científicas” ás videoleccións XeoClip, unha serie de curtas didácticas sobre xeoloxía en galego elaboradas por Xacobo de Toro e Adela Otero, docentes do IES Fernando Wirtz da Coruña. O xurado destaca o rigor científico desta serie de curtas, que potencian o entretemento como vía para a aprendizaxe da xeoloxía.
11/07/2018. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística súmase á iniciativa FEST Galicia coa campaña “O galego crea ambiente”, que busca crear espazos de uso para o galego entre a xente nova e promover a reflexión sobre o seu valor como parte do noso patrimonio. Así mesmo, aproveitarase para difundir entre os mozos e mozas o Plan xeral de dinamización da lingua galega na mocidade que están elaborando a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Participación, Xuventude e Voluntariado, convidándoos a que participen achegando ideas ou suxestións.
09/07/2018. OUTRAS
O Plenario da Real Academia Galega acordou, na sesión ordinaria do pasado sábado, 7 de xullo de 2018, que o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2019 será o historiador e etnógrafo Antón Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999). Antón Fraguas foi na súa mocidade membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos. Posteriormente, compaxinou a docencia coa investigación, destacando no eido da antropoloxía galega. Foi director do Museo Municipal de Santiago en Bonaval e en 1976 participou na creación do Museo do Pobo Galego, do que tamén foi director e presidente. Para ampliar esta información, preme aquí.
05/07/2018. AXUDAS E PREMIOS
O xurado do IX Premio Rosalía de Castro de Lingua, que promove a Deputación da Coruña co obxectivo de recoñecer o labor de dignificación do noso patrimonio lingüístico, deu a coñecer os galardoados desta novena edición. Nesta ocasión os premiados foron a Galipedia, na categoría de colectivo, entidade ou asociación que destaca na promoción da lingua galega; e o grupo musical Pirilampo, como recoñecemento ao seu traballo coa infancia e a mocidade. Podes ampliar información premendo aquí.
27/06/2018. EMPREGO
O Concello de Abegondo publica as bases específicas da convocatoria dun proceso selectivo para a cobertura en propiedade dunha praza de técnico/a de normalización lingüística. O sistema de selección será o de concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de licenciatura/grao en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (sección Galego-Portuguesa), ou outras titulacións superiores pertencentes á área de humanidades ou de ciencias xurídicas sociais, sempre que estean en posesión do certificado Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE).
26/06/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica as resolucións das axudas para os proxectos de fomento do galego dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino non universitario de titularidade privada, para o curso escolar 2017/2018. Podes consultar a listaxe de centros beneficiarios premendo aquí: centros das provincias da Coruña e Pontevedra; centros das provincias de Lugo e Ourense.
22/06/2018. DINAMIZACIóN
A Compañía de Radio Televisión de Galicia crea Radio Picariña, unha emisora dixital de música infantil e xuvenil en lingua galega. Trátase dunha canle dixital especializada, a primeira deste tipo que se crea na Radio Galega, que pon ao dispor do público infantil e xuvenil unha selección de mil cancións en lingua galega. Para ampliar información, preme aquí.
21/06/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a resolución da convocatoria para a realización dos proxectos de innovación en dinamización lingüística nos centros públicos de ensino durante o curso académico 2017/2018. Os cinco proxectos seleccionados son: “O barrio: ambiente de aprendizaxe da vida cotiá. Proxecto sen data de caducidade” (CEIP Heroínas de Sálvora, Ribeira); “A roda do ano” (IES Plurilingüe A Cachada, Boiro); “Pegadas...” (CEIP Viñagrande-Deiro, Vilanova de Arousa e CEE de Vilagarcía de Arousa); “Ondas do Mar de Vigo/Trouxestes o pergamiño amigo” (IES Carlos Casares, Vigo); “Coñeces Cerdido?” (CEIP da Barqueira, Cerdido). Todos eles recibirán 2.000 euros para executar os seus proxectos de promoción lingüística.
21/06/2018. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha nova edición do programa “No verán… un conto”, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito do lecer. O programa, dirixido ao público infantil, familiar e adulto, inclúe contos, monicreques, obradoiros, xogos tradicionais, música, etc. As actividades comezan o 2 de xullo e rematan o 31 de agosto. No web do SNL do Concello de Vigo podes consultar o programa completo de actividades (coas datas e lugares de realización), así como unha sinopse das mesmas.
21/06/2018. EMPREGO
A Deputación de Pontevedra publica a convocatoria de varios procesos selectivos para cubrir prazas vacantes no seu cadro de persoal funcionario. Entre as prazas convocadas, inclúese unha de técnica ou técnico auxiliar de tradución, encadrada na escala de Administración especial, subescala técnica, clase técnico auxiliar e integrada no grupo C1, por quenda libre. O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE). Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
15/06/2018. INVESTIGACIóN
O Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega presentou en Barcelona, no marco dunhas xornadas organizadas polo Institut d'Estudis Catalans, un primeiro avance dos datos obtidos no proxecto “O galego da mocidade. Quince anos despois”, un estudo que a RAG está a desenvolver, co apoio da Deputación de Pontevedra, para coñecer os usos e actitudes lingüísticas da poboación máis nova. Deste primeiro avance extráense dúas conclusións básicas: por un lado, obsérvase un aumento evidente na tendencia cara ao monolingüismo en castelán na chamada xeración Z (persoas nadas entre 1990 e 1999); e por outro, constátase unha diminución dos prexuízos negativos cara ao idioma galego neste mesmo sector de poboación. Para ampliar esta información, preme aquí.
15/06/2018. LEXISLACIóN
O Concello de Redondela, pioneiro na galeguización da Administración local, celebra hoxe, 15 de xuño de 2018, un acto institucional para conmemorar o 35 aniversario da Lei de normalización lingüística. No acto, que se celebrará diante da Casa de Cultura ás 12:00 h, participarán Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Javier Bas, alcalde de Redondela; Xosé González, promotor do primeiro SNL municipal; e Xurxo Martínez, técnico de normalización lingüística de Redondela. A homenaxe estará amenizada coa actuación musical de Luís Emilio Batallán.
13/06/2018. DINAMIZACIóN
O Concello de Cedeira organiza a segunda edición do Festival de música galego-portuguesa “Traz outro amigo também”, que se celebrará entre os días 15 e 17 de xuño en Cedeira, co obxectivo de reivindicar o valor da música como arma de transformación social e crear puntos de encontro no ámbito da lusofonía. Ademais das actuacións musicais, no marco deste festival terán lugar unhas xornadas de lingua centradas tamén no ámbito da lusofonía, nas que intervirán os profesores José Luís Fernández (EOI da Coruña), Mauricio Castro (EOI de Ferrol) e Ramón Mariño (USC). Para ampliar esta información, preme aquí.
12/06/2018. INVESTIGACIóN
O Grupo de Estudos Audiovisuais e a Editorial Galaxia presentan a obra Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega, na que oito investigadoras, baixo a coordinación de Margarita Ledo Andión, trazan a relación do cinema galego con outros aspectos socioculturais, como a emigración, a paisaxe ou o idioma. O acto de presentación terá lugar hoxe, 12 de xuño, ás 20:00 h, na librería Numax. Para ampliar esta información, preme aquí.
11/06/2018. INVESTIGACIóN
O vindeiro xoves, 14 de xuño, terá lugar no centro social A Gentalha do Pichel (Santiago de Compostela) unha charla sobre linguas minorizadas e procesos de revitalización. No acto, que terá lugar ás 18:45 h, participarán Bernadette O’Rourke e Alejandro Dayán-Fernández (da Universidade de Heriot-Watt, Escocia), que centrarán a súa exposición na presentación do proxecto interdisciplinar SMILE, que está a investigar diferentes iniciativas de revitalización de linguas minorizadas en Europa.
07/06/2018. INVESTIGACIóN
A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta, baixo o título Estudo sociolingüístico sobre o uso do galego na Universidade de Vigo, unha nova análise sobre os usos, a competencia e as actitudes lingüísticas na comunidade universitaria viguesa. Transcorridos vinte anos do primeiro estudo sociolingüístico desta universidade (1997), esta nova achega permítenos actualizar a radiografía e concluír que se constata unha mellora na competencia lingüística tanto do PAS, como do profesorado e o alumnado, mais esta mellora competencial non foi directamente proporcional ao incremento do uso do galego no contexto universitario. Podes consultar o estudo completo premendo aquí.
07/06/2018. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta a iniciativa "Vigo Arrólate", deseñada para fomentar a transmisión do galego no ámbito da familia. O programa, dirixido a bebés, cativas/os de ata 2 anos e as súas familias, inclúe contos, xogos e música, que se desenvolverán do 2 ao 30 de xullo de 2018 na Biblioteca Neira Vilas e na Casa da Xuventude de Vigo. O prazo de inscrición comeza o 19 de xuño, ata esgotar as prazas. Podes consultar o programa completo de actividades premendo aquí.
06/06/2018. CURSOS E CONGRESOS
A Universidade de Santiago de Compostela inclúe na oferta formativa da Universidade de Verán 2018 o curso “Galego, porta aberta para o mundo”, que terá lugar en Santiago de Compostela entre os días 26 a 29 de xuño. O curso, dirixido por Teresa Moure, quere analizar a situación actual do idioma galego, así como as estratexias para a súa internacionalización, ao abeiro do marco normativo que ofrece a Lei 1/2014, máis coñecida como Lei Valentín Paz-Andrade. Para obter máis información sobre os trámites de matrícula, preme aquí.
06/06/2018. LEXISLACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Administración Local e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua presentaron onte, 5 de xuño de 2018, o Informe sobre a prestación do servizo de normalización lingüística pola Administración local en exercicio de competencia propia. Trátase dun informe xurídico elaborado en resposta ás dúbidas xurdidas nestes últimos tempos en diferentes administracións locais en relación coa súa competencia en materia de normalización lingüística. No documento indícase que as entidades locais galegas comparten coa Xunta de Galicia o mandato legal de promover a normalización da lingua galega, polo tanto, trátase dunha competencia propia tanto da Administración autonómica como da local e o seu exercicio non require da emisión do informe de duplicidade nin sustentabilidade financeira. Podes ampliar esta información no web da CTNL.
05/06/2018. DINAMIZACIóN
O Concello de Santiago de Compostela presenta Atopando Compostela, a versión web dun xogo de taboleiro sobre toponimia que foi creado en 2011 co obxectivo de que o alumnado de secundaria de Santiago coñecese, dun xeito lúdico, o patrimonio toponímico do seu concello. Agora, todas as persoas que o desexen tamén poden descubrir, xogando de xeito individual ou por equipos, a toponimia compostelá. Esta iniciativa será presentada publicamente o vindeiro 15 de xuño, ás 19:00 horas, na Casa das Asociacións de Cornes (Santiago de Compostela). No acto intervirá Xosé Lois Vilar, arqueólogo e membro da Sociedade Galega de Estudos Miñoranos, e a seguir desenvolverase unha partida por equipos. Podes ampliar a nova premendo aquí.
05/06/2018. EMPREGO
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica o concurso público de dez bolsas de formación vinculadas á actividade do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Trátase dos seguintes proxectos: Dicionario galego-italiano (1 bolsa), Bibliografía da literatura galega (1 bolsa), Fraseoloxía galega (1 bolsa), Corpus de referencia do galego actual (1 bolsa), Cantigas de Santa María (1 bolsa), Prosa literaria medieval (1 bolsa), Terminoloxía científico-técnica (1 bolsa), Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala (1 bolsa), Base de datos do ALIR (1 bolsa) e Dicionarios de literatura (1 bolsa). O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
01/06/2018. INVESTIGACIóN
O Departamento de Matemáticas do IES Marco do Camballón presenta o primeiro número da revista Marco Numérico, onde o alumnado do segundo ciclo da ESO e de Bacharelato terá a oportunidade de publicar os seus traballos de investigación matemática en lingua galega. Este primeiro número recolle diferentes artigos elaborados polo alumnado de 2º de Bacharelato durante o curso 2017-2018 na materia “Métodos Estatísticos e Numéricos”. A publicación, que ten carácter anual, está aberta a incorporar no futuro achegas doutros centros de ensino. Para ampliar esta información, preme aquí.

