Novas da lingua

Rexistros241 a 270 de 5273
09/06/2025. INVESTIGACIóN

Conferencia de Anik Nandi sobre micropolíticas familiares e prácticas de revitalización lingüística

O vindeiro mércores, 11 de xuño de 2025, Anik Nandi (profesor da Woxsen University, India), impartirá a conferencia Micropolíticas familiares e a cidadanía sociolingüística dos proxenitores galegos e vascos: ideoloxías, xestión e prácticas de revitalización lingüística. O evento está organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG), e terá lugar lugar na sala de divulgación do ILG ás 13 h.

Podes ampliar información premendo aquí.
06/06/2025. CURSOS E CONGRESOS

XVIII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística: Traballando en Lingua con Inmigrantes

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza o XVIII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística, que nesta edición leva por título Traballando en Lingua con Inmigrantes. A atención centrarase en analizar os usos lingüísticos e fomentar o uso do galego entre os colectivos de poboación inmigrante, reflexionando sobre os argumentos, as accións, a creatividade, a implicación, os métodos etc. máis axeitados para tal propósito.

As xornadas terán lugar no Pazo da Cultura de Carballo os días 15 e 16 de xullo de 2025. O prazo de inscrición para participar nelas remata o 11 de xullo.
04/06/2025. AXUDAS E PREMIOS

Acto de entrega dos VI Premios Mil Primaveras

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza un acto público de entrega dos VI Premios Mil Primaveras, que terá lugar o vindeiro sábado 7 de xuño de 2025, ás 11:30 h, no Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra, e que estará conducido pola actriz e narradora oral Atenea García.

Os Premios Mil Primaveras teñen como obxectivo a difusión e posta en valor de proxectos de fomento do galego que, polo súa calidade, poidan servir de modelo e inspiración.

Para obter máis información sobre esta iniciativa, así como sobre os proxectos galardoados nesta sexta edición, preme aquí.
04/06/2025. OUTRAS

A Biblia en galego xa ten versión en liña

A editorial SEPT e o Arcebispado de Santiago de Compostela presentaron a edición en liña da Biblia en lingua galega. O texto correspóndese coa cuarta edición da Biblia, publicada por SEPT no 2021.

A tradución ao galego desta obra foi realizada dende as linguas orixinais por un equipo coordinado por Xosé Fernández Lago e Andrés Torres Queiruga. A primeira edición, que contou coa aprobación da Conferencia Episcopal Española, data de 1989. Da supervisión desta 4ª edición ocupouse Xosé Fernández Lago.

A presentación pública da versión en liña tivo lugar onte, 3 de xuño de 2025, no Instituto Teolóxico Compostelán.
03/06/2025. INVESTIGACIóN

Un novo volume compila a toponimia da parroquia viguesa de Teis

O Concello de Vigo e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presentaron publicamente o noveno volume da colección Toponimia do Val do Fragoso, un traballo no que a lingüista Vera Álvarez Suárez compila e estuda máis de 150 nomes de lugar da parroquia viguesa de Teis.

No acto de presentación participaron representantes das dúas institucións promotoras, que fixeron mención ao papel determinante que tivo no deseño e posta en marcha desta colección Marta Souto, quen foi responsable do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo ata o seu falecemento, en outubro do pasado ano.

No Diario da Universidade de Vigo podes ampliar información.
02/06/2025. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o XVI Premio Rosalía de Castro da Lingua 2025

A Deputación da Coruña fixo públicos os/as gañadores/as do XVI Premio Rosalía de Castro da Lingua 2025, un galardón que ten como obxectivo recoñecer o labor de persoas, colectivos e entidades que destacan polo seu compromiso coa promoción e dignificación do idioma galego.

Nesta edición as persoas e proxectos galardoados, elixidos entre as 32 candidaturas presentadas, son: na categoría de persoas, o lingüista Xosé Ramón Freixeiro Mato; na categoría de entidades, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas ondas!; e na categoría de proxectos, CeibaRimas e Galego para peques (ex aequo).
02/06/2025. AXUDAS E PREMIOS

Aberto o prazo de presentación de candidaturas ao VIII Premio Luís Porteiro Garea

Co fin de lembrar e homenaxear a figura de Luís Porteiro Garea (profesor da cátedra de dereito civil e membro das Irmandades da Fala que impartiu en 1915, no Paraninfo da Universidade, a primeira lección en galego de que se ten constancia), o Servizo de Normalización Lingüística da USC convoca a oitava edición do Premio Luís Porteiro Garea, un galardón co que anualmente se recoñecen traxectorias ou iniciativas de persoas que contribuíron á normalización da lingua galega na propia USC.

O prazo para presentar candidaturas remata o 27 de xuño de 2025.
02/06/2025. DINAMIZACIóN

O Concello de Santiago presenta as actividades de Apego para o mes de xuño

Xa podes consultar o programa completo de actividades deseñado polo Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago para fomentar o uso do galego na socialización da primeira infancia durante este mes de xuño. A oferta, que se desenvolverá no marco do proxecto Apego, inclúe obradoiros de cociña, actividades de psicomotricidade, contos, xogos e espectáculos lúdicos, que nesta ocasión terán como eixo temático a atención á diversidade.
02/06/2025. DINAMIZACIóN

A USC convoca o III Concurso de Vídeos "Vémolo Nós"

O Servizo de Normalización Lingüística e as Comisións de Normalización Lingüística dos distintos centros e organismos da Universidade de Santiago de Compostela convocan a terceira edición do concurso de vídeos "Vémolo Nós", dirixido a todos os membros da comunidade universitaria da USC no curso académico 2024/2025. O certame ten como obxectivo promover a produción e a difusión de vídeos curtos e orixinais que fomenten o galego como lingua de divulgación científica. Os vídeos deben ser inéditos, estar en lingua galega e ter unha duración máxima de cinco minutos. Outorgarase dous premios (un de 1.500 euros e outro de 300 euros) en cada unha das seguintes categorías: Divulgación do coñecemento, Descubrindo a USC e Protagonista: o galego. O prazo de presentación de solicitudes remata o 5 de setembro de 2025.

Podes consultar as bases completas da convocatoria e ver os vídeos gañadores das edicións anteriores premendo aquí.
28/05/2025. DINAMIZACIóN

VI Festa do Apego en Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza a cuarta edición da súa Festa do Apego, unha actividade lúdica, dirixida ao público infantil e ás súas familias, que ten como obxectivo fomentar a transmisión interxeracional da lingua e crear novos espazos de uso para o galego no ámbito do lecer. O programa inclúe música, adiviñas, xogos, contos, monicreques, obradoiros creativos e un espazo de mostra de materiais educativos. O encontro terá lugar o 7 de xuño de 2025 no Pazo da Peregrina (Bertamiráns). A entrada é libre e gratuíta en todas as actividades.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
28/05/2025. DINAMIZACIóN

Certame de contos científicos para público infantil

A Sociedade de Científicos Españois no Reino Unido (CERU), en colaboración coa Fundación Lilly, a revista Principia, a Universidade de Liverpool e o Instituto Cervantes, convoca a sexta edición do certame de relatos infantís Ciencia-me un conto, unha iniciativa de carácter internacional na que se emprega a escritura creativa como ferramenta para a divulgación científica. O obxectivo é inspirar vocacións e promover a alfabetización científica entre o público infantil e, ao mesmo tempo, proporcionar unha plataforma para que científicos, comunicadores ou educadores poidan divulgar os seus coñecementos.

O certame está dirixido tanto a membros de CERU como a amigos de CERU, que poderán presentar os seus textos en inglés, castelán, galego, éuscaro ou catalán. Outorgaranse tres premios (de £100, £50 e £20) en cada unha das categorías/idioma.

A data límite para presentar os contos é o 30 de xuño de 2025.
26/05/2025. DINAMIZACIóN

Volve o festival de música en galego “Aquí tamén se fala”

O IES Rafael Dieste da Coruña fixo público o cartel do II Festival “Aquí tamén se fala”, unha iniciativa coa que lle poñen o ramo ao traballo de dinamización lingüística desenvolvido polo alumnado deste centro educativo durante o curso escolar 2024-2025.

O festival terá lugar o 13 de xuño de 2025, desde as 17:00 h, na Praza da Tolerancia (A Coruña) e as bandas convidadas nesta segunda edición son Alana, Dios Ke Te Crew, Pava e Ulex. A maiores, contarán coa colaboración especial de Boyanka Kostova, que xa actuaron na primeira edición, e haberá unha actuación sorpresa. O festival está aberto a toda a cidadanía e a entrada é de balde.
26/05/2025. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os XXIX Premios Lois Peña Novo

O xurado dos Premios Lois Peña Novo deu a coñecer os/as gañadores/as da vixésimo novena edición destes galardóns, deseñados para animar o proceso de normalización lingüística no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. Nesta edición de 2025 os/as premiados/as son a Asesoría Xurídica da Deputación Provincial de Lugo, por tratarse dunha “iniciativa insólita e valente que está a impulsar unha galeguización integral na práctica xurídica dunha institución pública”; a xornalista Esther Estévez Casado, “en recoñecemento ao seu firme compromiso coa promoción e normalización da lingua galega, destacando como presentadora do espazo da TVG “Dígocho eu”; e Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao, polo seu “compromiso coa promoción da lingua e identidade do país, así como coa recuperación de figuras clave da nosa historia e pensamento”.

Podes consultar a acta íntegra do xurado premendo aquí.
22/05/2025. INVESTIGACIóN

Panorámica sobre a oferta e demanda de produtos e servizos culturais en galego para a infancia e mocidade

O Consello da Cultura Galega presenta o documento de traballo Oferta e demanda de produtos e servizos culturais en galego para a infancia e mocidade, no que se ofrece unha panorámica do lugar que ocupa este público na programación e produción cultural en lingua galega e se sonda a opinión das entidades culturais sobre a necesidade de aumentar a oferta.

En termos xerais, en 2024 as entidades da cultura galega realizaron de media o 54,67% da súa produción en galego e un 20,7% exclusivamente nesta lingua. As porcentaxes medias máis elevadas de produción cultural en galego proveñen dos departamentos de cultura das distintas administracións (92,65%) e dos museos e as actividades relacionadas co patrimonio cultural (80,69%). As máis baixas correspóndenlles ás entidades dedicadas ás artes gráficas (28,88%) e ao comercio de libros e publicacións periódicas (26,66%). A maior parte das entidades participantes na mostra ofertan produtos en galego para público infantil ou xuvenil (73%), pero só dedican algo máis dun terzo (37,74%) do total da súa produción en galego a este público.

No que respecta ás opinións e expectativas, unha parte moi significativa do sector cultural afirma que estaría disposta a incrementar a súa oferta de produtos e servizos en galego dirixida ás novas xeracións se se puxesen en marcha medidas eficaces para aumentar a demanda. As medidas concretas para aumentar esta demanda que acadaron un maior grao de aceptación por parte dos profesionais do ámbito cultural son: o fomento de produtos en galego nos centros educativos (92,8%), a creación de contidos de lecer dixitais en galego en plataformas e redes sociais (90,8%), a mellora da difusión da oferta existente mediante información específica dirixida á mocidade (87,7%), axudas á produción de contidos (84,3%), campañas con persoas destacadas do ámbito deportivo, artístico ou dixital (83,9%) e creación dunha plataforma que reúna toda a oferta infantil e xuvenil en galego (82,0%).
22/05/2025. EMPREGO

Bolsa de colaboración na Unidade de Publicacións do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) publica a convocatoria de catro bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que se desenvolverán nesta entidade durante os anos 2025-2026. Unha destas bolsas, de perfil lingüístico, estará adscrita á Unidade de Publicacións do CCG. Para optar a ela cómpre estar en posesión do título de licenciatura ou grao en Filoloxía Galega; Galego e Portugués; Lingua e Literatura Galegas; ou Tradución e Interpretación.

As bolsas finalizarán o 31 de agosto de 2026 e terán unha duración máxima de doce meses. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
22/05/2025. DINAMIZACIóN

A Facultade de Comunicación da UVigo é recoñecida co distintivo Gal Ego 2025

A Universidade de Vigo acordou conceder o distintivo de galeguización «Gal Ego» 2025 á Facultade de Comunicación. O distintivo, deseñado para recoñecer publicamente a facultade ou escola universitaria que máis promova o emprego do galego, outórgase a través dunha convocatoria pública anual e ten unha vixencia de catro anos. Ademais dunha insignia deseñada para a exposición pública, os centros que obteñen o "Gal Ego" reciben tamén unha contía de 3.000 euros, que poderán destinar a actividades de promoción lingüística.

No Diario da Universidade de Vigo podes ampliar información.
22/05/2025. DINAMIZACIóN

A USC convoca o II Concurso de edición da Galipedia

O Servizo de Normalización Lingüística da USC e as comisións de normalización lingüística da Facultade de Matemáticas, da Facultade de Psicoloxía, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, da Escola de Enfermaría e da Facultade de Humanidades convocan o II Concurso de edición da Galipedia, dirixido á comunidade universitaria da USC. Os obxectivos do certame son promover a produción e a difusión de artigos de calidade contrastada en lingua galega na Galipedia e fomentar a participación da comunidade universitaria nunha iniciativa colaborativa de extensión do saber e o coñecemento en lingua galega.

Os participantes deben editar na Galipedia un artigo ou un conxunto de artigos, ben creándoos de novo, ben mellorando de forma significativa algúns xa existentes. Os artigos deben pertencer a algunha destas áreas temáticas: psicoloxía; matemáticas; enxeñarías química, ambiental e informática, intelixencia artificial; enfermaría; patrimonio cultural galego.

Outorgaranse dous premios (un primeiro premio de 350 euros e un segundo premio de 150 euros) en cada unha das áreas de coñecemento.

O prazo de inscrición remata o 20 de xuño de 2025. A data límite para a presentación dos traballos é o 20 de setembro de 2025.
22/05/2025. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o IV Premio de Investigación Xurídica en Lingua Galega Xosé Luis Franco

No transcurso do acto de celebración do Día das Letras Galegas, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo deu a coñecer os nomes dos estudantes gañadores da cuarta edición deste galardón dirixido a fomentar o emprego da lingua na investigación xurídica entre o alumnado de grao e mestrado.

Na modalidade aberta a todo o alumnado universitario, o xurado outorgou o premio ex aequo a Rosalía Suárez Sánchez, por un traballo sobre os delitos contra a liberdade sexual, e a María Otero Canabal, por un estudo xurídico sobre a relación laboral especial no servizo do fogar familiar. Na segunda modalidade, específica para alumnado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, foron galardoadas tamén ex aequo Carme Vales Rey, por unha investigación sobre a pena de responsabilidade persoal subsidiaria por impago de multas, e Ángela Castelo Castro, por un traballo sobre o desprazamento temporal de traballadores no marco da libre prestación transnacional de servizos e o transporte internacional na unión europea.

Os premios, dotados con 500 euros para cada modalidade e un diploma acreditativo, serán entregados o vindeiro 20 de xuño no transcurso do acto de graduación de Dereito.

No Diario da Universidade de Vigo tes máis información.
21/05/2025. OUTRAS

O discurso “Alba de Gloria” incorpórase aos fondos da UNESCO para reivindicar a diversidade lingüística e cultural

Hoxe, 21 de maio, a ONU conmemora o Día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e o Desenvolvemento, e con este motivo o Legado Activo Beiras Cal, coa colaboración da Real Academia Galega, organizou o envío á biblioteca da UNESCO dun exemplar numerado da primeira edición do discurso “Alba de Gloria” de Castelao, pertencente á biblioteca da pedagoga Antía Cal e do oftalmólogo galeguista Antón Beiras.

Ademais dos representantes das entidades promotoras, Beatriz Beiras Cal (Legado Activo Beiras Cal) e Henrique Monteagudo (RAG), no acto de preparación deste envío participou tamén o alumnado do CEIP Antía Cal Vázquez (Muras), que redactou unha carta dirixida á directora xeral da UNESCO, Audrey Azoulay, demandando o apoio da organización internacional ao uso do galego na escola.

Na páxina da RAG podes ampliar información.
21/05/2025. DINAMIZACIóN

Foliada das letras galego-portuguesas “Agora cantamos nós!

A Asociación Cultural Ponte... nas Ondas! organiza a Foliada das letras galego-portuguesas “Agora cantamos nós!”, que xuntará o vindeiro venres 23 de maio, en Santiago de Compostela (no parque Eugenio Granell), a grupos de música, baile e pandeireteiras de 15 centros educativos de Galicia e Portugal, co obxectivo de poñer de manifesto que a nosa literatura oral popular e o cancioneiro tradicional son un patrimonio compartido con Portugal e cos demais países de lingua portuguesa.

O evento conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, a Secretaría Xeral da Lingua, o Consello da Cultura Galega e a Deputación da Coruña, e enmárcase nun proxecto máis amplo que inclúe a gravación dun audiovisual documental e a publicación dun cancioneiro galego-portugués.

Podes ampliar información premendo aquí.
21/05/2025. DINAMIZACIóN

Afonso Daniel Rodríguez Castelao protagoniza a novena edición de "No bico un cantar"

Neste ano 2025 no que se conmemora o 75º aniversario do pasamento de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, o Consello da Cultura Galega organiza, coa colaboración da Xunta de Galicia, a novena edición do certame musical No bico un cantar, cun repertorio no que se homenaxea a figura do ilustre escritor e intelectual rianxeiro. Baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co acompañamento do Quinteto de metais Hércules Brass, o alumnado dos conservatorios profesionais e escolas de música de Galicia e mais do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires (que este ano participa como novidade no certame) interpretarán os versos de insignes autores/as galegos/as, rendéndolle a súa especial homenaxe musical a Castelao.

O certame terá lugar o vindeiro 6 de xuño de 2025 na Praza de Rafael Dieste, en Rianxo.

Na páxina web do CCG tes toda a información.
21/05/2025. CURSOS E CONGRESOS

O VIII Congreso AGANTRO centrarase no papel da antropoloxía na actual situación de emerxencia lingüística

A Asociación Galega de Antropoloxía organiza, coa colaboración do Instituto da Lingua Galega da USC, o VIII Congreso AGANTRO, que nesta edición leva por título A antropoloxía galega fronte á emerxencia lingüística: respostas e propostas. O evento terá lugar o 6 de xuño de 2025 na sede do Instituto da Lingua Galega (Praza da Universidade, 4. Santiago de Compostela), e o seu principal obxectivo será reflexionar sobre a contribución da antropoloxía galega á reversión da perda de falantes de galego, combinando a investigación etnográfica rigorosa co deseño de estratexias efectivas de acción comunitaria.

O prazo de inscrición remata o 30 de maio. Podes consultar o programa completo do congreso e obter máis información sobre os trámites de inscrición, premendo aquí.
19/05/2025. OUTRAS

Un país coa súa lingua: inscrición na mesa “Comunicación, cultura e acción exterior”

Xa está accesible en liña o formulario de inscrición para asistir presencialmente ao cuarto debate do foro Un país coa súa lingua, que nesta ocasión se centrará na formulación de propostas para garantir a presenza do galego nos medios de comunicación, no eido audiovisual e na produción cultural, en xeral. O debate, coordinado por Marta Veiga e Dolores Vilavedra, terá lugar o vindeiro 27 de maio de 2025, a partir das 16:30 h, na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Santiago de Compostela).

Na páxina web do CCG podes ampliar información sobre esta cuarta mesa de debate e acceder ao formulario de inscrición.

A maiores da participación presencial, o CCG habilitou un formulario en liña que estará aberto durante todo o proceso para a recepción de propostas relacionadas con calquera das áreas de análise.

O foro Un país coa súa lingua é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que ten como obxectivo fomentar un diálogo aberto e plural sobre o futuro do galego. O proxecto, de carácter propositivo, estrutúrase arredor de sete mesas de traballo nas que se debaterá sobre o futuro da lingua e se proporán accións normalizadoras en ámbitos como a educación, a administración, a economía, os medios, a cultura e a sociedade.
19/05/2025. EMPREGO

Praza de técnico/a superior de linguas modernas (galego-portugués) na USC

A Universidade de Santiago de Compostela convoca probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional de técnico/a superior de linguas modernas (galego-portugués), grupo I. O sistema de selección será o de concurso-oposición.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no BOE.

Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
16/05/2025. EMPREGO

Prazas e bolsas de formación en centros de estudos galegos en universidades do exterior

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica dúas convocatorias para cubrir seis bolsas de formación en centros de estudos galegos nas universidades do Algarve, Autónoma de Barcelona, Granada, Barcelona, Río de Janeiro e Zádar; así como catro prazas en centros de estudos galegos das universidades de Kiel, Minho (Braga), Oxford e Varsovia.

En ambas as dúas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
15/05/2025. DINAMIZACIóN

O IV Certame #DígochoEu xa ten gañadores

O pasado martes, 13 de maio de 2025, tivo lugar a entrega de premios do IV Certame #DígochoEu, dirixido a centros escolares de Galicia de educación primaria e secundaria. Os gañadores desta edición foron:

Na categoría de educación primaria: CEIP Sagrada Familia (A Coruña), co vídeo ‘Climatoloxía’ (Premio de Ouro); CEIP As Bizocas (San Vicente do Grove), co vídeo ‘Mariscos e peixes’ (Premio de Prata); e CEIP San Xoán de Filgueira (Ferrol) co vídeo ‘Expresións ferrolás’ (Premio de Bronce).

Na categoría de educación secundaria: CPI Plurilingüe O Cruce (Cerceda), coa peza ‘Goza coa túa lingua’ (Premio de Ouro); IES Fontem Albei (A Fonsagrada), co vídeo ‘Foliada’ (Premio de Prata); e IES Eduardo Pondal (Ponteceso), coa peza ‘Expresións da Costa da Morte’ (Premio de Bronce).

A gala de entrega dos premios emitirase na TVG o vindeiro sábado 17 de maio, ás 12:00 h, dentro da programación especial do Día das Letras Galegas.
15/05/2025. INVESTIGACIóN

Edición conmemorativa da RAG dedicada ás cantareiras e á poesía de tradición oral

Nas vésperas da celebración do Día das Letras Galegas, a Real Academia Galega edita a publicación Por que non hei de cantar?, autoría de Manuel Rico Verea, coa que se quere render homenaxe a todas as informantes, cantareiras e pandeireteiras que nos transmitiron o seu legado poético e musical.

A obra contén unha primeira parte dedicada concretamente ás cantareiras Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda, Asunción e Prudencia Garrido Ameixenda e mais Manuela Lema, de Malpica, e Xosefa Eva Castiñeira, de Muxía (nas que a RAG personaliza a homenaxe das Letras Galegas 2025); e unha segunda parte na que se fai un percorrido pola historia dos cancioneiros que recollen a literatura popular e as melodías tradicionais de Galicia.

Na páxina web da RAG tes máis información.
15/05/2025. DINAMIZACIóN

Volven os Rechouchíos para o público infantil de Moaña

O Servizo de Normalización Lingüística, o Servizo de Igualdade e a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Moaña organizan unha nova edición do programa Rechouchíos, que inclúe un amplo abano de actividades de teatro, narración oral, humor, monicreques, música en directo e xogos populares para público infantil e familiar, que se desenvolverán durante os meses de maio e xuño de 2025. Para poñerlle o ramo, o venres 15 de xuño celebrarse no arboredo da Xunqueira o festival musical Festichío, con música e xogos populares en galego tamén para os máis pequenos/as.

Podes ampliar información premendo aquí.
12/05/2025. DINAMIZACIóN

Xa está aberto o prazo de inscrición na XI Carreira Camiño das Letras

Xurdir, coa colaboración da Xunta de Galicia, organiza a XI Carreira Camiño das Letras, que vai ter lugar o 17 de maio de 2025 en Santiago de Compostela, co obxectivo de unir a práctica deportiva coa conmemoración do Día das Letras Galegas e co simbolismo do Camiño de Santiago.

A carreira constará de dúas probas absolutas (de 15 e 5 km) na que poderán participar atletas federados e non federados (estes últimos correrán coa licenza de día da Federación Galega de Atletismo). A maiores, organizaranse tamén carreiras para as distintas categorías “escolares” (de sub6 a sub16) por un circuíto da Cidade da Cultura. Todos os participantes recibirán un libro de agasallo e mais o diploma Camiño das Letras. Os/as gañadores/as tamén recibirán un lote de libros e mais o seu correspondente trofeo. Outorgaranse premios económicos a clubs federados.

A inscrición estará aberta ata o vindeiro mércores, 14 de maio. Para ampliar información sobre o regulamento das probas e mais os trámites de inscrición, preme aquí.
12/05/2025. DINAMIZACIóN

Gadis conmemora as Letras Galegas reinterpretando o legado das cantareiras

Neste ano no que o Día das Letras Galegas está dedicado á poesía popular oral, Gadis reinterpreta o legado das cantareiras co proxecto artístico Foliada!, unha iniciativa que aglutina ilustración, literatura e música, e na que participan as ilustradoras Xoana Almar, Iria Fafián, Laura Mahía, María Montes e Laura Tovar; e as escritoras Yolanda Castaño, Esther F. Carrodeguas, Ledicia Costas, María Lado e María Solar.

O proxecto, elaborado coa colaboración da Xunta de Galicia, está accesible en liña nesta páxina web conmemorativa. A maiores, editaranse 30.000 exemplares en formato de vinilo musical, que se distribuirán o vindeiro 16 de maio en todos os supermercados Gadis de Galicia.