O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a décimo terceira edición deste premio deseñado para promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e incentivar o seu uso na prensa escrita. Outorgarase un único premio de 1250 euros, ademais da publicación do artigo gañador nos nove medios de comunicación que colaboran coa iniciativa. O prazo de presentación dos artigos, que deben ser inéditos, remata o 17 de abril de 2017. Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí.
07/03/2017. AXUDAS E PREMIOS
03/03/2017. DINAMIZACIóN
A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña presenta o programa de dinamización lingüística “Coa lingua fóra”, deseñado para promover a socialización en galego, favorecer as actitudes positivas cara ao noso idioma e incentivar o pensamento crítico dos nenos/as e adolescentes, un sector da poboación clave para a normalización do galego. O programa, que se desenvolverá durante os meses de marzo e abril de 2017 en corenta concellos da provincia da Coruña, inclúe actividades de animación á lectura, un espectáculo de clown e obradoiros sobre prexuízos lingüísticos. Podes ampliar información sobre esta iniciativa, premendo aquí.
27/02/2017. INVESTIGACIóN
O Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago presentan A lingua galega no solpor medieval, unha obra editada por Ramón Mariño e Xavier Varela que compila diversos traballos sobre a situación da lingua galega nos séculos XV e XVI, especialmente sobre o abandono do seu uso escrito formal. O acto de presentación terá lugar o vindeiro xoves, 2 de marzo de 2017, ás 12 h, na sede do Consello da Cultura Galega. Podes consultar ou descargar a edición dixital desta obra no web do CCG.
24/02/2017. INVESTIGACIóN
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o "Informe sobre a lingua galega na educación infantil de Galiza de 3 a 6 anos. Curso 2016/17", un estudo que esta entidade viña elaborando anualmente para analizar os usos lingüísticos na educación infantil das sete cidades galegas e que nesta última edición pasa a recoller os datos do conxunto de Galicia. En termos xerais, constátase unha fenda no uso do galego entre o ámbito rural, onde o galego é lingua predominante, e o urbano, onde o noso idioma ten un uso minoritario. No caso concreto das sete cidades galegas, o 33% dos centros declara empregar o castelán en exclusiva na aula e o 39% declara empregalo de xeito maioritario, o que sumaría un 72% de centros onde o galego ou ben non ten presenza ou a ten de xeito minoritario. No resto dos centros, un 20% afirma empregar os dous idiomas (castelán e galego) equitativamente e un 9% declara que usa máis o galego.
24/02/2017. DINAMIZACIóN
Institucións, entidades culturais e centros de ensino do país conmemoran hoxe o Día de Rosalía de Castro, escritora determinante na reivindicación e prestixio do galego no século XIX, cuxa obra e mensaxe continúa vixente entre as novas xeracións e soportes de comunicación. A Asociación de Escritores en Lingua Galega, entidade promotora desta conmemoración, organizou o seu acto central de homenaxe o pasado domingo, 19 de febreiro, no Panteón de Galegos Ilustres, onde tivo lugar unha lectura pública de poemas rosalianos. Pola súa parte, a comunidade educativa está a participar hoxe difundindo nas redes sociais os seus traballos de homenaxe á autora coa etiqueta #RosalíaTe. A cidadanía no seu conxunto está tamén convocada a festexar esta data participando nos diversos actos que concellos, universidades e institucións culturais do país están a desenvolver estes días.
23/02/2017. DINAMIZACIóN
A Asociación Queremos Galego Marín organiza, dentro do programa de actividades da sección “Ser lingua non é fácil”, a proxección do documental “Por obra e gracia do idioma”, autoría de Andrea Bernárdez. O documental, que foi elaborado como traballo de fin de grao da autora, reflexiona sobre a realidade lingüística do noso país a través de entrevistas con diferentes persoeiros do ámbito político e cultural. A proxección terá lugar o 3 de marzo, ás 20:00 h, no Museo Manuel Torres de Marín. Podes ver un extracto do traballo nesta ligazón. A partir de maio estará accesible na súa totalidade en Internet.
22/02/2017. DINAMIZACIóN
A Real Academia Galega (RAG) presentou, no CEIP Carlos Casares de Nigrán, o proxecto web Primavera das Letras 2017, dedicado ao escritor Carlos Casares, que este ano será o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. O web compila materiais lúdicos e didácticos deseñados para o profesorado e o alumnado de infantil e primaria, ademais de información biográfica e bibliográfica sobre o autor. Podes obter máis información premendo aquí.
22/02/2017. AXUDAS E PREMIOS
O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que celebrara a súa cuarta edición entre os días 3 e 6 de maio de 2017 en Carballo, convoca o Premio a proxecto de webserie en galego. O premio, dotado de 1.500 euros, debe destinarse á produción de, como mínimo, tres capítulos do proxecto da webserie premiada, que debe estar rodada en versión orixinal en galego. O prazo para enviar os proxectos remata o 11 de abril de 2017. Para consultar as bases do premio, preme aquí.
22/02/2017. EMPREGO
A Universidade de Vigo convoca tres bolsas de formación na súa Área de Normalización Lingüística (ANL) destinadas á formación complementaria do estudantado, que participará nas actividades de dinamización, formación e planificación lingüística que se desenvolven na ANL.
Os solicitantes deben ser estudantes de Filoloxía Galega, Grao en Estudos de Galego e Español (itinerario lingua galega e española/lingua e literatura galega) ou de Tradución e Interpretación (Lingua A: Galego) da Universidade de Vigo no curso 2015/2016, estar matriculados no curso 2016/2017, e ter cursado polo menos a metade dos créditos da titulación. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 3 de marzo de 2017, ás 14:00 h.
Os solicitantes deben ser estudantes de Filoloxía Galega, Grao en Estudos de Galego e Español (itinerario lingua galega e española/lingua e literatura galega) ou de Tradución e Interpretación (Lingua A: Galego) da Universidade de Vigo no curso 2015/2016, estar matriculados no curso 2016/2017, e ter cursado polo menos a metade dos créditos da titulación. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 3 de marzo de 2017, ás 14:00 h.
21/02/2017. OUTRAS
A UNESCO conmemora hoxe, 21 de febreiro, o Día Internacional da Lingua Materna. Desde 1999, celébrase neste día a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta, con programas e actividades destinadas a preservar este patrimonio e a promover o plurilingüismo. Como é costume, a directora xeral da UNESCO, Irina Bokova, fixo pública a mensaxe institucional con motivo desta celebración, facendo especial fincapé este ano no potencial da educación multilingüe como garantía para a construción de futuros sostibles.
20/02/2017. LEXISLACIóN
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou publicamente o pasado sábado, 18 de febreiro de 2017, a "Proposición de Lei por Iniciativa Lexislativa Popular de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico", coa que se pretende desenvolver legalmente o dereito da cidadanía á información e á atención en galego nas relacións comerciais. A ILP conta co apoio inicial de 120 persoas destacadas de diferentes ámbitos (empresarial, sindical, académico, xurídico e cultural), e a partir de agora A Mesa iniciará unha campaña social para xuntar entre a cidadanía as sinaturas necesarias para a súa presentación no Parlamento de Galicia. Podes ampliar información sobre esta nova no web da Mesa. No xornal Praza Pública tamén podes consultar o documento co texto exacto da ILP.
20/02/2017. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública convoca cursos de formación continua para o persoal da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre a formación programada, ofértanse os seguintes cursos de contido lingüístico: “Linguaxe administrativa non sexista e imaxe igualitaria na práctica da xestión pública”; “Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego”; e “Actualización gramatical e ortográfica da lingua galega”. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
20/02/2017. DINAMIZACIóN
A Deputación da Coruña convoca a segunda edición do concurso musical infantil “Quero Cantar”, coa intención de fomentar o uso da lingua galega, así como a creatividade poética e musical. O certame está dirixido a grupos musicais de ámbito galego, formados por rapaces e rapazas de ata 16 anos, que interpreten unha composición en galego con letra e música orixinais e inéditas. Os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán como premio produtos culturais e material musical. A maiores, o primeiro grupo clasificado tamén será premiado coa gravación dun videoclip da canción gañadora. O prazo para a presentación de solicitudes remata o 20 de xuño de 2017. Para ampliar esta información, preme aquí.
16/02/2017. DINAMIZACIóN
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza, no marco do proxecto Apego, o obradoiro “Emocións e lingua”, dirixido a nenas e nenos de 4 a 10 anos. Trátase dun obradoiro lúdico de cinco sesións onde a través da música, os xogos e o teatro, os nenos/as aprenderán a xestionar as emocións que xorden naquelas situacións nas que a convivencia entre linguas non é pacífica. As sesións terán lugar os venres 10, 17, 24 e 31 de marzo (de 17:30 a 19:30 h) e o sábado 1 de abril (de 11 a 13 h). Podes inscribirte enviando un correo ao seguinte enderezo: dlg@santiagodecompostela.gal. Para consultar a programación completa de actividades que se están a desenvolver en Santiago no marco do proxecto Apego, preme aquí.
16/02/2017. OUTRAS
A Real Academia Galega presenta Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización, unha publicación que achega a listaxe normalizada de 1.500 apelidos (os de aproximadamente o 90% da poboación galega), co obxectivo de facilitar o procedemento de restitución das formas correctas. A obra, de interese para toda a cidadanía, será de especial utilidade para os traballadores dos rexistros civís, que a partir de agora teñen ao seu dispor a listaxe oficial de formas normalizadas, polo que xa non será preciso que a cidadanía presente ningún tipo de certificación adicional. Podes obter máis información sobre esta nova premendo aquí. Tamén che pode resultar de utilidade a información que ofrece o SNL da Universidade de Santiago sobre os trámites administrativos necesarios para solicitar a galeguización de nomes e apelidos.
15/02/2017. DINAMIZACIóN
O alumnado de tres institutos de Ponteareas (IES do Barral, IES Pedra da Auga e IES Val do Tea) participa, xunto co alumnado do centro Archbishop McHale College Tuam (Galway – Irlanda), no Proxecto Erasmus + “Linguas minorizadas, diversidade cultural e integración na Unión Europea do século XXI”. No marco deste proxecto, de tres anos de duración, o alumnado galego e irlandés intercambiará coñecementos sobre a situación do galego e o gaélico con respecto ao castelán e o inglés, respectivamente. Ademais de estadías e diferentes actividades didácticas conxuntas, tamén está previsto a realización dun programa anual de televisión que será emitido pola TVG e a TG4 (canle irlandesa) no que o alumnado promocionará as súa respectivas vilas usando simultaneamente o galego e o gaélico. Podes seguir o desenvolvemento do proxecto a través do seu blog.
15/02/2017. DINAMIZACIóN
Co gallo da celebración, o vindeiro 24 de febreiro, do Día de Rosalía, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza diferentes actos para conmemorar esta data. O programa de actividades, que se desenvolverá os días 18, 20 e 23 de febreiro de 2017, inclúe un paseo literario polo Vigo de Rosalía; unha charla sobre a influencia no Rexurdimento de Vigo, cidade onde se editou “Cantares Gallegos”; e un acto de recitado de poesía, no que participará o alumnado de diferentes centro de ensino do municipio. Para ampliar información, preme aquí.
15/02/2017. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación Provincial de Pontevedra publica as bases de subvencións para a dinamización lingüística nos concellos e outras entidades locais da provincia de Pontevedra. O obxecto da convocatoria é a creación ou mantemento de servizos de normalización lingüística (SNL), así como o desenvolvemento de programas de dinamización do galego. Poden optar a estas axudas os concellos, as agrupacións de concellos ou as entidades locais menores da provincia, ata un máximo de 50.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de marzo de 2017. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
14/02/2017. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado organizan unha nova edición de Lingua de namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos. A iniciativa está deseñada para dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e mais no ámbito tecnolóxico. Outorgaranse tres premios tecnolóxicos por cada unha das categorías de idade establecidas. O prazo para enviar as mensaxes remata o 5 de marzo de 2017.
14/02/2017. DINAMIZACIóN
A Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Fundación Carlos Casares, a Televisión de Galicia, o Centro PEN Galicia, a editorial Galaxia, a Deputación de Ourense e os concellos de Ourense e Xinzo de Limia presentaron onte, 13 de febreiro de 2017, na Cidade da Cultura, a programación conxunta de actividades coa que homenaxearán a Carlos Casares, escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. No que respecta ao Consello da Cultura Galega, organizará o seu tradicional Concerto das Letras e mais o Simposio Carlos Casares 2017. Tamén editará diferentes publicacións e recursos multimedia destinados a divulgar a figura e obra do escritor, que foi presidente do CCG entre os anos 1996 e 2002.
10/02/2017. OUTRAS
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou un novo informe anual sobre a actividade da Liña do Galego, un servizo gratuíto que atende consultas sobre dereitos lingüísticos, tramita queixas sobre a súa vulneración e recolle parabéns para as entidades que os respectan. Segundo os datos recollidos no documento, durante o ano 2016 tramitáronse 339 expedientes de queixas, atendéronse 24 consultas e recibíronse 68 parabéns. No que se refire á tipoloxía de entidades implicadas, o 51% das queixas van dirixidas a administracións e institucións públicas, o 26% a empresas de servizos, o 19% a institucións privadas e o 4% a empresas de telefonía. No que respecta ao motivo das queixas, a deturpación da toponimia (25%), a exclusión e discriminación do galego (21%) e a negativa a prestar atención oral e escrita no noso idioma (19%) son as causas maioritarias.
10/02/2017. AXUDAS E PREMIOS
A Unidade Técnica da Deputación da Coruña convoca a oitava edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua 2017, que ten como obxectivo recoñecer a promoción e dignificación do noso patrimonio lingüístico de forma desinteresada. O prazo de presentación de candidaturas remata o vindeiro 30 de abril de 2017.
09/02/2017. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón actualiza o web da campaña Do berce á rúa, que botou a andar en 2010 co obxectivo de fomentar a transmisión familiar do galego. O sitio web actualízase agora con novos recursos lúdicos e educativos (contos, xogos, cancións, arrolos… ) dirixidos ás familias e ao profesorado de educación infantil. A maiores, tamén se ofrecen ligazóns a outros sitios web de referencia con información de utilidade sobre saúde infantil e consellos de crianza.
09/02/2017. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza un obradoiro sobre recursos informáticos dirixido a todas aquelas persoas interesadas en ampliar os seus coñecementos sobre as ferramentas lingüísticas existentes para traballar en galego. O obradoiro, de 15 horas de duración, desenvolverase o vindeiro mes de marzo de 2017 no Centro Local de Emprego e das Ocupacións de Vigo. Para ampliar información sobre o programa e os trámites de inscrición, preme aquí.
08/02/2017. OUTRAS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago publica no último número d´O Cartafol dixital os datos sobre usos lingüísticos na actividade docente no curso 2016-2017. En termos xerais, impártese en castelán o 74,43% das horas docentes, en galego o 21,91%, e noutras linguas (inglés, portugués…) o 3,65%. No mesmo número ofrécese información detallada sobre usos lingüísticos segundo o tipo de titulación (grao, mestrado, licenciatura), ou o departamento e a categoría do persoal docente e investigador. Así mesmo, tamén podes consultar a evolución dos usos lingüísticos nos últimos anos.
07/02/2017. DINAMIZACIóN
O pasado 24 de novembro de 2016, na Sala Capitol de Santiago de Compostela, tivo lugar a segunda edición do LGx15, un proxecto promovido pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua no que, a través de charlas breves e amenas, se transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego. Se non puideches asistir, agora podes consultar en liña os vídeos dos/as participantes desta última edición: Marcus Fernández; Elena Ferro; Mark Wiersma; Belén Regueira; Rosalía Fernández Rial; Diana Fernández e David Díaz; Alberte Lamazares; e María Yáñez. Así mesmo, a CTNL elaborou un vídeo resumo da xornada, tamén dispoñible no web da iniciativa.
03/02/2017. CURSOS E CONGRESOS
A Real Academia Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Instituto da Lingua Galega da USC organizan a trixésima edición destes cursos estivais, dirixidos preferentemente a alumnado e profesorado universitario vinculado aos centros de estudos galegos do exterior, aínda que tamén están abertos a calquera persoa maior de idade de fóra de Galicia interesada no noso idioma. Os cursos, que se desenvolverán entre os días 3 e 24 de xullo de 2017, contan con diferentes niveis (elemental, medio e superior). O prazo de inscrición remata o 24 de febreiro de 2017. Para obter máis información sobre os trámites de inscrición e matrícula, preme aquí.
01/02/2017. DINAMIZACIóN
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove un ano máis a conmemoración do Día de Rosalía de Castro, polo que convida a centros escolares, institucións, asociacións e á cidadanía en xeral a que o vindeiro 24 de febreiro agasallen un libro en galego e unha flor. A maiores, aos centros de educación secundaria e bacharelato proponlles a gravación dun Mannequin Challenge interactuando coa obra de Rosalía, e a posterior difusión do vídeo nas redes coa etiqueta #RosalíaTe. Para o alumnado de infantil e primaria propón elaborar máscaras que os axuden a caracterizarse como Rosalía e a subir á rede os seus deseños coa mesma etiqueta. A AELG celebrará o seu acto anual de homenaxe o 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres. Para ampliar información, preme aquí.
26/01/2017. OUTRAS
Xa podes consultar o noso Boletín de Sumarios 2016, produto documental que inclúe os 63 números de publicacións periódicas, correspondentes a 26 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do CDSG ao longo do ano 2016. No caso de publicacións en papel, ofrécense, mediante ligazóns, os seus sumarios. Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde este boletín pode accederse directamente aos números completos. Para consultar a nosa colección completa de seriadas, preme aquí.
26/01/2017. EMPREGO
O Concello de Narón anuncia, no BOP da Coruña do 25 de xaneiro de 2017, a inclusión na bolsa de traballo de 2017 dunha praza de técnico/a de normalización lingüística. O sistema de provisión será o concurso de méritos. Os/as aspirantes deben posuír a licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección galego-portugués), ou Grao en Lingua Galega. O prazo para a presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no BOP. No web do Concello de Narón podes consultar o Regulamento de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal, así como os modelos para presentar a relación de méritos e a solicitude de inscrición no proceso.

