A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua convoca un obradoiro de pensamento creativo baseado no método CPS (Creative Problem Solving). Os obxectivos deste curso son proporcionar formación avanzada en materia de creatividade, adquirir dinámicas que incrementen a motivación e a capacidade de mobilización do equipo e aprender a implementar accións que activen a creatividade de terceiras persoas, dirixíndoa a proxectos de promoción do galego. O obradoiro está dirixido a técnicos/as de normalización lingüística, a membros dos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino e a persoas interesadas en xeral. As sesións desenvolveranse os días 30 de xuño e 1 de xullo na Nave de Vidán (Santiago de Compostela). O prazo de inscrición remata o 20 de xuño de 2016.
06/06/2016. CURSOS E CONGRESOS
06/06/2016. DINAMIZACIóN
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega da EASD Mestre Mateo e o Clube da Lingua do IES Marco do Camballón promoven a campaña “A lingua, a arte da túa terra. Boinas en Compostela”, coa que pretenden transmitir unha imaxe moderna e creativa do idioma galego, vinculado a valores como a igualdade de xénero ou a xustiza social. A iniciativa consiste na difusión polas rúas de Compostela de retratos de personaxes da escena cultural e social galega ataviados con boina, con complementos deseñados e realizados polo alumnado de Xoiaría da EASD. Así mesmo, os retratos foron realizados polo alumnado de 2º do Ciclo Superior de Fotografía da mesma escola. Podes ver os deseños na páxina de Facebook do Departamento de Lingua do Concello de Santiago, que colabora na difusión da iniciativa.
06/06/2016. EMPREGO
A Universidade de Salamanca convoca o concurso público para a provisión dunha praza de profesor/a lector/a de lingua, literatura e cultura galegas. A duración do contrato será para o curso académico 2016/2017. Os aspirantes deben estar en posesión do título de Licenciatura en Filoloxía Galega ou en Filoloxía Románica (sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego), Grao en Lingua e Literatura Galegas, Grao en Estudos de Galego e Español ou Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios. A idade máxima dos aspirantes non debe superar os 35 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, que remata o 16 de xuño de 2016. Para obter máis información, preme aquí.
06/06/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a resolución das axudas para os proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino non universitario de titularidade pública, para o curso escolar 2015/2016. Podes consultar a listaxe de centros beneficiarios premendo aquí.
06/06/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca os Premios da Cultura Galega para o ano 2016 nas seguintes modalidades: Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Patrimonio Cultural, Promoción Exterior e Lingua. Poderán ser candidatas as persoas, colectivos ou entidades que se distingan pola súa traxectoria vinculada co obxecto da modalidade correspondente. As candidaturas só poderán ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio. O prazo de presentación é de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria.
01/06/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cinco cursos de nivel superior de linguaxe administrativa galega dirixidos ao persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia. Os cursos (catro na modalidade de teleformación e un na modalidade presencial) desenvolveranse ao longo dos meses de setembro, outubro e novembro de 2016. O prazo de presentación de solicitudes é de dez días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
01/06/2016. AXUDAS E PREMIOS
O xurado dos Premios Lois Peña Novo deu a coñecer os gañadores da vixésimo segunda edición destes galardóns, deseñados para animar o proceso de normalización lingüística no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. Nesta edición os/as premiados/as son Francisco Díaz-Fierros Viqueira, doutor en Farmacia e catedrático en Edafoloxía e Química da USC; Xosé Manuel Cid Fernández, doutor en Pedagoxía e profesor na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo; e o Concello de Brión, pola utilización ininterrompida desde 1979 do galego como lingua de uso normal no concello. O acto de entrega será o 30 de xuño de 2016, ás 19:30 h, no castelo de Soutomaior.
31/05/2016. DINAMIZACIóN
O Concello de Santiago convoca o IV Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego, cos obxectivos de fomentar o uso do galego na comunicación comercial, asociar o noso idioma a proxectos de modernización e promover eficiencia comunicativa no tecido empresarial compostelán. Para participar cómpre presentar un proxecto orixinal dirixido a publicitar un establecemento comercial, hostaleiro ou empresarial, ou un grupo formal ou informal de establecementos composteláns. O prazo de inscrición remata o 30 de xuño de 2016. Outorgaranse dous premios, cunha dotación cada un deles de 5.000 euros.
26/05/2016. DINAMIZACIóN
Ora Galega e a Deputación da Coruña promoven o proxecto iFala, unha exposición itinerante deseñada para homenaxear o legado das Irmandades da Fala cunha linguaxe e uns medios novos. O autobús iFala, que percorrerá diferentes cidades e vilas galegas, contén unha exposición sobre os cen anos das Irmandades, así como outros recursos tecnolóxicos (aplicación móbil, páxina web e vídeo musical) cos que se quere reivindicar a actualidade e modernidade da mensaxe das Irmandades. Para ampliar a nova, preme aquí.
26/05/2016. OUTRAS
Aenor acaba de engadir ao seu catálogo a versión en galego de tres normas UNE-ISO, grazas a un convenio de colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, que se ocupou da súa tradución. As tres normas traducidas, que supoñen case o 20 por cento do volume de ventas de Aenor, son a 9001:2015 “Sistemas de xestión da calidade. Requisitos”; 9004:2009 “Xestión para o éxito sostido dunha organización. Enfoque de xestión da calidade”; e 14001:2015 “Sistemas de xestión ambiental. Requisitos con orientación para o seu uso”. Estas normas pódense descargar de balde desde calquera equipo conectado á rede da USC.
24/05/2016. DINAMIZACIóN
O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Cangas, organizan a cuarta edición do certame musical No bico un cantar, co obxectivo de trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia. Nesta edición, o alumnado dos conservatorios profesionais de música de Galicia homenaxeará aos trobadores interpretando as cantigas “Pois nosas madres” (da autoría de Pero Viviaez), “Canción do mariñeiro” (de Lourenço), “Quanto sabedes amar-Ondas do mar de Vigo” (de Martín Códax) e “Rosa das Rosas” (de Alfonso X O Sabio). Tamén soará "Maio longo" (de Rosalía de Castro). O concerto, dirixido por Maximino Zumalave co acompañamento do quinteto de metais Hércules Brass, celebrarase en Cangas o 3 de xuño de 2016.
23/05/2016. OUTRAS
Mañá, 24 de maio de 2016, ás 17:30 h, terá lugar na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) o acto de presentación en Galicia do Protocolo internacional de garantía de dereitos lingüísticos. O documento, que está a elaborarse no marco de "Donostia 2016", recollerá as condicións mínimas necesarias para garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía. Na presentación, organizada pola USC e a Mesa pola Normalización Lingüística, intervirán Paul Bilbao (representante de Kontseilua - Donostia 2016), María do Pilar García Negro (membro do comité científico internacional), María do Carme Silva (vicerreitora da USC) e Marcos Maceira (presidente da Mesa). O acto, aberto ao público, está especialmente dirixido ás entidades sociais, para que coñezan o proxecto e poidan achegar as súas propostas. Para ampliar a nova, preme aquí.
20/05/2016. AXUDAS E PREMIOS
O xurado do XII Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores do Concello de Carballo acordou outorgarlle o galardón nesta duodécima edición ao artigo Non por min, por eles, de Borxa González Tenreiro, tradutor ferrolán residente en Lisboa. O premio está dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos nove medios colaboradores coa iniciativa, que o publican hoxe, 20 de maio. Podes lelo en Internet en Galicia Confidencial, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos. Para ampliar a nova, preme aquí.
20/05/2016. EMPREGO
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de seis bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas. As bolsas ofertadas son nas seguintes universidades: Universidade de Berlín, Universidade Nova de Lisboa, Universidade de Roma La Sapienza, Universidade de Zádar, Universidade do Estado de Río de Xaneiro e Universidade de San Paulo. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
19/05/2016. DINAMIZACIóN
O 28 de maio de 1916 nacía a Irmandade da Fala de Santiago de Compostela, dez días despois de que se constituíse na Coruña a primeira Irmandade dos Amigos da Fala. Para conmemorar esta efeméride, o Concello de Santiago organiza un programa de actividades que se desenvolverán o 28 de maio en diferentes puntos da cidade. O programa inclúe doce actividades (teatro, poesía, música, mesas redondas…), en relación aos doce puntos nos que se estruturou o discurso inaugural de Luís Porteiro Garea, fundador da Irmandade da Fala de Santiago de Compostela. As asociacións compostelás Gentalha do Pichel, Asociación San Martiño Pinario e Asociación Cultural Cidade Vella de Compostela colaboran na organización desta iniciativa. Para ampliar a nova, preme aquí.
19/05/2016. DINAMIZACIóN
No marco dos actos de conmemoración das Letras Galegas que están a desenvolverse ao longo deste mes de maio, as bandas de rock Raiba, Deseqilibrio Mental e Aspergillus de Coira organizan o festival Terra de Lobos, coa intención de reivindicar a utilidade do idioma galego como lingua válida para as artes escénicas e a música. O festival celebrarase hoxe, 19 de maio de 2016, ás 21:00 h, na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Podes adquirir a entrada anticipada na tenda A Reixa ou no bar O Pozo (Santiago de Compostela).
18/05/2016. DINAMIZACIóN
Hoxe, 18 de maio de 2016, conmemórase o centenario da creación das Irmandades da Fala, un movemento que nacía en 1916 para dignificar e reivindicar o uso do idioma galego en todos os contextos sociais. Cen anos despois, a Real Academia Galega e o Concello da Coruña organizan, como homenaxe aos protagonistas daquel movemento, un acto literario e musical que terá lugar hoxe, ás 20:30 h, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo. Podes obter máis información no web da RAG.
16/05/2016. EMPREGO
O Concello de Redondela convoca o proceso selectivo para cubrir unha praza de técnico/a de normalización lingüística, como persoal laboral fixo, equipado ao subgrupo A2 da función pública. O procedemento de selección será o de oposición libre. Os/as aspirantes deberán posuír, como mínimo, a titulación de Grao en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (sección galego-portugués), Lingua e Literatura Galegas ou equivalentes. Tamén poderán presentarse as persoas que posúa a diplomatura en ditas especialidades, sempre que teñan o nivel de Celga 4 ou equivalente. O prazo de presentación de solicitudes comeza o 17 de maio e remata o 6 de xuño de 2016. Para consultar as bases da convocatoria, preme aquí.
13/05/2016. AXUDAS E PREMIOS
O Consello Asesor de RTVE en Galicia e da CRTVG entregou os XXIII Premios de Publicidade en Galego, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación.
Nesta edición os traballos premiados foron “Fai historia con nós" (creado pola axencia Nasas para a Universidade de Vigo), na modalidade de Internet; "Fogar de Estrella Galicia" (elaborado por Idea, Creatividad y Comunicación para Estrella Galicia), na modalidade de radio; e "En confianza" (desenvolvido por BAP&Conde para Gadis), na modalidade de televisión.
Nesta edición os traballos premiados foron “Fai historia con nós" (creado pola axencia Nasas para a Universidade de Vigo), na modalidade de Internet; "Fogar de Estrella Galicia" (elaborado por Idea, Creatividad y Comunicación para Estrella Galicia), na modalidade de radio; e "En confianza" (desenvolvido por BAP&Conde para Gadis), na modalidade de televisión.
12/05/2016. DINAMIZACIóN
A Real Academia Galega celebrará o acto central do Día das Letras Galegas 2016 en Outeiro de Rei, terra natal de Manuel María Fernández Teixeiro, autor homenaxeado nesta edición. O acto consistirá nunha sesión extraordinaria aberta ao público que terá lugar ás 12:30 h na Casa-Museo Manuel María. Na cerimonia intervirán os/as académicos/as Manuel Rivas Barrós, Margarita Ledo Andión e Darío Xohán Cabana. O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, será o encargado de pechar o acto. Para ampliar esta nova, preme aquí.
12/05/2016. EMPREGO
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria para cubrir seis prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas. As prazas ofertadas son nas seguintes universidades: Universidade Autónoma de Barcelona, Universidade de Gales - Bangor, Universidade de Heidelberg, Universidade de Kiel, Universidade de Leipzig e Universidade de Varsovia. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
12/05/2016. EMPREGO
A Escola Rosalía de Castro, en Vigo, oferta un posto de profesor/a de lingua e literatura galegas para os niveis de ESO e Bacharelato. Os/as candidatos/as deben posuír a licenciatura de Filoloxía Galega, a habilitación oficial da Consellería de Educación para impartir Lingua Castelá e mais o CAP, ou Máster en Profesorado de ESO. Podes obter máis información en Galejobs.
12/05/2016. DINAMIZACIóN
A Deputación da Coruña presenta o programa “Manuel María somos nós: a xente e mais a fala”, co ánimo de festexar as Letras Galegas traballando a poesía expandida, a videopoesía e a conexión social. O programa, deseñado fundamentalmente para desenvolver na rúa e nas redes sociais, inclúe diferentes actividades, como un photocall cos versos do poeta, a estrea dun videopoema documental, un obradoiro infantil de poesía e ilustración ou a elaboración dun videopoema colectivo para difundir nas redes sociais.
11/05/2016. DINAMIZACIóN
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza o concurso #fotolingua, que ten como obxectivo darlle visibilidade á paisaxe lingüística do concello. Para participar debes facerte seguidor/a da conta de Facebook ou Instagram da iniciativa e subir unha fotografía na que amoses o uso do galego nos establecementos comerciais, hostaleiros ou empresas de Santiago (cartelería, escaparates, elementos decorativos, letreiros, etiquetaxe, sinalética...). A maiores, debes engadir un comentario explicando onde fixeches a foto, xunto coas etiquetas #fotolingua e/ou #ogalegovende. Outorgaranse dous premios, un para a foto que acade máis “gústame” nas redes sociais e outro para aquela que o xurado considere máis orixinal. Consulta as bases completas premendo aquí.
10/05/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a resolución das axudas para a realización dos proxectos de innovación en dinamización lingüística nos centros públicos de ensino. Os cinco proxectos seleccionados son: “Star Gal” (IES A Cachada, Boiro), “Aspiramos a ser simplemente un paraíso lingüístico” (IES Félix Muriel, Rianxo), “Regueifesta” (IES Maximino Romero de Lema, Baio, e IES Marco do Camballón, Vila de Cruces), “Galegocinémate” (CEIP San Xoán, Becerreá) e “Galaxia Casares. Leriando no Casares” (IES Carlos Casares, Vigo). Estes centros recibirán 2000 euros para executar os seus proxectos de promoción lingüística.
09/05/2016. DINAMIZACIóN
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza o concurso en twitter Que se vexa! o galego, co ánimo de darlle visibilidade á lingua galega e reivindicar o seu uso en todos os ámbitos sociais. Para participar cómpre facer unha foto nun lugar onde estea presente o galego e sexa pouco habitual ou, simplemente, resulte gratificante velo nese espazo. Despois, hai que subir a foto ao twitter coa etiqueta #quesevexaogalego, seguida dunha frase positiva. Serán premiados tanto o chío que teña máis rechíos dos usuarios/as de twitter, como o que máis lle guste ao xurado. O prazo para publicar as fotos en twitter remata o 30 de maio ás 17:00 h. Para ampliar a nova, preme aquí.
09/05/2016.
Co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega organiza unha nova edición do seu xa tradicional Concerto das Letras Galegas, que este ano terá lugar o 17 de maio, ás 21:00 h, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Nesta edición, o grupo Milladoiro interpretará, entre outros, poemas de Manuel María recollidos no seu álbum Unha estrela por guía. As entradas son de balde e pódense recoller na Taquilla Central da Praza de Ourense, na Coruña.
09/05/2016. DINAMIZACIóN
Ademais dos actos oficiais que as principais institucións culturais do país teñen programados para festexar o Día das Letras Galegas o vindeiro 17 de maio, moitos concellos están a organizar tamén programas de actividades en homenaxe a Manuel María. Ao longo de todo este mes a cidadanía pode participar nun amplo abano de actividades culturais (como concertos musicais, presentacións de libros, conferencias, recitais poéticos ou obradoiros didácticos para os máis pequenos/as) que están a ter lugar en diferentes puntos do país. Algúns dos concellos que presentaron estes días programas específicos en homenaxe a Manuel María son: Carballo, Lugo, Narón, Pontevedra, Redondela, Santiago de Compostela, ou Silleda, entre outros.
09/05/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
09/05/2016. DINAMIZACIóN
O pasado 5 de maio tivo lugar na Coruña a inauguración da exposición “Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004)”, promovida pola Xunta de Galicia e a Casa-Museo Manuel María. A mostra está conformada por dez paneis nos que se explican os aspectos máis relevantes da vida, obra e contexto social de Manuel María. A exposición permanecerá na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés ata o 16 de maio. A partir do 17 de maio poderá visitarse en Outeiro de Rei, terra natal do autor homenaxeado, e posteriormente poderá verse tamén noutros once concellos. Para ampliar información, preme aquí.

