As pegadas de Martiño de Braga na cultura galegaPoucos pobos puideron coñecer tan ben de tempos pasados os seus ritos, as súas crenzas compartidas, os seus costumes sociais, as súas tradicións, a súa etnografía, o seu folclore —nunha palabra, a súa socioloxía— como o pobo galego, que pode xactarse diso grazas a Martiño, primeiro monxe...
As pegadas de Martiño de Braga na cultura galegaPoucos pobos puideron coñecer tan ben de tempos pasados os seus ritos, as súas crenzas compartidas, os seus costumes sociais, as súas tradicións, a súa etnografía, o seu folclore —nunha palabra, a súa socioloxía— como o pobo galego, que pode xactarse diso grazas a Martiño, primeiro monxe e bispo de Dumio e logo arcebispo de Braga (510?-579), daquela capital da Gallaecia sueva, da que a Galicia actual vén sendo, territorialmente, unha terceira parte, que se corresponde co entón chamado Conventus Lucensis.
Ben seguro que o Martiño apóstolo dos suevos, o Martiño convertedor dos suevos arianos ao cristianismo, o Martiño que estendeu o monacato por Gallaecia, o Martiño coñecedor dos costumes supersticiosos dos indíxenas galaicos, o Martiño loitador contra o priscilianismo estendido polo occidente ibérico, chegou desde a Galia de san Martiño de Tours ata a Gallaecia, reino suevo xa daquela, onde os galaicos podían presumir de contar co primeiro reino independente do Imperio Romano, antes mesmo que o reino franco.
Evidentemente, o noso Martiño non nacera en Panonia, a Hungría actual, como vén sendo doutrina común, pois o texto latino do seu propio epitafio (Pannoniis genitus…) o que nos di é que era «descendente» de panonios, pero non que nacera en Panonia, igual que hai na Arxentina moitos descendentes de galegos que non naceron en Galicia. Outra cousa é que esa descendencia de panonios o predestinase a cristianizar os suevos que, desde as fronteiras do Danubio, se instalaran na Gallaecia romana alá polo ano 411.
Chegou, pois, á Gallaecia desde a Galia, onde se empapara dos textos monásticos de Casiano de Marsella, que logo aplicaría no seu mosteiro de Dumio, e onde se convertera xa en profundo devoto do seu homónimo san Martiño de Tours, coas reliquias do cal chegou á Gallaecia para converter o rei suevo Carriarico, despois da curación da lepra do seu fillo por virtude do santo galo. Aí está o comezo dun dos fitos máis transcendentais da historia do pobo galego: a conversión de todo o pobo suevo, co seu rei Teodorico, ao cristianismo no ano 559, vinte anos antes do pasamento do noso Martiño, que finou no ano 579, tan só seis antes da desaparición do reino suevo por sometemento ao reino visigodo gobernado por Leovixildo. A Galicia de hoxe, a Galicia cristiá, pasa pola obra espiritual de Martiño, tal como foi xa recoñecido polos máis grandes estudosos e coidadores da cultura galega.
A pesar da forza con que xurdiu a Compostela xacobea a partir dos séculos XII e XIII, Martiño continuou a ser o símbolo da Galicia rural e interior, sempre ligado á vida e tradición monástica máis que á peregrinación xacobea. Representou sempre, tamén para a cultura nacionalista dos nosos devanceiros e historiadores románticos, a continuidade dunha Igrexa galega que funde as súas raíces na cultura sueva cristiá, anterior ao influxo romano e compostelán da época de Xelmírez e posterior. A memoria do apóstolo dos suevos permitíalle a Braga, convertida por Martiño en sede arcebispal, rivalizar con Compostela e darlle autoridade sobre ela, como herdeira dun cristianismo de orixe europea.
Martiño chegou nun momento en que se acendía a loita contra o priscilianismo, co axustizamento no ano 285 de Prisciliano, o mártir de Tréveris, tal como era recoñecido daquela polo pobo galego, ata o punto de veneralo como mártir na liturxia da época. Os priscilianistas eran maioritarios na Galicia de entón, e os bispos desta doutrina negáronse a renegar dela no Concilio de Toledo do ano 400 por medo a non ser aceptados como bispos cando volvesen ás súas dioceses. Aínda tiveron que pasar dous concilios en Braga, os dos anos 561 e 572, para condenar as doutrinas priscilianistas. E alí estaba Martiño, convocando o primeiro e presidindo o segundo, para fixar as directrices do que sería o cristianismo do pobo galego.
Foi daquela, precisamente co gallo do Concilio de Braga do ano 572, cando o bispo de Astorga, Potamio, lle pediu a Martiño que escribise algo para instruír o pobo sobre os malos vicios, algúns de orixe celta, que aquelas xentes viñan arrastrando pola súa procedencia pagá. Martiño aceptou o compromiso e escribiu unha especie de sermón para educar o pobo cristián como esixía a Igrexa, para denunciar as malas prácticas pagás e para exhortar os fieis a apartarse do mal camiño.
Foi así como Martiño escribiu, sen dúbida, a obra que máis influencia tivo na cultura de Galicia: o De correctione rusticorum, é dicir, como hai que instruír as xentes do rural para apartalas dos ritos pagáns, dos que aínda non se liberaran. Coñecía ben a vida e os costumes dos suevos, asentados en Galicia desde había máis de cen anos, e dos galaicorromanos, con varios séculos de convivencia na Gallaecia, á que por vez primeira lle dera nome e territorio Diocleciano na súa reforma do ano 298. Como coñece ben o nivel cultural daquelas xentes, di el que «hai que lle condimentar a comida ás xentes do rural cun estilo rústico, sinxelo». As consecuencias desta obra deixaron unha profunda pegada na vida dos galegos que perdura aínda hoxe, como logo veremos.
Martiño foi un dos grandes intelectuais e pensadores daquela Galicia sueva. Ademais da primeira escritora en latín, de nome Exeria, da que conservamos o texto máis antigo escrito por unha muller —que nos relata a súa viaxe ata Oriente Próximo percorrendo o Sinaí, Palestina e Xerusalén ata Constantinopla—, entre estes pensadores tamén contamos co primeiro grande autor dunha historia universal, como foi Orosio, ou co primeiro cronista hispano, como foi Hidacio de Xinzo de Limia, logo bispo de Chaves.
Entre toda esta plétora de grandes escritores e pensadores (sen eles non se pode facer unha historia do pensamento galego) está Martiño, porque antes de escribir aquel sermón para as xentes do rural xa escribira unha das súas grandes obras para a corte do rei Miro, dedicada ao propio rei; unha especie de «espello de príncipes», co título de Formula vitae honestae. Con todo, non é un tema que debamos abordar nesta ocasión. Volvamos, pois, á obra que nos ocupa, que elixín pola profunda pegada que deixou na nosa cultura, tal como se pide nun texto como este.
Cantos dos agoiros e das supersticións que narra Martiño teñen vixencia aínda no pobo galego? Entre os primeiros, advírtelles Martiño aos seus paisanos que poden perder a fe se fan caso dos consellos do diabo que «aconsellan os homes atribulados mediante voces de aves». Aínda hoxe en Galicia perduran moitas supersticións baseadas na ornitomancia, ben no voo das aves, ben no canto ou piar dos paxaros. Quen non lembra o piar dun moucho pousado nun penedo —como canta Rosalía— ou nunha árbore preto da casa anunciando un mal presaxio: alguén vai morrer pronto? Eu vivino persoalmente na miña nenez. E cando se trata dunha galiña que de noite imita o canto dun galo, hai que estar preparado, porque vai vir algunha desgraza.
O que non ten desperdicio para coñecer a socioloxía do pobo galego do século VI, que ten vixencia total no momento actual, é o capítulo 16 do De correctione, que Martiño dedica ás supersticións daquelas xentes.
Acender cirios ao pé das pedras, xunto ás árbores e ás fontes e polas encrucilladas, que cousa é senón dar culto ao diabo? As adiviñas e os agoiros e a celebración dos días dos ídolos, que outra cousa é senón culto ao diabo? […] Poñer loureiros, prestar atención ao pé (co que te levantas ou saes da casa), derramar no lume derriba dun tronco gran e viño, ou botar pan á fonte, que é senón culto ao diabo? […] Observar o día de Venus para casar e prestar atención ao día que se vai de viaxe, que é senón culto ao diabo? Feitizar herbas para encantamento e outras cousas que sería longo de contar, que é senón dar culto ao diabo?
Moito poderiamos afirmar de cada unha destas supersticións enumeradas por Martiño, pero vou limitarme tan só a dúas das máis persistentes na cultura galega aínda hoxe: a dendroloxía ou culto ás árbores e o culto ás pedras.
A dendroloxía sobrevive na Galicia actual, como no caso do carballo, que, segundo J. M. Castroviejo, é capaz de curar herniados se pasan pola fendedura que ten. Ás veces basta con rascarse contra a cortiza da árbore ou pasar pola súa sombra, que pode ser beneficiosa ou prexudicial. Ás veces tamén depende do lugar onde estea plantada, pois, como nos lembra unha cantiga miñota recollida por F. López Cuevillas: «A oliveira do adro / rama verde ten virtude: / passei por ela doente / e logo tive saúde».
Máis estendido é o culto aos loureiros, xa de época romana, que levaba a adornar con loureiro verde a casa dos flamines (sacerdotes romanos) e a porta do rex sacrorum o primeiro día do ano; tamén os amigos se agasallaban entre eles con ramos que colgaban fóra das casas. Este rito foi pronto cristianizado e na Galicia de hoxe seguen a colocarse os ramos de loureiro benditos o Domingo de Ramos nos balcóns das casas.
O mesmo poderiamos dicir do culto ás pedras, do que son aínda un bo testemuño a «cama da Virxe» na Lanzada, con poderes reumáticos, ou a pedra de abalar en Muxía, así como a de San Benito de Cova de Lobo, en Ourense, que cura o raquitismo dos nenos.
De todas e cada unha das supersticións e agoiros descritos por Martiño fixen ampla referencia no meu libro citado na bibliografía.
Porén, a pegada máis profunda de Martiño, que aínda hoxe ten vida no cotián no que foi o territorio da Galicia sueva, é a que nos ensinou como había que nomear os días da semana. Con todo, non era o primeiro que se atrevía a adoutrinar o pobo cristián nesta materia. Intentouno por primeira vez, a finais do século IV, o bispo de Brescia, Filastrio, quen dicía que era unha herexía darlle o nome do sol ao domingo, da lúa ao luns, do deus Marte ao martes, do deus Mercurio ao mércores etc. Non tivo éxito en toda a Romania.
Foi logo, un pouco máis tarde, a comezos do século V, o bispo Agostiño, o meirande teólogo do momento, quen aproveita un comentario aos Salmos para deixar constancia da aberración que é dar tales nomes aos días da semana e propón unha denominación distinta: «Una sabbati, dies dominicus est; secunda sabbati, secunda feria, quen seculares diem lunae uocant; tertia sabbati tertia feria, quem diem illi Marits uocant; quarta ergo sabbatorum, quarta feria, qui Mercurii dies dicitur a paganis…».
Se o bispo de Cartago, o teólogo máis prestixioso daquela, non o conseguira, menos o ía conseguir o bispo de Arles, Cesáreo, que escribiu nun dos seus sermóns: «[…] numquam dicamus diem Martis, diem Mercurii, diem Jovis, sed primam, et secundam uel tertiam feriam».
Tivo que chegar o noso Martiño para escribir un tratado non para os cultos, senón para os sinxelos paisanos do rural, que os presbíteros da Gallaecia habían ler nos actos de formación catequética e nos actos litúrxicos fronte ao pobo para instruílo na fe cristiá. Martiño sorpréndese de que aínda haxa cristiáns que «appellent diem Martis et Mercurii et Jovis et Veneris et Saturni», pésimos e criminais persoeiros que non fixeron día ningún, pois foi Deus quen fixo todos os días.
A conclusión é clara: tan só no territorio suevo se atendeu a tantas recomendacións feitas polos máis grandes intelectuais do momento. Evidentemente, a lectura e a difusión da obra de Martiño no mundo rural galego deixaron unha pegada na lingua en toda a Galicia sueva. En ningunha outra parte do mundo romano se atendeu ás recomendacións ou mandatos dos instrutores da doutrina cristiá e ningunha lingua románica cambiou a denominación dos días da semana. Mais si no que foi territorio suevo. Por iso en portugués se di hoxe segunda, terça etc. para denominar cada un dos días da semana, e na primeira inscrición no sartego dunha muller, do ano 618 en Braga, podemos ler que alí xace Remismuera, que morreu na secunda feria. Ninguén descoñece que aínda hoxe en Galicia hai lugares onde se di «na quinta, na sexta», e por lembrar a extensión territorial da época sueva, cómpre sinalar que por Asturias e Santander se emprega un verbo, sextaferiar, para referirse a traballos comunais que se facían os venres.
Bibliografía
BRAGA, Martinho de (1997): Instrução pastoral sobre superstições populares. De Correctione Rusticorum. [Edición, tradución, introdución e comentario de Aires A. Nascimento, coa colaboración de Maria João V. Branco]. Lisboa, Cosmos.
LÓPEZ PEREIRA, X. Eduardo (1996): Cultura, relixión e supersticións na Galicia sueva. Martiño de Braga, «De correctione rusticorum», A Coruña, Universidade da Coruña.
REINHART, Wilhelm (1952): Historia general del reino hispánico de los suevos, Madrid, Consejo Superior de Investigaciones Científicas.
TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro (1977): El reino de los suevos. La Galicia sueva, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza.
VILLARES, Ramón (2019): Historia de Galicia, Vigo, Galaxia.
Ver biografía completa