Eminente arquitecto con obras de estilo ecléctico, racionalista e rexionalistaJenaro de la Fuente Álvarez, fillo do director facultativo das obras municipais de Vigo, Jenaro de la Fuente Domínguez, e pai da pintora María Vitoria de la Fuente, naceu en Vigo o 30 de abril de 1891 e morreu en Madrid o 4 de xaneiro de 1963, deixando tras si un bril...
Eminente arquitecto con obras de estilo ecléctico, racionalista e rexionalistaJenaro de la Fuente Álvarez, fillo do director facultativo das obras municipais de Vigo, Jenaro de la Fuente Domínguez, e pai da pintora María Vitoria de la Fuente, naceu en Vigo o 30 de abril de 1891 e morreu en Madrid o 4 de xaneiro de 1963, deixando tras si un brillante legado arquitectónico.
Realizou os estudos superiores na Escola de Arquitectura de Madrid, pola que obtivo o título de arquitecto en 1921 e un ano despois pasou a ocupar a praza de facultativo municipal de Vigo que o seu pai deixara vacante por falecemento. O seu primeiro traballo coñecido, aínda sendo estudante en Madrid, é o proxecto de mausoleo de Elías Pérez Martínez no cemiterio de Pereiró.
Ademais de centos de expedientes informados, gardados no arquivo municipal, pola súa condición de arquitecto municipal asinou os proxectos da praza de Portugal (ca. 1928), da beirarrúa do Paseo de Afonso XII e o non executado do parque de Picacho. Abandonou o posto de facultativo municipal para dedicarse ao desenvolvemento da profesión liberal en 1935.
Malia ralizar a súa obra arquitectónica fundamentalmente en Vigo, tamén traballou en Santiago de Compostela, na Residencia de Estudantes da Universidade e na urbanización de chalés da Rosaleda.
Na década de 1940 fixou a súa residencia en Madrid, aínda que mantendo o seu estudio en Vigo. En Madrid figuraba como colexiado do Colexio Oficial de Arquitectos desde o 1 de abril de 1943 ata 1945, sen que se teña coñecemento de ningunha obra súa nesa cidade.
Jenaro de la Fuente Álvarez iniciou a súa carreira como arquitecto propoñendo visións construtivas arquitectónicas no marco do eclecticismo, pero deixándose influír, sobre todo no caso de vivendas unifamiliares, pola arquitectura rexionalista. Máis tarde, a partir de finais dos anos 30 e na década de 1940 de la Fuente Álvarez, tras os anos escuros da posguerra, devolveulle á cidade de Vigo una linguaxe arquitectónica coñecida como movemento moderno ou estilo racionalista.
Etapa ecléctica
O eclecticismo arquitectónico é un estilo nacido en Francia e rapidamente expandido por toda Europa, Rusia e Estados Unidos. Desenvolvido entre 1860 e a década dos anos 20 do século XX, mestura diferentes modelos e épocas da historia da arte
Entre os primeiros proxectos construtivos figura o edificio para Eligio Prieto, no número 25 da rúa do Príncipe, con connotacións barrocas nas solucións decorativas.
O edificio do número 11 da rúa Uruguai (1925) presenta unha virtuosa ornamentación clasicista que cambia en cada unha das plantas da fachada principal.
En 1926, de la Fuente proxecta outro edificio na esquina entre as rúas Urzaiz e Lepanto de carácter monumental e gran sobriedade. Debido á columnata que coroa a fachada, os vigueses déronlle a este edificio o nome de
A peineta
.
O edificio Garaxe Americano (1929), na rúa García Barbón 29, é outra das obras destacadas da primeira etapa creativa de de la Fuente, que tamén amosa un clasicismo monumentalizado nun edificio con finalidade comercial, polo que o arquitecto deixou grandes vans na súa parte baixa, que actuarían a modo de escaparates.
Outro edificio comercial ecléctico de semellante esquema compositivo, atopámolo na rúa do Príncipe 5 con fachada tamén a Policarpo Sanz 8. Esta última fachada ordénase mediante pilastras laterais que delimitan amplas superficies encristaladas en toda a parte central. A fachada da rúa do Príncipe presenta un esquema similar, pero é máis suntuosa.
Tamén se encadra nesta etapa ecléctica o edificio comercial da rúa Areal de Vigo proxectado por de la Fuente en 1928, no que destaca a presentación granítica da fachada e a orde xigante de pilastras estriadas que percorren verticalmente a fachada desde a planta baixa ao coroamento.
A Escola Técnica Superior de Enxeñería Industrial (antiga Escola de Peritos) foi proxectada por este arquitecto en 1930, aínda que non se concluíu a construción ata 1943. O conxunto foi trazado cun corpo lonxitudinal principal con fachada á rúa Torrecedeira e unha serie de naves posteriores dedicadas a talleres.
Nestes anos Jenaro de la Fuente Álvarez proxecta na cidade de Santiago de Compostela unha serie de edificios urbanos de vivendas, como o edificio da praza de Cervantes 14, da rúa Senra 21 (1928) e Xeneral Pardiñas 13 (1929) nos que se manifesta unha aproximación ao rexionalismo arquitectónico con detalles neobarrocos como frontóns, balaústres pétreos, etc.
Aínda que xa nada ten que ver co seu proxecto inicial, Jenaro de la Fuente Álvarez proxectou en 1926 o estadio de Balaídos.
Etapa racionalista
O racionalismo, tamén chamado Estilo Internacional ou Movemento Moderno, foi un estilo arquitectónico de alcance internacional desenvolvido na primeira metade do século XX. Este Movemento ten unhas formulacións ideolóxicas claras, moi democráticas, e un desexo de explorar o que se podía facer coa nova tecnoloxía. Hai tamén unha influencia importantísima da Bauhaus e de personaxes tan importantes como Le Corbusier, Mies van der Rohe, Walter Gropius. E iso, dalgún xeito, era retomar as esencias da arquitectura.
E aínda que dun xeito heterodoxo, de la Fuente Álvarez introduciu o racionalismo polo centro urbano de Vigo tratando de conciliar este estilo internacional tan rompedor con formas máis tradicionais de construción, presentando suntuosas fachadas en granito.
En 1933 proxectou o desaparecido edificio de Casimiro Gómez da rúa Urzaiz, de ventás corridas e cornixas horizontais.
En 1940 proxectou o edificio para María Iglesias Curty da rúa Conquista 1, esquina á praza de Compostela 4 e 5, no que destaca a presenza de miradoiros curvos cos cristais tamén arredondados.
Deste período é o caso máis claro de estilo racionalista: a Escola de Comercio (Escola Universitaria de Estudos Empresariais), proxectada en 1940 e situada na rúa Torrecedeira. Na súa concepción destacan tres volumes que acollen aulas, biblioteca e dependencias administrativas.
Etapa rexionalista
A arquitectura rexionalista que se implanta en España a principios do século XX evoca modelos arquitectónicos do pasado que achegan o edificio urbano ao pazo rural. Unha arquitectura conectada co vernáculo que tomou referencias do barroco compostelán, da tipoloxía de pazo e a tradición da cantería coa presentación do nobre granito.
De la Fuente Álvarez, Gómez Román, Antonio Palacios, Antonio Cominges, José María Banet, Vaquero Palacios, entre outros, son os máximos representantes do rexionalismo arquitectónico galego. E a todos os une a inspiración barroca do pazo (solaina, torre e soportal) e o compromiso coa historia, coa paisaxe e co clima.
A maioría das vivendas residenciais rexionalistas proxectadas en Vigo por de la Fuente foron desaparecendo a causa da especulación. En Santiago de Compostela trazou os chalés da zona residencial da Rosaleda, proxectados entre 1941 e 1942.
Esta linguaxe neobarroca empregouna en edificios coma a Casa do Pescador (1930) da rúa Marqués de Valterra de Vigo, o Dispensario Antituberculoso da Estrada (1930) e a fábrica de Conservas Albo na esquina das rúas Jacinto Benavente coa Paz (1929).
E tamén en Santiago como exemplo da súa opción rexionalista figuran o complexo da Residencia de Estudantes, o Sanatorio da Esperanza (1949) e a Facultade de Ciencias
A
Residencia de Estudantes de Santiago foi un dos proxectos máis destacados nos que participou Jenaro de la Fuente Álvarez, unha das obras máis importantes da variante neobarroca da arquitectura rexionalista galega.
O Comité Pro Residencia encargoulle a principios de 1927 a redacción do proxecto a Constantino Candeira Pérez, que actuaba como arquitecto municipal de Santiago. Tras a marcha de Candeira ao ser nomeado arquitecto da Deputación de Valladolid, fíxose cargo do proxecto Jenaro de la Fuente Álvarez, quen lle entregou ao reitorado e ao claustro universitario o anteproxecto no que define as edificacións e o tipo de urbanización universitaria de tipo inglés, que lle outorgaban un aspecto de cidade-xardín de evocacións barrocas conformes coa linguaxe rexionalista.
Á parte dos pavillóns estudantís ou colexios maiores, de la Fuente traza os planos e constrúe a escalinata monumental que comunica o paseo da Ferradura co xardín de Ventura Figueroa, antesala da Residencia; a capela, situada na traseira do pavillón central; o Observatorio Astronómico; vivendas destinadas a catedráticos ou pavillóns independentes, ximnasio universitario…
O
Sanatorio da Esperanza, inaugurado en 1959, non corresponde á iniciativa da Universidade, aínda que forma parte deste contexto arquitectónico, tanto polo espazo que ocupa, como pola linguaxe adoptada que é similar á das edificacións estudantís.
En 1961 inaugurouse a
Facultade de Ciencias (actual Facultade de Química), na que de la Fuente se distancia un pouco da linguaxe rexionalista neobarroca e adopta un clasicismo ecléctico. A Aula Magna, con forma de hemiciclo, foi decorada na súa parte frontal por María Victoria de la Fuente, filla do arquitecto.
Bibliografía
Vigo Trasancos, Alfredo (1990): «A arquitectura do século XX». En Arte Galega: estado da cuestión. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; 393-420.
Costa Buján, Pablo (1991): «A Residencia de Estudiantes: un embrión clásico no ensanchamento da vella cidade», Obradoiro, 18: 48-51.
Garrido Rodríguez, Xaime e Iglesias Veiga, Xosé Ramón (2002): Jenaro de la Fuente Álvarez. Vigo: Nova Galicia Edicións.
Alonso de la Fuente, Jorge (coord.) (2006): Jenaro de la Fuente Álvarez, arquitecto. Lenguaje racionalista. Santiago de Compostela: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
Iglesias Veiga, José Ramón (2019): Jenaro de la Fuente Álvarez: un arquitecto vigués no proxecto da Residencia de Estudiantes de Santiago. Vigo: Instituto de Estudios Vigueses.
Lamas, Jorge: «Un paseo por la obra del otro Jenaro de la Fuente», La Voz de Galicia, (22 de xuño de 2022).