Perfecto López
A Toxa, Vimianzo, A Coruña, 12/ 5/1904 - Bos Aires, Arxentina, 12/9/1970Autoría: Xosé María Rei Lema
Empresario, mecenas do galeguismo de posguerra en Bos Aires
A Toxa é unha pequena aldea da parroquia de Vimianzo que o 12 de maio de 1904 viu nacer ao fillo de Dolores López, ao neto de Vicenta López. Axiña se trasladan a outro lugar da mesma parroquia, A Valiña, e aquí vai comezar a historia de Perfecto López. As proxenitoras, solteiras e pobres, traballan como xornaleiras, e o neno Perfecto non ha tardar en ter que arrimar o ombro. Sen máis escola que as catro regras, o mozo Perfecto decide que esa non é vida. Ter que incorporarse a quintas e a axuda económica dun veciño eran o impulso que precisaba para chegar á Arxentina en 1922. Traballa de chofer e xunta uns cartos para regresar á Coruña, pero non tarda en coller de novo a maleta. Volve ao ramo da automoción, agora coa xestión de garaxes e talleres, primeiro como socio e logo en solitario. Crea os concesionarios Perfecto López & Cía, un referente na capital. Os negocios van ben e a compra de terras para explotacións gandeiras incrementa a súa abondosa fortuna.
O ascenso empresarial trouxo o ascenso social. Foi medrando a través da entidade máis importante do seu ámbito, a Asociación Benéfica y Cultural (ABC) del Partido de Corcubión. Ingresara como socio en 1933 e dous anos despois xa estaba na directiva. Entre 1935 e 1956 formou parte das distintas xuntas da ABC de Corcubión, e aínda que estivo só dous anos como presidente (1946 e 1950) e cinco como vicepresidente (1935, 1937, 1940, 1942 e 1956), a súa influencia fíxoo ser o presidente na sombra
durante todo este tempo.
A Guerra Civil supuxo o primeiro momento de implicación política de Perfecto, coa fundación da Agrupación del Partido de Corcubión de Ayuda al Frente Popular en 1937. Ao ano seguinte intervén nas eleccións ao Centro Gallego, integrado na agrupación Unión Gallega, e formaría parte da súa directiva, como vogal representante, desde 1939 a 1941.
No ano 1938 trae á súa nai Dolores a vivir a Bos Aires e casa coa vimiancesa Gloria Romero Sánchez. Do matrimonio ían nacer tres fillos: Perfecto, Gloria Susana e Jorge Alberto. O primeiro deles, Perfecto López Romero, ía ser, co tempo, presidente da Asociación Argentina de Hijos de Gallegos (AAHG).
A chegada de Castelao en 1940 como exiliado significou para Perfecto e para moitos outros emigrados o trunfo e a consagración definitiva dos ideais e dos principios reivindicadores do credo galeguista
, en palabras de Bieito Cupeiro. O vimiancés vai ser un dos seus estreitos colaboradores, e forma parte do reducido grupo que sufraga os gastos da estancia dos Castelao (e despois da viúva Virxinia). Tamén ha financiar toda canta institución se funde ao redor do galeguismo porteño nestes anos: os centros provinciais, a Irmandade Galega, o Consello de Galiza, etc., cos respectivos voceiros (Opinión Gallega, A Nosa Terra, Galeuzca...).
En 1949, despois de case vinte anos, volveu á súa terra, e fíxoo como enviado do grupo galeguista. Reuniuse cos membros do chamado galeguismo do interior, que xa andaban argallando o que ía ser a editorial Galaxia. Da viaxe de Perfecto, ademais de converterse en accionista desa editorial, cómpre salientar tres feitos: o inicio da amizade con moitos integrantes deste grupo, sobre todo con Ramón Piñeiro; conseguir que Castelao falase coa terra
por última vez, ao poñelo en contacto telefónico con Otero Pedrayo; e a simbólica terra galega que levou Perfecto para deitar sobre o corpo do rianxeiro ante o inminente desenlace. Chegou catro días antes da morte de Castelao, a tempo de comunicarlle a mensaxe que traía, a tempo de portar o seu cadaleito no monumental enterro. Foise o “guieiro” e os galeguistas do Prata sufriron un duro golpe, pero axiña se levantaron para continuar o seu legado, baixo a voz de Alonso Ríos e Suárez Picallo.
A escritora inglesa Nina Epton visitou Galicia en 1953 para, coa axuda da xente de Galaxia, escribir Grapes and Granite (Uvas e Granito na tradución dos irmáns Fernández del Riego), un libro sobre o noso país. E Nina atopouse con Perfecto, e Paco del Riego explícalle quen é:
Ese home apenas sabe ler e escribir; non tivo escola algunha. Triunfou na vida gracias ás súas fortes mans e aos seus ollos calculadores. É un celta por todo iso, cun respecto celta pola cultura; aínda cando non tivo ningunha el mesmo, está determinado a axudarlles a aqueles dos seus paisanos que se esforzan en conservar a nosa e propagala entre os galegos de alén do mar. Forma parte dun grupo que en Buenos Aires axuda economicamente aos nosos mellores escritores publicando as súas obras.
Viñera Perfecto negociar o custo da edición da Historia de Galiza que dirixía Otero Pedrayo. Levou os orixinais e el mesmo ha colaborar con Manuel Puente na publicación. Ás veces, a axuda material complementábase coa humana, pois tamén vai auxiliar a delicada situación económica pola que pasaba Ánxel Fole.
En 1956 os galeguistas bonaerenses levan a cabo unha idea de Castelao e organizan o Primeiro Congreso da Emigración Gallega, que reuniu ás principais figuras da emigración en América. Nel, Perfecto ocupa o cargo de vicepresidente. Por estes anos implicouse a fondo no mundo editorial e en 1957 lidera, como presidente do seu directorio, a fundación da editorial Citania. Ideada por Luís Seoane, conseguen publicar un número considerable de obras, entre elas clásicos da nosa literatura, como A esmorga de Eduardo Blanco Amor.
En 1958 volve a Europa e non será unha viaxe máis, pois vai marcar un antes e un despois na Historia do Galeguismo. De primeiras, reúnese en París con César Alvajar, o representante alí do Consello de Galiza, e despois vai vir a Galicia. No mes de setembro ten lugar a famosa reunión da Rosaleda, na que a xente de Galaxia, cunha mise-en-scène artellada por Ramón Piñeiro, expuxo a súa estratexia de actuación que chocaba frontalmente coa idea do Consello de Galiza. As distintas visións políticas non impedían o entendemento cultural, e o propio Perfecto comprométese a financiar (e a buscar financiamento, con Xesús Canabal no Uruguai) a publicación da Revista Galega de Economía, que botara a andar ese 1958. Ao ano seguinte vai colaborar de novo con Seoane, neste caso na creación da audición radial do Centro Lucense.
A ruptura co galeguismo do interior, materializada na Rosaleda, vai derivar na reorganización en 1960 do Consello de Galiza. A pesar da baixa nel de varios dos potentados (Puente, Prada, Abraira...), Perfecto vai seguir colaborando uns anos máis. Froito diso é unha nova entrevista en París con Alvajar, e a correspondencia mantida con este para solucionar problemas económicos da delegación. Pero aos poucos vaise apartando do primeiro plano, e colabora tan só con proxectos editoriais como a revista Alén Mar, voceiro da AAHG, ou o novo xornal Correo de Galicia, publicacións que dirixía o seu fillo Perfecto.
O 12 de setembro de 1970, en Bos Aires, acabábase a vida dun home que Valentín Fernández resumiu na revista Alborada con estas palabras:
Con Perfecto López foise un anaco da historia da emigración galega, na que él foi actor de primeira mainitude, pois a todo contribuíu, i en todo participou, conscente da sua responsabilidade de emigrado. Fixo todo co mellor sentimento e sin gabarse endexamáis do que facía.
Bibliografía
Rei Lema, Xosé María (2018): Perfecto López. Un vimiancés na Galiza Ideal. Vigo: Galaxia.
Como citar: Rei Lema, Xosé María : Perfecto López. Publicado o 15/6/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2240. Recuperado o 26/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Discurso de Perfecto López como presidente da ABC na celebración do vinte e oito aniversario fundacional da entidade
Fonte: Alborada, n.º 147 (agosto a outubro de 1950)
Único poema publicado por Perfecto, composto tras a súa viaxe a Galicia de 1949
Fonte: Alborada, n.º 146 (maio-xullo de 1950)
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Homenaxe a Perfecto López en Vimianzo en 2001 polo colectivo Adiante Soneira
Fonte: La Voz de Galicia, Carballo, (26 de setembro de 2001), p. 11
Artigo de Emilio Álvarez Blázquez sobre a “terra galega” para Castelao que levou Perfecto López a Bos Aires
Artigo de Valentín Fernández sobre Perfecto López tras a morte deste
Fonte: Alborada, n.º 176 (abril de 1971), p. 21
Carta de Ramón Suárez Picallo a César Alvajar sobre Perfecto López
Fonte: Arquivo Municipal de Betanzos. Fondo Alvajar 6125
Folleto do Primeiro Congreso da Emigración Galega, celebrado en xullo de 1956. Perfecto López foi vicepresidente da Comisión Organizadora e un dos promotores máis activos para que se levara a cabo
Fonte: Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega
Noticia do regreso de Perfecto López da súa viaxe a Galicia en 1949
Fonte: Alborada, n.º 144 (novembro a xaneiro de 1950)
Integrantes da directiva da ABC del Partido Judicial de Corcubión na que aparece como presidente de 1950 a 1952
Fonte: Alborada, n.º 145 (febreiro a abril de 1950)
Artigos Perfecto López
LóPEZ, P. (3/1947) Entrega de medallas honoríficas. Alborada. 1ª (134), 11.
Ver relatorio Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
LóPEZ, P. (4/1950) Sentido Recordo. Alborada. 1ª (145), 20.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
LóPEZ, P. (7/1950) Sentido Recordo. Alborada. 1ª (146), 26.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
LóPEZ, P. (10/1950) Discurso del Presidente de la A.B.C. Sr. Perfecto López, pronunciado en nuestra cena aniversario. Alborada. 1ª (147), 9-10.
Ver relatorio Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;