f Arturo Noguerol | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

Arturo Noguerol

Ourense, 1892 - Serantes (Ferrol), 1936

Biografía

----

Arturo Noguerol

Ourense, 1892 - Serantes (Ferrol), 1936

Autoria: Adrián Estévez Iglesias

DOI: 10.17075/adg.26760

Arturo Noguerol Buján foi avogado, e un dos primeiros en posicionarse a prol do galeguismo de entre os homes que constituirían a Xeración Nós



Naceu o 6 de maio de 1892 no número 1 da rúa Alba, actual rúa do cardeal Quiroga Palacios. Fillo de Arturo Noguerol, de Bouzas (Boimorto, concello de Vilamarín), que foi concelleiro en Ourense, e de Asunción Buján, ourensá con ascendencia en Tamallancos e Proente (A Merca). Estudou o bacharelato no Instituto do Posío entre 1904 e 1910, onde estudaron tamén Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e Manuel Martínez Risco, e foi alumno de Marcelo Macías. Tras rematar a carreira de Dereito en Salamanca, onde se licenciou en 1915, abriu o seu propio despacho de avogado no número 10 da rúa do Padre Feixóo, casa construída pola familia e que sería a sede da administración e a xerencia da revista Nós.

Amigo dos agraristas Bricio Serantes Echegaray, Antonio Buján e Basilio Álvarez, foi un dos asinantes do Manifesto de Ourense, e apoiou as campañas levadas a cabo por Acción Galega entre 1910 e 1914. Xunto a Vicente Risco e Cuevillas fundou en 1917 a revista mensual en castelán La Centuria, onde publicou catro artigos: “O delicto e a pena nas poesías de Curros Enríquez”, sobre a literatura galega; o texto “El boycott”, sobre o mundo laboral, tema ao que volverá en “A reducción de xornada”, que só viu publicada a primeira parte debido ao peche da revista; e “La patria”, que serviría como base para a creación da Irmandá Rexionalista de Ourense, da man de Antón Losada Diéguez. En 1918 publicou “Parolas sobre a propiedá” no xornal La Región. Escribiu tamén seis artigos na revista A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala, dous na publicación satírica La Billarda, outros dous no xornal agrarista La Zarpa, e dous na segunda etapa d’O Tío Marcos d’a Portela. Nun destes, do 21 de abril de 1917 titulado “Sociedades agrarias e política”, fixo unha dura crítica de Basilio Álvarez, acusándoo de mobilizarse só para satisfacer a súa ambición política.

Foi un dos ideólogos económicos do grupo da Irmandade Rexionalista de Ourense. Opoñíase á industrialización de Galicia, apostando por unha revitalización do agro en réxime de cooperativa, mais participou nas reclamacións feitas ao goberno central reclamando a conexión ferroviaria coa meseta e a mellora das estradas provinciais, e a ampliación dos portos da Coruña, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Deu varios mitins con Risco e Pedrayo defendendo a coalición dos galeguistas cos mauristas en 1918, en Boborás, Bentraces, Barbadás, A Merca, Celanova, Arnoia e Taboadela.

Como avogado foi o encargado de constituír a sociedade mercantil que fixo viable o financiamento da revista Nós, fundada en 1920, así como da sociedade Grupo Nós, creada no outono de 1921 e da que foi director-xerente. Ao igual ca outros galeguistas como o propio Vicente Risco, nun principio defendeu a ditadura de Miguel Primo de Rivera. O 24 de febreiro de 1924 foi un dos asinantes do manifesto fundacional da Unión Patriótica de Ourense.

Na revista Nós publicou ata dez colaboracións de diversa índole: textos económicos e agraristas, mais tamén unha descrición bucólica da vila de Rianxo e uns romances mariñeiros nos meses de marzo e abril de 1929 respectivamente. Un poema seu en galego, “Sabencia de muller”, permaneceu inédito até que o deu a coñecer Xesús Alonso Montero na revista de Celanova Follas Secas. No número 81 do 15 de setembro de 1930 publicou o derradeiro artigo, o texto “Notas políticas”. Afastado do seu Ourense natal e dos compañeiros de ideoloxía, desde entón retirouse da vida política e cultural.

Traballou como secretario de administración local nos municipios de Pereiro de Aguiar (1923-1925), Avión (1925-1927), Rianxo (1927-1932) e Serantes (1932-1936), que foi concello de seu até a anexión por Ferrol o 21 de xaneiro de 1940.

Detido por posesión de arma de fogo en outubro de 1934, durante a folga xeral revolucionaria convocada contra a entrada no goberno de tres ministros da Confederación Española de Derechas Autónomas, sería exonerado máis tarde. Tras o alzamento militar do 18 de xullo de 1936, acusado de propagar noticias tendenciosas, os sublevados prendérono e foi encarcerado no castelo de Santo Antón da Coruña. Unha vez procesado, o xuíz militar declarouno inocente e ordenou a súa liberación, se ben foi detido de novo de forma irregular por elementos paramilitares. Na tarde do 11 de setembro de 1936 foi trasladado en autobús con outras doce persoas, que serían executadas na noite seguinte a carón da estrada de Ferrol á Coruña e soterradas no cemiterio de Serantes.

Casou con Eloisa Martínez Carballo o 21 de xaneiro de 1924, e foron pais de dous fillos nados en Ourense: Eloisa en 1924 e Pedro Arturo Noguerol Martínez en 1932. Otero Pedrayo incluíuno entre os persoeiros dos que fala no Libro dos amigos, publicado en 1953.


  • Referencias

    • OBRA

      • Parolas sobre a propiedá (1918)



    • BIBLIOGRAFÍA

      • Román Alonso, Jesús-Fernando (2003): Arturo Noguerol Buján. Xornalista, arbitrista e financeiro do galeguismo. Santiago de Compostela: Ir Indo.
      • Román Alonso, Jesús-Fernando (2011): Ética e estética de Arturo Noguerol Buján. Ourense: Auria.
      • Soutelo Vázquez, Raúl (2006): “O compromiso social de Arturo Noguerol Buján”, Minius, revista da Universidade de Vigo, XV.





Como citar: Estévez Iglesias, Adrián : Arturo Noguerol. Recuperado o 22/10/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=26760

Publicacións periódicas

Aviso Listado automático de documentación relacionada con Arturo Noguerol nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Nós (1920-1936) .
Publicación impresa | Labor na publicación: ADMINISTRACIóN; COLABORACIóN;