Antonio Neira de Mosquera
Santiago de Compostela, 19/ 3/1823 - Santiago de Compostela, 9/7/1854Autoría: Xosé Ramón Fandiño
Escritor e xornalista, referente do romanticismo provincialista
O escritor Antonio Neira de Mosquera pertence á xeración que os historiadores da Literatura denominan Provincialistas
, un grupo de mozos que sentían a inquedanza de reafirmar a personalidade histórica de Galicia. Esta xeración de universitarios optimistas e loitadores viron freadas as súas ansias de redención de Galicia tras o levantamento de 1846, iniciado co pronunciamento do comandante Miguel Solís e concluído co fusilamento dos Mártires de Carral. Agrupábanse na Academia Literaria de Santiago á que pertenceron Añón, os irmáns Faraldo, Alberto Camino, Neira de Mosquera, Rúa Figueroa, Romero Ortiz..., e na que se promovían debates sobre temas filosóficos, históricos e lecturas literarias dos seus propios orixinais. Ao desaparecer esta, en 1849 foi substituída por El Liceo de la Juventud, que tiña como actividade principal as representacións teatrais. Consta que en 1854 Rosalía deu vida na escena ao personaxe principal de Rosmunda, drama de Antonio Gil y Zárate.
Unha das figuras máis representativas deste movemento foi, sen dúbida, Antonio Neira de Mosquera, autor dunha importante obra xornalística e literaria na que campa un temperamento romántico inconfundible. Naceu en Santiago en 1823 e educouse nun ambiente familiar de tendencia liberal e delicada cultura. Prematuro como en todo, aos catorce anos obtivo o título de bacharel en Filosofía e aos quince foi acollido polo impresor Núñez Castaño, figura clave na introdución das revistas ilustradas en Galicia, e polos irmáns Gil Rey, que o incluíron como colaborador do Semanario Instructivo. A partir de 1842 incrementou as súas colaboracións xornalísticas en El Iris de Galicia, El Emancipador Gallego e El Idólatra de Galicia (Apuntes para la historia de la Literatura Gallega) e como director, desde 1842, de El Recreo Compostelano.
Durante esta primeira etapa xornalística xa colaboraba con diversos medios españois. En 1843 trasladouse a Madrid onde exerceu o xornalismo (El Imparcial, El Globo e El Heraldo) e participou moi activamente nos ambientes culturais do Ateneo, do Liceo e do Teatro de la Cruz. Os seus artigos máis propiamente literarios ou históricos publicounos en El Siglo e no Semanario Pintoresco Español, revista ilustrada fundada e dirixida por Mesonero Romanos.
A estancia madrileña de Neira de Mosquera durou cinco anos, pois regresou a Santiago de Compostela en 1848 por mor do pasamento do seu pai e retomou a actividade xornalística como director da Revista Literaria do Diario de Santiago, onde deixou publicados traballos tan importantes como «La novela moderna» ou «El mariscal Pardo de Cela». Ademais, entre 1851 e 1852 dirixiu e foi o principal redactor de El Eco de Galicia, xornal bisemanal que trataba de outorgarlle a Santiago a capitalidade xeográfica e política de Galicia.
No terreo persoal, ao pouco do regreso a Santiago realizou os exercicios de Rexente de Literatura, rematou a carreira de Dereito e casou coa filla do impresor Núñez Castaño coa que tivo un fillo, Cecilio, catedrático numerario de Prácticas de Operacións da Facultade de Medicina desde 1879. Os últimos anos da súa curta vida pasounos na Coruña. Unha gravísima enfermidade pulmonar reduciu a súa actividade laboral, pero non a literaria. O seu último artigo «El poeta Sombra», caricatura literaria do poeta Xosé Puente y Brañas, publicado no xornal ferrolán Crónica de Occidente, ditoullo, case moribundo, a Benito Vicetto (Aquella fue la última vez que lo vimos porque poco después se fue a su pueblo natal, donde se extinguió como una estrella de la mañana entre los primeros arreboles del Oriente
). Tal foi a admiración que lle profesou Vicetto que mesmo lle dedicou a súa novela Cristina, páginas de un diario (1851). Morreu aos 31 anos de idade, o 9 de xullo de 1854.
Obra Literaria
La Marquesa de Camba y Rodeiro
Como novelista, as narracións de Neira de Mosquera, agás a noveliña romántica Un ángel caido, inspirada na vida de Mariano José de Larra, teñen todas como tema o asasinato do arcebispo de Santiago don Suero de Toledo. A primeira achega ao tema escribiuna en 1840 e publicouna en El Idólatra de Galicia co título de «La maldición. Fragmento de la venganza de un hidalgo». Un ano máis tarde incide en El Recreo Compostelano ao publicar «El Palacio de los Churruchaos», «Una noche en la torre de Mesía», «D. Pedro el Cruel en Monterrey»... En Madrid, en 1845, publicou a novela curta D. Suero de Toledo. E aínda volve sobre o tema nos artigos «Santa María de Conjo» e «El castillo de la Rocha», inseridos nas Monografías de Santiago (1850).
Todas estas breves narracións non son máis ca un ensaio que culmina en 1848 ao publicar en Madrid, na editorial Vicente Lalama, a novela La Marquesa de Camba y Rodeiro. Neira confesa que para preparar esta novela se baseou nun curioso impreso apócrifo titulado De la nobleza de la Casa de Camba y sus principios y fundación del castillo de Castro-Candal, pero tamén na historia, nas fábulas e nas crónicas contemporáneas. Partindo do feito real do asasinato de don Suero, Neira constrúe o seu relato ou novela histórica utilizando a técnica romántica de recrear o ambiente medieval de castelos feudais, preferencia por paisaxes nocturnas, tormentas e naufraxios marítimos, e introduce a novidade de concederlle a categoría de personaxe central, en detrimento do seu fillo Ferán Pérez, á Marquesa de Camba, que disfrazada de cabaleiro mata ao arcebispo como vinganza da ignominiosa morte sufrida polo seu esposo Alonso Suárez de Deza nos calabozos do castelo da Rocha.
Estudos históricos e literarios
Á parte dos seus numerosos estudos críticos sobre temas de historia e literatura, de monografías e biografías, outra gran dimensión de Neira de Mosquera como escritor é a da tradición compostelá á que lle dedicou moitos dos seus mellores traballos. A obra máis importante de Neira sobre estes asuntos é Monografías de Santiago: Cuadros históricos. Episodios políticos. Tradiciones y leyendas. Recuerdos monumentales. Regocijos públicos. Costumbres populares, publicada en 1850 na imprenta da Viúva de Compañel. En opinión de María do Carme Ríos Panisse con este libro Neira convértese no primeiro gran defensor de Santiago como centro político e cultural aglutinante do ser cultural de Galicia
.
Nas Monografías fusiona, con impecable sobriedade literaria, os resultados das súas investigacións coas lendas históricas tan gratas ao espírito romántico. Malia ser escrita cando o autor contaba vinte e sete anos de idade, en opinión de Benito Varela Jácome, por su alcance histórico, por su documentación, por su estilo, parece más bien una obra de madurez
.
Bibliografía:
Fontes principais
Neira de Mosquera, Antonio: (1848): La Marquesa de Camba y Rodeiro. Madrid: Vicente Lalama.
Neira de Mosquera, Antonio (1850): Monografías de Santiago: Cuadros históricos. Episodios políticos. Tradiciones y leyendas. Recuerdos monumentales. Regocijos públicos. Costumbres populares. Vigo: Imprenta da Viúva e Fillos de Compañel.
Fontes secundarias
Vicetto, Benito (1874): «Semblanza romántica de Neira de Mosquera», Revista Galaica, Ferrol.
Vicetto, Benito (1880): «Neira de Mosquera, Antonio, 1823-1854», Ilustración Gallega y Asturiana, t. 2, n.º 8, Madrid.
Varela Jácome, Benito (1950): «Estudio preliminar. Vida y obra de Antonio Neira de Mosquera». En Antonio Neira de Mosquera, Monografías de Santiago y dispersos de temas compostelanos. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos.
Varela Jácome, Benito (1951): Historia de la Literatura Gallega. Santiago de Compostela: Porto Editores.
Buján, Daniel (2000): «Introducción». En Antonio Neira de Mosquera, Monografías de Santiago. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago. (Ara Solis).
Ríos Panisse, María do Carme (2000): «Os inicios do Rexurdimento (1840-1868)». En Os Séculos Escuros. O Século XIX. A Coruña: Hércules. (Galicia; XXXI).
Fandiño Veiga, Xosé Ramón (ed.e intr.) (2008): La Marquesa de Camba. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago, Alvarellos.
Cea-Naharro y Rey, María Dolores de: «Neira de Mosquera, Antonio», en Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso-Diario de Pontevedra, D.L. 2003; v. 32, p. 117-118.
Como citar: Fandiño, Xosé Ramón : Antonio Neira de Mosquera. Publicado o 23/8/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2750. Recuperado o 31/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Discurso pronunciado por Neira de Mosquera no Liceo de la Juventud en 1849
Fonte: Galiciana
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/resultados_navegacion.do?id=4278&forma=ficha&posicion=2
«La maldición. Fragmento de la venganza de un hidalgo», El Idólatra de Galicia, n.º 14 (1 de xaneiro de 1842), p. 105-107 (1-3)
Fonte: Galiciana
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/publicaciones/numeros_por_mes.do?idPublicacion=382&anyo=1842
Presentación de El recreo compostelano (1842-1843), xornal do que Antolín Faraldo era redactor principal
«Prospecto», El recreo compostelano, (xaneiro de 1942)
Fonte: Galiciana. BIblioteca de Galicia
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=2791
El moribundo, obra de Neira de Mosquera impresa en Vigo en 1841 no taller da viúva e fillos de Compañel, 1841
Fonte: Galicina
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/resultados_navegacion.do?id=4278&forma=ficha&posicion=5
DOCUMENTACIÓN SOBRE
CABO ASEGUINOLAZA, Fernando: «La circulación de lo local. Santiago a (cuasi) vista de pájaro, por Neira de Mosquera». En 'Et amicitia et magisterio: Estudios en honor de José Manuel González Herrán. Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, 2021,
Fonte: http://www.cervantesvirtual.com/obra/la-circulacion-de-lo-local-santiago-a-cuasi-vista-de-pajaro-por-neira-de-mosquera-1053784/
FANDIÑO VEIGA, Xosé Ramón: «Antonio Neira de Mosquera, xornalista». En Xornalistas con opinión 2. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2010; p. 37-49
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
CEA-NAHARRO Y REY, María Dolores de: «Neira de Mosquera, Antonio». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso-Diario de Pontevedra, D.L. 2003; v. 32, p. 117-118.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Ligazóns de interese
Antonio Neira de Mosquera na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Antonio_Neira_de_Mosquera
Vilavedra Fernández, Dolores: «Antonio Neira de Mosquera», DBE, Real Academia de la Historia
Fonte: Real Academia de la Historia
https://dbe.rah.es/biografias/53950/antonio-neira-de-mosquera