Aida Fernández Ríos
Vigo, 1947 - Moaña, 2015Autoría: Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Unha grande experta na acidificación dos océanos
Nacida en 1947, Aida Fernández Ríos estudou o bacharelato elemental en Vigo e con 25 anos comezou a traballar de auxiliar de laboratorio, xa que daquela non se precisaba máis titulación, no Instituto de Investigacións Pesqueiras do CSIC, denominado na actualidade Instituto de Investigacións Mariñas. Compaxinou o seu traballo cos estudos, o que lle permitiu concluír o bacharelato superior, cursar a carreira de Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela e, posteriormente, en 1992, ler a súa tese de doutoramento, dirixida por Fernando Fraga, titulada Fitoplacto de la Ría de Vigo y sus condiciones ambientales. Pouco despois entrou como investigadora, adscrita ao cadro de persoal, no Instituto de Investigacións Pesqueiras (IIP), centro no que desenvolveu toda a súa carreira ata acadar a categoría máxima como profesora de investigación. Desde 2006 ata 2011 foi directora do IIP, sendo a primeira muller que acadou esa responsabilidade. Dos estudos sobre o fitoplacton pasou aos de oceanografía física e, finalmente, aos relativos á acedificación do océano como consecuencia do cambio climático, nos que se converteu nunha investigadora de referencia en Europa, dirixindo un Comité Internacional da Xeosfera con eses obxectivos desde 2005 a 2011. En 2015 foi nomeada académica de número da Real Academia de Ciencias de Galicia. Ese mesmo ano, en decembro, faleceu como consecuencia dun desgraciado atropelo en Moaña.
Á parte da súa consideración como persoa, na que todas as testemuñas coinciden en destacar o seu espírito de superación, dedicación ao traballo e o seu talante aberto, comunicativo e colaborador, participou en trinta campañas oceanográficas en augas galegas, atlánticas e antárticas. Foi investigadora principal en tres proxectos europeos e seis do Plan Nacional. Dirixiu sete teses de doutoramento e publicou máis dun cento de traballos científicos, dous deles nunha das revistas de máximo nivel internacional, Science. Foi presidenta do IGBP-España (International Biosphere-Geosphere Programme) desde maio de 2005 e membro, entre outras organizacións e grupos de traballo, do Steering Committee do proxecto CARINA (Carbon in the Atlantic Ocean), do Grupo de Traballo Nacional SOLAS (Surface Ocean-Lower Atmosphere Study), do Comité Científico do PLOCAN (Plataforma Oceánica de Canarias) e do GOA-ON (Global Ocean Acidification Observing Network). Finalmente, estaba integrada no Conseil d´Orientation Stratégique et Scientiphique de la Flote Oceanographique Française.
Os seus primeiros traballos refírense ao estudo do fitoplancton e ás condicións ambientais que os condicionan, cunha especial referencia aos dinoflaxelados e o seu papel nas
mareas Vermellas, liña que dá por concluída en 1998. Colaborou co equipo do profesor Fernando Fraga en distintos estudos sobre oceanografía física, sendo relevantes os relativos aos afloramentos de auga profunda (upwelling) que estaban a afectar a produtividade das rías galegas. En 2001 publicou o seu primeiro traballo sobre o dióxido de carbono nos océanos e o seu papel nos procesos de acedificación das augas como consecuencia do cambio climático, investigacións nas que chegou a ser unha das máis recoñecidas científicas de Europa e que a levou a participar en campañas oceanográficas e comités do máis alto nivel. A súa produción científica está recollida fundamentalmente en revistas de moi elevada repercusión internacional.
Como citar: Díaz-Fierros Viqueira, Francisco : Aida Fernández Ríos. Publicado o 29/4/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27650. Recuperado o 29/03/2024
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Bibliografía de Aida Fernández Ríos
Obituario que lle dedica Fiz Fernández Pérez no n. 80 de Scientia Marina (marzo 2016)
Fonte: http://scimar.icm.csic.es/scimar/index.php/secId/6/IdArt/4356/ (consulta: 2021-05-03)
Ligazóns de interese
Entrada de Aida Fernández Ríos na wikipedia
Fonte: https://es.wikipedia.org/wiki/Aida_Fern%C3%A1ndez_R%C3%ADos (consulta: 2021-05-03)
Biografía de Aida F. Ríos na blog Oceánicas pioneras
Fonte: https://oceanicas.ieo.es/aida-fernandez-rios-y-los-azares-de-la-vida/ (consulta: 2021-05-03)
Relatorio de Miguel Gil Coto sobre Aida Fernández Ríos, na serie Científicas que Contan da Universidade de Vigo
Fonte: https://tv.uvigo.es/video/5b5b4e8e8f420836600558e3 (consulta: 2021-05-03)
«Aida Fernández Ríos. Una vida de esfuerzo y alegría», artigo de Antonio Figueras
Fonte: https://www.madrimasd.org/blogs/ciencia_marina/2016/01/12/134243 (consulta: 2021-05-03)
Información sobre as investigacións de Aida Fernández Ríos en GCiencia: Portal da Ciencia Galega
Fonte: https://www.gciencia.com/mar/cientificos-de-vigo-confirman-que-o-atlantico-volvese-acido-ao-absorver-co2/ (consulta: 2021-05-03)
Ingreso de Aida Fernández Ríos na RAGC
Fonte: https://www.ragc.gal/event/ingreso-de-aida-fernandez-rios/(consulta: 2021-05-03)
11 científicas galegas, traballo do alumnado de 3º ESO PMAR do IES Arcebispo Xelmírez II