Felipe Paz Carbajal
Pontevedra, 23/ 8/1850 - Noia (A Coruña), 15/11/1918Autoría: Alejo Amoedo
Compositor de ampla obra e compromiso coa súa terra
Felipe Paz é unha das personalidades galegas relevantes da segunda metade do século XIX e principios do XX, no eido da composición para banda de música, orfeón e piano.
Fillo de Dolores Carbajal Puga e de Isidro Paz Pazos, naceu en Pontevedra o 23 de agosto de 1850 e finou en Noia (A Coruña) o 15 de novembro de 1918, por mor da denominada gripe española.
Organista, pianista, compositor, ensinante e director de coros, orfeóns e bandas de música, estuda con mestres como José Carnicer, Lorenzo Castro, Antonio Licer, Isidro Fernández e José Gómez. Desenvolve en Pontevedra os seus primeiros anos profesionais, sendo nomeado director da Banda do Hospicio da cidade en 1868. Unha década máis tarde funda a Banda Popular de Pontevedra, agrupación coa que acada os primeiros éxitos profesionais, entre eles a consecución, no mesmo ano da fundación, do primeiro premio de interpretación no certame organizado pola Sociedade do Liceo Brigantino da Coruña. Os éxitos sucédense e obtén os seguintes premios: Medalla de Prata nun concurso celebrado en Pontevedra (1880); segundo premio en interpretación no Certame de Pontevedra, dentro dos Xogos Florais (1882); segundo premio no Certame de Orfeóns de Vigo, cun orfeón organizado en moi pouco tempo e ad hoc (1883). No Certame Musical de Pontevedra de 1886, na sección de Bandas de Música Militares, aparece o nome de Felipe Paz, xa que a banda do Rexemento de Luzón gaña o primeiro premio interpretando unha obra importante no seu catálogo, titulada Unha Festa en Galicia, consolidándose así como un dos autores de referencia no mundo bandístico.
En 1890, Felipe Paz é nomeado director da Banda de Música de Noia, iniciando un frutífero labor na localidade, no que destacan a fundación do orfeón La Aurora Noyesa en 1909 e mais unha agrupación de ocarinas. Xa en 1892, faise cargo da dirección da Banda Municipal de Vilagarcía de Arousa e da de Trabanca, do mesmo concello. Nesta época, o antigo órgano da igrexa da San Martiño de Noia é montado por organeiros de Zaragoza coa colaboración de Felipe Paz. En 1894 é nomeado organista da catedral de Santiago e desde 1912 a 1914 está á fronte da Banda de Música de Ponteareas, agrupación xestionada pola sociedade Protección al Arte.
Felipe Paz mantén correspondencia con diversas personalidades da música e da cultura en Galicia, entre eles Casto Sampedro ao que lle escribe en 1892 a propósito do Cancionero Musical de Galicia; con Andrés Muruais, letrista do Himno á Galicia musicado polo compositor pontevedrés e ao que lle dedicou un Miserere a 3 voces; co fundador de Aires d´a Terra, Perfecto Feijoo, a quen lle dedica a obra para piano Unha tarde na romaxe: rapsodia para piano de cantos que cantan os romeiros nas nosas festas. Tamén colabora co periodista e musicólogo ferrolán Ramón de Arana, que lle remitía a Casto Sampedro obras da recolección feita por Felipe Paz.
No seu numeroso catálogo, que contén todo tipo de xéneros, figuran obras para banda, dúas bandas, dous cornetíns e banda, harmonio, órgano, orfeón (nas que prevalecen as obras relixiosas e sacras), piano só, agrupacións de guitarras e voces, voz e piano, etc. Moitas das pezas compostas por Paz Carbajal están impregnadas de melodías do noso folclore, destacando na súa produción A gaitiña galega, Amor d’a terra, As mozas de Noya, Brisas Rianjesas, En San Martín de Sobreiral, Escoita un conto, Esta terra feiticeira, Froriñas de Mayo, Galicia dos meus amores, Marica de todos, Recordo da miña terra, Unha de paus: N-a romería de San Campio, Alala dos Celtas, Unha festa en Galicia, entre moitas outras. Gran parte do seu repertorio foi transcrito e arranxado por el mesmo para os diferentes instrumentos e agrupacións, tanto vocais coma instrumentais.
Só algunhas das obras foron editadas na súa época polas casas Erviti e Zozaya e na revista Bellas Artes, permanecendo ás máis delas inéditas. En 2013, o neto do biografado, o compositor Sebastián Paz Suárez, entrega en custodia un importante número de partituras manuscritas orixinais, case todas para banda de música, ao Arquivo Musical do Museo Provincial de Pontevedra para o seu estudo e divulgación. O repertorio relixioso e sacro consérvao o nomeado neto no seu arquivo privado.
Paz Carbajal, casado con Carolina Ortiz Costa, foi o iniciador dunha saga de músicos continuada polos seus fillos: Felipe Paz Ortiz (pianista que formou, xunto aos seus fillos Horacio e Felipe, o trío Iberia, coñecido tamén coma Los Tres Paz), José Paz Ortiz, Sebastián Paz Ortiz e os netos e netas, María del Socorro Paz Suárez, Rosita Paz Suárez, Manolo Paz Suárez, Roberto Paz Suárez, Carlos Felipe Suárez e Sebastián Paz Suárez.
Noia rendeulle unha homenaxe en xullo do 1992, na sociedade Liceo de Noia, participando a banda municipal dirixida polo compositor Sebastián Paz Ortiz, interpretando obras do seu pai. Un ano despois recibiu outra homenaxe na que se lle puxo o seu nome ao Conservatorio Municipal de Música – que pasou a chamarse Felipe Paz Carbajal- e se colocou unha placa conmemorativa no seu honor. Co gallo do centenario do seu pasamento, o concello noiés promoveu actos de lembranza do músico e A Irmandade da Música Galega, xunto co concello de Rianxo, organizou unha exposición, un ciclo de conferencias e máis concertos con composicións da súa autoría.
Felipe Paz foi un home que viviu por e para Galicia. En 1895, a cidade de Rosario, Santa Fe (Arxentina), ofreceulle a dirección da Banda Municipal e do Orfeón desta cidade, porén Felipe Paz rexeitou o ofrecemento decidindo permanecer en Galicia, consagrando a súa actividade artística á terra natal e contribuíndo así a engrandecer o noso patrimonio cultural e musical.
Autores como Joám Trillo, Beatriz Cancela, Alberto Cancela, Fernando López Acuña, Roberto Bolaño ou o nomeado Sebastián Paz, investigaron sobre a vida e a obra do compositor, contribuíndo a que a súa memoria permaneza viva.
Bibliografía
Amoedo Portela, Alejo (2012): «Dúas obras inéditas para piano só dos compositores Felipe Paz Carbajal e Enrique Lens Viera». En Montserrat Capelán, Luis Costa Vázquez, Javier Garbayo Montabes, Carlos Villanueva (eds.), Os Soños da Memoria. Documentación Musical en Galicia: Metodoloxías para o estudio. Pontevedra: Deputación Provincial; p. 301-313.
Varela de Vega, Juan Bautista (2001): «Felipe Paz Carvajal, un gran músico del xix gallego», en Museo de Pontevedra, n.º 55, p. 317-336.
Varela de Vega, Juan Bautista (2001): «Paz Carbajal, Felipe». En Diccionario de la Música Española e Hiberoamericana. Madrid: Sociedad de Autores y Editores; v. 8, p. 542.
Como citar: Amoedo, Alejo : Felipe Paz Carbajal. Publicado o 1/8/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27957. Recuperado o 29/03/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Noticia sobre o falecemento de Felipe Paz Carbajal publicada en El Progreso: semanario independiente, (17 de novembro de 1918), p. 3
Fonte: Galiciana
«Otro poco de música», El Tea, (19 de xuño de 1914), p. 2
Fonte: Galiciana
«Felipe Paz», La Correspondencia gallega, (3 de agosto de 1899), p. 2
Fonte: Galiciana
Ligazóns de interese
Entrada de Felipe Paz Carbajal na DBe da Real Academia da Historia
Fonte: https://dbe.rah.es/biografias/47701/felipe-paz-carbajal
O compositor Paz Carbajal na BD de Patrimonio Musical
Fonte: http://www.patrimoniomusical.com/bd-autor-944
Celebración en Noia do centenario da morte de Felipe Paz Carbajal
Fonte: http://acoruñanarede.gal/?p=27530
BARÁ, Milagros: «Felipe Paz, el gran compositor de bandas», Diario de Pontevedra, (3 de xuño de 2018)
Fonte: https://www.diariodepontevedra.es/blog/milagros-bara/felipe-paz-gran-compositor-bandas/20180603203904984122.html
Audios
Alejo Amoedo interpreta ao piano a composición Elevación de Felipe Paz Carbajal. Gravación realizada polo estudio móvil da Radio Galega no Auditorio Municipal de Rianxo. 17 de novembro de 2018