Jesús Manuel Calle Pazos
Pontevea (Teo), 1942 - Santiago de Compostela, 1998Autoría: Fernando J. Ponte Hernando
Destacado anatomista e neurólogo
Jesús Manuel Calle Pazos naceu en Pontevea (Teo), nas inmediacións de Santiago de Compostela. Tras cursar o bacharelato en Santiago, estudou a carreira de Medicina na facultade compostelá entre 1961 e 1967, ano en que se licenciou. Obtivo numerosos sobresalientes e nove matrículas de honra. Posteriormente realizou os catro cursos de doutoramento, tamén con brillantez. Asiduo da sala de anatomía do profesor Ángel Jorge Echeverri, gañou por oposición a praza de alumno interno de anatomía en marzo de 1964, que desempeñou ata setembro de 1965. A partir dese momento, a súa afección polas neurociencias levouno a compaxinar a anatomía coa neuroloxía e a neurocirurxía. Foi un infatigable lector de canta novidade se publicaba en todas estas áreas.
En 1967 comezou a súa formación como neurólogo e neurocirurxián no servizo dirixido polo profesor Reyes Oliveros no Hospital Xeral de Galicia, Clínico Universitario. De residente pasou a adxunto clínico e obtivo, en xullo de 1970, os títulos das dúas especialidades. En febreiro de 1969 foi nomeado profesor adxunto provisional da primeira cátedra de Anatomía Descritiva e Topográfica e de Técnica Anatómica. En 1972 recibiu o nomeamento de xefe clínico do Centro de Diagnóstico e Tratamento da Seguridade Social en Santiago de Compostela, onde levou a cabo un destacado labor asistencial médico e cirúrxico. Posteriormente pasaría co mesmo cargo ao Hospital Xeral de Galicia. Tamén impartiu anatomía a auxiliares psiquiátricos da Fundación Pública Sanatorio Psiquiátrico de Conxo da Deputación da Coruña, de 1973 a 1975. Dirixiu numerosos cursos monográficos sobre exploración do sistema nervioso central e de semioloxía anatómica, e participou na formación continuada para médicos e enfermeiros. Foi director de tres teses de doutoramento e sete memorias de licenciatura.
O 1 de outubro de 1976, con trinta e catro anos, obtivo o título de doutor na Universidade de Santiago coa cualificación de sobresaliente cum laude, coa tese: Demostración morfológica da acetil-colinesterasa no cerebro de rata normal e en situacións experimentais de radiación e anestesia, dirixida polo profesor Suárez Nuñez. O tribunal, presidido por Ramón Villarino, estaba composto por destacados catedráticos da facultade: Carlos Ferreirós, José María Suárez Nuñez, Manuel Domínguez Carmona e, como secretario, Luís Concheiro Carro.
Estudos posdoutorais no estranxeiro
Ampliou estudos con estadías no Hospital Pourpan de Toulouse, na Pitiè de París, no Hospital Foch de Suresnes, no Boujon de París, no Cantonal de Zürich, no Universitario de Tuffs (Boston) e no Mount Sinai de Miami.
Docente numerario
En maio de 1978 obtivo por concurso-oposición a praza de profesor titular de Anatomía da Facultade de Medicina de Santiago, impartindo tamén docencia na Escola de Enfermería compostelá de 1969 a 1980.
Actividade científica e social
O doutor Calle foi autor de numerosos traballos, publicacións e conferencias nas áreas citadas e director e colaborador de cursos de formación continuada e de todo tipo. As súas liñas principais de investigación foron o estudo das acetilcolinesterasas cerebrais, microvascularización de nervios periféricos, constitución troncular dos devanditos nervios, localización topográfica das áreas da linguaxe, así como estudos de neuroimaxe, analizando cadros morbosos como a Síndrome malformativa de Arnold- Chiari- Siringomielia.
Tamén dedicou moitas enerxías ao estudo das estruturas anatómicas responsables dun cadro tan común e invalidante como o da dor lumbar crónica. Foi, así mesmo, membro activo de numerosas sociedades científicas: Sociedade Luso-Española de Anatomía, da que foi vogal; Sociedade Luso-Española de Neurocirurxía; Sociedades Españolas de Neuroloxía e Neurocirurxía e do Club Español de Neuropatoloxía. En Galicia foi membro fundador das Sociedades galegas de Neurocirurxía e Neuroloxía e formou parte da Sociedade de Neuroloxía, Psiquiatría e Medicina psicosomática, da Sociedade de Cirurxía e da Academia Médico-cirúrxica. Foi tamén presidente de Medicus Mundi de Santiago de Compostela, posto dende o que contribuíu a favorecer aos máis necesitados en áreas con guerras e fames. Tras unha longa enfermidade, faleceu aos cincuenta e cinco anos en Santiago.
Bibliografía:
Fontes documentais
AHUS (Arquivo Histórico Universitario de Santiago). Fondo Universitario. «Expedientes persoais». Leg. 776, Expdte. 4: Jesús Manuel Calle Pazos.
Arquivo familia Calle Velles.
Com. Pers. Prof. Juan Jesús Gestal Otero (Marzo 2019).
Bibliografía secundaria
Reyes Oliveros, F. (1999): «Nota necrológica del Prof. Dr. D. Jesús Manuel Calle Pazos», Neurocirugía, v. 10, 1: 11-12.
Como citar: Ponte Hernando, Fernando J. : Jesús Manuel Calle Pazos. Publicado o 9/8/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27962. Recuperado o 18/04/2024
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Publicacións do Profesor Jesús Manuel Calle Pazos
Fonte: Fernando J. Ponte Hernando