Justo Pico de Coaña
Ribadeo, 15/ 1/1821 - Ribadeo, 1907Autoría: María Isabel Fernández García
Mestre e pedagogo impulsor do ensino da agricultura na escola rural
Justo Francisco Antonio naceu o 13 de xaneiro de 1821 en Ribadeo (Lugo), o mesma vila na que morreu o 2 de decembro de 1907. Casou con Manuela Álvarez Carballido (natural de San Xurxo de Piquín-Meira, hoxe Ribeira de Piquín). O matrimonio tivo unha filla: Carmen Inés Pico Álvarez, que naceu en Vilanova de Lourenzá no ano 1852 e casou con Facundo Manuel Barreiro Arias, profesor de ensino primario. Desta unión nacería en Viveiro Manuela Antonia Barreiro Pico, que se convertería na primeira primeira bacharel de Lugo e, despois, na primeira estudante universitaria de Santiago de Compostela, onde se licenciaría en Farmacia en 1900.
Estudos de Filosofía, Cirurxía e Maxisterio
Justo Pico de Coaña estudou os tres primeiros cursos de Filosofía no Seminario de Mondoñedo, de 1835 a 1838. Unha vez rematados, solicitou a convalidación ao reitor para poder examinarse e obter o título de Bacharel e matricularse en Cirurxía na Universidade de Santiago. Despois de cursar 1º (1840-41) e 2º (1841-42) abandona os estudos de Cirurxía e decídese polo ensino primario, obtendo o título de Mestre de escola elemental o 30 de xaneiro de 1849. Exercería como mestre de primeiro ensino entre 1844 e 1850 en Vilanova de Lourenzá, desde onde se trasladaría a Viveiro. En 1851 dirixía as escolas públicas de Viveiro, tal e como consta no Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 27 de xaneiro dese ano.
A escola de Viveiro ocupaba os locais do antigo convento dos franciscanos, que tamén acollía a vivienda dos mestres, segundo o informe elaborado por Pico de Coaña en maio de 1860 con motivo da Inspección realizada na Escola de Ensino Elemental de Viveiro. Neste mesmo informe deixa constancia de que leva dezaseis anos como docente e relaciona as súas titulacións: Mestre de Instrución primaria elemental, Bacharel en Filosofía, profesor habilitado de Matemáticas elementais e Xeografía para ensino doméstico.
Mestre de ensino superior
Mediante instancia de 8 de xullo de 1864 dirixida ao reitor da Universidade de Santiago de Compostela, solicita presentarse ás probas para obter a titulación de Mestre de Ensino Superior. Examínase na Escola Normal Superior de Santiago de Compostela. Os exames, que se celebran os días 10, 11 e 12 de xullo de 1864, constan dunha proba de matemáticas, dun exercicio escrito e dun exame oral que figuran no seu expediente. Obtén o aprobado o 12 de xullo de 1864. Solicita o cambio de título de mestre elemental a superior o 18 de xullo de 1864 e recibe o título o 9 de xaneiro de 1865.
Permanece en Viveiro durante trinta e un anos, desde 1850 a 1881, segundo o informe que elabora para a Inspección que se lle realiza en 1884 á súa escola de Ribadeo, situada na Pedreira, nos locais do Hospital Novo. Este informe indica que exerce na escola da Pedreira desde o curso 1881-82 e que está viúvo, circunstancia que quizais influíu no seu traslado a Ribadeo, onde residían a súa filla Carmen coa familia.
Actividade docente
Os Informes das Inspeccións que se realizaban daquela ás escolas e que se conservan no Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela (AHUS), constitúen unha fonte moi completa de información sobre o labor desenvolvido polas persoas dedicadas ao ensino. No documento titulado Informe do Mestre figuran o nome, a idade e a titulación do profesorado, así como os lugares e datas do exercicio profesional, as materias que imparten, as horas que lles dedican a cada unha e os libros de texto que utilizan. Tamén figuran tanto os lugares dedicados ás vivendas como ás escolas, o estado de conservación de edificios, mobiliario e material didáctico; os habitantes do lugar e o número e orixe de alumnos e alumnas, as retribucións económicas que recibe a escola e a puntualidade no pagamento. Os informes complétanse coas observacións do inspector.
Segundo os inspectores que realizaron as sucesivas inspeccións ás Escolas nas que exerceu Justo Pico de Coaña, tanto de Viveiro como de Ribadeo, os informes foron inmellorables. No correspondente ao ano 1860 hai discrepancias co inspector que visita a súa escola, o que orixina unha serie de controversias entre ambos que se resolverán mediante un informe persoal ao reitor da Universidade de Santiago. Na inspección realizada en 1877, o informe do inspector sobre o mestre Pico de Coaña recolle textualmente: Este maestro tiene una instrucción que le honra: es celoso en el cumplimiento de su deber: los muebles y enseres se hallan agradablemente colocados. La organización escolar es buena: la disciplina perfecta y el aprovechamiento bastante, todo lo que contribuye al buen concepto que goza y a las simpatías con que cuenta. La conducta moral es buena 25/11/1877
.
Proxecto de escolas rurais
Consciente das dificultades da aprendizaje provocadas pola localización xeográfica e a situación das economías rurais, en 1859, estando de mestre en Viveiro e con moito alumnado rural na súa escola, escríbelle ao reitor da Universidadede Santiago e preséntalle unha Memoria de escuelas rurales y de agricultura, un plan para potenciar o ensino no rural con incidencia na adquisición de terreos, a construción de edificios e a exención de prestacións persoais. Acompaña esta memoria de informes positivos sobre o plan, asinados polo alcalde de Viveiro e polo gobernador de Lugo.
Segundo a acta da reunión, a Junta Provincial de Instrucción Pública lamenta a ausencia do inspector por enfermidade, estuda o proxecto e concorda na conveniencia de boas escolas que redunden en beneficio da sociedade e da provincia; pero, debido á carencia de persoal e aos requisitos económicos, non ven viable a adquisición de terreos, a creación de escolas nin o seu mantemento en lugares onde os habitantes pasan pechados pola neve uns tres meses ao ano, onde algúns veciños exercen de mestres por trinta ferrados de millo ou de centeo que equivalen a douscentos reais anuais (cada familia achega un ou medio ferrado), ensinando a escribir e ler con dificultade, por non estaren preparados, por non dominaren o español e falaren no idioma do lugar e que dificilmente poderían adquirir os coñecementos necesarios nos cursos que se lles impartirían. Canto á construción das escolas mediante contribución da veciñanza, a Xunta tamén o considera inviable pola gran pobreza que existe. A creación dunha horta ou dunha carpintería complementaria á escola, parécelles aos membros da xunta unha grande idea pero din que os terreos son improdutivos e a carpintería esixiría locais e material que non se poden custear. Tamén manifesta a dita Xunta que todo o exposto xa está recollido na vixente lei e que, de maneira silenciosa
, se vai conseguindo e que xa hai libros de agricultura nas escolas. No escrito de resposta, de 23 de febreiro de 1859, á Memoria presentada por Pico de Coaña, a Dirección General de Instrucción Primaria considera que non é de conveniente aplicación, pero resolve que valorou a laboriosidade e o celo do mestre dispoñendo que se teña en conta para os adiantos na súa carreira.
A ideas expostas na memoria recolleunas Pico de Coaña no libro Guía legislativa y directiva de escuelas rurales ó Manual para la organización y régimen de las escuelas rurales de primera enseñanza, dedicada a los párrocos y maestros de los pueblos rústicos
, publicada en Modoñedo en 1859. Nesta guía describe a organización da escola rural na que, á parte dos coñecementos de cultura xeral, se instruiría en materia agrícola elemental, teórica e práctica. A instrución práctica sería de dúas horas á semana e a teórica de hora e media e a escola, situada no medio dunha horta, estaría rodeada de parcelas destinadas a distintas producións que servirían para realizar as prácticas escolares. Outras materias, como a lectura, tamén se orientarían ao mundo rural.
Premios
Pico de Coaña recibiu numerosos premios polo súa entusiasta dedicación ao ensino. Polo labor realizado e a instancias da Universidade de Santiago, o rei Afonso XII concedeulle o 22 de decembro de 1882 o título de Caballero de la Distinguida Orden Española de Carlos III
. Na Exposición rexional de Lugo de 1896 recibiu un Diploma honorífico e a Medalla de prata pola súa obra didáctica Repertorio de latín comparado con el francés y el italiano. O concello de Ribadeo dedicoulle unha rúa mediante acordo municipal de 10 de xullo de 2012.
Obras
O labor docente de Pico de Coaña compleméntase con numerosas publicacións relacionadas coa súa actividade pedagóxica, tanto libros como artigos en xornais e revistas, e foi citado en moitas obras. Aínda que escribiu en castelán, publicou en La Ilustración Gallega y Asturiana unha colaboración literaria en galego titulada «Carta a Bastián de Pallarega, en Boston (Estados-Unidos)», que asinou co alcume “Fuco de Cabandela”. Tamén utilizaría o galego como lingua no seu trato persoal co alumnado, xa que non estaba permitido o seu uso na docencia.
Ao longo da súa vida, publicaría as seguintes obras:
Guia legislativa y directiva de escuelas rurales ó Manual para la organización y régimen de las escuelas rurales de primera enseñanza. Mondoñedo: Imprenta y Enc. de los Seres. Perrote y Romero, 1859.
Reglas de ortografía castellana en verso para servir de auxilio en los ejercicios prácticos en las escuelas. Ribadeo: Imprenta de Norberto Cascante, 1869.
Nueva cartilla de urbanidad ó buena crianza arreglada por la del Maestro Ledesma, en verso. Ribadeo: Imprenta Norberto Cascante, 1870.
«Educación Popular en Galicia», La IIustración gallega y asturiana, n.º 10 (8 de abril de 1880), p. 5.
«Enseñanza de la agricultura en las escuelas primarias», La Ilustración gallega y asturiana, n.º 4 (8 de febreiro de 1881), p. 2-3; e n.º 5 (18 de febreiro de 1881), p. 51.
«Carta a Bastián d'A Pallarega, en Bostón (Estados-Unidos)», La Ilustración gallega y asturiana, t. III, n.º 21 (28 de xullo de 1881), p. 10-11.
«A D. Jesús Lorenzo Díaz, en Sagua la grande…», La Ilustración gallega y asturiana, n.º 36 (28 de decembro de 1881), p. 11.
Nuevo método práctico para la enseñanza de la escritura y lectura de la letra cursiva española . Barcelona: Litografía de Faustino Paluzíe, 1886.
Repertorio de latín comparado con el francés y el italiano. Premiado en 1896.
Silabario moderno [Fonte: https://centros.edu.xunta.es/iesgamallofierros/webantiga/lingua_castela.htm]
Bibliografía
Fontes documentais
«Justo Pico de Coaña». Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela. Serie expedientes persoais, leg. 1085, exp. 15000.
«Justo Pico de Coaña». Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela. Docentes de 1º Ensino, leg. 366, exp. nº 38.
«Visitas de escuelas. Viveiro». Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela. F.U. Ensino Primario
Fontes secundarias
Costa Rico, Antón e Isabel Álvarez García (coord.): A educación en Galicia (1669-1970): aos 150 anos da creación da Escola Normal Superior: catálogo da exposición: textos escolares, escritos de Pedagoxía, prensa educativa: Colexio de Fonseca, xuño de 1999. Santiago de Compostela: Universidade, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, 1999.
Fernández García, M.ª Isabel: Manuela A. Barreiro Pico, Ribadense destacada, 1ª Licenciada en Farmacia de Galicia (1900). Lugo: Deputación Provincial, 2017.
Fernández-Sanguino Fernández, Julio: Viveiro en la prensa histórica (1741-1850). Madrid: Visión Libros, 2012.
Como citar: Fernández García, María Isabel : Justo Pico de Coaña. Publicado o 23/9/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27997. Recuperado o 21/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Proposta de Pico de Coaña para a instrución en agricultura nas escolas rurais
Pico de Coaña, Justo: Guia legislativa y directiva de escuelas rurales ó Manual para la organización y régimen de las escuelas rurales de primera enseñanza. Mondoñedo: Imprenta y Enc. de los Sres. Perrote y Romero, 1859
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
http://galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/consulta/registro.cmd?id=4593
Publicación de Pico de Coaña en La Ilustración gallega y asturiana
Pico de Coaña, Justo: «A D. Jesús Lorenzo Díaz, en Sagua la grande…» , La Ilustración gallega y asturiana Fonte: María Isabel Fernández García
«Carta a Bastián» escrita en galego por Pico de Coaña
Pico de Coaña, Justo: «Carta a Bastián d'A Pallarega, en Bostón (Estados-Unidos)», La Ilustración gallega y asturiana, t. III, n.º 21 (28 de xullo de 1881), p. 10-11
Fonte: María Isabel Fernández García
Artigo sobre a necesidade do ensino de materias de agricultura
Pico de Coaña, Justo: «Enseñanza de agricultura en las escuelas primarias», El Correo Gallego: diario político de la mañana, Ferrol, n.º 820 (18 de maio de 1881), p. 1
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/publicaciones/numeros_por_mes.do?idPublicacion=2342&anyo=1881
Pico de Coaña escribe sobre o ensino da agricultura en dous artigos publicados en La Ilustración gallega y asturiana
Pico de Coaña, Justo: «Enseñanza de la agricultura en las escuelas primarias», La Ilustración gallega y asturiana, n.º 4 (8 de febreiro de 1881), p. 2-3; e n.º 5 (18 de febreiro de 1881), p. 51
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/publicaciones/numeros_por_mes.do?idPublicacion=156&anyo=1881
Artigo sobre a educación popular en Galicia
Pico de Coaña, Justo: «Educación Popular en Galicia», La IIustración gallega y asturiana, n.º 10 (8 de abril de 1880), p. 5.
Fonte: Galiciana. https://biblioteca.galiciana.gal/gl/publicaciones/numeros_por_mes.do?idPublicacion=156&anyo=1880Biblioteca de Galicia
Expediente de exame para o título de Mestre de Primeiro Ensino Superior. 9 de xaneiro de 1865
Fonte: Arquivo Histórico Universitario (AHUS)
Cedido por M.ª Isabel Fernández García
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Modelo de escola rural e de campo agrícola proposto por Pico de Coaña en 1859
Costa Rico, Antón: Escolas e mestres. A educación en Galicia: da Restauración á Segunda República. Santiago de Compostela: Consellería da Presidencia e Administración Pública, Servicio Central de Publicacións, 1989; p. 326-327
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega. Sig. 37 COS esc
Artigo sobre o libro Do dezanove aos continuadores de Fernández del Riego, en El pueblo gallego. 1977
F.O.G.: «Do Dezanove aos continuadores, de F. del Riego», El Pueblo Gallego, (1 de febreiro de 1977), p. 12
Fonte: Galiciana. BIblioteca de Galicia
Noticia sobre Pico de Coaña no libro Ribadeo antiguo de Francisco Lanza. Sada: Ediciós do Castro, 1973; p. 351. A primeira edición desta obra foi publicada en Madrid, na Imprenta Mercurio, en 1933
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega. Sig. 9G RIB lan
Breve noticia sobre a morte de Justo Pico de Coaña
«Los que mueren», La Correspondencia Gallega : diario de Pontevedra, n.º 5353 (12 decembro 1907), p. 3
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/publicaciones/numeros_por_mes.do?idPublicacion=170&anyo=1907
Crítica do libro Reglas de ortografía en verso de Pico de Coaña
Gedeón: semanario satírico: «¡El papel vale más!: (notas bibliográficas)», Gedeón: semanario satírico,n.º 336 (30 de abril de 1902 abril 30), p. 6
Fonte: Biblioteca Virtual de Prensa Histórica. Ministerio de Cultura https://prensahistorica.mcu.es/es/consulta/registro.do?id=10004059654
Ligazóns de interese
Relación de obras de Justo Pico de Coaña no especial Autores ribadenses en lengua castellana, do IES Gamallo Fierros
IES GAMALLO FIERROS: «Pico de Coaña e Vinjoy, Justo (1821-1905)», Autores ribadenses en lengua castellana. http://centros.edu.xunta.es/iesgamallofierros/webantiga/lingua_castela.htm#pico [consulta: 2021-09-22]
Fonte: IES Gamallo Fierros
http://centros.edu.xunta.es/iesgamallofierros/webantiga/lingua_castela.htm#pico
Entrada de Justo Pico de Coaña na Galipedia
Fonte: Galipedia
https://gl.wikipedia.org/wiki/Justo_Pico_de_Coa%C3%B1a
Artigo sobre Justo Pico de Coaña publicado na edición de Ribadeo de La Voz de Galicia
García, Yolanda: «Hace 200 años nacía en Ribadeo un profesor con la Gran Cruz de Carlos III: Justo Pico de Coaña», La Voz de Galicia, (15 de xaneiro de 2021)
Fonte: La Voz de Galiciabr>https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/ribadeo/2021/01/15/200-anos-nacia-ribadeo-profesor-gran-cruz-carlos-iii/0003_202101X15C8991.htm <
Información sobre Justo Pico de Coaña no blog da asociación A Atalaia (Ribadeo)
Fonte: Asociación A Atalaia (Ribadeo)
https://atalaiaasocvecinos.blogcindario.com/2012/08/02632-justo-pico-de-coana.html