Antonio Culebras Souto
Santiago de Compostela, 26/ 10/1907 - Becerreá, 14/8/1954Autoría: Xosé Antón Fraga
Autoría: Jesús Culebras Fernández
Médico internista republicano
Antonio Culebras Souto Iniciou, en 1926, os estudos de medicina na Universidade de Santiago, onde cursou preparatorio e os dous primeiros cursos 1º e 2º, que rematou en Madrid na Facultade de San Carlos onde foi alumno de Roberto Nóvoa Santos, quen se trasladara para ocupar a cátedra de Patoloxía Xeral en 1928. Nóvoa mantiña unha estreita relación con dous ex-profesores da Escola de Veterinaria de Santiago, Abelardo Gallego Canel (1879-1930) e Xesús Culebras Rodríguez (1879-1948), pai de Antonio, galeguista do grupo fundador da Irmandade da Fala compostelá en 1916. Ambos tiveran que deixar Santiago e marchar a Madrid, en 1924, polo peche da Escola de Veterinaria.
Antonio Culebras incorporouse á cátedra de Nóvoa Santos como alumno interno desde marzo de 1931 ata o falecemento deste en 1933, continuou á morte do mestre e tamén foi axudante de clases prácticas durante o curso 1933/34, segundo información achegada por R. Gurriarán en Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Licenciado en 1934, foi nomeado médico interno da materia en marzo de 1935, destino prorrogado en marzo de 1936. Ese ano obtivo consideración de bolseiro da Junta para Ampliación de Estudios para traballar catro meses en Frankfurt co profesor Franz Volhard (1872-1950), salientable internista, especialista en cardioloxía e nefroloxía. Figura como cesado o 28 de marzo de 1939 ao ser sinalado por Enrique García Ortiz como persoa identificada coa Fronte Popular.
Labor asistencial
Nos anos trinta do século pasado Culebras, xunto con Julio Outeiriño Núñez, Manuel Calvelo López e Luís Esteban Murias organizaron unha policlínica na rúa de Diego de León, 61, de Madrid, en fronte de onde se sitúa hoxe o hospital da Princesa. No documento informativo daquel servizo médico facíase constar que eran profesores de la Clínica Novoa Santos del Hospital de San Carlos> e que ofrecían servizos
de Medicina y Cirugía, partos y enfermedades de la mujer, piel y venéreas, Análisis clínicos, enfermedades de la infancia, etc.
. Coa guerra civil a policlínica desapareceu e os seus participantes foron perseguidos de maneira inmediata, exhaustiva e implacable. Xa indicamos o cesamento como profesor universitario de Culebras e comentaremos a restante represión que sufriu. Manuel Calvelo López (1904-1936), axudante na cátedra de Patoloxía Xeral, foi detido en Curtis e asasinado o 31 de decembro de 1936 en Compostela. Julio Outeiriño Núñez (1901-1975), auxiliar de Patoloxía Xeral, foi inhabilitado para cargos directivos e de confianza e incapacitado para obter bolsas, pensións de estudo ou cargos anexos ao ensino durante un prazo de catro anos, segundo informa Pérez Pena Peña en Exilio y depuración política en la Facultad de Medicina de San Carlos. O que sucedeu cos participantes da Policlínica Diego de León é unha mostra do desmantelamento da ciencia médica española, incidindo moi especialmente na escola de Nóvoa Santos a quen o Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas de Madrid depurou posmortem, en 1941, cando xa morrera en 1933.
Á separación definitiva das cátedras e os postos docentes dos profesores fixos, hai que engadir a inhabilitación para o exercicio da docencia e o aproveitamento de bolsas de investigación dos profesores temporais, que estaban a iniciar as súas carreiras profesionais brusca e definitivamente interrompidas, na abafadora maioría dos casos. Tales sancións, aparentemente menores, supuxeron a imposibilidade material de renovar posteriormente as súas carreiras científicas e docentes. Os catedráticos depurados, sancionados e/ou exiliados asistiron impotentes á expulsión dos seus discípulos e ao desmantelamento das súas escolas científicas, integrando dunha forma ou outra o longo exilio exterior e interior ao que foron condenados numerosos profesores da Universidade española, tal e como recolle Otero Carvajal en La destrucción de la ciencia en España.
No inicio da guerra civil
A Culebras sorprendeuno a guerra civil en Alemaña, de onde regresou precipitadamente a Madrid, zona leal á República. Na capital incorporouse ao servizo de transfusión de sangue creado polo catedrático Gustavo Pittaluga Fatorini (1876-1958) na propia Facultade de Medicina (co Hospital Clínico transformado en Hospital de Sangue), labor no que participaban varios estudantes ao mando de dous licenciados galegos, o propio Culebras e mais Vicente Goyanes Álvarez. Simultaneamente constituíuse o Centro de Transfusión de Barcelona baixo a dirección de Frederic Durán-Jordà (1905-1957), un pioneiro na hemoterapia.
Axuda internacional á creación de unidades de transfusión
Ao comezo da guerra civil española houbo importantes movementos para a axuda a España e en contra do fascismo, en Canadá, Unión Soviética, EEUU, Reino Unido, Francia, México e outros países. De EEUU veu a España a Brigada Lincoln e de Canadá partiu para Madrid, o 3 de novembro de 1936, o Batallón Mackenzie-Papineau, integrado por comunistas e outros esquerdistas. En 1936 constituíuse en Toronto o Comité de Axuda á Democracia Española (Committee to Aid SpanishDemocracy, CASD), liderado por Edward K. Barsky para colleitar diñeiro e crear unha unidade médica. É probable que o máis sobresaínte entre os voluntarios fose Henry Norman Bethune (1890-1939). En 1933 fora nomeado xefe de servizo de cirurxía torácica nun hospital de caridade en Montreal, e dous anos máis tarde afiliouse ao partido comunista de Canadá. Chegou a Barcelona co Batallón Mackenzie-Papineau e quedou impresionado co traballo que estaba a desenvolver Frederic Duran Jordá no seu servizo. Posteriormente, trasladouse a Madrid onde observou as carencias en relación á transfusión e iniciou un proxecto de banco de sangue similar ao que vira en Barcelona (Allan & Gordon, 1989; Cid Vidal, 2004; Lethbridge, 2013).
O Instituto Hispano Canadense de Transfusión de Sangue
Bethune estableceu o Servizo Canadense de Transfusión de Sangue nun gran piso de quince habitacións na rúa de Príncipe de Vergara 36, no barrio de Salamanca, que anteriormente fora unha dependencia da embaixada de Chile. Tres habitacións quedaron para uso persoal dos médicos. No resto instaláronse neveiras para conservación do sangue, microscopios, centrífugas, laboratorios de análises e salas de extracción con tres postos. O servizo iniciou a súa actividade en decembro de 1936. En febreiro de 1937 as autoridades republicanas ordenaron a unificación dos dous servizos de transfusión madrileños, creando o Instituto Hispano-Canadense de Transfusión de Sangue co comandante
Bethune como responsable, que se fixo cargo da transfusión de toda a fronte de guerra, duns 1000 quilómetros de lonxitude nese momento.
Culebras e Goyanes, xunto con Valentín de la Loma e Andrés Sanz, foron asignados para colaborar con Bethune. Había ademais dous técnicos de laboratorio, tres enfermeiras, un cociñeiro, un ordenanza e un porteiro. A través da prensa e a radio convidouse aos madrileños a doar sangue e a afluencia foi masiva. O Instituto chegou a ter un arquivo de oito centos doantes, servía a cincuenta e sei hospitais con dez mil camas e, ao final de 1936, xa recollía unha media de oitenta botellas ao día. A actuación das unidades de transfusión de sangue estaba perfectamente protocolizada. Sen ser transfundidos, a mortalidade global calculábase que era do 90%, co que as vidas salvadas supoñían o 30% dos feridos atendidos polos equipos de transfusión. En períodos posteriores, cunha mellor selección dos pacientes receptores, excluíndo as toxemias graves e posibilitando reiteradas transfusións en situacións de choque, era de esperar unha mellora substancial nos resultados. Dispoñían dun transporte, contacto permanente con Barcelona, que entón estaba máis tranquila, desde onde podían transportar sangue á fronte de Madrid, Guadalaxara e a Serra de Guadarrama.
A experiencia de Madrid demostrou que a subministración de sangue na fronte de forma regular era posible e efectiva. En pouco tempo e con recursos limitados montouse un servizo onde se recollía, procesaba e almacenaba sangue para ser transfundida ao longo da fronte. Os envíos facíanse por estrada e, sobre todo, a pé, dentro dunha mochila. No verán de 1937, o servizo xa contaba con cen traballadores e transfundiran unhas cinco mil unidades, o que representa o 80% das transfusións durante a guerra civil española.
Outra das achegas do Instituto Hispano Canadense foi a transfusión de sangue de cadáver. Esta nova técnica, desenvolvida por Judine na Unión Soviética, foi investigada en Madrid. Na primavera de 1937, segundo o diario de James Neugass (2008), aplicouse a técnica de transfusión de cadáver, con todo o proceso de tipaxe sanguínea e demais procedementos. O 14 de xaneiro de 1938, en Cuevas de Teruel, utilizáronse catro cadáveres que non tiñan evidencia externa de feridas.
O éxito profesional viuse nalgunha medida perturbado polas relacións persoais entre Bethune, Culebras e Goyanes, que observaban no canadense certo aire aventureiro e entendían que o Instituto debía ser dirixido por un español. Finalmente, as autoridades decidiron que a mellor solución era que Bethune dimitise, como así fixo. A finais de maio de 1937 regresou a Canadá, onde foi recibido como un heroe nacional. Durante seis meses dedicouse a recadar diñeiro para continuar a súa obra de Madrid. Vicente Goyanes quedou ao cargo do Instituto Madrileño e Antonio Culebras trasladouse a Linares para organizar e facerse cargo do equipo de Transfusión de Sangue dos Exércitos de Estremadura e Andalucía. Concedéronlle o nomeamento de capitán médico efectivo. Ao pouco tempo Bethune marchou á China a colaborar cos chineses na guerra que mantiñan con Xapón. Morreu o 12 de decembro de 1939 a consecuencia dunha sepse estreptocócica orixinada nunha ferida nun dedo, que se fixo operando.
Avances no proceso de transfusión de sangue
A inicios do século XX realízanse estudos para evitar a coagulación do sangue e poder manipulalo mellor chegando mesmo a almacenalo para efectuar transfusións indirectas que permitisen evitar a necesidade da presenza do doante. O método de conservación de sangue humano para o seu uso diferido en transfusións, mediante a adición de citrato de sodio, foi desenvolvido polo médico arxentino Luís Esgote en 1914. A utilización do citrato sódico a distintos niveis de dilución permitía conservar o sangue refrixerado de catro a seis graos centígrados. A recepción de doazóns sanguíneas e a posibilidade da súa conservación permitiron o seu almacenamento para as necesidades máis perentorias, a distribución de remanentes a outros hospitais e mesmo á fronte de guerra cando era necesario. Pero, frecuentemente manifestábase un cambio de coloración no plasma que tomaba un ton púrpura que indicaba que se producía hemólise no sangue, constituíndo un risco moi grave para o receptor transfundido. O profesor Müller realizou a principios de 1937, conxuntamente con Culebras no Instituto de transfusión, estudos relativos á hemólise en Madrid, tratando de provocar este proceso de deterioración do sangue para determinar a súa causación. Culebras informou á Xefatura de Sanidade do Exército de Terra das vantaxes da transfusión directa, para o que contan con stocks de doantes clasificados e seleccionados, a disposición de hospitais bases nalgúns sectores. A transfusión directa non era dabondo para cubrir as necesidades e por iso foi preciso recorrer ao sangue citratado e almacenado. Á parte de sinalar os signos de seguridade que deben analizarse antes de cada transfusión, Culebras fixo notar que cando o sangue se almacena e transporta douscentos quilómetros por estradas de segunda orde, as botellas completamente cheas chegan en perfecto estado, mentres que nas que conteñen cámara de aire aparece coloración púrpura no soro, indicio de hemólise, o que leva a considerar como premisa fundamental o illamento do sangue das cámaras de aire. Esta circunstancia xa fora detectada polo profesor Doepp no Instituto de Transfusión de Leningrado.
Invencións de diversos aparatos relacionados coa transfusión sanguinea
Á parte do estudo detallado das normas de conservación do sangue, Culebras desenvolve, ao longo do período da contenda, outra das vertentes importantes do sistema transfusional: un aparello que regula o fluxo de sangue inxectado de modo constante e continuado que evitaba a deostada hemólise que inducían con frecuencia os sistemas alternativos de transfusión ao impulsarse de modo manual, mediante unha pera de goma, o aire que fai correr o fluxo sanguíneo. O deseño deste aparello é consecuencia da secuencia lóxica dos achados relativos á conservación e transfusión do sangue que tanto coñecemento empírico xerou durante a guerra. Semella que este aparello foi inventado por Culebras co nome de Sarbel en 1940. En abril de 1949 rexistrouno na oficina de patentes co número 187858. En maio do ano anterior, con Vicente Goyanes e Luís Fariña Gómez, rexistrou unha patente co número ES0017185 E. Tratábase dunha nueva jeringa para la transfusión sanguínea, caracterizada porque está construida con tres tomas en lugar de dos, como hasta ahora se han fabricado, permitiendo el tercer pitorro realizar la prueba biológica en el enfermo (inyección de 10 a 20 c.c. de sangre y espera de 10 minutos) sin necesidad de quitar las agujas, ni al donante ni al enfermo, evitándose de esta forma nuevo pinchazo; pues una vez que se extrae la sangre del donante y se inyecta al enfermo, se puede aspirar por el tercer pitorro una solución de suero fisiológico, necesaria para limpiar las gomas conductoras y las agujas de los dos individuos, inyectando a los mismos la mencionada solución de suero fisiológico, con lo cual quedarán perfectamente limpios los dos dispositivos de inyección
.
Repercusión das contribucións do Instituto Hispano-Canadense de Transfusión
O labor de Bethune, Culebras e Goyanes, ou de Durán-Jordá e do británico nado en Sudáfrica Reginald Saxton (1911-2004), no desenvolvemento das unidades médicas móbiles foi o modelo para as Mobile Army Surgical Hospital (Hospital Cirúrxico Móbil do Exército, MASH) durante a Segunda Guerra Mundial. A pesar do intenso traballo asistencial e investigador que realizou o Instituto, os seus resultados non son recollidos nin citados polos profesionais da época. Pode ser que o curto período no que se realizou, a falta de literatura científica que recompilase estes traballos, unido á forte personalidade do doutor Bethune e os malentendidos coas autoridades do país fixese que os seus contemporáneos non apreciasen o excelente traballo que realizaran.
Represión
Ao remate da guerra, o 28 de marzo de 1939, Culebras foi cesado como profesor da Facultade de Medicina de Madrid e tivo que abandonar a docencia universitaria, o que impediu que desenvolvera a carreira académica que se podía agardar.
A esa medida preventiva
inicial seguiu o sometemento ao proceso da depuración
que o bando fascista aplicou ao profesorado co fin de revisar o perfil ideolóxico dos docentes e asegurarse a lealdade ao novo réxime. A comisión depuradora inicial, Comisión A, deu lugar nos primeiros meses de 1939 a catro comisións. No caso da Universidade de Madrid foi designado como xuíz instrutor o catedrático de Patoloxía Fernando Enríquez de Salamanca y Danvila, decano da Facultade de Medicina ata 1951, quen se implicou totalmente na tarefa. Solicitábase aos profesores un cuestionario que consistía nun interrogatorio de dezanove apartados, preguntando detalles como onde se atopaba ao iniciarse o Alzamento Nacional
, que acto exerceu ou tentou executar para sumarse a el, se prestou adhesión e en que forma ao goberno marxista, se prestou algún servizo a xefes marxistas que supuxese acatamento e se cobrara os seus haberes, etc., e solicitaba o aval de dúas persoas afectas ao réxime franquista e indicación de canto sabía do período revolucionario, así como a actuación que coñecía dos seus compañeiros, nunha clara invitación á delación.
Así mesmo, ao finalizar a guerra civil Culebras foi sometido a xuízo sumarísimo por un tribunal de guerra e condenado a doce anos e un día. A sentenza, entre outras cousas, di: Que ANTONIO CULEBRAS SOUTO, de antecedentes izquierdistas, se encontraba en Alemania al iniciarse el Movimiento Nacional, regresando a Madrid a mediados de septiembre de mil novecientos treinta y seis. Se enroló voluntario en el Ejército Rojo prestando servicio facultativo en diversos Centros militares Asimilado a Capitán y luego a Mayor. Fue nombrado Jefe del Equipo de Trasfusión (sic) de sangre, que organizó en Linares. Le concedieron el nombramiento de Capitán Medico efectivo. Durante el dominio rojo se afilió al partido comunista. CONSIDERANDO: Que los hechos que se narran revisten los caracteres del delito de auxilio a la rebelión militar (...) FALLAMOS: Que debemos condenar y condenamos a ANTONIO CULEBRAS SOUTO a la de doce años y un día de reclusión menor y accesorias de inhabilitación absoluta durante el tiempo de la condena siéndole de abono el tiempo que estuvo en prisión preventiva. Así por esta nuestra sentencia lo pronunciamos, mandamos y firmamos
.
Antonio Culebras Souto estivo no cárcere de Porlier durante vinte e tres meses, obtendo liberdade condicional o 1 de abril de 1941. A nota de antecedentes penais obrante no Rexistro Central de Penados e Rebeldes dimanante da condena de doce anos e un día de reclusión non foi cancelada ata o 13 de agosto de 1954, un día antes do seu falecemento en accidente de tráfico. O Colexio Oficial de Médicos da Provincia de Madrid tamén lle abriu un expediente, que tardou sete anos en resolverse. O 13 de maio de 1940, nun oficio encabezado polo xugo e frechas e a frase «Saludo a Franco ¡ARRIBA ESPAÑA», citábao o xuíz instrutor médico encargado da súa depuración comunicándolle que debía presentar suscrita la adjunta declaración jurada
. A principios de 1947 Culebras recibiu un escrito do Colexio, asinado polo presidente, Antonio Crespo, nos termos que seguen: A los efectos oportunos le participo que el Consejo Directivo Provincial, en sesión plenaria celebrado con fecha 16 del actual, adoptó el acuerdo de reincorporarle al colegio con el n.º 5453, significándole su inhabilitación para ocupar cargos de confianza y directivos en organismos médicos y sanitarios según establece la sentencia dictada por los Tribunales Militares en el expediente que le incoaron
.
Continuidade da saga de médicos Culebras
Antonio Culebras Souto e Manuela Fernández Notario tiveron catro fillos, dos que dous seguiron a profesión do pai. Antonio Culebras Fernández, neurólogo, formouse na Fundación Jiménez Díaz de Madrid e actualmente é profesor de Neuroloxía na Universidade de Syracusa, Upstate New York. É considerado a nivel mundial un experto en sono. Jesús Manuel Culebras Fernández, cirurxián, formouse na Universidade de Madrid e na Universidade de Harvard xunto ao profesor Francis Moore. Ocupouse da xefatura de Sección no hospital Ramón y Cajal de Madrid e, desde 1979 ata a súa xubilación en 2013, exerceu como xefe de Servizo de Cirurxía do Complexo Asistencial Universitario de León. Foi, ademais, membro numerario da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Valladolid e fundador da Sociedade Española de Nutrición Parenteral e Enteral (SENPE) e da revista Nutrición Hospitalaria, que dirixiu durante trinta e seis anos. Na seguinte xeración hai outros dous profesionais da medicina: Katerina Culebras Spekter, médica de familia, e Antonio Cruz Culebras, neurólogo no hospital Ramón y Cajal.
Bibliografía
Fontes documentais
Expediente del alumno Antonio Culebras Souto. Archivo Universidad Complutense de Madrid, M-160,6.
Expediente personal de Antonio Culebras Souto. Archivo Universidad Complutense de Madrid, n.º 3547, leg. 8.
Expediente personal de Antonio Culebras Souto. Archivo General de la Administración, Educación, 31/2213.
Arquivo Familia Culebras.
Bibliografía secundaria
Allan, T. & Gordon, S. (1989): The Scalpel, the Sword: The Story of Dr. Norman Bethune. Ontario: McClelland & Stewart.
Cid Vidal, J. (2004): «El Dr. Norman Bethune a la guerra civil espanyola», Gimbernat: revista catalana d'històriade la medicina i de la ciència, 42:427-429.
Fraga Vázquez, X. A. (2018): Xenio indomable. A Coruña: Espacio Cultura.
Gurriarán Rodríguez, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Santiago de Compostela: Universidade.
Lethbridge, D. (2013): Norman Bethune in Spain. Commitment, crisis and conspiracy. Brighton: Sussex AcademicPress.
Otero Carbajal, L. (2006): La destrucción de la ciencia en España. Depuración universitaria en el franquismo. Madrid: Editorial Complutense.
Pérez Peña, F. (2005): Exilio y depuración política en la Facultad de Medicina de San Carlos. Madrid: Visión.
Neugass, J. (2008): War is beautiful: An American Ambulance Driver in the Spanish Civil War. New York: New Press.
Como citar: Fraga, Xosé Antón : Culebras Fernández, Jesús : Antonio Culebras Souto. Publicado o 19/10/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=28022. Recuperado o 28/03/2023
Ligazóns de interese
Biobibliografía de Antonio Culebras Souto en second.wiki
Fonte: https://second.wiki/wiki/antonio_culebras_souto
Entrada do médico Antonio Culebras Souto na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Antonio_Culebras_Souto
Artigo sobre Vicente Goyanes, compañeiro de Antonio Culebras no Centro de Transfusión de Sangue de Madrid
Fraga, Xosé A.: « Goyanes Álvarez, un salientable hematólogo: a dificultade para retomar a vida profesional de quen foi xefe do servizo de transfusións do Exército da República». La Opinión, A Coruña, (11 de outubro de 2015)
Fonte: La Opinión
https://www.laopinioncoruna.es/coruna/2015/10/11/goyanes-alvarez-salientable-hematologo-24581802.html