Sesé Mateo
Laredo (Chapela, Redondela), 26/ 12/1965 - Laredo (Chapela, Redondela), 20/2/2017Autoría: Sonia Díaz Pereiro
A loita inconclusa dunha poeta combativa asasinada pola súa exparella
Sesé Mateo naceu o 26 de decembro de 1965 na parroquia de Chapela (Redondela), filla dunha familia traballadora de valores republicanos. Vitalista e comprometida coa loita pola xustiza social, en 1983 deixou o bacharelato, casou e viaxou a Venezuela, onde traballou en varios negocios relacionados coa cultura e colaborou coa agrupación sociocultural Rabo de nube, vencellada ao movemento muralista suramericano. Este movemento estaba, eses anos, fortemente influenciado polo pintor surrealista chileno Roberto Matta e a agrupación na que colabora Sesé coordínase daquela con estudantes da Frente Patriótica Manuel Rodríguez e coa Brigada Ramona Parra, moi activas na denuncia da represión en Chile. Sesé foi moi consciente das loitas que atravesaban Latinoamérica e deixou constancia, a través da correspondencia mantida coa súa amiga Carmen Arias, da desesperación da xente nunha Venezuela en absoluto declive pola corrupción das oligarquías, a brutal inflación, o desabastecemento e o abismo entre clases.
Volveu a Chapela dez anos despois da súa marcha, en 1993, separada e con dous fillos: Lucía e Joshua. Integrouse na Coordinadora Feminista Donicela, onde participou en varios proxectos como o Encontro Internacional de Córdoba e o de Vigo. Traballou tamén na Marcha Mundial das Mulleres, acabada de crear, e loitou polos grandes retos daqueles anos: o dereito ao divorcio, o dereito ao aborto, a ocupación dos espazos públicos e o dereito a vivir sen violencia.
En Vigo entrou en contacto co movemento polo dereito a teito, pasando a formar parte do Centro Social Ocupado e Autoxestionado da Ruela de Núñez, onde realizou un vídeo documental que recolle a actividade deste colectivo. Foi fundadora do G.A.I.M. (Grupo de Apoio @s Indíxenas Magonistas) que visibilizaba con palestras en escolas e institutos como o IES Chapela os levantamentos indixenistas en Oaxaca (México) e a dura represión que sufrían por parte do Estado e das forzas paramilitares. Este grupo saía á rúa os 12 de outubro e na Festa da Arribada, en Baiona, para reivindicar a loita indíxena en fronte ao concepto de hispanidade. E con esa capacidade súa para tender pontes entre loitas, Sesé participou como afiliada e militante do sindicato anarcosindicalista CGT (Confederación General del Trabajo) na visita a Vigo de Dolores Villabobos Cuamatzi, activista do Consejo Indígena Popular de Oaxaca Ricardo Flores Magón, que participou na Feira Internacional Feminista, organizadora da Marcha Mundial das Mulleres na cidade o mes de maio de 2004.
Sesé foi parte activa do movemento Nunca Máis, como voluntaria e como activista artística, creando unha escultura xigante en forma de gaivota contaminada que voou até a grande manifestación galega en Madrid. E participou tamén no Campamento Civil contra a Guerra Imperialista que instalou a Cova dos ratos (Asociación Cultural Caleidoskopio) en Vigo como resposta á invasión de Iraq por parte dos Estados Unidos, en 2003.
Involucrouse en diferentes intervencións arqueolóxicas, como o xacemento romano da rúa Marqués de Valladares de Vigo ou a da necrópole megalítica da Mámoa do Rei de Redondela, converténdose nunha participante moi activa deste sector. A raíz da súa experiencia nestas intervencións, comezou a colaborar tamén con entidades para a recuperación da memoria histórica e participou no levantamento da fosa común do seu avó, represaliado entre outros en Xinzo, Ponteareas.
En 2007 naceu o seu terceiro fillo, Igor, que lle permitiu redescubrir o pracer de ser nai e, de novo, poder educar no amor á xustiza e á loita para defendela. Nesta etapa, traballaba en Pescanova, onde foi elixida delegada sindical pola Confederación Intersindical Galega (CIG) e loitou, xunto coas compañeiras e compañeiros, por un convenio xusto e condicións dignas, destacando pola súa gran capacidade de pensar sempre no colectivo. Sufriu varias operacións de costas e un cancro de mama que conseguiu superar, despois dun duro tratamento.
O 20 de febreiro de 2017, a súa exparella asasinouna nun acto de violencia machista. As persoas que tiveron a sorte de coñecela descríbena como unha muller intelixente, forte e sensible,
cun humor negro que podía quitarche un sorriso no teu peor día. Unha persoa vitalista e namorada da vida, apaixonada e con ganas de mellorar e de aprender. Lectora e escritora comprometida, divertida e lúcida e sempre radical na procura da verdade, nunca se deixou levar polo desalento.
A súa loita continua por todas as causas xustas, sobreviviuna nuns poemas inéditos que viron a luz no segundo aniversario da súa morte no poemario No camiño do vento, que axiña esgotou a súa primeira edición, cuxa recadación foi recibida integramente polo Fondo de Becas Soledad Cazorla Prieto, de Fundación Mujeres, que axuda ás orfas e aos orfos da violencia machista.
Froito do impulso acadado pola edición do poemario e do traballo de divulgación realizado polo fillo maior de Sesé en centros de ensino e medios de comunicación, naceu tamén o Premio Sesé Mateo de xornalismo ético no tratamento da violencia machista, cuxa primeira edición se fallará este 2021.
Agradecementos
A Joshua Alonso Mateo, que loita contra a violencia alumeado pola forza de Sesé.
Bibliografía
Fontes principais
Mateo García, Sesé: No camiño do vento. [Madrid: Fundación Mujeres , 2019]. ISBN: 978-84-09-08738-9
Fontes secundarias
Jabois, Manuel: «Sesé aún no dijo la última palabra», El país, (3 de marzo de 2019)
Accesible en https://elpais.com/sociedad/2019/03/02/actualidad/1551532815_606891.html [Consulta: 2021-11-22]
Como citar: Díaz Pereiro, Sonia : Sesé Mateo. Publicado o 12/11/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=29478. Recuperado o 25/09/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Poemas de Sesé escritos na época de emigrada en Venezuela. 1987
Fonte: Mateo, Sesé: No camiño do vento. [Madrid : Fundación Mujeres , 2019]. Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF). Consello da Cultura Galega
Un dos últimos poemas de Sesé. 2017
Fonte: Mateo, Sesé: No camiño do vento. [Madrid : Fundación Mujeres , 2019]. Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF). Consello da Cultura Galega
Ligazóns de interese
O proxecto No camiño do vento en facebook
Fonte: https://www.facebook.com/nocaminodovento/ [Consulta: 2021-11-18]
O proxecto No camiño do vento en twitter
Fonte: https://twitter.com/sese_mateo [Consulta: 2021-11-18]
O proxecto No camiño do vento en instagram
Fonte: https://www.instagram.com/sesemateo/ [Consulta: 2021-11-18]
Sesé Mateo na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Ses%C3%A9_Mateo
O proxecto No camiño do vento en youtube
Fonte: https://www.youtube.com/channel/UCFixvB_0uCTaZTf2VDwFSdg [Consulta: 2021-11-18]
Información sobre a creación do premio Sesé Mateo de Periodismo
Fonte: Pinachor, A.: «Redondela dedica a Sesé Mateo un premio de periodismo contra la violencia machista», Faro de VigoAccesible en: https://www.farodevigo.es/comarcas/2021/09/09/redondela-dedica-sese-mateo-premio-57098215.html [Consulta: 2021-11-18]
Información no espazo web metropolitano.gal sobre a mural de homenaxe a Sesé Mateo feito polo IES de Chapela
Fonte: Accesible en: https://metropolitano.gal/gafapasta/el-ies-de-chapela-estrena-el-mural-que-homenajea-a-sese-mateo/ [Consulta: 2021-11-17]
Espazo web sesemateo.es
Fonte: http://sesemateo.es/
Entrevista a Joshua Alonso Mateo, fillo de Sesé Mateo, en pontevedraviva.com
Fonte: Puga, Natalia e Mónica Patxot: «El legado de Sesé: un huérfano de violencia de género que lucha por la igualdad», Pontevedra vida.
Accesible en: https://pontevedraviva.com/xeral/69836/cifp-xunqueira-pontevedra-legado-sese-joshua-alonso-huerfano-violencia-generolucha-igualdad/?lang=es [Consulta: 2021-11-18]
Artigo da xornalista Montse Dopico para praza.gal (10 de marzo de 2019)
Fonte: Dopico, Montse: «Sesé Mateo: a palabra que resiste a morte», praza.gal, (10 de marzo de 2010)
https://praza.gal/cultura/sese-mateo-a-palabra-que-resiste-a-morte
No camiño do vento, de Sesé Mateo, en palabras de Ramón Nicolás
Fonte:Nicolás, Ramón: « No camiño do vento, de Sesé Mateo, un libro que abraza», Caderno da crítica. Blog de Ramón Nicolás. Accesible en https://cadernodacritica.wordpress.com/2019/03/06/no-camino-do-vento-de-sese-mateo-un-libro-que-abraza/ [Consulta: 2021-11-22]
Artigo de Manuel Jabois en El país sobre Sesé Mateo
Fonte: Jabois, Manuel: «Sesé aún no dijo la última palabra», El país, (3 de marzo de 2019). Accesible en: https://elpais.com/sociedad/2019/03/02/actualidad/1551532815_606891.htm [Consulta: 2021-11-17]
Videos
Sesé somos todas, pola vida e a memoria. Reportaxe realizada ao grupo de apoio á familia de Sesé Mateo, na que participan amigas e compañeiros de loitas e de vida.
Fonte: https://youtu.be/CNCisPexTiE
O poema «Afirmaciones para honrarme», de Sesé Mateo, recitado en lingua de signos por Soraya Casais, alumna do Ciclo Superior de Promoción en Igualdade de Xénero. Día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres. 24 de novembro de 2020
Centro de Información á Muller (CIM) do concello de Boqueixón
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=Z2gqRpaDGKk&ab_channel=Nocami%C3%B1odovento-Ses%C3%A9Mateo