Aurora e Manuela Liste Forján
Ameneiro-Calo, - Ameneiro-Calo,Autoría: Lola Ferreiro Díaz
Leiteira e labrega. O compromiso e a solidariedade sen cancelas
Na estrada N-550, uns 9 quilómetros ao sur de Compostela, está a aldea de Ameneiro, da parroquia de Calo, concello de Teo. Pouco despois do rótulo que amosa o seu topónimo, á man dereita, hai dúas casas, unha a carón da outra, sen habitar desde hai ben anos. Na primeira delas hai unha placa de granito na que se pode ler: “Nesta casa naceu Enrique Líster (1907-1994), canteiro que soñou e loitou por un mundo mellor”. Inmediatamente por baixo hai unha outra placa, de aluminio esmaltado en azul, na que se le: “Rúa dos Irmáns Liste Forján”. Na casa naceron os irmáns e tamén as irmás Liste Forján. En total, unha prole de sete, cinco homes e dúas mulleres, fillas e fillos de Manuel Liste Piso, canteiro, e de Josefa Forján Noya, leiteira. Na casa familiar, os vínculos políticos (concretamente comunistas) e sindicais eran claros. Todos os irmáns militaban e mesmo crearan en Teo o Sindicato de Oficios Varios. Manuela e Aurora comparten este ambiente desde sempre.
Manuela, a quinta, naceu o 7 de abril de 1912 e Aurora, a máis nova de todas, o 23 de setembro de 1916. Ambas as dúas traballaron na casa desde ben pequeniñas. Manuela na terra e atendendo os animais. Aurora axudando a súa nai, que lle mercaba leite á xente do lugar e arredores, para logo vendelo nas casas de Compostela. Aurora era extravertida e con iniciativa, de carácter forte xa desde nena. Manuela era máis introvertida, pero tamén tiña o seu xenio, que amosaba cando había que facelo. Apenas foron á escola, cousa frecuente entre as nenas naquela altura, polo que case non sabían ler nin escribir, pero ambas as dúas eran moi intelixentes e espelidas, e aprenderon máis adiante. De feito, xa adultas, gustaban de ler o xornal para estaren ao día do que acontecía no mundo.
A súa mocidade foi moi difícil, nomeadamente desde o golpe de estado fascista, en 1936. No mes de agosto dese ano son detidos dous dos seus irmáns, primeiro Faustino e, poucos días despois, Constante. Ambos foron asasinados; o 12 de setembro Faustino foi fusilado en Boisaca e o 3 de outubro Constante foi paseado (ou asasinado no mesmo cárcere de Compostela) e feito desaparecer. Outros dous irmáns, Eduardo e Manuel, fuxiron ao monte para protexeren as súas vidas. O outro irmán, Jesús (Enrique Líster), combate o fascismo no V Rexemento.
Aurora visita continuamente aos irmáns presos, xunto coas compañeiras destes, e lévalles comida e roupa. Tamén actúa como enlace cos fuxidos, entre os que están os seus irmáns Manuel e Eduardo. Proporciónalles alimentos, mantas, tabaco e, nomeadamente, novas da chaira, para mantelos informados da marcha dos acontecementos. O traballo de Manuela, inda que menos significado publicamente, é igualmente importante, procura alimentos e roupa para os presos e os fuxidos, e tamén xunta cartos para estes últimos.
Na altura, a casa familiar comeza a ser violentada por falanxistas, concretamente polo “grupo de persecución dos fuxidos”, na busca dos irmáns a calquera hora da noite. Aurora, con só 19 anos, e Manuela, con 24, son interrogadas cada vez que os fascistas se presentan. Son golpeadas e maltratadas para que lles digan o paradoiro dos irmáns. Nunca o fixeron.
Con toda esta presión e despois do asasinato de Constante e Faustino, reséntese a saúde de Josefa Forján (a nai), que mesmo chega a cavilar en tirarse ao tren. Só a frea a idea de mirar polos seus fillos que están no monte... Coma tantas mulleres, antepón o coidado dos demais á súa propia dor, ás súas propias ansias. Desde ese enorme sufrimento, sempre repetiu “o comunismo non pode ser malo, porque os meus fillos foron comunistas e eran moi boas persoas”. Xa non pode co traballo de leiteira, que pasa a ser asumido enteiramente por Aurora, quen aprende o necesario sobre números para levar ela mesma as contas.
O papel de Manuela, por outra parte imprescindíbel para a familia, estivo máis relacionado coa casa. Ela criaba animais e así, vendendo os polos, os xatos e os ovos, contribuía ao mantemento da familia. Asemade muxía as vacas propias e axudáballe a Aurora a recoller o leite noutras casas da redonda. Entre ambas as dúas (sobre todo Manuela) coidaban da nai e do sobriño, Eduardo, fillo de Constante, ao que xa acolleran na casa en 1933, sendo pequeniño. Elas foron os piares da familia desde ben noviñas, garantes de acubillo, mantenza e coidados.
En 1939 Aurora casa con Daniel León Furelos, que era peón de obras. En 1940 teñen un fillo, Suso, e viven na casa familiar ata o falecemento da nai, en 1955. Daquela mudáronse para unha casa a carón. Cada día, pola mañanciña, Aurora sae da casa coa caldeireta na cabeza asentada nunha rodela e o cuartillo na man, véndelles o leite ás casas de Compostela, porta a porta. Máis adiante, a finais dos 60, aproba o carné de conducir e merca unha furgoneta Citroën 2CV, que lle permite desenvolver o seu traballo con outra comodidade.
Aurora era de convicción comunista e chegou a militar no PCE (desde 1968 PCG). A súa praxe sempre gardou coherencia coas súas ideas. Pagaba o leite no momento de recollelo, porque cría que era de xustiza e porque coñecía moi ben as necesidades que pasaban as familias propietarias das pequenas e precarias explotacións, mentres que as empresas leiteiras o pagaban cun ou dous meses de demora. Sempre estivo disposta a colaborar coas caixas de resistencia das folgas obreiras, recadando cartos e poñéndoos tamén do seu escaso peto. Malia que precisaba a furgoneta para traballar, prestábaa sen problemas para o que fose necesario, maiormente para trasladar xente clandestina ou propaganda do Partido. A súa solidariedade coas persoas máis necesitadas e enfermas lévaa mesmo a lles procurar consultas de balde con algúns médicos de Compostela aos que lles serve o leite a diario.
No ano 1973, Aurora deixa o PCG para afiliarse ao Partido Comunista Obreiro Español (PCOE recentemente fundado polo seu irmán Enrique. Ademais, segue axudando a xente perseguida pola ditadura de mil maneiras e, nomeadamente, chamando á unidade da esquerda. Neste senso, en 1977, nun mitin de Líster na Alameda de Compostela, que deu lugar a certas controversias, di: “Os tempos cambiaron, non sei que lles pasa ás esquerdas que sempre andan esturruando uns contra outros; os inimigos son os fascistas...”.
No ano 1981, Aurora enferma. Descóbreselle un cancro de mama e opérana no Policlínico Rosaleda. Nos primeiros tempos vai ben, cos consabidos tratamentos e coidados. A enfermidade non lle imposibilita participar activamente nas loitas contra a cota empresarial —pola que se consideraba que eran empresarias as familias propietarias de pequenas explotacións agrarias e gandeiras, asoballándoas ata arruinalas—, que non pararon ata lograr suprimila. Tamén non lle impide presentarse ás eleccións lexislativas de 1982 polo PCOE, sendo candidata ao Congreso, no posto número 3 da lista pola Coruña.
O cancro reprodúcese e, desta volta, non o supera. Falece na casa de Ameneiro o 17 de xuño de 1984, coidada pola súa irmá Manuela, o seu sobriño Eduardo e a familia deste. Os seus ideais comunistas permaneceron intactos logo de toda unha vida de loita e de solidariedade.
Pola súa vez, Manuela segue a vivir na casa familiar mentres pode conservar a súa independencia. Xa maior e con problemas de saúde, pasa o día na casa de Eduardo, o sobriño que elas criaran, quen vive coa súa familia poucos metros máis atrás, e vai durmir á súa, ata que xa non pode conservar este costume e se traslada definitivamente á casa do sobriño. Os últimos tempos son difíciles para ela. O grao de dependencia vai en aumento ata o seu pasamento, o 15 de abril de 2002, aos 90 anos.
Na alameda de Compostela hai unha escultura de granito coa lenda “A leiteira de Calo”. Realizada por Fernando García Blanco (1939-2008) en 1962 a partir dun bosquexo en escaiola de Gabriel Xosé Eiroa Barral (1892-1935) nos anos 30. Agardamos que o nome de Aurora Liste Forján sexa gravado algún día no pé da dita peza.
Bibliografía
“Emotivo adiós en Calo a Manuela Liste Forján”, El Correo Gallego (16/04/2002), p. 42.
FRANJO, Fernando: “Líster en familia. El joven rebelde de Ameneiro”, El Correo Gallego ( 22/04/2007), p.7.
Agradecementos
Eduardo Liste Carro, fillo de Constante Liste Forján e sobriño de Aurora e Manuela.

Como citar: Ferreiro Díaz, Lola : Aurora e Manuela Liste Forján. Publicado o 9/1/2019 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=29950. Recuperado o 29/03/2024
DOCUMENTACIÓN SOBRE
LUPASI: «A leiteira», La Voz de Galicia (26/12/2018).
Fonte: lavozdegalicia.es [data de descarga: 26/12/2018]
CELEIRO, Luís. «Cambiaron os tempos», La Región (26/12/2018).
Fonte: http://www.laregion.es/opinion/ [data de descarga: 26/12/2018]
PAZ CABO, Manuel: «Represión franquista en Teo».
Publicado nas Actas del I Congreso de Víctimas del Franquismo (22/09/2013)
Fonte:.congresovictimasfranquismo.org [data de descarga: 26/12/2018]
Conversa con Aurora e Manuela Liste Forján
Publicada na revista Teima, n. 2 (23-30 decembro 1976)
Fonte: Hemeroteca do CCG