Agustín María Acevedo Rodríguez
Ribadeo (Lugo), 4/ 6/1806 - Las Caldas del Besaya (Cantabria), 2/6/1874Autoría: Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Médico defensor do vitalismo hipocrático. Escritor de ficción científica
Era fillo de Francisca Vicenta Rodríguez, de familia ribadense, e de Ramón María López Acevedo, orixinario da veciña vila de Tapia de Casarego, en Asturias. O seu pai, de ideoloxía moi liberal, exerceu en Oviedo como profesor de humanidades e colaborou activamente na prensa. Tentou organizar a resistencia contra a invasión francesa no occidente asturiano e na mariña luguesa. Coa chegada dos conservadores tivo que exiliarse en Londres, onde fundou El Español Constitucional, no que se anunciaba como profesor de humanidades e violín. Propoñía a implantación dunha ditadura como único medio para instaurar a democracia.
Agustín Acevedo estudou Medicina na Universidade de Santiago, doutorándose logo en Madrid. O 3 de xullo de 1834 foi nomeado pola Real Academia de Medicina e Cirurxía da Coruña como subdelegado de ambos os ramos para o concello asturiano de Castropol. En 1839 atendeu con éxito, en Santalla de Ozcos, os numerosos casos de febre tifoidea alí declarados, recollendo posteriormente nunha Memoria, a instancias da Junta Local de Sanidad, os detalles da campaña. O traballo mereceu a atención e a felicitación da Junta Suprema de Sanidad del Reino. En 1843 estaba de médico titular en Villaviciosa, onde de novo foi felicitado polo brillante traballo realizado na loita contra outra epidemia de tifo en Noyorio e outros puntos do concello. Nesta época comezan as súas publicacións na prensa médica nacional, especialmente no Boletín de Medicina, Cirugía y Farmacia.
En 1853 trasladouse a Oviedo, onde foi nomeado catedrático de Historia Natural da universidade e seguiu a exercer de médico. Nesta cidade, unha vez máis, distinguiuse polo seu traballo asistencial na loita contra a epidemia de cólera que se desatou en 1854 na capital asturiana, recibindo por este labor as felicitacións do Goberno Civil cunha mención especial na Gaceta. En 1859 presentouse en Madrid ás oposicións de médico de balneario, obtendo a primeira praza entre máis de douscentos opositores cuns exercicios que foron moi ben considerados na prensa facultativa. Das oito prazas en concurso escolleu a do balneario de Artexio, na Coruña.
Fixou a súa residencia en Santiago de Compostela, desde onde se trasladaba ao balneario nos meses da temporada de baños. Redactou puntualmente as correspondentes memoria anuais, unha das cales, pola súa calidade, foi considerada como
digna de premiopolo Consejo de Sanidad del Reino. Así mesmo continuou coas súas publicacións en prestixiosas revistas médicas estatais (Boletín de Medicina, Cirujía y Farmacia e mais El Siglo Médico). En 1868, sen deixar a dirección do balneario de Arteixo, trasladou a súa residencia á cidade de Lugo, onde participou activamente na vida cultural local. En 1871, sen abandonar Lugo, obtivo a praza de director do balneario de Las Caldas de Besaya, en Cantabria, onde morreu catro anos máis tarde, no mes de xuño, cando comezaba a temporada de baños.
O seu labor como médico desenvolveuse en dúas etapas: a asturiana, desde 1834 a 1859, que se caracterizou polos seus traballos de loita, cun éxito recoñecido, contra as epidemias de tifo e cólera en Ozcos, Villaviciosa e Oviedo. E aínda que en 1844, o concello de Avilés lle ofreceu a praza de médico cirurxián, non existen evidencias de que chegara a exercer nesa cidade. A etapa galega vai desde 1859 ata o seu pasamento en 1874, e estivo dedicada plenamente ao seu labor de médico de balneario en Arteixo (ao que posteriormente se lle agregou o de Carballo) e en Caldas de Besaya.
Publicou numerosos traballos en revistas médicas estatais, sobre todo no Boletín de Medicina, Cirujía y Farmacia, na súa etapa asturiana, e en El Siglo Médico, na galega. A Academia de Medicina y Cirugía de Madrid premioulle unha Memoria sobre la diastasis e, en 1870 (aínda que fora escrita vinte anos antes), publicou na Revista de España, co pseudónimo Tirso Aguimana de Veca, a novela de fantasía científica Una temporada en el más bello de los planetas, que para moitos críticos representa unha das primeiras novelas deste xénero publicadas en España.
Da súa etapa galega, descoñécense as relacións e actividades locais realizadas en Santiago de Compostela, cidade que tiña xa unha certa tradición de estudos médicos e na que coincidiu con Varela de Montes, que tiña un pensamento con moitos puntos en común co de Acevedo. Na etapa lucense, son coñecidas as súas relacións con Gumersindo Laverde Ruiz, daquela catedrático no Instituto de Lugo, que foi quen o animou a publicar a súa novela e, posiblemente, influíu para que aparecese nas páxinas da prestixiosa Revista de España. Tampouco sería difícil imaxinalo colaborando nos ambientes culturais desta cidade nos labores de posta en marcha dun liceo que tivo lugar por estes anos. Despois do seu pasamento, a súa familia seguiu vencellada a Lugo, onde un fillo seu, Romualdo Acevedo Rivero, foi un coñecido avogado e xornalista local.
Valoración científica e literaria
Algúns biógrafos consideran a Acevedo como frenólogo apoiados no feito de que Cubí y Soler o cita moi eloxiosamente no seu libro de 1853 La Frenología y sus glorias:
Faltaría a un deber que me imponen la ciencia i la gloria nacional, si al hablar de la Jeratividad, no diera conocer a Vds, algunos trabajos nuevos en su género de un español ilustre, sobre el modo de funcionar el sistema nervioso por medio de lo que él llama el fluído eléctrico animal. Lo que este sabio ha dicho sobre la materia es nuevo, i se halla en unas series de artículos insertos en el Boletín de Medicina, Cirujía y Farmacia, que se publica en Madrid. Que yo sepa, no se han publicado en obra separada estas observaciones ¡cosa estraña! En una época en que tanto malo envuelto en poco bueno se publica, unos artículos de un mérito literario i científico verdaderamente extraordinario, conteniendo acaso el jermen de descubrimientos más fecundos e importantes que cuanto se han visto, se hallan sepultados en una publicación periódica especial que pocos ven i menos leen. D. Agustín María Acevedo, autor de estos artículos, que derraman la única luz científica que hasta ahora tengamos sobre el magnetismo, será o no será frenólogo; pero lo que si es cierto, que él ha descrito mejor de lo que hasta ahora nadie ha concebido, el modo fisiológico de producirse las impresiones en el sentido costra-craneal de la Jeratividad al trasmitirse el alma su energía mental. Es de esperar que este dotado español publique sus trabajos en un libro separado a fin de facilitar i jerarquizar su lectura; sino con el objeto de aumentar su gloria literaria, que acaso a él le importa poco, al menos para fomentar el progreso científico i realzar las glorias de la patria (p. 555).
Non foi esta a única gabanza do traballo de Acevedo que recibiu na época, pois o propio Boletín de Medicina, Cirugía i Farmacia, que dirixía o prestixioso médico Méndez Álvaro, nunha nota editorial (21 de marzo de 1847) dicía:
Nuestro ilustrado y laborioso colaborador sigue explanando sus teorías con notable talento, y las somete al examen y discusión de las personas entendidas. ¿Quién sabe si estas teorías, débilmente autorizadas ahora y sostenidas tan sólo por las fuerzas de su autor, se hallarán destinadas a representar papel más importante? Por de pronto en España y fuera de ella son bien recibidos y atentamente estudiados los escritos del Sr. Acevedo por personas ilustradas y en aptitud de reconocer su mérito.
Certamente que os seus traballos foron obxecto dalgunha crítica e debate nas revistas médicas, pero na segunda metade do século foron pouco a pouco esquecidos polo seu carácter especulativo e, sen dúbida, en exceso fantasioso. As súas elucubracións sobre a forza vital, a electricidade animal e as harmonías do home e o universo foron axiña arrombadas polo pulo das novas correntes experimentais e anatomoclínicas. De todas formas, se esquecemos unha valoración presentista e nos situamos no pensamento español da época, non hai dúbida de que representou unha achega orixinal que non pasou desapercibida para figuras médicas españolas sobranceiras do momento, como era o caso, xa citado, de Méndez Álvaro ou de Nieto Serrano.
O seu pensamento médico, que certamente tiña moi pouco de frenopático, reflicte bastante ben as correntes vitalistas que percorren con comodidade unha boa parte do século XIX español. Era un decidido defensor da especulación intelectual fronte ao experimentalismo dos positivistas (
Habrá muchos que aborreciendo las teorías y entusiastas solo de lo positivo, leerán mis producciones hasta con desprecio soberano ¡Es tan común, tan agradable y tan a la moda hoy lo positivo!). De todas formas, Acevedo non desprezaba a experimentación que estimaba necesaria
para analizar los elementos ponderables, ao tempo que a consideraba como complementaria dunha necesaria especulación intelectual, indispensable para
analizar los imponderables. E como non podía ser menos, na polémica que se desenvolveu en España sobre o hipocratismo, amosouse como un encendido defensor do sabio de Cos (
Solo un hombre hasta ahora he visto que hubiese dado brillo a la medicina, y este hombre verdaderamente grande, este hombre profundo y casi celestial es Hipócrates).
O seu pensamento, enleado e complexo, resúmeo nos artigos do Boletín de Medicina, Cirugía y Farmacia (17-II-1850 e seguintes), e encádrase nunha apreciación debedora da Filosofía da Natureza romántica que considera ao ser humano como un microcosmo no que se reflicten as condicións de equilibrio e harmonía entre forzas opostas que caracterizan ao macrocosmos. Delas, o xogo entre o principio vital ou positivo e o principio de inercia ou negativo definen o estado de saúde ou decrepitude do home. O aspecto máis singular das súas teorías reside no papel sobranceiro que lle atribúe á electricidade como forza vital e ao xogo entre as dúas polaridades que se dá nos diferentes órganos ou sistemas do corpo humano. O desequilibrio entre elas dá orixe ás enfermidades e na loita contra el residiría o cerne dos sistemas curativos.
A pesar do carácter fantástico destas teorías, a súa práctica médica non debeu de afastarse moito dos métodos habituais dos médicos do XIX, que facían o mellor uso posible da farmacoloxía do momento (un bo exemplo foi o seu traballo sobre o ioduro como remedio das dermatoses) e dos métodos de diagnóstico e análise clínica habituais, dos que deixou boa mostra nos seus informes anuais de hidroloxía médica. Por outra parte, na loita contra as epidemias defendeu a teoría do contaxio e todo o sistema preventivo que supoñía (corentenas, confinamentos, fumigacións, etc.), enfrontándose a positivistas como Mata ou vitalistas como Nieto, que non o aceptaban.
Finalmente, a súa novela Una temporada en el más bello de los planetas, contén, para o norteamericano B. J. Dendle (1987), un
tema sorprendentemente orixinal para tratarse dun traballo realizado en España a mediados do século XIX [...] Pola orixinalidade da proposta, precede a un autor como Julio Verne [...] Na súa utiización dunha perspectiva extraterrestre para satirizar os costumes terrestres, Una temporada adiántase a formas máis tardías da ciencia ficción. Sen ser a primeira novela española de ciencia ficción, foi sen dúbida, como destaca A. Uribe en 2016, unha das máis significativas e importantes da época, cun relato de alta dignidade que só ben lastrado por unha trama sentimental de excesiva extensión. En calquera caso, si foi a primeira novela galega de ficción científica.
Bibliografía
Bibliografía primaria
En Boletín de Medicina, Cirujía y Farmacia: Periódico oficial de la Sociedad General de Socorros Mutuos:
«Nuevas reflexiones sobre la causa de las enfermedades», 264 (28-12-1845); 4 (25-I-1846); 5 (1-2-1846).
«Causa y origen de los tres fluidos, eléctrico, calórico y lumínico fuera del hombre», 6 (31-X-1847).
«Atmósfera médica», 100 (21-I-1849 e seguintes).
«Del hombre en estado fisiológico», 186 (10-VI-1849 e seguintes).
«Más sobre el hombre en estado fisiológico ó sea mi particular modo de ver los sistemas nerviosos de nuestra economía», 216 (17-II-1850 e seguintes).
«Teoría sobre la inflamación», 260 (22-XII-1950 e seguintes).
«Del hombre en estado patológico. Teoría de las fiebres», 33 (17-VIII-1851 e seguintes).
«Del hombre en estado patológico. Proposición 4ª», 51 (21-XII-1851 e seguintes).
«Dos curaciones obtenidas por el ioduro de azufre», (21-IX-1851 e seguintes).
«Del hombre en su estado patológico. Proposición 5ª», (1852?).
«Del hombre en su estado patológico. De las enfermedades miasmáticas, y principalmente del cólera-morbo asiático», 103 (19-XI-1852).
«Del hombre en su estado patológico. Naturaleza especial de los agentes que producen la epidemia y el contagio», 128 (12-VI-1853).
«De la fecundación», 146 (23-X-1853).
«Educación médica», [s. a.].
En El Siglo Médico:
«Efectos medicinales de las Aguas Medicinales de Arteijo», 324 e 328 (1860).
«Definición de la enfermedad y sus causas», 149 (5-V-1864).
«Sobre la etiología de las epidemias y los contagios», SM, 583 (5/III/1865).
En Revista de España:
«Una temporada en el más bello de los planetas», por Tirso de Aguimana de Veca, XIII, XIV, XV, XVI e XVII (1870) e XVIII (1871).
Acevedo Rodríguez, Agustín María: Memoria sobre la diátesis. Traballo premiado pola Academia de Medicina
Bibliografía secundaria
Aguimana de Veca, Tirso: Una temporada en el más bello de los planetas. Accesible en: [https://eprints.ucm.es/id/eprint/40407/1/0000000144.pdf [Consulta: 2022-12-13]
Castro López, M.: «Don Agustin María Acevedo», Almanaque Gallego para 1900, Bos Aires: [s. n.], 1900.
Couceiro Freijomil, A.: «Acevedo Rodríguez, Agustín María». En Diccionario Bio-bibliográfico de escritores. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1951.
Dendle, B.J. (1987): «Spain´sfirst novel ofsciencefiction. A Ninetennth-centuryvoyage in Saturno», Monographic Review/Revista monográfica. Ciencia ficción, fantasía y suspense hispánico, v. III, 1-2 (1987), 43-48.
Uribe, A. (2016): «Tirso Aguimana de Veca». En Una temporada en el más bello de los planetas, de Tirso Aguimana de Veca; 15-19. Accesible en: [https://eprints.ucm.es/id/eprint/40407/1/0000000144.pdf [Consulta: 2022-12-13]
Como citar: Díaz-Fierros Viqueira, Francisco : Agustín María Acevedo Rodríguez. Publicado o 13/12/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=32652. Recuperado o 28/03/2024
DOCUMENTACIÓN DE
Primeiros capítulos da novela de ciencia ficción Una temporada en el más bello de los planetas na que Agustín María Acevedo utiliza o pseudónimo de Tirso Aguimana de Veca
Aguimana de Veca, Tirso [ Agustín María Acevedo Rodríguez]: «Una temporada en el más bello de los planetas», Revista de España, 13 (1870), 429-446
Fonte: Hemerotega Digital. Biblioteca Nacional de España
http://hemerotecadigital.bne.es
Artigo de Agustín M.ª Acevedo sobre a filosofía médica de Matías Nieto Serrano e resposta do autor do ensaio na revista El siglo médico
Acevedo, Agustín María: «Definición de la enfermedad y sus causas», El Siglo Médico: periódico de Medicina, Cirugía y Farmacia, 544 (5 de xuño de 1864), 353-355; Nieto Serrano, M.: «Definición de la enfermedad y sus causas», El Siglo Médico: periódico de Medicina, Cirugía y Farmacia, 547 (28 de xuño de 1864), 401-403
Fonte: Universidad de Cádiz. Accesible en: https://rodin.uca.es/handle/10498/11239 [Descarga: 2022-04-07]
Artigo sobre as augas medicinais do balneario de Arteixo publicado polo doutor Acevedo en El siglo médico
Acevedo, Agustín María: «Efectos medicinales de las aguas minerales de Arteijo», El Siglo Médico: periódico de Medicina, Cirugía y Farmacia, t. 7 (1860), 183-185, 249-2251.
Fonte: Biblioteca Digital. Real Academia de Medicina
http://bibliotecavirtual.ranm.es/ranm/es/catalogo_imagenes/grupo.do?path=1001850 [Descarga: 2022-04-21]
Artigo médico de Agustín María Acevedo publicado en tres entregas no Boletín de Medicina, Cirugía y Farmacia. 1845-1846
Acevedo Rodríguez, Agustín María: «Nuevas reflexiones sobre el influjo de las causas en las enfermedades», Boletín de Medicina, Cirugía y Farmacia: periódico oficial de la Sociedad General de Socorros Mutuos, V, 264 (28 de decembro de 1845), 409-410; I, 4 (25 de xaneiro de 1946), 25-27; I, 5 (1 de febreiro de 1946), 33-35
Fonte: Hemeroteca Digital. Biblioteca Nacional de España
A última entrega está asinada polo autor enVillaviciosa 2 de diciembre de 1845
http://hemerotecadigital.bne.es
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Augusto Uribe escribe sobre Agustín María Acevedo e a súa faceta como escritor de ciencia ficción co pseudónimo de Tirso Aguimana de Veca
Uribe, A. : «Tirso Aguimana de Veca». En Aguimana de Veca, Tirso [Agustín María Acevedo Rodríguez]: Una temporada en el más bello de los planetas. [S. L: s.n.], 2016; 15-19
Fonte: https://eprints.ucm.es/id/eprint/40407/1/0000000144.pdf. [Descarga: 2022-04-12]
Amancio Labandeira recolle o pseudónimo Tirso Aguimana de Veca nun artigo na revista Dicenda
Labandeira Fernández, Amancio: «Adiciones a un diccionario de seudónimos literarios españoles», Dicenda: cuadernos de filología hispánida, Universidad Complutense de Madrid, 2 (1983), 175-184
Fonte: Universidade Complutense de Madrid. Accesible en: https://web.archive.org/web/20190215155919/http://revistas.ucm.es/fll/02122952/articulos/DICE8383110175A.PDF [Descarga: 2022-02-13]
Lembranza no xornal La noche do doutor Agustín María Acevedo
Couceiro: «En Galicia, tal día como hoy…», La Noche: único diario de la tarde en Galicia , 9280 (9 de marzo de 1951), 1
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
Agustín María Acevedo no Diccionario bio-bibliográfico de Couceiro Freijomil
«Acevedo Rodríguez, Agustín María». En Couceiro Freijomil, Antonio: Diccionario bio-bibliográfico de escritores. I: A-E, Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1951; 7-8
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Primeira entrega dunha biografía do doutor Acevedo Rodríguez no xornal Las Riberas del Eo
«Apuntes sobre Ribadeo. Ribadenses ilustres: Agustín María Acevedo», Las Riberas del Eo: periódico de información galaico-asturiana, (8 de decembro de 1934), 3
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
Biografía de Agustín María Acevedo en La voz de la verdad
Molina Mera, Manuel [Manuel Amor Meilán]: «Biografías gallegas. CXIII: Agustín María Acevedo Rodríguez», La voz de la verdad: diario católico con censura eclesiástica, 3926 (18 de maio de 1922), 1
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
Apuntamentos sobre a vida e a obra de Agustín Acevedo publicados por Manuel Castro López en Almanaque Gallego
Fonte: mediateca do Consello da Cultura Galega.
Castro López, M.: «Don Agustín María Acevedo», Almanaque gallego para el año 1900. Bos Aires: [s.n.], 1900; 18-22 (264-268)
http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_em_pub1148_AlmanaqueGallego_1900.pdf [Descarga: 2022-04-11]
Agustín María Acevedo no semanario Follas novas da Habana
«Panteón regional: Don Agustín M.ª Acevedo Rodríguez», Follas novas: semanario gallego, 66 (4 de setembro de 1898), 1-2
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
Ligazóns de interese
Entrada de Agustín María Acevedo na Wikipedia
Fonte: https://es.wikipedia.org/wiki/Agust%C3%ADn_Mar%C3%ADa_Acevedo_Rodr%C3%ADguez [Consulta: 2022-04-12]
Artigo de prensa que percorre a historia do Balneario de Arteixo
Aguiar, Iván: «Una inmersión en el Balneario de Arteixo», (16 de xaneiro de 2022)
Fonte: La Opinión
https://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2022/01/16/inmersion-balneario-arteixo-61614096.html [Consulta: 2022-04-12]
O médico Agustín María Acevedo en La Voz de Galicia. 2019
«Agustín Mª Acevedo, médico ribadense precursor de la ciencia ficción española», LaVoz de Galicia, (9 de febreiro de 2019)
Fonte: La Voz de Galicia
: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/ribadeo/2019/02/10/agustin-m-acevedo-medico-ribadense-precursor-ciencia-ficcion-espanola/0003_201902X10C4993.htm [Consulta: 2022-04-12]
Una temporada en el más bello de los planetas está considerada unha das primeiras novela española de ficción científica e a primeira escrita en Galicia
Aguimana de Veca, Tirso [Agustín María Acevedo Rodríguez]: Una temporada en el más bello de los planetas. Accesible en: https://eprints.ucm.es/id/eprint/40407/1/0000000144.pdf [Consulta: 2022-04-12]
Fonte: https://eprints.ucm.es/id/eprint/40407/1/0000000144.pdf [Consulta: 2022-04-12]