Cristina Reges
Bos Aires, 16/ 5/1957 - Bos Aires, 28/10/2015Autoría: Micaela Fernández Darriba
Feminista e activista polos dereitos das mulleres e do colectivo migrante
Cristina Reges naceu en Bos Aires en 1957. Filla da diáspora galega dicía: Miña mamá era unha galega nada en Barcelona
. No documental Marcas na pel do papel, brindou o seu testemuño sobre o seu proceso migratorio:
Meu papá tiña moita familia en Bos Aires cando veu. E miña mamá foi unha muller migrante que veu soa en busca da súa mamá e dun irmán republicano que viñera para a Arxentina
.
A miña infancia son recordos das fins de semana no Centro Lucense de Olivos, onde se coñeceron meus pais. Recordos dun tránsito entrambas identidades, porque tanto meu papá coma miña mamá tiveron un recordo permanente das súas orixes, de Galicia, desa riqueza; nun punto de non esquecer nunca de onde viñan, de ensinarme unha chea de cousas e de vincularme con esa terra que é miña tamén, dende a diáspora, sendo integrada, no bo sentido, a esta cidade
.
Os recordos de Cristina sobre a súa galeguidade están presentes en todos os seus relatos e anécdotas familiares. Ela narraba e manifestaba o mesmo que calquera filla ou fillo da migración: as visitas aos centros rexionais, os bailes, as comidas. Esta identidade atravesouna toda a súa vida e levouna a recuperar as súas raíces a través do contacto coa familia en Galicia, terra que nunca puido coñecer. Un espazo cristalizado no recordo do seu pai e da súa nai, que morreu nova. Tamén nas imaxes que ofrecía a televisión de Galicia, e que seu pai vía sempre para mitigar a morriña.
A finais dos 90, Cristina vincúlase coa política partidaria e o feminismo. Tivo unha das súas máis grandes aprendizaxes nos Encontros Nacionais de Mulleres, que se celebran na Arxentina dende 1986, e que congregan o colectivo de mulleres ao redor das súas problemáticas e axendas. Tamén se implicou na Campaña Nacional polo Dereito ao Aborto.
Cristina estudou Psicopedagoxía e logo diplomouse en Estudos Interdisciplinarios de Xénero. Foi precisamente o seu traballo, e a súa actividade na Dirección Xeral da Muller da Cidade de Bos Aires, o que a levou a cofundar o Programa Todas, dedicado ao estudo, prevención e erradicación da violencia e discriminación ás mulleres migrantes. A súa propia identidade, malia nacer na Arxentina, levouna xunto a outras mulleres a articular un diálogo intercultural e acadar unha abordaxe feminista das migracións. En As fronteiras que cruzan as mulleres migrantes, traballo presentado no Congreso Metropolitano de Psicoloxía (2008), di o seguinte:
Os mitos do imaxinario social operan eficazmente na creación do proxecto migratorio e na trama vincular, social e laboral na que as mulleres estranxeiras se inclúen. Nin para aquelas que viñeron de Europa dentro das históricas ondas migratorias, construtoras de parte da nosa identidade, nin para quen protagoniza actualmente a feminización das migracións, o achado forma parte do soño que armou o proxecto migratorio. Foi necesario reconstruílo e esta transición entre o soñado e o achado, é un camiño de obstáculos,mais tamén de recuperación do perdido no atopado. A migración implica deixar atrás vínculos, fondas raíces persoais, sociais e culturais. Pérdese a continuidade da propia historia vivida no lugar onde transcorreu. Implica poder soportar a distancia daquilo que até o de agora se deu por certo, arriscarse ao novo, atreverse á incerteza e a construír un novo armazón interno e externo de certezas e vínculos. Para a sociedade receptora é tamén atreverse a coñecer a outras e a outros. Coñecer, aprender, escoitar, saírse dalgúns encadres teóricos tradicionais e, no caso do noso país, recorrer á memoria
.
Cristina, como muller, coñecía e compartía ese concepto de Dolores Juliano, que afirma que todas as mulleres fomos historicamente estranxeiras nos nosos propios países. Ese cruzamento entre interculturalidade e xénero desvelábaa, esixíalle máis lecturas e debate coas compañeiras; motivábaa a seguir traballando polos dereitos das mulleres en xeral, e das mulleres migrantes en particular. Ela entendía que se existían dereitos dobremente vulnerados, eses eran os das mulleres migrantes: por mulleres, pobres e estranxeiras. Así revisou a historia da súa nai, da súa familia, e foi rememorando as circunstancias para transformalas, nun proceso de acción e catarse colectiva.
Nunca fixo distinción entre o colectivo migrante. A súa lección, a súa pegada, o seu legado foi a unión, a mestura, o intercambio. Para ela, as migrantes europeas do século XX compartían idénticas experiencias coas migrantes latinoamericanas de fins de século.
Cristina pensaba que todas foramos produto das mesmas ausencias «históricas», que analizan o fenómeno migratorio dende unha perspectiva androcéntrica. Se hai algo que nos define neste relato é o feito de sermos borradas. Borradas no pasado e non recuperadas no presente e, polo tanto, temos reivindicacións propias que, non obstante, son semellantes.
A asimilación das mulleres migrantes nas tarefas reprodutivas e produtivas é o que nos liga a unha clase traballadora, máis aló das diferenzas (temporais, culturais, étnicas). Xa que logo, Cristina Reges non deixa aberta ningunha fronte. Ela explicou, cando fixo falta, a semellanza entre as migrantes e o seu pasado afastado e recente, sen importar de onde proviñesen.
En 2009 coordinou os talleres Historias de Mulleres e Mulleres na historia, e participou de accións de loita contra a trata e a explotación sexual (e laboral). Tamén foi homenaxeada nos Premios Lola Mora no ano 2016, distincións que outorgaba o Goberno da Cidade de Bos Aires a xornalistas, a prácticas xornalísticas, a medios que mantivesen unha perspectiva de xénero na abordaxe da comunicación e información.
Cristina Reges colaborou na creación e na unión de varias organizacións migrantes: Yanapacuna, Centro de Nais 27 de Maio, Mulleres Peruanas Migrantes Unidas e Refuxiadas, Cordinamento Donne Italo Argentine, e outras. Diversas institucións locais e do estranxeiro recoñeceron o seu traballo. En 2015 recibiu a mención Rosalía de Castro, da Asociación de Mulleres Galegas Herbas de Prata, polo seu labor e vínculos coa colectividade en Bos Aires.
Morreu de cancro a idade de 58 anos. Tiña aínda un inmenso potencial e obxectivos que cumprir. Entre eles estaba coñecer a terra da súa nai e do seu pai. O seu funeral poboouse de mulleres de todas partes. Falaban quechua, guaraní, italiano, rezaban ao seu xeito, cantaban muiñeiras e chacareras. Eran feministas e activistas históricas, amigas que a coidaron no final dos seus días, porque ela xa non tiña ninguén na Arxentina. Aínda que a súa familia eran elas, as TODAS, como se chamaba o seu proxecto: as migrantas de todo o mundo.
Como citar: Fernández Darriba, Micaela : Cristina Reges. Publicado o 27/9/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=33661. Recuperado o 28/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Cristina Reges contribuíu á elaboración do informe de investigación Mujeres migrantes: experiencias y derechos
Sanchís, Norma: Mujeres migrantes: experiencias y derechos: informe de investigación. Buenos Aires: Asociación Lola Mora. Investigación y Capacitación para la Acción, 2011.
Fonte: Asociación Lola Mora. Investigación y Capacitación para la Acción
http://asociacionlolamora.org.ar/
Relatorio de Cristina Reges no XI Congreso Metropolitano de Psicología de Buenos Aires. 2008
Reges, Cristina Zulma: «Las froteras que cruzan las mujeres migrantes por Cristina Reges». En XI Congreso Metropolitano de Psicología de Buenos Aires. APBA. 2008.
Fonte: http://demujeresymujeresenlahistoria.blogspot.com/2008/10/las-froteras-que-cruzan-las-mujeres.html [Descarga: 2022-09-26]
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Inauguración da aula de capacitación
Fonte: CAREF: Comisión Argentina para Refugiados y MigrantesCristina Reges. Bos Aires. Dirección General de la Mujer e Comisión Argentina para Refugiados y Migrantes
Páxina do número 14 de Vamos Buenos Aires, publicación da Dirección General de la Mujer
Fonte: Gobierno de Buenos Aires (buenosaires.gob.ar/mujer)
Ligazóns de interese
A Comuna 7 lembra a Cristina Reges nos actos de homenaxe á muller migrante
Viera, Gustavo: «Un homenaje a la mujer migrante en la Comuna 7». lacomuna7.com.arg, (21 de xaneiro de 2016)
Fonte: https://lacomuna7.com.ar/un-homenaje-a-la-mujer-migrante-en-la-comuna-7/ [Consulta: 2022-09-27]
Homenaxe a Cristina Reges no
Día de la Mujer Migrante. Bos Aires, 10 de xaneiro de 2016Davis, Carlos: «Día de la Mujer Migrante». La floresta: publicación digital, (10 de xaneiro de 2016)
Fonte: https://www.la-floresta.com.ar/2017/enero/10.htm [Consulta: 2022-09-27]
Intervencións na homenaxe a Cristina Reges, no contexto do Día Internacional pola Eliminación da Violencia de Xénero. Bos Aires, 2016
Fonte: https://castbox.fm/episode/Argentina%3A-25N-Homenaje-a-Cristina-Reges-2016-13-DE-17-id1945421-id118973818?country=es [Consulta: 2022-09-27]
Cristina Reges recibe o premio
Rosalía 2015da asociación Herbas de Prata de Bos AiresRuiz, Mariana: «La asociación ‘Herbas de Prata’ conmemoró el Día de la Mujer como cada año y desde hace casi una década». Galicia en el mundo, (12 de marzo de 2015)
Fonte: Galicia en el Mundo
Lembranza de Cristina Reges en Página 12
Monfort, Flor: «Sonrisa eterna: Cristina Reges (1953-2015». www.pagina12.com.ar, (6 de novembro de 2015)
Fonte: https://www.pagina12.com.ar/diario/suplementos/las12/13-10163-2015-11-06.html [Consulta: 2022-09-27]
Cristina Reges cofundou o programa Todas. Mulleres Migrantes
Fonte: https://www.buenosaires.gob.ar/desarrollohumanoyhabitat/mujer/conoce-tus-derechos/todas-mujeres-migrantes [Consulta: 2022-09-27]
Videos
Homenaxe a Cristina Reges, unha loitadora incansable polos dereitos das mulleres
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=m4RLXX9qzHY [Consulta: 2022-09-20]