José Veiga Roel
Betanzos, A Coruña, 9/ 11/1894 - Betanzos, A Coruña, 1976Autoría: Vítor Vaqueiro
A fotografía como reveladora dunha realidade oculta e o fotógrafo como demiurgo
paseadosna bárbara loucura do ano 1936.
Ao propio tempo, a súa preocupación por cuestións sociais ou colectivas conduciuno a desempeñar cargos políticos, como o de concelleiro
republicano de abolengosegundo definición que del fai El Ideal Gallego ao comezo da década de 1930 ou, nas mesmas datas, a ocupación da vicepresidencia da primeira directiva do Círculo Mercantil de Betanzos. Co transcorrer do tempo, xa en 1957, converteríase en vicepresidente da Sociedad Fotográfica da Coruña —da que foi cofundador— partillando equipa directiva con Inocencio Schmidt de las Heras na presidencia, Ángel Ruiz Enríquez, secretario; Dionisio Tasende, tesoureiro-contador; e como vogais Luis Zamora, Juan Cancelo, Manuel Pereira Arribas, Julio Castro Sánchez e Marcelino Rodríguez Freijido, en canto o ano seguinte presidiría a betanceira Sociedad Liceo Recreativo de Artesáns.
Ademais debe subliñarse a súa pertenza ás Irmandades da Fala, nas que ingresou no ano 1930, segundo recolle unha nota aparecida n’A Nosa Terra, que dá conta do número de asociados —vinte— que compoñen na altura a Irmandade de Betanzos e onde o fotógrafo figura dado de alta como Xosé (sic) Veiga Roel, datos que axudan a compor un perfil galeguista para o personaxe. O silencio sinistro que a ditadura impuxo torna imposíbel coñecer o evoluír postremeiro da súa ideoloxía, mais é significativo que, en 1961, centenario do Liceo de Artesáns do que na altura Veiga Roel era, como se dixo, presidente, fose Otero Pedrayo convidado a ditar unha palestra e que na mesma o escritor de Trasalba se referise a Veiga como
entrañable amigo, ao tempo que —entre alusións a Manuel Murguía e Antolín Faraldo— comentaba as figuras de Curros Enríquez, Rosalía Castro e Castelao, mostrando, máis unha vez, a súa irredutíbel valentía galeguista. Na mesma liña, movida por idéntico sentimento galeguista, pódese encadrar a vontade de Eduardo Blanco Amor de coñecer o fotógrafo, escribir sobre Veiga Roel un artigo que será publicado en Arxentina en 1964 e no que o autor d’A Esmorga define a obra de Veiga como un
… coetáneo, noble y expresivo (…) empapado de la más honda y misional galleguidad.
Para alén destas actividades, o futuro fotógrafo salientará en dúas disciplinas, ambas de natureza artística e as dúas relacionadas, respectivamente, coa imaxe e a minuciosidade. A primeira trátase do debuxo para o que xa aparece dotado desde os tempos da escola. Ao longo da súa vida, publicou en xornais ou revistas debuxos de paisaxes urbanas, monumentos civís e relixiosos de Betanzos, ou mosteiros galegos como Sobrado dos Monxes e Monfero. Como resultado do seu traballo, chegaron até nós hoxe, realizados a lapis, tinta ou caneta, un número de debuxos que se encontra arredor do centenar e que inclúe, ademais dos labores citados, castelos, fontes, cruceiros, retratos e autorretratos, para alén dos que acompañaban os estudos e artigos de Francisco Vales Villamarín, secretario da Real Academia Galega, o cal chegará a compor un soneto dedicado a un debuxo de Veiga do ano 1949, «El gaitero Rilo», que, doce anos despois, o fotógrafo retitularía como «O vello Rilo». Este traballo como debuxante de vocación documentadora espallouse ao longo de sesenta anos e concedeulle honras como foron a obtención do diploma extraordinario no grupo de debuxo, sección de Belas Artes, no II Certamen del Trabajo de Galicia, en 1935. A segunda tarefa é a de miniaturista da caligrafía que lle permitía a inclusión, en superficies tan pequenas como as dunha moeda, de grandes textos, apenas visíbeis con axuda de lentes de aumento. Os xornais da época, con motivo dunha exposición na Coruña, aplicaríanlle a Veiga a cualificación de
calígrafo micrógrafo.
E, malia o sobranceo público destes elementos, foi a obra fotográfica de Veiga Roel, circunscrita ao período final da súa vida e dun abastamento extraordinario, a que fixo que o seu nome se perpetuase. El mesmo, a través de entrevistas, referiu o proceso que o conducira a converter a cámara na ferramenta capaz de traducir pensamentos a imaxes. Iniciado no debuxo baixo a dirección de Juan Navaza, apaixonado pola miniatura, rexeitada a pintura por unha doenza conxénita, a discromatopsia —incapacidade de discernimento de cores—, o seu primeiro contacto coa fotografía chegara na mocidade na que, cunha cámara de placas 9x12, fotografaba motivos corriqueiros protagonizados polas súas amizades ou persoas da familia e realizaba pequenas reportaxes aparecidas en El Pueblo Gallego, a finais dos anos 20 e comezos dos 30, con motivo das festas da súa vila natal. O abeiramento definitivo ao feito fotográfico produciuse a comezos do 1954, cando Veiga inauguraba a condición de sexaxenario, ao asistir a unha exposición de fotografías que, segundo as súas palabras, o abalaron profundamente e o obrigaron a cultivar a fotografía de contidos artísticos con absoluta
intensidad vocacional, e non mostrando dúbida ningunha á hora de enfrontar os maiores rigores.
A intensidade vocacional da que nos fala Veiga Roel, ben como a determinación que puxo en xogo en relación co feito fotográfico, deitou como resultado unha produción, segundo se dixo, de inmensa magnitude, unha ampla difusión e un recoñecemento inacreditábel. As súas exposicións mostráronse en todas as cidades da Galicia, en Cataluña, Euskadi, Andalucía, viaxaron até Italia e atravesaron o Atlántico para seren olladas en Estados Unidos e Arxentina. Recibiu premios convocados por entidades públicas, —como deputacións, ministerios ou outros organismos do Estado— e privadas, como agrupacións fotográficas. Estes galardóns, dos que se chegaron a contabilizar cento setenta, con máis de trinta e oito primeiros premios, outorgáronselle en diferentes puntos de Galicia, alén dos acadados en Sevilla, Donostia, Manresa, Zaragoza ou Madrid, en canto as súas imaxes ocuparon as páxinas de revistas de primeiro nivel galego —Vida Gallega— ou estatal —Arte Fotográfico, Trenes—. Do formidábel da súa produción é boa mostra o feito de existiren concursos aos que chegou a presentar máis de noventa imaxes, conseguindo que seleccionasen case oitenta, ou exposicións de cen fotografías, algunhas delas, —como a exhibida en La Terraza en 1957, organizada pola Sociedad Fotográfica da Coruña— amosando formatos de 50x60 cm, que foron consideradas a primeira mostra galega que acollía tal volume e tamaños de imaxe. Ao mesmo tempo, as súas fotografías acompañaron obras voluminosas, como a luxosa guía de Betanzos, publicada pola entidade bancaria Hijos de A. Nuñez a comezo dos anos 30, repartida de balde nas exposicións de Sevilla e cuxa parte gráfica asinan pintores —Sotomayor, Abelenda, Lloréns, Sobrino—, gravadores —Castro Gil, Prieto Nespereira— e un fotógrafo, el mesmo.
Con relación ás súas temáticas preferidas e á explicación do que se podería nomear como unha estética, Veiga Roel manifesta unha absoluta predilección pola paisaxe, considerando que a reportaxe precisa un gran sentido da oportunidade e velocidade na concreción da tomada. Por outra parte, tentaba —segundo as súas palabras— estruturar as súas imaxes de tal maneira que os sucesivos planos que compuñan cada unha delas producisen unha progresiva degradación que chegase a xerar un certo esvaecemento no fondo da fotografía, actitude que fornece elementos de comprensión para entender o pendor do autor cara a néboas e ambientes acuáticos que posúen, de maneira natural, dito esvaecemento nos puntos máis lonxincuos da fotografía. Consecuente co paradigma fotográfico existente na súa Terra e no Estado español naqueles anos, que supuña para a fotografía o estatuto de verdade —defrontado á hipótese de verosemellanza— Veiga Roel rexeita a inexistencia de calquera tipo de trucaxe nas súas fotografías, xa que iso suporía
falsear la verdad, verdade da que, da súa perspectiva, a fotografía é portadora. Para el, é o traballo no laboratorio o responsábel de xerar cualquera tipo de efecto que, en aparencia, se mostre como estraño. O laboratorio, para Veiga, é o lugar onde acontece a outra metade da arte fotográfica, dado que da técnica non se pode escapar, aínda que se encargue de subliñar que as máquinas son elementos secundarios, chegando a afirmar que
la cámara no es nada, que a elección é a responsábel de que se obteña o acerto e que o segredo alicerza en
trabajar mucho [e] ver buenas obras. Cremos que Veiga Roel non se acha lonxe da formulación de Jeanloup Sieff cando —perguntado polo que representaba para el a técnica— resposta que
o mesmo que para Borges a gramática.
Na súa concepción da fotografía latexa igualmente unha idea que se acha presente nos anos que Veiga ocupa o panorama fotográfico galego: a fotografía como reveladora dunha realidade oculta e o fotógrafo como demiurgo, como ser iluminado que ve, que desentraña o que outras persoas non son quen de ver debido ao feito de se encontraren atrofiados os ollares pola constante visión das mesmas cousas, non lonxe da opinión de Emmet Gowin que, aínda moitos anos mais tarde afirmaba, que
as miñas fotografías tentan representar algo que vós non vedes, situación de cegueira que, segundo a opinión do betanceiro, induciría a incapacidade de apreciar a
beleza(sic). De novo aparece a beleza, ese elemento de imposíbel definición que está a vivir o principio do fin da súa operatividade como concepto estético. Baixo esta perspectiva, as súas fotografías virán envurulladas por unha casca de clasicismo —como el mesmo se confesa— de tratamento da infancia que, por veces, lembra intencións fuxidas de The family of man, da pegada do salonismo e as agrupacións fotográficas, de ocasionais artificios, do contaxio, en ocasións, do pensamento —non na técnica— presente en Schmidt de las Heras, o seu compañeiro de excursións fotográficas —e probabelmente de caza, xa que ambos os dous renovan ou obteñen as respectivas licenzas de caza en 1939—.
Malia o anterior, existe unha tendencia en Veiga Roel que o leva, xa nos seus últimos tempos de exercicio fotográfico, por outros camiños máis inseridos na contemporaneidade e nos prolegómenos do que sería unha fotografía de feitío documental, nunha actitude que López Mondéjar cualifica de esquizofrenia creativa e que converte a Veiga nunha ponte entre dúas xeracións, a primeira delas aferrollada nos límites impostos polo salonismo e a dinámica das agrupacións fotográficas e a segunda que abría á porta a perspectivas ligadas ao realismo. Neste último sentido deben considerarse, por exemplo, fotografías que estudan o traballo relacionado co mundo do mar, como «A colgar la red», «Marisqueiras» ou «Palangre», temática en que mesmo se chega a incluír a infancia, como acontece en «Pequeños mariscadores», e que se acha inmensamente afastada das néboas e das imaxes onde a auga muda nun espello e que aparecen en «Mañana de niebla», «Reflejos» ou «Los Caneiros». Sexa como for, o conxunto da produción de Veiga Roel constitúe unha considerábel e interesante achega á fotografía galega nos momentos previos a esta nortear cara a posicións que teñen como obxectivo procurar unha fenda que a conduza ao contacto coa contemporaneidade.
Bibliografía e fontes documentais
Diversos números de: A Nosa Terra (1930), Alborada, diario de Galicia (1935), Betanzos. Revista oficial del Centro Betanzos (número 57), Boletin Oficial de la provincia de La Coruña (1939), El Compostelano (1924), El Correo Gallego (1957, 1958, 1961, 1962), El Ideal Gallego (1930, 1933), El Pueblo Gallego (1928, 1929, 1930), Fiestas de San Roque. Centro Social Betanzos, Buenos Aires (1935), La Noche (1956), La Voz de Galicia (1955, 1960), Vida Gallega (1930).
Artigos e libros
Blanco Amor, Eduardo: «Veiga Roel en su Betanzos», Galicia: Revista del Centro Gall4go de Buenos Aires, 535 (1964). Posteriormente publicado en Veiga Roel. Fotografías 1954-1964. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1993.
Borobó: «Caballeros de Betanzos, La Noche, (20 de abril de 1959), 6
García González-Ledo, Xosé Antón: «Apuntes para unha biografía. Xosé Veiga Roel», Anuario brigantino, 4 (1981), 27-31.
González Lorenzo, J.: «Diálogo con Veiga Roel», ECG, (11 de setembro de 1957), 7
Keko: «D. José Veiga Roel y su acusada personalidad internacional en la fotografía artística», La Voz de Galicia, (14 de agosto de 1956), 12
López Mondéjar, P.: Fotografía y sociedad en la España de Franco, Las fuentes de la memoria III. Barcelona, Lunwerg,
Rocha, R. B. de la: «Cien fotografías de Veiga Roel», La Noche, (4 de setembro de 1957), 81996.
Sánchez Vigil, Juan Miguel: Del daguerrotipo a la Instamatic. Autores, tendencias, instituciones. Gijón: Ediciones Trea, 2007.
Veiga Roel, José: Veiga Roel. Fotografías 1954-1964. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1993.
Recursos en internet
«My photographs are intented to represent something you don’t see», accesíbel en: https://photoquotes.com/author/emmet-gowin
Como citar: Vaqueiro, Vítor : José Veiga Roel. Publicado o 7/12/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=33780. Recuperado o 22/01/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Entrevista a Veiga Roel como presidente da Sociedad Liceo Recreativo e Instructivo de Betanzos. Ver Documento. Artigo
«El Liceo realiza obras de adaptación en su local social», La Noche: único diario de la tarde en Galicia, 11356 (13 de agosto de 1959), 7
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Entrevista a Veiga Roel, por J. González Lorenzo. Ver Documento. Entrevista
González Lorenzo, J.: «Artistas de la fotografía: Diálogo con Veiga Roel», El Correo Gallego: diario político de la mañana, 2644 (11 de setembro de 1957), 7.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana
https://biblioteca.galiciana.gal/
O debuxo «El gaitero Rilo», de Veiga Roel, ilustra o poema de Francisco Vales Villamarín «O vello Rilo», . Ver Documento. Fragmento de publicación impresa
Vales Villamarín, Francisco: «O vello Rilo». En Gran festival en celebración del día de Galicia: Teatro Colón, julio 24 de 1949 Buenos Aires. Bos Aires: Centro Gallego de Buenos Aires, 1949; 23-24.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
Inclúe o debuxo «El gaitero Rilo», de José Veiga Roel.
https://biblioteca.galiciana.gal/
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Páxina dedicada a José Veiga Roel no Diccionario de fotógrafos españoles: del siglo XIX al XXI. Ver Documento
«José Veiga Roel». En Rubio, Oliva María (dir.): Diccionario de fotógrafos españoles: del siglo XIX al XXI. Madrid: La Fábrica; Acción Cultural Española, 2013; 506.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
Biografía de Veiga Roel, por Xosé Antón García González-Ledo. Ver Documento. Artigo
García González-Ledo, Xosé Antón: «Apuntes para unha biografía. Xosé Veiga Roel», Anuario Brigantino, 4 (1981), 27-31.
Fonte: Anuario Brigantino
https://anuariobrigantino.betanzos.net
Eduardo Blanco Amor escribe sobre Veiga Roel, a súa obra fotográfica e o encontro que tiveron en Betanzos. O artigo, publicado en La Noche, saíu previamente en Galicia: Revista del Centro Gallego de Buenos Aires, 535 (1964). Ver Documento. Artigo
Blanco Amor, Eduardo: «Veiga Roel en su Betanzos», La Noche: único diario de la tarde en Galicia, 13324 (13 de agosto de 1964), 5, 9.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Comentario de Máximo Sar sobre a aparición do fotógrafo Veiga Roel no programa «Las aficciones» de TVE. Ver Documento. Artigo
Sar, Máximo: «Galicia y Veiga Roel», La Noche: único diario de la tarde en Galicia, 12964 (27 de xuño de 1963), 10.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
«Anaco» de Borobó dedicado ás persoas que fotografan Santiago de Compostela, entre elas Veiga Roel. Ver Documento. Artigo
Borobó: «Anacos: Próceres de la fotografía», La Noche: único diario de la tarde en Galicia, 12090 (14 de xuño de 1960), 8.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
«Caballeros de Betanzos», de Raimundo García Domínguez
Borobó. Ver Documento. ArtigoBorobó: «Anacos: Caballeros de Betanzos», 11732 (20 de abril de 1959), 6.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Información sobre a exposición de Veiga Roel en Ferrol, nos salóns da sociedade fotográfica AFFA. Ver Documento. Artigo
«Una exposición fotográfica clásica: la fotografía como
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galicianasporty recreo del espíritu», El Correo Gallego: diario político de la mañana, 2650 (19 de setembro de 1957), 5.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Información de Carlos G. Penedo, secretario da AFFA, sobre a exposición de Veiga Roel en Ferrol. Ver Documento. Artigo
Penedo, Carlos G.: «La exposición de fotografías en los salones de la AFFA: noventa obras de don José Veiga Roel», El Correo Gallego: diario político de la mañana, 2642 (8 de setembro de 1957), 8.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana
https://biblioteca.galiciana.gal/
Apuntamento sobre Veiga Roel na sección «Artistas brigantinos» do xornal La Noche. Ver Documento. Artigo
«Artistas brigantinos: Veiga Roel», La Noche: único diario de la tarde en Galicia, 11356 (12 de agosto de 1957), 6.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Relación de persoas afiliadas ás Irmandades da Fala de Betanzos, entre as que figura Veiga Roel. Ver Documento. Noticia
«Novas da causa», A nosa terra: boletín quincenal: idearium das Irmandades da Fala, 276 (1 de outubro de 1930), 8.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana. Biblitoeca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Ligazóns de interese
José Veiga Roel no Almanaque das Irmandades. (9 de novembro de 2023)
Fonte: Almanaque das Irmandades.
http://almanaquedasirmandades.gal
Homenaxe ao fotógrafo histórico José Veiga Roel
Fonte: Sitio web do Cronista Oficial de Betanzos.
http://www.cronistadebetanzos.com/
Veiga Roel no espazo web Cada día un fotógrafo / Fotografos en la red. Entrada publicada por Luis Martínez Aniesa o 22 de outubro de 2017
Fonte: Cada día un fotógrafo / Fotógrafos en la red
http://www.cadadiaunfotografo.com
Biografía de José Veiga Roel, por Cristina Echave Durán, no DB-e da Real Academia de la Historia
Fonte: Real Academia de la Historia.
https://dbe.rah.es
Acceso en liña a Galicia en la memoria: Una selección de fondos fotográficos y cinematrográficos: 1934-1989, que inclúe obras de Veiga Roel
Fonte: Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente.
Fondo Documental Histórico Cinematográfico Agrario.
«My photographs are intented to represent something you don’t see»
Fonte: https://photoquotes.com
José Veiga Roel na Galipedia
Fonte: Wikipedia. org
Acto de nomeamento de fotógrafo histórico a José Veiga Roel
Fonte: Novas Betanzos.
https://novas.betanzos.es
Espazo web de José Veiga Roel en Pintores de Galicia
Fonte: Pintores de Galicia
www.pintoresgallegos.com
Videos
Documental sobre Manuel Rilo Pardo, gaiteiro da comarca de Betanzos inmortalizado por José Veiga Roel
Fonte: No Allo / youtube.com
Artigos José Veiga Roel
VEIGA ROEL, J. (8/1936) El gaitero Rilo | Centro Social Betanzos. 1ª, portada.
VEIGA ROEL, J. (8/1936) Travesía de la Torre | Centro Social Betanzos. 1ª, 19.



![«Convento de Sobrado de los Monjes», debuxo de Veiga Roel publicado en <cite>Fiestas de San Roque Buenos Aires. 1935</cite>. Bos Aires: Centro Social Betanzos, 1934-[1936?]](../../mediateca/extras/CCG_adg_Jose_Veiga_Roel_002a.jpg)

















![«Travesía de La Torre», debuxo de Veiga Roel publicado en <cite>Fiestas de San Roque Buenos Aires. 1936</cite>. Bos Aires: Centro Social Betanzos, 1934-[1936?]](../../mediateca/extras/CCG_adg_Jose_Veiga_Roel_001.jpg)



![«Sepulcro de Fernán Pérez de Andrade, existente en la iglesia de San Francisco», debuxo de Veiga Roel publicado en <cite>Fiestas de San Roque Buenos Aires. 1934</cite>. Bos Aires: Centro Social Betanzos, 1934-[1936?]](../../mediateca/extras/CCG_adg_Jose_Veiga_Roel_004.jpg)