Mulheres Transgredindo
Santiago de Compostela (A Coruña), 2003 - Santiago de Compostela (A Coruña), 2010Autoría: Colectivo Mulheres Transgredindo
Cando o feminismo é transgresión nas rúas de Compostela
Aínda sen nome, coordinámonos para realizar varias accións de denuncia nas rúas da cidade contra as violencias exercidas contra as mulleres nesta sociedade que é patriarcal. Neste sentido, destacamos a elaboración de dúas macropintadas en muros da avenida de Lugo.
Unha retiña o lema:
Nem machismo, nem guerra, nen chapapote que nos mate.
Nem concelho que nos desaloje. Rebeliom.
Na segunda denunciamos:
Nom fagades negocio co maltrato ás mulheres. Contra a maré negra do
concelho. Municipalizaçom da casa de acolhida. Demissons.
O desastre producido polo afundimento do Prestige a finais do 2002, a Guerra de Irak iniciada o 20 de marzo de 2003, o desaloxo da Casa Encanta ocorrido o 17 de xuño de 2003, e o noso desacordo coa xestión da Casa de acollida de mulleres maltratadas de Santiago de Compostela, condicionan os textos destas pintadas e, na súa elaboración, participaron tantas mulleres como letras que compuñan o conxunto. Cada unha encargouse de pintar unha letra e cada letra medía un metro de alto.
Na segunda metade de 2003 desprazámonos ao concello de Toques. Fixemos un acto de denuncia pública. Manifestámonos contra Jesús Ares Vázquez, alcalde do Partido Popular, pola violación a unha moza dese concello.
É xa, a finais do ano 2003, eliximos nome e presentámonos como colectivo feminista Mulheres Transgredindo en Compostela. Reuniámonos semanalmente no novo local da Casa Encantada, no n.º 35 da rúa Betanzos. Un espazo alugado e no que canda nós, seguían desenvolvendo as súas actividades os diversos colectivos vinculados á dita Casa.
Eliximos como logo un tiratacos visualizando así a nosa intención de defendernos coa arma das pobres, feita por nós, coas nosas mans, cos nosos corpos, coa nosa voz, para denunciar, berrar e loitar contra as mil caras das violencias exercidas contra as mulleres.
Para explicar, ilustrar e difundir as nosas mensaxes, tamén, utilizamos as ferramentas audiovisuais da internet como espazo libre. O xeito de actuar que escollemos foi moi visual e en certa medida simbólico, sempre centrado en dar visibilidade ás determinacións impostas ás mulleres e ás discriminacións das que somos obxecto. Empregamos para isto accións na rúa, porque:
Na cocinha ao lado da máquina de lavar esperando a que remate o programa
número 3, é onde queren que esteamos e a nós nom nos apetece...
Así, Mulheres Transgredindo utilizamos a transgresión como ferramenta contra as normas establecidas. Fixémolo sendo conscientes de que a orixe de todos os problemas é o sistema heteropatriarcal, capitalista e neocolonial con consecuencias que non se poden enumerar por orde de importancia. Sendo conscientes de que non hai un problema principal, que moitos son froito dunha construción dicotómica e binaria do mundo que nós non queremos reproducir, da que non queremos facer parte e contra a que nos rebelamos.
Con respecto ás accións de rúa desenvolvidas xa como Mulheres Transgredindo, a primeira
Contra as violencias machistas, realizámola na praza do Toural en torno ao 25 de novembro do ano 2004. Espallámonos deitadas no chan, ocupando todo o espazo da praza, cubertas cunha saba, inmóbeis e en silencio, ante unha pancarta inmensa, que colgaba dunha das xanelas do pazo de Bendaña,
berrabamosasí a nosa rabia ante as múltiples violencias: invisibilidade, dobre xornada, linguaxe sexista, discriminación laboral, acoso sexual..., e o asasinato como punto do iceberg da violencia sexista. Mentres transcorría a acción escoitábase un audio cunha canción na que María Bethania fala de amor.
A seguinte vez que saímos á rúa, tamén en 2004, foi para denunciar as mil caras da violencia contra as mulleres. Subidas en cadeiras estivemos entre a praza do Pan e a de Santo Agostiño. Cada unha das que participamos na acción portaba un cartaz onde explicabamos os motivos que nos levaban a estar na rúa. Entre outros lemas empregamos:
ESTOU NA RÚA...:
… porque existo
… porque na casa tenho medo
… porque estou farta
… porque non tenho casa
… porque son mulher e migrante
… porque só me deixan ser ama de casa
… porque na escola silencian a voz das mulheres
… porque son unha mulher con discapacidade... e existo
... etc.
En marzo do 2005 volvemos á rúa para denunciar ao Imperio Inditex baixo lema
Día dos trapos suxos em Zara. Na rúa doutor Teixeiro sentámonos en cadeiras, cosendo e denunciando a situación de escravitude laboral en que se atopaban as traballadoras galegas e doutras partes do mundo na industria do téxtil. En cada cadeira un cartaz con diferentes textos de denuncia. Algúns destes:
admitida para trabalho clandestino
once horas diarias/100 € mes
sem dereito a enfermar
sem contrato
sem dereito a sindicaçom
inditex = excravitude
talher de exploraçom de imigrantes
horas ‘extras’ obrigatorias
... etc.
Noutra acción contra a explotación laboral no imperio do téxtil de Inditex, esta vez dentro das propias tendas de dito imperio en Compostela, usamos etiquetas que colocabamos nas prendas de roupa nas que se podían ler textos como:
Inditex paga por esta peza 0,17 €
cosida por unha mulher que fai horas extraordinarias sem remunerar
En decembro de 2005, noutra acción de rúa, quixemos visibilizar o que representan o mito da beleza para as mulleres e denunciamos ás corporacións dermoestéticas que fan negocio a conta dos nosos corpos. Situándonos na rúa da Senra ante un destes centros de tortura psicofísica. Berramos!
Corporación dermopatética asobalha a marabilha da diferênza
Ademais levabamos cartazes nos que podía lerse:
nem liposucióm que me absorba nem moda que me oprima
gústame o meu cu, gústame a minha cona, fóra a silicona
este corpo está vivo, sente, nom me oprime
as enrugas som os meus sorrisos, nom quero ser eternamente xove
demasiado pequena comparada con quen?
Inventan os nosos complexos, constrúen o seu negócio: por que te jogas a pel??
Tampouco esquecemos denunciar todo o que representa a igrexa católica como máxima expresión da represión da liberdade e negación das mulleres. Así, nunha das accións percorremos Compostela precintando once das moitas igrexas que hai na cidade, por machistas, misóxinos, homófobos, ladróns, pederastas, fundamentalistas. E en maio de 2005 precintamos a Catedral. Empregamos para isto 525 metros de cinta e colocamos cartaces nos que diciamos:
nom aos fundamentalismos
nom ao machismo
nom á homofóbia
nom ao fascismo
nom ás extorsions dos povos, das pessoas, nem das ideias
NOM!, en definitiva, a todo aquilo que representa a igrexa católica neste país.
Tamén saímos á rúa coa intención de ser o espello do que se oculta nas macrocadeas do estado. Máis concretamente, estivemos na praza do Pan para denunciar as políticas discriminatorias e as agresións das que son obxectos as presas nas institucións penitenciarias. Ante a invisibilización da súas realidades denunciamos:
Som mulher, estou presa: EXISTO
Quixemos ser a voz e dar presenza ás mulleres que non podían estar, das que foron atrapadas polas redes dos verdugos do poder, as PRESAS.
En febreiro do 2006, en tempo de entroido, fixemos un Akelarre Feminista na praza do Pan. Como herdeiras das bruxas que nos precederon, queimamos todo o que simboliza o patriarcado: a igrexa, a familia, o matrimonio, a monarquía, o fútbol, o capital, o tío Sam, a escola, os militares de todos os rangos que matan e violan defendendo ao capital… Conxuramos ás nosas ancestras no Xoves de Comadres e izamos de lume e berros a rúa.
Noutra ocasión escenificamos actos de renomeamento das rúas de Compostela nalgúns barrios da zona vella, entre Santa Clara e San Pedro. Nomeamos as rúas das Labregas, das Mariñeiras, das Peixeiras, das Feministas, etc. Non puxemos nomes de mulleres importantes para o mundo, que as hai e a moreas, quixemos que as paredes falaran de nós, daquilo que lle importa ao pobo, porque a linguaxe é importante, porque os nomes nos definen. Por iso, por todo iso, tomamos as rúas para que os muros berrasen con nós coma espellos das nosas loitas.
En 2008, en Área Central, no polígono das Fontiñas, xunto co colectivo feminista da Coruña
Non me pises o freghaodenunciamos a situación de escravitude ás que se ven sometidas as empregadas domésticas. Percorremos o dito centro comercial con utensilios de limpeza, portando cartaces de denuncia e chamando a atención coas nosas voces ao berro de:
Non máis escravas sociais! Non máis escravas laborais! Dereitos laborais xa!
Como resposta a un texto publicado en El Correo Gallego, na sección de «Sonrisas» no que se facía apoloxía do terrorismo contra as mulleres, volvemos saír á rúa. Entramos nas oficinas dese xornal para esixir a rectificación inmediata, a publicación dunha desculpa no mesmo medio e a supresión da sección xa que esta non era a primeira vez que se xustificaban, lexitimaban e normalizaban, a través de supostos chistes, as violencias exercidas contra as mulleres.
Tamén penduramos faixas denunciando as violencias sexistas nas pontes das estradas que rodean Compostela. Nelas podíase ler por exemplo:
perigo, machistas soltos
na mesma fin de semana: 2005: 50 assasinadas, 2006: 60 assasinadas
En 2010 Mulheres Transgredindo integrámonos na Rede Feminista Galega que daquela iniciaba a súa andaina. Unha das nosas primeiras campañas como conxunto foi articulada ante a visita de Joseph Ratzinger a Galiza baixo o lema
Papa, as mulheres galegas nom te esperamos. O 26 de outubro do 2010 ante o xulgado de Instrución n.º 1 de Santiago de Compostela metemos por rexistro a primeira denuncia contra o Papa por representar a organización que máis dano fai e fixo ás mulleres no mundo desde tempos inmemoriais. Ademais, censuramos o financiamento da visita con fondos públicos e esiximos ás administracións que devolvan os cartos cos que se financiou e que non se entregue nin un euro máis á igrexa católica.
Noutra liña de actividades, participamos en diversas xornadas e charlas feministas coa idea de seguir medrando e tecendo redes coa axuda de militantes doutras loitas, doutras mulleres e colectivos. Asemade, desde novembro de 2005 participamos na Radio Livre Radio Kalimera cun programa que titulamos Transgresoras nas ondas. Emitiamos as terceiras ou cuartas feiras. Queriamos ser un voceiro das sen voz, de mulheres concretas, das de colectivos, das descoñecidas e anónimas. Todas elas sabias e exemplos dos que aprender.
Para recadar fondos para a elaboración do material e de todo o que precisabamos nas accións de rúa, fixemos almanaques, chapas e isqueiros. Nunca solicitamos ningún tipo de subvención.
Acordarmos a nosa disolución en 2010, incide nisto a desaparición do local da Casa Encantada e a creación da Rede Feminista Galega na que moitas de nós centraron a súa actividade militante.
Como citar: , Colectivo Mulheres Transgredindo : Mulheres Transgredindo . Publicado o 7/3/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=34255. Recuperado o 23/09/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Mulheres Transgredindo e Nonmepisesofreghao: «non máis escravas sociais! non máis escravas laborais! Dereitos laborais xa!» (2008)
Folla voandeira elaborada con motivo do acto de denuncia articulado por Mulheres Transgredindo e Nonmepisesofreghao en Área Central de Compostela
Fonte: mambo.pimienta.org [data de descarga 03-03-2022]
Mulleres e rueiros urbanos (2007)
Voandeira de Mulheres Transgredindo para a acción de renomeamento de rúas en Compostela
Fonte: Arquivo colectivo de Mulheres Transgredindo. Fondo doado ao proxecto Memoria en movemento do CDIF-CCG
Aquelarre feminista (2006)
Documento elaborado por Mulheres Transgredindo para unha acción nas rúas de Compostela en febreiro de 2006
Fonte: Arquivo colectivo de Mulheres Transgredindo. Fondo doado ao proxecto Memoria en movemento do CDIF-CCG
O machismo nace, medra, reprodúcese e Mataaa!!! (2006)
Voandeira de Mulheres Transgredindo. Acción de denúncia contra as violencias contra as mulleres
Fonte: Arquivo colectivo de Mulheres Transgredindo. Fondo doado ao proxecto Memoria en movemento do CDIF-CCG
Cancións feministas de Mulheres Transgredindo (2005-2010)
As denuncias e reivindicacións de Mulheres Transgredindo tamén se expresan en cancións
Fonte: Arquivo colectivo de Mulheres Transgredindo. Fondo doado ao proxecto Memoria en movemento do CDIF-CCG
Mulheres Transgredindo: «Transgrede que algo fica» [06-06-2005]
Acción de rúa de Mulheres Transgredindo na que a Catedral de Compostela queda precintada
Fonte: 2001.atrio.org [data de descarga: 03-03-2023]
Son muller… som presa… Existo! (2005-2006)
Voandeira elaborada por Mulheres Transgredindo
Fonte: Arquivo colectivo de Mulheres Transgredindo. Fondo doado ao proxecto Memoria en movemento do CDIF-CCG
Estamos hoje na rúa (2005)
Voandeira de Mulheres Transgredindo
Fonte: Arquivo colectivo de Mulheres Transgredindo. Fondo doado ao proxecto Memoria en movemento do CDIF-CCG
Inventan os nosos complexos. Constrúen o seu negócio (2005)
Voandeira de Mulheres Transgredindo para a campaña contra as corporacións dermo-estéticas
Fonte: Arquivo colectivo de Mulheres Transgredindo. Fondo doado ao proxecto Memoria en movemento do CDIF-CCG
DOCUMENTACIÓN SOBRE
«Feministas galegas denuncian ao Papa» (03-11-2010)
Mulheres Transgredindo e outros colectivos feministas activos en Galicia, nunha das actividades da campaña “Eu non te espero” contra a visita do Papa a Santiago de Compostela
Fonte: galizaconfidencial [data de descarga: 31-05-2022]
«Colectivos feministas denuncian por delitos de apología del genocidio y crímenes de lesa humanidad», Diagonal (02-11-2010)
Nova sobre a campaña “Eu non te espero” contra a visita do Papa a Santiago de Compostela artellada pola Plataforma Unitaria de actos contra o Papa na que participan entre outras a Rede Feminista Galega da que fan parte entre outras Mulheres Transgredindo, Nomepisesofragao ou Maribolheras Precarias
Fonte: diagonalperiodico.net [data de descarga: 31-05-2022]
REI, Sole: «Desde pequenas fomos constroídas para soster um sistema que nos nega e oprime» (15-06-2005)
Entrevista a Mulheres Transgredindo publicada en Novas da Galiza
Fonte: novas.gal [data de descarga: 31-05-2022]
Espectacular acción de
Mulheres transgredindoen Compostela, para denunciar al imperio Inditex (18-03-2005)A publicacións dixital kaosenlared, recolle, traduce e espalla materiais da acción de rúa de Mulheres Transgredindo en Compostela, para denunciar ao imperio Inditex
Fonte: Kaosenlared [Data de descarga: 31/05/2022]
Kalimero: «Acción en las calles del colectivo "Mulheres Transgredindo" de Compostela» (09-11-2004)
Mulheres Transgredindo saen a rúa para denunciar as mil caras da violencia contra as mulleres
Fonte: lahaine.org [data de descarga: 24/02/2023]
Casa Encantada 1991-2002. Espazo ocupado no que se articulan os xermolos de Mulheres Transgredindo
Folleto autoeditado pola Casa Encantada no que a través de imaxes e textos se fai un percorrido polo traballo desenvolvido desde esta casa okupa na cidade de Santiago de Compostela
Fonte: Arquivo persoal de Mariám Mariño Costales
Ligazóns de interese
alasbarricadas.org da conta da «Nueva acción de Mulheres Transgredindo. Corporación dermopatética asobalha a marabilha da diferencia» [21-12-2005]
[última consulta: 03-03-2023]
grupotortuga.com da conta da «Nueva acción de Mulheres Transgredindo. Corporación dermopatética asobalha a marabilha da diferencia» [21-12-2005]
[última consulta: 03-03-2023]
Mulheres Transgredindo precinta igrexas en Compostela [23-04-2005]
[última consulta: 03-03-2023]
Acción de rúa desenvolvida por Mulheres Transgredindo na praza do Toural de Compostela (25-11-2004)
[última consulta: 03-03-2023]
«Saímos a rúa porque…». Acción de rúa de Mulheres Transgredindo [25-11-2004]
[última consulta: 03-03-2023]
Videos
Concentraçom da Rede Feminista Galega contra a visita do Papa
[última consulta: 03-03-2023]
«Mulheres Transgredindo». Un percorrido sonoro e visual polas accións desenvolvidas por este colectivo entre 2002 e 210. Elaborado por As Candongas do Quirombo
Fonte: Arquivo colectivo de Mulheres Transgredindo. Fondo doado ao proxecto Memoria en movemento do CDIF-CCG