Eduardo Rodríguez-Losada
A Coruña, 2/ 3/1886 - A Coruña, 2/11/1973Autoría: Nelly Iglesias
Arquitecto e compositor coruñés
Ante a reticencia familiar a realizar estudos musicais de forma profesional, e tendo gran facilidade para o debuxo, decide estudar a carreira de Arquitectura na Universidade de Santiago de Compostela e na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid entre os anos 1902 e 1910.
En 1913, xa de regreso na súa cidade natal, contrae matrimonio en Vilagarcía de Arousa con María Trulock Bertorini, primoxénita do matrimonio conformado por Josefina Bertorini Jones e John Trulock Glascott, avós do Nobel de literatura Camilo José Cela Trulock, sobriño de Rodríguez-Losada.
Posteriormente, comeza a desenvolver o seu traballo como arquitecto na cidade herculina ata que en 1921 enferma gravemente de tuberculose, trasladándose para a súa recuperación ao Escorial, período no que se dedicará enteiramente á composición.
Esta viaxe repetirase en 1934 coa finalidade de lograr a melloría da súa filla Pilar, afectada pola mesma enfermidade, e que o compositor aproveita para preparar a estrea de tres das súas óperas: O Mariscal, El Monte de las ánimas e Ultreya!
Rodríguez-Losada pasa o resto da súa vida na súa cidade natal, con esporádicas viaxes ao estranxeiro (tanto por traballo como para escoitar as óperas de Wagner nos festivais de Bayreuth), dedicado á composición, á estrea de obras, atendendo ao seu traballo de arquitecto e como cabeza da súa extensa familia formada por dez fillos.
Falece na casa familiar o 2 de decembro de 1973 entregado á composición da súa última ópera El Gran Teatro del Mundo.
Como mencionamos inicialmente, a carreira de Rodríguez-Losada centrouse en dous ámbitos fundamentais, o arquitectónico e o musical.
No plano arquitectónico foi considerado como un dos máis importantes e prolíficos arquitectos rexionalistas galegos, sendo nomeado interinamente o 4 de marzo de 1914 Arquitecto da Deputación da Coruña e o 15 de decembro Arquitecto Provincial.
Rodríguez-Losada desempeñou este cargo ata 1956, caracterizándose por un eclecticismo académico (en auxe nos seus inicios na Escola de Arquitectura de Madrid). Aínda se conservan na Coruña varias construcións nas que podemos apreciar o seu inconfundible estilo arquitectónico, como a Casa Cortés, o Chalet Escudero ou o coñecido barrio de Ciudad Jardín, no cal chegou a residir o propio compositor; aínda así, a súa actividade non se limitou á propia cidade senón que realizou proxectos en diferentes localidades como Ribadeo, Noia, Ferrol ou Vilagarcía de Arousa.
Os seus méritos como arquitecto levárono a ser nomeado Académico de Número da sección de Arquitectura da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, onde leu un discurso titulado La Madre de Dios y el río de la poesía gallega: Santa María del Sar, que está custodiado pola propia institución. A este cargo renunciará anos máis tarde e será nomeado Académico de Honra.
No plano compositivo, a súa primeira toma de contacto co mundo musical prodúcese na súa nenez a través de leccións esporádicas de piano e solfexo de varios profesores particulares. Aínda así, a súa formación é esencialmente autodidacta, sobre todo no ámbito da composición, polo cal finalmente se decide a buscar axuda en Canuto Berea, quen lle proporciona os seus primeiros tratados de composición, harmonía, contrapunto e orquestración. Tan só recibe leccións de Conrado del Campo, o seu único mestre coñecido, durante o período de convalecencia da súa enfermidade en Madrid en 1921.
Rodríguez-Losada é coñecido maiormente polas súas óperas, sobre todo polo conxunto O Mariscal, El Monte de las ánimas e Ultreya!, para as que busca a colaboración de grandes intelectuais e artistas do momento: escenógrafos como Camilo Díaz Baliño, cantantes galegos como Enriqueta Brandón, Fernando Navarrete, Honoria Goicoa e Carmen Floria, Faustino Arregui ou Aníbal Vela nas súas estreas en Madrid; literatos que exerceron como libretistas das súas grandes composicións como Villar Ponte, Ramón Cabanillas ou Cotarelo Valledor; así como das mellores orquestras e directores do momento: Arámbarri, Arbós ou Garaizábal, entre outros.
É comprensible que este repertorio sexa o que máis destaca da súa produción polo sobreesforzo que supón a súa posta en escena e, sobre todo, pola expectación que xeraba unha grande estrea dun compositor galego. Non obstante, o seu corpus musical (con máis de setenta obras) abarca xéneros varios como a música sinfónica, ópera, cámara, obras para piano, música vocal, relixiosa, lixeira ou militar, sendo os xéneros máis extensos as obras vocais, as obras para piano e a música de cámara.
Canto ao repertorio operístico, Rodríguez-Losada compuxo as seguintes catro óperas:
El Gran teatro del Mundo, sobre o texto de Calderón de la Barca, sen estrear e considerada unha das súas últimas obras.
El Monte de las Ánimas (ópera en dous actos) con libreto de Julio Casal e versificado por Luis Núñez de Cepeda sobre o texto de G. A. Bécquer. Foi estreada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña o 6 de maio de 1927 e reposta en días posteriores de novo na Coruña, Santiago, Vigo e Pontevedra.
O Mariscal, ópera en tres actos, con libreto de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte. Foi estreada o 31 de maio de 1929 no Teatro Tamberlick de Vigo e reposta nos principais teatros de Pontevedra, Ferrol e A Coruña. Esta obra constituíu un verdadeiro canto a Galicia, recuperando os ideais románticos e posrománticos de procura de inspiración no pasado medieval dos pobos así como do folclore e das lendas propias de Galicia.
Ultreya!, ópera en tres actos, con libreto de Cotarelo Valledor. Foi estreada no Teatro da Zarzuela de Madrid o 13 de marzo de 1935 e reposta en días sucesivos en varias funcións diarias. A estrea desta ópera foi sometida á opinión dos máis destacados compositores e críticos musicais do momento: Turina, Salazar, Pittaluga, Jacopetti, Halffter-Escriche, Jaquotot ou José Subira, entre outros. Todos eles coincidiron en destacar as grandes sonoridades orquestrais, as ricas melodías e a sabia instrumentación. Destacan nela a recuperación do tema das peregrinacións a Santiago de Compostela, o concepto de redención a través da fe e o heroe medieval que loita contra o invasor bárbaro.
En canto á música sinfónica, compuxo catro poemas sinfónicos e catro sinfonías, unha delas incompleta.
Dous dos poemas sinfónicos, El Gnomo e El Miserere, están baseados nas lendas do sevillano Gustavo Adolfo Bécquer, caracterizadas polo quebranto das normas que conducen a un final exemplarizante coa penitencia ou a condena daqueles que as vulneran, sendo estreadas o 8 de maio de 1925 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña pola Orquestra Sinfónica de Madrid e o 26 de marzo de 2010 pola Orquestra Sinfónica de Galicia no Palacio da Ópera da Coruña, respectivamente.
El Diablo Mundo, baseado no Canto III do poema de José de Espronceda, foi estreado o 31 de maio de 1928 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña pola Orquestra Sinfónica de Madrid.
Por último, Los Caneiros, impresión sinfónica, toma como fonte de inspiración a popular romaría celebrada desde finais do século XIX na ribeira do río Mandeo ao seu paso por Betanzos. Foi estreada o 24 de febreiro de 1937 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña baixo a dirección de Alberto Garaizábal, descrita pola crítica con sabor e ambiente galegos, moderna e orixinal.
Entre as súas catro sinfonías, Rodríguez-Losada deixa o bosquexo dunha Sinfonía en Re menor, sen instrumentar; a Sinfonía en Do menor, n.º 3, e as súas obras máis coñecidas, a Sinfonía en Sol menor, n.º 1: presentada ao concurso de Música do Círculo de Bellas Artes de Madrid co lema
Cariátidee estreada no Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Música de Vigo (o primeiro movemento da redución a dous pianos) e a Sinfonía en La menor, estreada en 1949 no Teatro Rosalía de Castro e reposta reiteradamente en anos posteriores pola Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia.
Por último, entre a súa obra orquestral atópase o ballet La Santa Compaña, con escenificación e argumento de José Manuel Rey de Viana e cuxo prólogo inicialmente ía ser escrito por Camilo José Cela, e o Concierto para piano e orquesta, estreado pola pianista Pilar Cruz no Teatro Colón da Coruña coa Orquestra Sinfónica Municipal o 29 de maio de 1955.
No plano camerístico podemos atopar dúos para violín e piano (Sonata en Sol mayor, Allegro de la Sonata en re menor…), tres tríos para violín, violoncelo e piano, oito cuartetos de corda (aínda que os n.º 3 e 4 son dúas versións da mesma obra) e numerosas obras para canto e piano sobre textos de autores recoñecidos como Ramón Cabanillas, Rosalía de Castro, Aureliano J. Pereira, Acácio de Paiva ou Xosé Fernández Ferreiro, entre outros.
Entre o repertorio solista para piano destacan obras como os 22 Preludios, Preludios y Fugas, dúas Sonatas, Allegro en Re menor ou a Suite para piano homenaje a Albéniz.
Para finalizar, non podemos deixar de mencionar a música relixiosa (un Gloria para unha misa, unha Misa completa para piano e dúas voces en galego e un Motete); a música lixeira, co Pasodoble Manolo Escudero, súper pasodoble taurino (para voz e piano, con letra de Felipe López Delgado); e a música militar co Himno al ejército del aire, presentado a un concurso no ano 1967 co lema
En Cadenae sobre o texto de José María Pemán, e a Marcha Militar para la Armada Española, presentada ao «Concurso para la adopción de una Marcha Militar para la Armada Española» no ano 1965 co lema
Elcano, á parte de diversos bosquexos de obras inacabadas.
Ademais da súa faceta de arquitecto e compositor, Rodríguez-Losada formou parte activa da vida musical da Coruña. Xunto a Canuto Berea foi o impulsor da constitución, en marzo de 1916, da Orquestra Sinfónica Coruñesa e da promoción de actividades como membro da directiva da Sociedad Filarmónica.
Bibliografía
Cabanillas Enríquez, Ramón; Villar Ponte, Antón (1929): O Mariscal: lenda tráxica en verso. A Coruña: Nós, Pubricacións galegas e imprenta.
Carreira, Xoán Manuel (1984): «Ultreya!: unha ópera galega para estrenar en Madrid», Revista Monográfica de Cultura, 13-18.
Carreira Antelo, Xoán Manuel (1988): «Eduardo Rodríguez Losada: o compositor de O Mariscal», A Nosa Terra. A nosa cultura, 10 : 40-41.
Carreira Antelo, Xoán Manuel (1986): «El compositor Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón (1886-1973)», Separata de la Revista de Musicología, IX-1 : 97-140.
Groba y Groba, Rogelio (2010): O Mariscal de Rodríguez-Losada: primeira ópera bilingüe galega. Vigo: Fundación Mondariz Balneario.
Insua López, Emilio Xosé (2005): Sobre o Mariscal de Cabanillas e Villar Ponte: contexto, xénese, contido e peripecia dunha obra-mestra do teatro galego. A Coruña: Biblioteca-Arquivo Francisco Pillado Mayor.
Liaño Pedreira, María Dolores (2012): Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón: catálogo de partituras. A Coruña: Deputación Provincial.
Varela Alén, José Luis (2010): Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón: arquitecto. Pontevedra: Fundación Mondariz Balneario.
Villar Ponte, Antón; Cabanillas Enríquez, Ramón (2010): O Mariscal. Lenda histórica, traxediada. Vigo: Fundación Mondariz Balneario.
Como citar: Iglesias, Nelly : Eduardo Rodríguez-Losada. Publicado o 7/11/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=34765. Recuperado o 21/01/2026
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Programa de man do Acto conmemorativo do centenario do nacemento de Camilo José Cela, onde se interpretan varias obras de Eduardo Rodríguez-Losada. Ver Documento. Programación
Programa de man: Acto conmemorativo del Centenario del nacimiento de Camilo José Cela (1916-2016). Instituo cervantes. Madrid, 7 de septiembre de 2016
Fonte: Arquivo persoal de Nelly Iglesias Ríos
Artigo de Camilo José Cela no diario ABC: «Mi tío Eduardo». Ver Documento. Páxina de prensa
Cela Trulock, Camilo José: «Mi tío Eduardo», ABC, (2 de maio de 1999), 19.
Fonte: Diario ABC
Crítica de Joaquín Turina da estrea da ópera Ultreya!, de Eduardo Rodríguez-Losada. Ver Documento. Noticia
Turina, Joaquín: «Ultreya! Ópera española de Armando Cotarelo, música de Eduardo Rodríguez Losada», El Debate, 126 (14 de marzo de 1935), 4.
Fonte: diario El Debate
Crítica de Enrique Ruiz de la Serna pola estrea da ópera Ultreya!, de Eduardo Rodríguez-Losada, en Madrid. Ver Documento. Noticia
Ruiz de la Serna, E.: «Las novedades escénicas de anoche. Y en la Zarzuela triunfaron libro y música de la ópera Ultreya! de Cotarelo Valledor y Rodríguez Losada, respectivamente», El Heraldo de Madrid, 15 300 (14 de marzo de 1935), 4
Fonte: Biblioteca Nacional de España
Programa de man da ópera Ultreya!, representada o 12 de marzo no Teatro da Zarzuela de Madrid. Ver Documento. Programación
Programa de man da ópera Ultreya!, representada o 12 de marzo no Teatro da Zarzuela de Madrid
Fonte: Arquivo familiar Rodríguez- Losada
Entrevista a Cotarelo Valledor e Rodríguez-Losada co gallo da estrea de O Mariscal no Teatro Tamberlick de Vigo en 1929. Ver Documento. Entrevista
Canda, Emilio: «Teatro gallego. Estreno de O Mariscal en el Tamberlick de Vigo», Vida gallega, 415 (10 de xuño de 1929), 11.
Fonte: Arquivo persoal de Nelly Iglesias
Programa de man da ópera El Monte de las ánimas, representada o 22 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Ver Documento. Programación
Programa de man da ópera El Monte de las ánimas, representada o 22 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela
Fonte: Arquivo familiar Rodríguez-Losada
Programa de man da ópera O Mariscal, representada no Teatro Linares Rivas da Coruña. Ver Documento. Programación
Programa de man da ópera O Mariscal, representada no Teatro Linares Rivas da Coruña
Fonte: Arquivo familiar Rodríguez-Losada
Ligazóns de interese
Acceso en liña á publicación La Ciudad Jardín coruñesa: textos para un centenario
Fonte: Repositorio da Universidade da Coruña.
http://hdl.handle.net/2183/28463
Recompilación de prensa sobre a estrea da ópera Ultreya de Armando Cotarelo Valledor con música de Eduardo Rodríguez-Losada. 1935
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia
Tese de doutoramento de Nelly Iglesias: Eduardo Rodríguez-Lousada Rebellón: 1886-1973. Vida y obra musical
Fonte: https://minerva.usc.es/xmlui/handle/10347/20519. [Consulta: 2023/10/11]
Gravación do Pasodoble Taurino de Rodríguez-Losada con letra de Felipe López Delgado
Fonte: http://bdh.bne.es/bnesearch/CompleteSearch.do?showYearItems=&field=todos&advanced=false&exact=on&textH=&completeText=&text=felipe+lopez+delgado&pageSize=1&pageSizeAbrv=30&pageNumber=3. [Consulta: 2023/10/11]
Biografía de Eduardo Rodríguez-Losada, escrita por Jesús Ángel Sánchez García, no Diccionario Biográfico da Real Academia de la Historia
Fonte: Real Academia de la Historia.
https://dbe.rah.es/
Rodríguez-Losada na páxina web de Art Nouveau Coruña
Fonte: https://xn--artnouveaucorua-crb.com
Eduardo Rodríguez-Losada no catálogo da BNE
Fonte: Biblioteca Nacional
https://datos.bne.es
Videos
Aprendiendo de la Ciudad Jardín · 1921-2021, documental realizado polo Grupo de Investigación en Historia da Arquitectura da Universidade da Coruña sobre o barrio coruñés deseñado por Rodríguez-Losada. A música é tamén deste arquitecto e compositor
Fonte: canle de Antonio S. Río Vázquez / youtube.com











