María Antonina Sanjurjo

Santiago de Compostela, 1910 - Vigo, 1939

Biografía

----

María Antonina Sanjurjo

Santiago de Compostela, 1910 - Vigo, 1939

Autoria: Cristina López Villar

DOI: 10.17075/adg.3623

Pioneira do deporte galego e considerada “nai” do hóckey sobre herba en Galicia

María Antonina Sanjurjo Aranaz naceu en Santiago de Compostela o 6 de xullo de 1910. Foi a segunda de trece irmáns, filla de Manuel Sanjurjo Otero e María Aranaz Elices. O seu avó foi o recoñecido empresario Antonio Sanjurjo Badía, gran emprendedor que con dezasete anos deixara a súa vila natal de Sada para emigrar a Cuba. Coñecido como “O habilidades” pola súa capacidade inventiva, cando regresa a Galicia monta uns talleres en Vigo, onde se constrúen máquinas e caldeiras a vapor. Entre outros, inventa un trebello submarino e transforma coches a vapor en máquinas de bencina. O pai de Antonina vincúlase aos negocios montados polo seu pai, de modo que a vida da familia xira ao redor da empresa.

Antonina estudou peritaxe mercantil en Vigo e titulouse no ano 1929 na Escola Profesional de Comercio de Vigo. Nese mesmo ano formou parte como vogal da xunta directiva da asociación de estudantes mercantís de Vigo. E en 1930 obtivo o título de profesora mercantil na Escola de Altos Estudos Mercantís da Coruña. Era unha persoa cunha grande inquietude intelectual, porque decide continuar estudando. Así, matricularse na Facultade de Dereito da Universidade Central e na Escola de Altos Estudos Mercantís de Madrid, graduándose nesta última en 1932, ano no que comeza a exercer como profesora axudante da Cátedra de Xeografía na Escola Profesional de Comercio de Vigo. Estudar en Madrid é a causa pola que vai a vivir na Residencia de Señoritas de Madrid.

É precisamente nesta residencia onde coñece o hóckey. Esta experiencia fai que, no verán de 1932, decida crear en Vigo o Atlántida Hóckey Club. Segundo as propias palabras de Antonina nun diario, créase para poder xogar contra o Vigo H.C. Nesta iniciativa colaboran con ela as súas irmás Carmela e Tere. Mesmo, as máis pequenas participan cada vez que o club celebra unha festa cociñando as que elas chamaban “galletas atlántida”. Antonina é considerada pola prensa da época a alma mater do hóckey galego. No ano 1933 nace a Federación Galega de Hóckey, da que formará parte como tesoureira e da que recibe o título de presidenta de honra. Neste mesmo ano pronuncia unha conferencia, o día 11 de xullo, na que, como muller avanzada e feminista, defende a práctica deportiva das mulleres desde unha visión democrática. Literalmente dí: “Na participación nos deportes desaparecen moitos prexuízos sociais. Non hai cursis nin elegantes, nin aristócratas nin plebeos, senón simplemente educación e bos ou malos deportistas”.

No 1931 temos coñecemento dunha nova do Faro de Vigo, na que se recolle un manifesto de mulleres universitarias solicitando o voto para a candidatura galeguista formada por Alfonso Daniel Rodriguez Castelao, Valentín Paz-Andrade e Ramón Cabanillas Enríquez. E aquí aparece a sinatura de María Antonina. A súa vinculación co Partido Galeguista vai a máis e no ano 1933 ingresa no grupo de Vigo, actuando como bibliotecaria, para no ano 1936 aparecer nas actas do partido como afiliada.

Da súa solicitude dunha das bolsas de intercambio entre colleges americanos e a Residencia de Señoritas, resulta a concesión dunha para o prestixioso Smith College durante o curso 1934-35. A propia María de Maeztu, directora da Residencia de Señoritas, acompañouna até Lisboa, dende onde partiu en barco rumbo a América. Xa instalada no estranxeiro, segue ao corrente do que acontece no club Atlántida grazas ás cartas da súa irmá Carmela. Nos Estados Unidos estudou Xeografía e no curso 1935-36 obtivo unha bolsa na Clark University. Alí merca un coche e segue a practicar deportes, como era tradición nos colexios americanos. Mentres realiza a súa tese tamén traballa de instrutora no New Jersey College for Women durante os cursos 1936 e 1938. Aínda que tiña a idea de facer a súa investigación sobre a industria pesqueira e derivadas de Vigo, finalmente estuda as colonias francesas. En 1938 remátaa co título An Approach To The Colonial Evaluation Of The French West Indies And French Guiana, no departamento de Xeografía da Universidade de Clark. Enferma de tuberculose, polo que a súa nai viaxa xunto á súa irmá Carmela para traela de volta a Galicia, onde falece aos vinte e nove anos o 31 de outubro de 1939.

AGRADECEMENTOS
Santiago González Sanjurjo
María Jesús Sanjurjo Aranaz

Como citar: López Villar, Cristina : María Antonina Sanjurjo. Recuperado o 01/04/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3623 DOI: 10.17075/adg.3623]

Obra de María Antonina Sanjurjo

«Las Universidades norteamericanas. Crónica de una señorita viguesa»

Artigo de Antonina Sanjurjo Aranaz
Fonte: Faro de Vigo (11-5-1935), p.7

Obra sobre María Antonina Sanjurjo

Fragmento do libro Amor de tango de María Xosé Queizán
Fonte: QUEIZÁN, María Xosé, Amor de tango, Edicións Xerais de Galicia, 1992, p. 100-101
«Una región que se entrega al jockey con el mayor entusiasmo».

Nova sobre o Atlántida Hockey Club do que María Antonina Sanjurjo é fundadora
Fonte: Semanario Gráfico AS (29-01-1934), p. 6

Bibliografía

- “Arquivo da Junta para la Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (1907-1939)”, Expediente de Antonina Sanjurjo Aranaz, http://archivojae.edaddeplata.org/jae_app/JaeMain.html (18-4-2012)
- PÉREZ, A.: “Hockey en Vigo. Historia escrita por mujeres”, Hockey español, n.º 11 (1987), p. 44-48.
- SANJURJO, M. A.: An Approach To The Colonial Evaluation Of The French West Indies And French Guiana, Massachusetts, Clark University, 1938 [tese de doutoramento inédita]
- “Amigos del arte. Charla de María Antonia Sanjurjo Aranaz”, Faro de Vigo, (12-7-1933), p. 5.
- “Partido galleguista. Nueva directiva del grupo de Vigo”, El Pueblo Gallego(1933), p. 7. El Pueblo Gallego (1933).
- “Ante las cortes constituyentes. Un manifiesto de las mujeres universitarias”, Faro de Vigo (27/06/1931), p. 8. Faro de Vigo (27/06/1931)