Mercedes Vieito

Cuba, 1887 - Cuba, 1960

Biografía

----

Mercedes Vieito

Cuba, 1887 - Cuba, 1960

Autoria: Sonia Enjamio

DOI: 10.17075/adg.4137

Mestra, xornalista e amante da xustiza social

A saudade e o cariño cos que o inmigrante, en todos os tempos, identifica a súa terra natal perdura coa vida a pesar da transformación que sofre no día a día da sociedade receptora. Moitos mantéñena vixente nos seus recordos... non obstante, é difícil escribir sobre unha persoa nacida en Cuba, que sentiu tanto amor á terra dos seus pais e que dedicou a súa vida á defensa da identidade cultural galega.

A cubano-galega Mercedes Vieto Bouza é paradigma destes sentimentos. Filla de José Vieito Freire e Rosa Bouza Maseda, inmigrantes das Somozas (A Coruña). A identidade galega destes vai ser fonte de sólidos principios e do seu futuro quefacer literario. Nacida no populoso e modesto barrio Jesús María da capital, o 11 de febreiro de 1887, a preocupación dos seus pais foi a de abrirlle un horizonte cultural que lle posibilitase a inserción na sociedade cubana daquel entón e proporcionáronlle unha esmerada atención á súa preparación como mestra elemental, coa que anos despois puidese manter o sustento económico.

A súa inquietude vocacional levouna de moi nova a iniciar os seus primeiros pasos como periodista na revista Galicia, en 1903, nunha sección titulada "Rápidas", onde escribe baixo o pseudónimo de Zoraida, que manterá até 1905.

O ano 1905 marcou un momento significativo na súa tarefa periodística. Unha diáspora multifacética caracterizou os seus artigos na referida revista - o rexionalismo autonómico como necesidade crucial uniuse a preocupacións polos seus coterráneos -, en especial da galega inmigrante. Obtivo os seus maiores logros como periodista entre 1910 e 1930, nas revistas Galicia e Eco de Galicia; nesta última aparece como directora desde 1934 até o seu peche en 1936.

A defensa dos sectores máis humildes da rexión galaica foi expresada en diversos artigos. Impulsou a creación de escolas e bibliotecas nas aldeas natais polas sociedades comarcais existentes e impulsou, con gran combatividade, o movemento agrarista da década de 10 de século XX, contra a oligarquía e o caciquismo.

Tivo unha participación activa na sociedade "La Aurora de Somozas" promovendo diversas actividades na defensa da identidade cultural galega. Nas Memorias desta sociedade publicadas en 1935 é a única muller recoñecida como "somozana ilustre", aparece no cadro directivo e de honra ao recibir os títulos de fundadora, secretaria e presidenta de honra. O seu amor cara á terra dos seus proxenitores levouna, xa en datas próximas ao seu falecemento, a querer que o seu corpo fose sepultado no panteón desta sociedade, feito acaecido o 3 de xaneiro de 1960 en Cuba, cando tiña 73 anos.

En 1918 casou co somozano José López y López, co que tivo 4 fillos. Reincorporouse á revista Eco de Galicia e ao mesmo tempo exerce de mestra. Creou a súa escuela "La Aurora" no barrio de Luyanó para o ensino primario de nenos de ambos os sexos. Nela impartía as súas leccións co recordo unhas veces da amada Galicia e outras co das loitas dos cubanos na súa historia. Foi unha fervente difusora do pensamento do apóstolo de Cuba, José Martí.

Tivo dous momentos de grande impacto e significación emocional na década dos 20. O primeiro, coñecer a amada terra galega cos seus tres fillos pequenos; o segundo, a homenaxe de recoñecemento á súa vida fecunda que diversas sociedades da colonia galega lle brindaron en 1923.

Mercedes Vieito Bouza deixou un universo literario amplo e pouco coñecido pero que transcendeu significativamente a decenas de miles de inmigrantes galegos e galegas residentes na illa caribeña.

Como citar: Enjamio, Sonia : Mercedes Vieito. Recuperado o 23/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=4137 DOI: 10.17075/adg.4137]

Obra sobre Mercedes Vieito

«Un nome para rescatar do olvido: Mercedes Vieito Bouza»

Artigo de Puri Cabido Pérez sobre Mercedes Vieito Bouza.
Fonte: Andaina. Revista galega de pensamento feminista, nº 28 (primaveira 2001), p 53-56

Del homenaje a Mercedes Vieito

No ano 1917 Eco de Galicia: Revista gráfica y de información de la colonia en Cuba, adica unhas páxinas á homenaxe que a colonia galega da Habana lle fixo a Mercedes Vieito. Descargaas aquí.

Bibliografía

- COSTA ALCADE, M.ª X., “Mulleres galegas na prensa galega de América (1873-1914): O caso de Mercedes Vieito Bouza”, Estudios Migratorios, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 3 (1997), p 257-284.
- VV.AA.: “Del homenaje a Mercedes Vieito de Bouza”, Eco de Galicia: Revista gráfica y de información de la colonia en Cuba, 196 (1917), p 7-11.

Publicacións periódicas

Aviso Listado automático de documentación relacionada con Mercedes Vieito nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Galicia (1902-1930) .
1903-1904: Revista Semanal Ilustrada
Revista Semanal Ilustrada de mayor circulación en la República
1905, n.º 1: Sen subtítulo
1905, n.º 2-1906, n.º 33: Revista Regional de más circulación en la República de Cuba
1906, n.º 34-1907: Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba y Defensor de los intereses gallegos en América
1914: Revista Regional Ilustrada: Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba
16-08-1925: Revista Semanal Ilustrada: Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba
1926: Revista Gráfica Regional de La Habana. Publicación Semanal. Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba
Publicación Semanal. Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba
1930: Publicación Ilustrada: Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Galicia en América (1904-) .
Semanario de Ciencias, Artes, Literatura e Información: Defensor de los intereses de los gallegos en América
Publicación impresa | Labor na publicación: REDACCIóN;
Boletín de Ferrol y su comarca (1911-1912) .
Sociedad de Instrucción y Fomento Agrícola e Industrial: Órgano oficial de la misma
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Eco de Galicia (1917-1936) .
Ata o n.º 22: Revista ilustrada y de información de la colonia gallega en Cuba
A partir do n.º 23: Revista gráfica y de información de la colonia gallega en Cuba
A partir do n.º 111 (1920): Revista gráfica y de información regional
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN; DIRECCIóN;
Heraldo de Galicia (1919-) .
Periódico consagrado a los intereses del pueblo galiciano y paladín de la colonia gallega en Cuba
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;