Camilo Díaz Baliño
Ferrol, 1889 - Palas de Rei, Lugo, 1936Autoría: Xosé Ramón Fandiño
Escenógrafo e deseñador gráfico, artisticamente inmerso nos movementos galeguistas anteriores á Guerra Civil
Camilo Díaz Baliño transitou por todas cantas disciplinas relacionadas coas artes plásticas e o deseño eran posibles na Galicia do primeiro terzo do século XX: pintura, escenografía, cartelismo, deseño editorial e publicitario, heráldica… Destacado artista gráfico e escenógrafo, educado nos principios tradicionalistas que iría abandonando ao comprometerse coas Irmandades da Fala, nas que ingresou en 1918 e das que foi delegado en Santiago, co Seminario de Estudos Galegos no que ingresou en 1926, coa xeración Nós e co Partido Galeguista. Para a recepción como socio do SEG, presentou o gravado Ara Gael, que recolle a tradición galeguista do Grial.
Naceu Díaz Baliño en 1889 en Ferrol, onde cursou os anos de formación primaria. Sen perder a relación coa vila natal estudou no colexio Dequit e na Escola de Artes e Oficios da Coruña. En 1905 trasladouse a Madrid e traballou como operario nun taller dedicado a preparar escenografías teatrais. Aborrecido da pobre vida que lle ofrecían regresou á Coruña, pero dous anos máis tarde volveu a Madrid e incorporouse ao “Trust Zarzuelero Vives, Lledó y Güell”.
Escenógrafo do Conservatorio Nazonal de Arte Galega
A primeira grande intervención de Camilo como escenógrafo tivo lugar cando as Irmandades da Fala crearon o “Conservatorio Nazonal de Arte Galega”, que se presentou no Pavillón Lino da Coruña o 22 de abril de 1919 coa posta en escena da obra A man de Santiña, de Ramón Cabanillas. A prensa coetánea, especialmente A Nosa Terra, salientou a presenza entre o público de Castelao. Na posta en marcha desta iniciativa foi fundamental a figura de Antón Villar Ponte, firmemente convencido de que o teatro podía servir de propaganda da causa nacionalista porque
facer teatro é facer patria, segundo o slogan tantas veces proclamado. Fernando Osorio dirixiu o cadro de declamación de 1919 a 1922, ao mesmo tempo que pretendía darlle ao Conservatorio a estrutura dunha escola de formación profesional na que Camilo se encargaría de instruír os alumnos nas técnicas escénicas decorativas.
A Casa da Tumbona
En 1920 Díaz Baliño instalouse en Santiago como director artístico dos “Talleres de escenografía e propaganda” da empresa de Isaac Fraga. Estableceu o domicilio no nº 37 da rúa das Hortas, na coñecida como casa da Tumbona levantando, na horta da casa, un cuberto de madeira que sería o obradoiro de escenografía. A familia vivía no primeiro andar e no baixo estaba o taller de litografía onde se imprimían os carteis que a empresa Fraga utilizaba en toda Galicia. Entre as súas escenografías, a crítica especializada destacou como a máis lograda a que en 1931 realizou para Ultreya, ópera con libreto de Cotarelo Valledor e música de Rodríguez Losada.
Díaz Baliño foi o único artista plástico galego que se dedicou á escenografía. Só Castelao se achegou algunha vez a este xénero e perfeccionou os seus coñecementos escenográficos na casa da Tumbona, para poder realizar el mesmo os decorados e panos para as actuacións da Polifónica de Pontevedra e, en 1933, os decorados e figurinos de Divinas Palabras de Valle Inclán.
Director artístico do Concello de Santiago
Tras producirse unha quebra na empresa Fraga, en 1924 Camilo Díaz solicitou praza no concello de Santiago e, en 1927, obtivo en propiedade o posto de delineante municipal, aínda que realmente exerceu como director artístico e a el se lle deben todos os carteis das festas do Apóstolo deses anos, así como a organización dos recibimentos arcados de personalidades, a “Gran Cabalgata Histórico-Descriptiva de Galicia” de 1926, o deseño do pendón e a insignia do Concello en 1928, os pergamiños de honra, etc.
Cartelista
Os carteis da campaña do Estatuto de Autonomía do 28 de xuño de 1936 realizáronse case todos no obradoiro de Camilo Díaz Baliño. Camilo fixo un e Isaac catro. O de Camilo é un cartel que representa unha figura feminina cunha touca coroada por unha estrela e unha chambra decorada co escudo de Galicia. A man dereita suxeita a roda do progreso e a esquerda unha galla de oliveira. Repartido entre a esquina superior esquerda e a inferior dereita, o lema:
Estatuto de Galicia, si. Todo o conxunto estaba enmarcado polas cores azul e branca, o que acentuaba a carga alegórica nacionalista da súa iconografía.
Deseñador gráfico
Outra mostra da personalidade artística de Díaz Baliño é súa a condición de deseñador gráfico ao servizo do ideario das Irmandades da Fala. Para os Irmandiños, como co teatro, a produción editorial de libros en galego era unha tarefa perentoria. E nese contexto érguese a transcendencia de Ánxel Casal como editor. Ao carón de Casal, como amigos íntimos e irmáns no ideario galeguista, sempre estivo Camilo ao pé do prelo de Casal, tanto na editorial Lar coma en Nós.
En 1924, Leando Carré e Ánxel Casal fundaron na Coruña a editorial Lar e, no intento de promover a lectura en galego, publicaron unha colección de novela curta con cubertas de Díaz Baliño. O motivo ornamental das corenta obras da colección é o mesmo en todas, o único que cambia é a tonalidade que se logra combinando diversas cores. As partes superior e inferior da cuberta están ocupadas por orlas con monstros que fan lembrar os do Pórtico da Gloria. Na parte central figura un dolmen sobre un outeiro iluminado pola lúa chea.
En 1927, tras separarse de Leandro Carré, Ánxel Casal funda “Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta”. Cunha máquina tipográfica Minerva, diversas caixas de tipos, unha perforadora, unha guillotina e pouco material máis, Casal, primeiro na Coruña e despois en Santiago, onde en 1931 estableceu a súa empresa editorial para facerse cargo das publicacións do Seminario de Estudos Galegos.
Instalada aínda na Coruña, Díaz Baliño publicou na editorial Nós en 1928 a súa narración Conto de Guerra, a historia dun soldadiño galés ao que os franceses feriron de morte. A cuberta e as dúas coidadas ilustracións interiores recordan a estética do barroco, que xunto ao románico son os estilos preferidos polos nacionalistas porque os consideraban parte da esencia galega.
Colaboracións na revista Nós e no xornal A Nosa Terra
Para A Nosa Terra, á parte dos breves textos «Santo» (25/07/1926), «Encol do Mestre Mateo» (25/07/1928) e os tres poemas «A miña estrela» (1/07/1929), «Para vós» (25/07/1930) e «Gallego» (1/10/1930), foi o portadista habitual. Camilo deseñou unha portada fixa na que, con pequenas variantes, utilizaba como elementos compositivos o escudo de Galicia coroado por unha estrela, a vieira e o dolmen, unhas veces enmarcado por motivos vexetais propios do barroco galego e, outras, por foresta vernácula.
Entre as poesías de Camilo, polo seu valor emotivo destaca a titulada «Para vós», na que narra que lle prendeu unha estreliña na cabeza do seu fillo Isaac, cando este tiña dez anos de idade, e que se converteu nun premonitorio testamento moral irrenunciable para toda a súa vida.
Tamén colaborou na revista Nós. Como articulista publica «A Santa Compaña» no nº 5 (24/06/1921) e «Santo» no nº 227 (25/07/1926) e, como grafista, ilustra uns versos de Victoriano Taibo no nº 10 (10/04/1922) e un artigo de Fermín Bouza Brey no nº 139-145 (xullo-nadal de 1935).
Guerra civil: a brutal inmolación de Camilo Díaz Baliño
En xullo de 1936, ao saberse que o exército se sublevara en África, dada a traxectoria galeguista de Camilo e a de militante das Xuventudes Socialistas Unificadas de Isaac, o desasosego apoderouse da familia. A finais se xullo encarceraron a Camilo e no amencer do día 14 de agosto asasinárono, aparecendo o seu cadáver, xunto ao do estudante de Medicina, o rianxeiro Sixto Aguirre Garín, en Palas de Rei, nas proximidades do lugar de Saa, na parroquia de Meixide.
Estremecedoras son as palabras coas que Xerardo Díaz Fernández conta os días nos que conviviron na prisión, como o xefe da cadea lle comunicou que tiña orde de poñelo en liberdade e como Camilo con enérxica voz emocionada lle pedía que non o liberase a esas horas, que os falanxistas o estaban esperando para matalo. Camilo Díaz Baliño, un home cheo de vida, con 47 anos acabados de cumprir, saía da Falcona camiño dunha feroz inmolación en prol do absurdo.
BIBLIOGRAFÍA
Bernárdez, X.C.L. (15.02.2018): «Truncada xenialidade. Ilustración e escenografía na Galiza de preguerra», Faro de Vigo, (Faro da Cultura).
Díaz Pardo, I. (1987): Galicia hoy y el resto del mundo. Sada: Ediciós do Castro.
Díaz Pardo, I. (1982): «Unhas notas de Díaz Pardo xustificando algunhas das ilustracións do texto e elas mesmas como ilustracións», en Xerardo Díaz Fernández: Os que non morreron. Sada: Ediciós do Castro.
Díaz Pardo, I. (2000): «Testimonio de Isaac Díaz Pardo, que contaba entonces menos de 16 años, de los primeros momentos del alzamiento en Santiago», en C.F. Santander: Alzamiento y guerra civil en Galicia (1936-1939). II. Sada: Ediciós do Castro.
Díaz Pardo, I. (2007): Tentando construir uma esfinge de pedra. Desassogos de Isaac Díaz Pardo. Sada: Ediciós do Castro.
Durán, J.A. (1990): Camilo Díaz Baliño. Crónica de otro olvido inexplicable. Sada: Ediciós do Castro.
Fandiño Veiga, X.R. (2020): Memoria do compromiso. Isaac Díaz Pardo. Biografía. Santiago de Compostela: Concello.
Como citar: Fandiño, Xosé Ramón : Camilo Díaz Baliño. Publicado o 29/12/2020 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=5129. Recuperado o 18/04/2024

Ligazóns de interese
Catálogo en liña da exposición Galicia, de Nós a nós, coordinada por Afonso Vázquez-Monxardín e Ana Acuña. Cidade da Cultura, 2 de outubro de 2020 - 17 de xaneiro de 2021
Fonte: https://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/galicia-de-nos-nos
A revista Nós en Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
Fonte: https://revistanos.galiciana.gal
Camilo Díaz Baliño, o ilustrador mártir
Santiago. Xermán Hermida para culturagalega.org
Fondos de Díaz Baliño no Arquivo de Galicia (Galiciana)
O Ara Gael de Camilo Díaz Baliño. Cando o mundo celta se fixo arte por Iria-Friné Rivera Vazquez
Artigos Camilo Díaz Baliño
Aviso Listado automático de documentación relacionada con Camilo Díaz Baliño nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
DíAZ BALIñO, C. (2/1925) Los Seminaristas. Céltiga. 1ª (10), 25.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela;