Ramiro Vidal Carrera
Taboexa (As Neves), 17/ 1/1887 - Vilasobroso (Mondariz), 28/4/1967Autoría: Miguel Regojo Fernández
Empresario, xornalista, político e defensor da colectividade galega en Lisboa
Ramiro Vidal Carrera foi un claro exemplo do home feito a si mesmo, que tivo que emigrar moi novo para acadar unha boa posición económica, pero que nunca esqueceu nin a súa terra nin aos seus paisanos polos que loitou, ben no seu novo país de acollida ben cando retornou a Galicia.
Naceu o 17 de xaneiro de 1887, na parroquia de Taboexa (As Neves). Era o maior dos cinco fillos de María Carrera Iglesias e Rafael Vidal Míguez, emigrante el mesmo en Portugal. Con 13 anos marchou a Lisboa para traballar, segundo contaba, como aprendiz nunha tenda onde se servía ginja, un licor típico lisboeta, situada preto da Praça do Comércio.
Emigrar a Portugal era algo moi habitual nos concellos pontevedreses limítrofes, tanto pola súa situación xeográfica e as numerosas relacións comerciais entre ambos os dous países, como pola existencia dunhas intensas cadeas migratorias que reactivaban o fenómeno cada certo tempo. Nunha entrevista que se lle fixo en 1958 no xornal La Voz de Breogán, voceiro de Juventud de Galicia en Lisboa, conta a súa marcha:
Fuimos para Lisboa en calidad de humilde emigrado, en el año 1900. Los trece años que teníamos, necesitaron sumarse algunos más para darnos perfecta cuenta de en dónde vivíamos, y por y para qué nos privaban de seguir la vida donde hemos nacido (...) “Las nais” gallegas suelen decir a sus hijos más viejos (...): Meu fillo: xa vas sendo grandeiro; cúmpreche marchar pol-o mundo pra seres un home de ley e cobiza, como teu pai ... Sin ir pol-o mundo, nada se alcanza, meu fillo!
Comeza a traballar en varios comercios como aprendiz e mozo para todo, para máis tarde ascender ao posto de dependente. Á par vaise formando de maneira autodidacta, e logra ter un bo nivel cultural e coñecementos nos negocios que lle permiten chegar a ser socio dunha cervexaría chamada Vasco da Gama situada na rúa 24 de Xullo e da que chegará a ser propietario único. Pouco a pouco vai ampliando os seus negocios na rama da alimentación, coa venda de mercadorías importadas de Galicia, e na hostalaría con varios establecementos no barrio de Alfama, como o Restaurante Táboas.
Ben relacionado na colectividade galega residente en Lisboa foi invitado a colaborar con diversos xornais como La Lucha, xornal vigués de tendencia republicana, de quen é correspondente en Lisboa dende 1907, e no que iniciará unha campaña pro-unión da colonia galega. Tamén colaborará con Vida Gallega, El Pueblo Gallego, El Tea ou Faro de Vigo entre outros, que publicaron moitas das súas crónicas e colaboracións literarias, ás veces baixo diversos alcumes como “Pepe de Eirol” ou “Orimar”.
Segundo o seu testemuño, recollido no Faro de Vigo do 2 de xaneiro de 1959, a Sociedad de Instrucción y Recreo Juventud de Galicia de Lisboa naceu dun impulso natural de mozos humildes que traballaron diariamente sen poder gozar dunhas horas de recreo (...) A falta de convivencia fíxonos vivir illados e descoñecidos para os nativos do mesmo concello
. Tras un episodio desagradable protagonizado por el e os seus amigos Manuel Álvarez e Ramiro Martín, nun baile dunha sociedade filharmónica portuguesa á que foran convidados, teñen a idea de fundar unha sociedade na que nos puidésemos educar e divertirnos facendo a nostalxia que sempre nos palpaba o corazón dos emigrantes galegos
. Era o ano 1907. Deciden facer unha convocatoria no xornal La Lucha a todos os galegos asentados na capital lusa que quixeran reunirse para organizar festas e actos culturais propios. E o 10 de novembro de 1908, fundan unha asociación recreativa e instrutiva, chamada Juventud de Galicia. Na primeira directiva, Ramiro Vidal Carrera, socio fundador número 1, foi nomeado secretario. Pronto organizan unha academia de música e baile co profesor galego Alfredo Mota e crean unha rondalla que participaba nas numerosas festividades benéficas e de lecer que organizaban e que foi adquirindo cada vez máis sona entre a colectividade. Esta entidade continúa a ser hoxe en día unha das principais asociacións da diáspora galega.
Cunha posición económica acomodada, en agosto de 1915 Ramiro casa en Mondariz con Lina Carrera Souto, matrimonio do que nacerán dúas fillas, Celia e Luz.
Nos anos 20, aínda que mantén os seus negocios en Portugal, retorna á súa terra, instalándose no concello de Mondariz. En plena ditadura de Primo de Rivera é nomeado concelleiro do goberno municipal en marzo de 1923 e alcalde en 1925.
En 1923, acontecera a segregación do termo municipal da parroquia Mondariz-balneario, pilar económico do municipio. Para conseguir outras vías de financiación o equipo de goberno, dirixido por Ramiro Vidal, apostará pola reforestación da comarca e a plantación de pino e moreiras para o desenvolvemento da nacente industria sedeira que se foi implantando na zona. Nos seus anos como alcalde, modernizáronse as vías de comunicación co arranxo das estradas e camiños municipais e o saneamento das augas e subministro eléctrico para a vila e as parroquias. Ademais, construíuse un mercado de abastos moderno con todas as medidas hixiénicas e pavimentouse a praza principal da vila, colocando un xardín e mobiliario urbano. O concello mercou un edificio que destinou a centro educativo para os nenos e nenas do pobo.
Por todas estas melloras a prol da modernización de Mondariz, concedéuselle a Cruz do mérito civil do goberno español, e foi nomeado cabaleiro da orde. En agosto de 1928, fíxoselle unha homenaxe e déuselle o seu nome a unha rúa da vila.
Coa caída do goberno de Primo de Rivera en 1930, Ramiro presenta a súa dimisión como alcalde, alegando que precisa atender os moitos negocios que tiña en Lisboa. Durante a República intégrase no Centro Republicano Radical e participa activamente nos actos políticos como representante por Mondariz. En 1931 é elixido presidente do mesmo.
En setembro de 1931 funda, xunto co xornalista Alejo Carrera e o doutor Xosé Estévez, o xornal El Sobroso. Periódico de la República, onde aparecen publicados moitos artigos coa súa sinatura nos que amosa os seus ideais anticaciquís e de progreso:
El Sobroso aspira a promover la paz y la unidad de todos, guiados por el ideal común que nos anima a todos, a continuar el trabajo de cultura y progreso (...)
.
Co estoupido da guerra civil trasládase coa súa familia a Monção e funda o Café-Restaurant Hotel Peninsular. Cun pé entre ambos os países, continúa a ser un referente na comarca e en 1958 é nomeado xuíz de paz. Ese ano recibe unha homenaxe na celebración do 50º aniversario fundacional de Juventud de Galicia, sendo nomeado socio de honra
e invitado a participar nos diversos actos conmemorativos.
Morre o 28 de abril de 1967 na súa terra natal, recoñecido o seu papel a prol dos seus paisanos en Mondariz e en Portugal, tal como se recolle en varios xornais da época.
Como citar: Regojo Fernández, Miguel : Ramiro Vidal Carrera. Publicado o 6/4/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=5775. Recuperado o 05/07/2022
DOCUMENTACIÓN DE
Gallegos en Portugal. Carta dirigida por D. Ramiro Vidal Carrera al Director de la Revista Policía Portuguesa vindicando el prestigio y la dignidad de los gallegos. 1952.
Fonte: Arquivo familiar
Folleto titulado Ayuntamiento de Mondariz. Cinco años de labor municipal durante un régimen de dictadura. 1925-1930, escrito por Ramiro Vidal Carrera e dedicado aos seus veciños
Fonte: Arquivo familiar
Poema de Ramiro Vidal Carrera, titulado «Pedro Borreiro» e asinado co alcume de Pepe de Eirol (1911)
Fonte El Tea. Seminario político independente, n.º 6 (1924), p. 2
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo «Aspectos de la fundación de Juventud de Galicia. Hablando con el socio fundador n. 10, D. José Portas Núñez», publicado en novembro de 1958
Lugar: Lisboa
Fonte: Arquivo da Emigración Galega. Xornal: La Voz de Breogán. Órgano oficial de Juventud de Galicia
Fotografía de Ramiro Vidal, co pseudónimo Pepre d'Eirol, na primeira páxina do xornal El Tea de Ponteareas (1911)
Fonte: El Tea. Semanario político independiente
Publicacións periódicas
Voz de Breogán, La (1957-1958) .
Órgano Oficial de "Juventud de Galicia"
Artigos Ramiro Vidal Carrera
VIDAL CARRERA, R. (12/1958) Nuestra colonia en Lisboa. Como se emigra. «Juventud de Galicia», origen del «Centro Español». Un recuerdo; un Saludo..... Voz de Breogán, La. 1ª (8), 7-9.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;