Ramiro Fonte
Pontedeume, 1957 - Barcelona, 11/10/2008Autoría: Xosé Ramón Fandiño
Poeta sen volta e novelista de prosa transparente
Poeta, narrador e ensaísta que pasou a infancia e adolescencia entre Pontedeume e Ferrol, Ramiro Fonte Crespo estudou Filosofía en Compostela, foi profesor de Lingua e Literatura Galega en Vigo e Londres e director do Instituto Cervantes de Lisboa. En 1975 chegou a Santiago para cursar a carreira de Filosofía, mergullouse no ambiente estudantil e político e deuse a coñecer como poeta en 1977 no libro colectivo Cravo Fondo, que reaccionaba contra a poesía social dominante que pretendía canalizar, a través do discurso poético, algún tipo de revolución social ou política. A tríade iniciadora do proxecto foron Xesús e Xulio Valcárcel e Ramiro Fonte. Eles redactaron o manifesto que precede os textos poéticos, que remata coa consigna: Por Galicia, pola poesía, Cravo Fondo, verba nova para unha terra ceibe
. Logo adheríronse Fiz Vergara Vilariño, Xesús Rábade Paredes, Helena Villar e Xavier Rodríguez Barrio. En opinión de Xesús Valcárcel xa daquela Ramiro tiña unha enorme vocación literaria. No libro Cravo Fondo anuncia a chegada dun poeta chamado a cristalizarse como escritor.
Nos primeiros anos 80 foi un dos impulsores da revista Dorna. Era colaborador asiduo das revistas Grial e Bonaval, do Diario 16 de Galicia, do xornal Faro de Vigo, do Anuario de Estudos Literarios Galegos e da Gran Enciclopedia Gallega. Tamén prticipou na segunda xeira de Nordés, chalana que Luz Pozo Garza botou a navegar como revista de poesía e crítica.
Escritor monolingüe, e aínda que narrador e crítico literario, Ramiro é sobre todo poeta, que desde As cidades da nada, o primeiro dos seus catorce poemarios, edificou un corpo poético persoal, moi preocupado pola temática abordada e polo aspecto formal manifestado no ritmo da súa música interior e na linguaxe rica e depurada. Ramiro opinaba que era escritor de poemas en canto lector de poemas; vividor de poemas. Tan importante é para o poema a forma como o desenvolvemento dunha unidade emotiva; dunha música interior. Preguntado en moitas ocasións sobre cales eran os seus poetas de referencia contestaba que no seu particular elenco figuraban Antonio Machado, Baudelaire, Fernando Pessoa, Rubén Darío, Pablo Neruda, Luís Cernuda, César Vallejo, Winston Hugh Auden, Pimentel, Cabanillas, Curros Enríquez, Valle-Inclán e sempre Rosalía (
poeta enteiramente insubornable
). Era tal a súa paixón pola poesía que o acto de creación ou a lectura dos seus poetas favoritos podían achegalo a estados de intensa emoción e hipersensibilidade. Ramiro tomou moi en serio a súa vocación de escritor e perseguiu a poesía con furia para, como dicía Hölderlin, ultrapasar os límites.
Participou activamente nun momento de explosión da poesía galega coñecido como Xeración dos 80, un grupo plural e relevante que rompeu co realismo social e potenciou a renovación poética mediante o culturalismo e a intertextualidade, coa atención posta na tradición galega e foránea. Con Ramiro forman parte desta xeración Pilar Pallarés, Xavier Rodríguez Baixeiras, Xulio Valcárcel, Xosé María Álvarez Cáccamo, Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Forcadela, Manuel Raña…
Obra poética
O seu primeiro libro de versos individual foi As cidades da nada (1983), poemario culturalista no que xa ofrece o coidado formal que caracteriza toda a súa obra e que conforma unha triloxía xunto con Designium (1984), libro intimista co que se consagrou ao merecer o Premio da Crítica de Galicia e o Losada Diéguez, e Pensar na tempestade (1986) obra de forte carga simbólica e rítmica.
Pasa un segredo (1988), poemario de madurez co que gañou o Premio da Crítica Española, ofrece unha voz serena e reflexiva e unha estrutura musical na que predominan os versos hendecasílabos e heptasílabos (Gusto do emprego de secuencias métricas nobres
). Na colección Esquío, como gañador en 1991 da décima edición do Premio, publicou Adeus Norte, poemas de lembranzas e adeuses, dos ideais que marcaron a mocidade como un norte. Tamén de 1991 é As lúas suburbanas. En 1995 publicou Luz do mediodía, libro da nostalxia e da melancolía.
A estas alturas, a calidade literaria de Ramiro Fonte é xa incuestionable. En cada libro nótase a fondura da súa formación literaria e inicia a etapa de poesía rimada como reivindicación das formas clásicas, pero moi moderna nos contidos. Así, en 1997 publica O cazador de libros, que tanto ten que ver coa súa condición de bibliófilo (Cazadores nas vellas edicións / Rebuscamos tesouros, melodías, / Para sermos antigos e modernos, / Para non traizoar a poesía.
). Mínima moralidade, gañador do Premio de Poesía Miguel González Garcés e Capitán Inverno son libros complementarios que se ocupan novamente da nostalxia e dos seus espazos urbanos. A rocha dos proscritos (Poemas complementarios, 1994-2004), de 2005, é o último poemario publicado en vida do autor, no que concilia a poesía popular e a culta e acrecéntase a admiración por Rosalía.
Póstumos son O xardín do pasatempo (2008), único poemario seu dirixido aos cativos, e Reversos (Días adiados) (2008), libro póstumo composto por 115 poemas, de formas cultas e populares a medio camiño entre o clasiscismo e a modernidade.
Tamén publicou varios pequenos opúsculos. O primeiro deles Os portos durmidos ( Pontedeume, Papeis de verán, 1987), destinado aos amigos, que consta dunha tirada numerada á man polo autor de setenta e cinco exemplares e un debuxo de Laxeiro. Como publicación da librería El Guadalhorce de Málaga, en 1991 viu a luz As lúas suburbanas, edición ao coidado de Ángel Caffarena de cento cincuenta exemplares numerados. En 1995 publicou dúas plaquetas: Litoral urbano (Xunta de Galicia) e Persoas de amor (edicións Monograma de Palma de Mallorca). E en 1996, a Universitat de les Illes Balears, na súa Col-lecció poesia de paper
publicoulle Poemas.
A obra poética de Ramiro Fonte mereceu a atención fóra do ámbito literario galego e foi traducida parcialmente ao catalán, italiano, francés e inglés. En castelán publicou íntegros catro dos seus libros: Pasa un secreto (Madrid, Libertarias/Prodhufi, 1991) en versión de Pilar Pallarés. O editor Abelardo Linares, que en sociedade con Isaac Díaz Pardo e Manuel Aznar Soler, sostivo a Biblioteca do Exilio publicou na súa editorial Renacimiento de Sevilla Adiós norte (1992) e Luz de mediodía (1997), ambos os dous traducidos por Xavier Rodríguez Baixeras. Tamén en versión de Baixeras, a editorial valenciana Pre-Textos publicou en 2002 Capitán Invierno.
Catorce libros de poesía que responden a unha necesidade englobadora, pois Ramiro consideraba cada libro como capítulos dunha única obra, que é o poema, sempre con atención á palabra como parte fundamental, así como á escolla léxica coidada e á preocupación formal.
Obra narrativa
Como narrador Ramiro Fonte deuse a coñecer en 1986 co relato O retornado, merecedor dun accésit na duodécima edición do Certame Modesto R. Figueiredo do Pedrón de Ouro. O seu primeiro romance foi Catro novelas sentimentais (1988), que recolle catro relatos extensos («O pasado das choivas», «Nocturnos para un verán», «O segundo Outono» e «Rumbo sen norte») nos que opta pola narración introspectiva combinada en hábil equilibrio cos relatos externos dos personaxes. En As regras do xogo (1990), colección de relatos detectivescos, xogou coa novela negra e abundan as referencias aos clásicos literarios ou cinematográficos do xénero. Aves de paso (1990), dous relatos repletos de lirismo e de finura psicolóxica. Os leopardos da lúa (1993), unha novela memorialística dos anos universitarios vividos en Compostela. E os Soños eternos (1994).
Pero o salto de calidade na narrativa de Ramiro dáse en Vidas da infancia, 1400 páxinas coas súas memorias da nenez. Ramiro consideraba que o único para contar era a infancia e que o demais é redundancia e, así, volveu ver con ollos de neno o barrio e a vila de Pontedeume, o seu centro do mundo. E por iso encabezou as Vidas da infancia coa máxima de Baudelaire: O xenio é a infancia netamente formulada
. Comezou a escribir a triloxía conmocionado polo 11-S a un ritmo de catro horas diarias, cinco días á semana
: Os meus ollos (2003), Os ollos da ponte (2004) e As pontes no ceo (2007). Quero que a miña prosa sexa moi medida, moi transparente, moi calibrada, que non faga ruído, pero que sexa moi traballada. Ás veces cremos que o grande estilo se atopa nesas frases rimbombantes con moitas subordinadas. Humildemente optei por un modelo de prosa que coido que non é pobre, senón que ten o léxico que debe ter
, declarou o autor en 2007.
Obra ensaística
Outra das dimensións intelectuais de Ramiro Fonte é a súa dedicación ao estudo de grandes escritores, das artes plásticas e da teoría literaria. Así, son moi de ter en conta os seus estudos e edicións da poesía de Ramón Cabanillas, Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro, Avilés de Taramancos, Celso Emilio Ferreiro (edición crítica de O soño asulagado), Eduardo Moreiras, Xulio Valcárcel, Iglesia Alvariño, Rodríguez Baixeras, Manuel Forcadela... Sobre Bouza-Brey publicou un importante libro titulado Fermín Bouza-Brey e a súa obra literaria (1992).
Canto á teoría literaria, elaborou o seu propio canon literario no ensaio As bandeiras do corsario (1995), libro sobre poesía e sobre poetas. No libro colectivo Caderno de viaxe (1989) publicou «Iluminacións danubianas», visión subxectiva sobre Budapest e unha reflexión sobre os seus poetas.
Sobre pintores son memorables os seus textos en catálogos de exposicións de Laxeiro, Xulio Maside, Alfonso Sucasas, Antón Pulido, Francisco Mantecón, Leopoldo Nóvoa («A luz pode ser negra», en Leopoldo Nóvoa: Reencontro, ausencia e cinzas. Deputación de Pontevedra, 1996), etc.
Coda
No momento do seu óbito ocorrido no hospital Bellvitge de Barcelona o 11 de outubro de 2008, Ramiro Fonte era membro correspondente da Real Academia Galega e desempeñaba o cargo de director do Instituto Cervantes de Lisboa (Todas as xeracións literarias galegas admiraron a Portugal
). Tamén recibira a medalla de ouro e fora nomeado fillo predilecto de Pontedeume. En agosto de 2008 recibiu en Ferrol o Premio Porto Magno co que o destinguiu o Real Coro Toxos e Flores polo conxunto da súa obra. Os restos de Ramiro repousan na desembocadura do río Eume, no cemiterio da súa vida natal, á que lle dedicou a súa Triloxía da Infancia. No momento da inhumación a bandeira de Galicia cubría o féretro e, por expreso desexo do poeta, soaban as notas de Negra sombra e el El cant dels ocells.
Bibliografía
Fontes principais
Poesía
As cidades da nada (1983)
Designium (1984). Premio da Crítica Galicia e Premio Losada Diéguez
Pensar na tempestade (1986)
Pasa un segredo (1988). Premio da Crítica Española
As lúas suburbanas (1991).
Adeus norte (1991). Premio Esquío.
Luz do mediodía (1995)
O cazador de libros (1997)
Mínima moralidade (1997). Premio González Garcés.Capitán inverno (1999)´
Capitán inverno (1999)
A rocha dos proscritos (Poemas complementarios, 1994-2004) (2005).
O xardín do pasatempo
Reversos (Días adiados) (2008).
Obra narrativa
O retornado (1986), accésit do Premio Modesto Rodríguez Figueirido do Pedrón de Ouro.
Catro novelas sentimentais (1988).
As regras de xogo (1990).
Os leopardos da lúa (1993.
Soños eternos (1994).
Vidas de infancia (Triloxía memorialística):
Os meus ollos (2003)º
Os ollos da ponte (2004)
As pontes no ceo (2007)
Ensaio
Fermín Bouza Brey e a súa obra literaria (1992).
As bandeiras do corsario (1996).
«Iluminacións danubianas», en Caderno de viaxe (1989).
Fontes secundarias
Monteagudo, Henrique: «Dez anos de poesía galega 1975-1985», Grial, 89 (1985).
Rodríguez, Luciano (ed.): Desde a palabra, doce voces. Nova poesía galega. Barcelona: Sotelo Blanco, 1985.
Navaza, Gonzalo: «Fonte Crespo, Ramiro». En Gran Enciclopedia Gallega, Santiago/Xixón: Silverio Cañada, 1990; t. 32.
Vilavedra, Dolores (coord.): «Fonte Crespo, Ramiro». En Diccionario da Literatura Galega I. Autores. Vigo: Galaxia, 1995.
Fandiño , Xosé Ramón: «Pasaxeiro solitario da tarde». En Libro dos amigos. Madrid: Afanías, 2009.
Como citar: Fandiño, Xosé Ramón : Ramiro Fonte. Publicado o 11/10/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=6118. Recuperado o 01/04/2023
DOCUMENTACIÓN DE
«Diálogo desde a poesía»
Fonte, Ramiro: «Diálogo desde a poesía», Boletín Galego de Literatura, n.º 7 (1992), p. 73-77
Fonte: Boletín galego de literatura
http://hdl.handle.net/10347/1754
http://hdl.handle.net/10347/1754
«Autopoética»
Fonte, Ramiro: «Autopoética», Boletín Galego de Literatura, n.º 5 (1991), p. 151-155
Fonte:
http://hdl.handle.net/10347/1720
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de X.R. Fandiño sobre os libros de Ramiro Fonte
Fandiño, X. R.: «Ramiro Fonte e os seus libros = Ramiro Fonte y sus libros», Galegos, n.º 4 (4º trimestre de 2008), p. 96-106.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Ligazóns de interese
Couceiro Freijomil, Ramiro Fonte e o padre Placer no blog Crónicas dun fillo de Pontedeume, de Jose Fonte
Fonte, J.: «Tres fillos predilectos eumeses na Real Academia Galega. Couceiro Freijomil, o padre Placer e Ramiro Fonte», Crónicas dun fillo de Pontedeume
Fonte: https://josefonte.jrdweb.es/libro/tres-fillos-predilectos-eumeses-na-real-academia-galega-couceiro-freijomil-o-padre-placer-e [consulta: 2021-10-14]
Entrada no Centro de Documentación da AELG
Fonte: AELG
https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/ramiro-fonte [consulta: 2021-10-12]
Ramiro Fonte na RAG
Fonte: Real Academia Galega
https://academia.gal/-/saiban-os-deuses-que-camino-so-de-ramiro-fonte [consulta: 2021-10-08]
Entrada de Ramiro Fonte na Galipedia
Fonte: Galipedia
https://gl.wikipedia.org/wiki/Ramiro_Fonte [consulta: 2021-10-04]
Ramiro Fonte no Centro Virtual Cervantes
Fonte: CVC do Instituto Cervantes
https://cvc.cervantes.es/literatura/escritores/fonte/default.htm [consulta: 2021-10-04]
Helena Villar Janeiro lembra a Ramiro Fonte no seu décimo cabodano
Villar Janeiro, Helena: «Carta a Ramiro Fonte no décimo cabodano do seu pasamento», academia.gal, (14/11/2018)
Fonte: Real Academia Galega
https://academia.gal/-/carta-a-ramiro-fonte-no-decimo-cabodano-do-seu-pasamento
Manuel Bragado escribe sobre Ramiro Fonte en Faro de Vigo
Bragado, Manuel: «Poeta Ramiro Fonte», Faro de Vigo, (25 de outubro de 2009)
Fonte: Faro de Vigo
https://www.farodevigo.es/opinion/2009/10/25/poeta-ramiro-fonte-17891390.html [consulta: 2021-09-28]
Publicacións periódicas
Nosa Voz, A (1986-) .
Voceiro do Centro Galego de Bruselas
Libros do ccg sobre Ramiro Fonte
Actas do I Congreso Internacional “Curros Enríquez e o Seu Tempo”.
2004 | Xesús Alonso Montero, Edición. Henrique Monteagudo, Edición. Begoña Tajes, Edición.
(Celebrado en Celanova, 13 al 15 de setembro de 2001 ). Tomo I
Actas do I Congreso Internacional “Curros Enríquez e o Seu Tempo” .
2004 | Xesús Alonso Montero, Edición. Henrique Monteagudo, Edición. Begoña Tajes, Edición.
(Celebrado en Celanova, 13 al 15 de setembro de 2001). Tomo I
Actas do Simposio Internacional Otero Pedrayo no panorama literario do século XX.
1990 | Anxo Tarrío Varela, Coordinación.