Ánxel Casal
A Coruña, 17/ 12/1895 - Teo, A Coruña, Galicia, 18/8/1936Autoría: Alfonso Mato
Ánxel Casal naceu o 17 de decembro de 1895 no número 28 da rúa da Fonte de San Andrés no seo dunha familia que nunca foi acomodada
O seu pai, Manuel Casal Basteiro, xornaleiro natural de Vilantime (Arzúa), trasladárase á Coruña para facer o servizo militar e, logo de pasar tres anos na milicia, casara con Filomena Gosenge Arias, de Visantoña (Santiso), e quedara a vivir na capital coruñesa, onde aprendeu o oficio de xastre e montou unha fonda. De rapaz, Ánxel Casal traballou na fonda e na xastrería familiares ata que iniciou un periplo migratorio do que apenas sabemos: semella que pasou dous anos en Bos Aires, mais que tamén puido estar en Cuba e, mesmo, en París e Lisboa. De volta na Coruña, traballou nas oficinas do Consulado de Francia na cidade e fixo o servizo militar como voluntario. Integrouse nas Irmandades da Fala desde a súa creación, en 1916, e catro anos máis tarde casou con María Miramontes Mato, moza de 25 anos, natural de Guísamo, veciña da parroquia coruñesa de San Nicolás, modista de profesión e tamén militante das Irmandades. O matrimonio instalouse nun baixo da rúa Panaderas, fronte da casa de Santiago Casares Quiroga, no que montou un comercio dedicado á venda de retallos de tecidos, ao tempo que María Miramontes exercía de costureira e Casal axudaba economicamente impartindo clases de francés e, mesmo, facendo algunha que outra tradución. En 1924 pasaron a vivir no primeiro andar da rúa Real, 26, onde se instalou tamén o local social da Irmandade coruñesa e a sede da Editorial Lar e, en 1927, a da Editorial Nós.
Xunto co tamén irmandiño coruñés Leandro Carré Alvarellos creou, en 1924, a Editorial Lar, un proxecto que figuraba nos Estatutos da Irmandade da Coruña. A editora tivo o seu grande éxito coa publicación dos 40 números da colección de noveliñas curtas Lar: con textos dos mellores escritores galegos do momento, capas a cores de Camilo Díaz Baliño, unha tirada de 3000 exemplares e 30 céntimos de prezo de venda ao público, as noveliñas esgotáronse axiña e nos anos trinta xa eran rebuscadas polos bibliófilos. Lar fíxose cargo tamén das dúas publicacións periódicas máis importantes do nacionalismo, Nós e A Nosa Terra, contou con coleccións de teatro e de poesía e imprentou as primeiras publicacións do Seminario de Estudos Galegos (SEG). En agosto de 1927, Carré e Casal separáronse: o primeiro seguiu durante uns anos coa editorial Lar e o segundo creou a Editorial e Imprenta Nós, coa que intentaría dotar a Galicia dunha estrutura editorial estable, tanto na edición propiamente dita de textos fundamentais para a cultura galega moderna, como na presentación estética desas obras, de acordo coas tendencias máis comúns da edición europea de altura. Entre 1927 e 1936, Ánxel Casal, por medio da Editorial Nós publicou as obras máis importante da literatura (novela, relatos curtos, teatro e poesía) e da ensaística galegas anteriores á Guerra Civil, fíxose cargo da publicación de A Nosa Terra e Nós, imprentou a gran maioría das publicacións do Seminario de Estudos Galegos e incorporou ao mundo da edición os debuxos e as ilustracións dos artistas do movemento renovador da arte galega.
Ánxel Casal pertenceu ao grupo máis activo da Irmandade coruñesa, formado por homes que se socializaron naquel fervedoiro republicano que era A Coruña nos comezos do pasado século e que mantiña unha tradición de liberalismo revolucionario organizado de costas á oficialidade, a través de centros de reunión, debate e faladoiro, de clubs e puntos de encontro, como cafés, coros ou ateneos. Os irmandiños coruñeses articuláronse ao redor de institucións como o Casino Republicano, o Circo de Artesáns, a Asociación de Prensa, a Universidade Popular ou a Academia Galega, mais tamén de publicacións como El Noroeste, Coruña Moderna e Revista Gallega, e dos intentos de crear unha escola musical e un teatro galegos ou de impulsar as Escolas do Insiño Galego, nas que desempeñou un papel sobranceiro Casal. Aqueles homes viñan dunha tradición republicana e laica que cría na educación e na cultura como fórmula para transformar a sociedade. Durante a ditadura de Primo de Rivera, Casal desempeñou os cargos de vicesecretario, secretario e vogal da Irmandade coruñesa e, en 1929, xunto con outros irmandiños e os republicanos liderados por Casares Quiroga, participou na fundación da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e mesmo se atreveu a editar o xornal vespertino El Momento, moi achegado á ideoloxía republicana e galeguista do novo partido. O fracaso do xornal, que só chegou a editar 14 números, entre o 26 de febreiro e o 14 de marzo de 1930, cargou de débedas a Casal, freou a expansión da editorial e foi unha das causas do traslado da empresa a Santiago, en maio-xuño de 1931.
En Santiago, instalou provisionalmente a imprenta editorial Nós no número 20 da rúa das Hortas, na casa que lle cedeu o seu amigo Camilo Díaz Baliño. Dous anos máis tarde, en abril-xuño de 1933, Casal trasladou o negocio ao centro da cidade, ao baixo do número 15 da rúa do Vilar, onde tamén montou unha libraría. O local converteuse nun centro de intercambio de libros, faladoiro, maxisterio e propaganda na clerical e conservadora Compostela. O Casal editor e impresor púxose ao servizo dos galeguistas, dos republicanos e do amplo e minoritario abano de forzas de esquerda que por entón comezaban a bulir na cidade. Non só continuou editando libros e imprentando A Nosa Terra, Nós e as publicacións do SEG, senón tamén as obras de Ediciones Resol e a folla impresa Resol. Hojilla volandera del pueblo, e xornais, revistas e semanarios como La Estaca, Galicia Federal, Máis!, Amañecer, Universitarios, Claridad e Ser, ademais dos numerosos papeis menores de propaganda política (panfletos, carteis, manifestos) das organizacións progresistas e de esquerdas compostelás.
O activismo político de Casal non diminuíu logo do seu traslado a Santiago. En xuño de 1931, asinaba o manifesto da Esquerda Galeguista e, en outubro do mesmo ano, colaboraba na preparación da asemblea fundacional do Partido Galeguista, no que se integrou, formando parte da primeira directiva do grupo local do partido en Santiago. Durante os anos da Segunda República en Compostela, sabemos da súa participación na convocatoria da Asemblea de municipios para a redacción do Estatuto de autonomía (1932), así como en distintos mitins (autonomistas, galeguistas, 1º de Maio). Desde finais de 1935 formou parte do Comité da Fronte Popular de Santiago e, despois do triunfo desta coalición nas eleccións de febreiro de 1936, pasou a ser concelleiro do Partido Galeguista na corporación municipal, e será elixido alcalde o 23 de febreiro, logo da negativa do presidente do Centro Republicano, Xesús San Luís Romero a facerse cargo da alcaldía. Un mes máis tarde foi nomeado deputado provincial e vicepresidente da Deputación. Tamén foi vicepresidente do Comité Central da Autonomía de Galicia e presidente do seu Comité executivo, desempeñando un importante papel na organización e coordinación da propaganda e infraestruturas da campaña plebiscitaria do Estatuto.
O 9 de xullo de 1936 os concelleiros do Partido Galeguista, Casal entre eles, dimitiron dos seus cargos, semella que nun intento para que o Goberno convocase as eleccións municipais que se tiñan que realizar en maio e ficaran en suspenso. O 17 do mesmo mes, Casal, como membro da Comisión estatutaria, participou na entrega do Estatuto de Galicia ao presidente das Cortes. O 20 de xullo, recentemente chegado de Madrid, e diante da gravidade que supoña a sublevación contra a República iniciada dous días antes, Casal fíxose cargo da alcaldía a petición do comité cidadán de defensa que se formara con representantes dos partidos e sindicatos. Ese mesmo día, ás 12 da noite, a autoridade militar obrigouno a ceder o mando. Casal refuxiouse na aldea natal do seu pai, en Vilantime (Arzúa), onde foi detido o 4 de agosto e conducido á cadea de Santiago. Catro días despois declarou como testemuña no proceso aberto contra os membros do comité de defensa. A noite do 18 ao 19 de agosto foi asasinado nunha curva de Cacheiras, preto do cemiterio de Teo. Coa instauración da democracia e a Autonomía, o recoñecemento da súa figura histórica como editor e político non fixo máis que crecer en Galicia e, sobre todo, na cidade onde foi alcalde.
Como citar: Mato, Alfonso : Ánxel Casal. Publicado o 22/7/2016 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=722. Recuperado o 26/03/2023
Ánxel Casal
A Coruña, 17/ 12/1895 - Teo, A Coruña, Galicia, 18/8/1936Autoría: Adrián Estévez Iglesias
Ánxel Casal Gosenxe foi un destacado editor, libreiro e político
Naceu na Coruña o 17 de decembro de 1895, fillo de Manuel Casal Basteiro, de Vilantime (Arzúa), e de Filomena Gosende Arias, de Visantoña (Santiso). De neno traballou na fonda e na xastrería familiar e aos catorce anos emigrou a Bos Aires, antes de probar sorte en Cuba, París e Lisboa. Ao regreso da emigración traballou no Consulado de Francia na Coruña, polo que viviu tamén uns meses en Bordeos. Alistouse voluntario ao servizo militar.
Militou nas Irmandades da Fala da Coruña desde a súa constitución o 17 de maio de 1916, e aparece xa na relación de redactores e colaboradores no primeiro número do voceiro A Nosa Terra, publicado o 14 de novembro dese mesmo ano. Alí militaron o seu pai, a súa irmá Genoveva e a que sería a súa muller, María Miramontes Mato, modista natural de Guísamo (Bergondo). En 1917 participou, xunto con outros membros da que sería a Xeración Nós, na recepción en Galicia aos catalanistas da Lliga Regionalista, con Francesc Cambó á cabeza. Asistiu á I Asemblea Nacionalista, celebrada en Lugo os días 17 e 18 de novembro, e foi un dos asinantes do Manifesto Nacionalista. En 1921 foi elixido vogal da xunta directiva da Irmandade da Coruña, e en 1923 vicesecretario. O 25 de novembro de 1920 casou con María Miramontes e abriron un comercio de tecidos, pero Casal traballaba tamén como mestre de francés e como tradutor.
Tras botar a andar en 1922 a Escola Dramática Galega participou como actor na obra A patria do labrego de Antón Villar Ponte, interpretando o papel de señorito. Fíxose cargo do proxecto de Escolas do Insiño Galego. En novembro de 1924 fundou con Leandro Carré Alvarellos, daquela bibliotecario das Irmandades da Fala, o proxecto editorial Lar, continuadora da Editorial Céltiga que fundaran en 1921 as Irmandades de Ferrol, e que pechara en 1923 coa chegada da ditadura de Primo de Rivera. Lar publicou até o seu peche en 1927 un total de corenta obras con periodicidade mensual, case todas elas de prosa. Entre outros autores, publicaron en Lar algúns homes de Nós como Otero Pedrayo (Pantelas, home libre, de 1925, e Escrito na néboa, de 1927), Vicente Risco (O lobo da xente: lenda galega, de 1926, A Coutada, do mesmo ano), Xosé Filgueira Valverde (O vigairo, 1927) ou Ramón Cabanillas, quen publicou nas coleccións de teatro (O Mariscal, 1926, escrita con Antón Villar Ponte) e poesía, con reedicións aumentadas dos volumes Da terra asoballada e No desterro.
En 1927 Ánxel Casal deixou a editorial Lar en mans de Carré Alvarellos e fundou a editorial Nós, que imprimía e distribuía a revista Nós, o voceiro A Nosa Terra e desde 1928 as publicacións do Seminario de Estudos Galegos. A imprenta de Ánxel Casal destacaba no uso de tipografías, clixés, linóleos e gravados. En 1930 fundou o xornal vespertino El Momento, ligado ao ideario político da Organización Republicana Gallega Autónoma, mais só durou catorce números. No mesmo ano comezou a publicación, con Fernando Osorio Docampo e Carlos Monasterio Baleiro, do semanario Adelante, tamén de carácter republicano, que cesou a súa actividade en agosto de 1931.
Na primavera de 1931, logo da proclamación da II República, instalouse en Santiago de Compostela, nun primeiro momento na que fora a casa de Camilo Díaz Baliño na rúa das Hortas, e dous anos despois no número 15 da rúa do Vilar. Neses locais estivo a imprenta e sede da editorial.
En setembro de 1934 cesou a actividade da editorial Nós, se ben seguiu a imprimir a revista do mesmo nome. O 7 de outubro dese ano íaselle facer unha homenaxe no Hotel Compostela, mais o evento foi suspendido pola folga xeral revolucionaria convocada contra a entrada no goberno como ministros de tres membros da Confederación Española de Derechas Autónomas. En marzo de 1935 comezou a editar a publicación Ser. Semanario Gallego de Izquierdas, continuador de Claridad.
Continuou coa actividade política, asinando en xuño de 1931 o manifesto da Esquerda Galeguista e colaborando na preparación da asemblea fundacional do Partido Galeguista, que tivo lugar en Pontevedra en decembro dese mesmo ano. En febreiro de 1932 pasou a ser secretario de propaganda do grupo local compostelán do Partido Galeguista, e en xullo asistiu á xuntanza convocada polo alcalde Raimundo López Pol para retomar o proxecto de Estatuto de Autonomía para Galicia.
En 1933 participou nun mitin xunto con Álvaro de las Casas, Xurxo Lorenzo e Francisco Fernández del Riego, con quen mantivo unha forte amizade. En xuño dese ano formou parte do Pacto de Compostela, que establecía un acordo entre forzas nacionalistas vascas, galegas e catalás co nome de Galeuzca. En 1935 integrouse na organización Ultreya, que nacera en 1932 impulsada por Álvaro de las Casas. O 1 de maio dese ano, na celebración do Día da Clase Obreira, interveu nun mitin en Muros xunto con Fernando Caamaño, o xurista e catedrático valisoletano Adolfo Miaja de la Muela, Elías Arias de Parga e Ramón Suárez Picallo.
Tras a creación en xaneiro da Fronte Popular, entrou no comité local de Santiago de Compostela, e o 23 de febreiro dese ano, unha semana despois das eleccións xerais en España, foi elixido alcalde da cidade. Un mes despois foi nomeado deputado provincial e vicepresidente da Deputación da Coruña. Exerceu tamén como vicepresidente do Comité Central da Autonomía de Galicia, se ben actuou como presidente en funcións ante a ausencia de Bibiano Fernández Osorio-Tafall.
Dimitiu como alcalde e como edil o 9 de xullo dese mesmo ano. O día 17 formou parte da comisión que entregou o Estatuto de Galicia ao presidente do Congreso dos Deputados, logo de seren recibidos polo presidente da República. Regresou a Santiago de Compostela o día 20, e a proposta do comité de defensa formado a xornada anterior polos partidos e sindicatos locais tras o alzamento nacional, aceptou facerse cargo de novo da alcaldía, se ben ese mesmo día sería deposto pola autoridade militar.
Refuxiouse na casa familiar de Vilantime onde o detiveron o 4 de agosto. Foi levado á prisión de Santiago de Compostela onde coincidiu con Camilo Díaz Baliño, quen o retratou a lapis ao igual que a outros presos republicanos. Declarou como testemuña o 8 de agosto no proceso contra os membros do comité de defensa, e na noite do 18 ao 19 de agosto foi asasinado en Cacheiras, preto do cemiterio.
En 1940 as Mocedades Galeguistas da Arxentina crearon o selo Ediciós Ánxel Casal, que empregou en 1952 Luís Seoane para publicar o poemario Fardel de eisilado. En 1950 o empresario Manuel Puente retomou a Editorial Nós. De Ánxel Casal, a quen Otero Pedrayo adica un capítulo no seu Libro dos amigos, dixo Castelao: “Casal fixo por Galicia máis do que todos nós”.
BIBLIOGRAFÍA
Dobarro Paz, Xosé María; Vázquez Sousa, Ernesto (2003): Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.
Mato, Alfonso (coord.) (2007): Ánxel Casal, un editor para un país. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
Como citar: Estévez Iglesias, Adrián : Ánxel Casal. Publicado o 17/4/2020 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=722. Recuperado o 26/03/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Mitin, por Álvaro das Casas, última obra impresa pola editorial Nós
Casas, Álvaro de las: Mitin. Santiago de Compostela: Nós, xuño de 1936.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega. Colección Salvador Rey.
Bibliografía selecta sobre Anxel Casal
VÁZQUEZ SOUZA, Ernesto e DOBARRO PAZ, Xosé Mª: Ánxel Casal (1895-1936). Textos e documentos, Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 2003
VÁZQUEZ SOUZA, Ernesto: A Fouce, o Hórreo e o Prelo. Ánxel Casal ou o libro galego moderno, Sada, Edicións do Castro, 2003
ACUÑA, Xosé Enrique: Artistas con Ánxel Casal: arte e edición nunha Galiza entusiasmada, Santiago, Concello, 2005
FERNÁNDEZ DEL RIEGO, Francisco: Ánxel Casal e o libro galego, Sada, Ediciós do Castro, 1983
ÁNXEL CASAL (1895-1936). Catálogo da exposición celebrada na Galería Sargadelos de Santiago do 17 de maio ao 17 de xuño de 2003, Santiago, Galería Sargadelos, Gráficas Litonor, 2003
MATO, Alfonso (Coord.): Ánxel Casal, un editor para un país: catálogos de Lar e Nós, Santiago, Consello da Cultura Galega, Seminario de Estudos Galegos, 2007
SEIXAS SEOANE, Miguel Anxo: Ánxel Casal, Santiago, Concello, 2000Bibliografía específica sobre Anxel Casal elaborada por Afonso Mato
Ligazóns de interese
Catálogo en liña da exposición Galicia, de Nós a nós, coordinada por Afonso Vázquez-Monxardín e Ana Acuña. Cidade da Cultura, 2 de outubro de 2020 - 17 de xaneiro de 2021
Fonte: https://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/galicia-de-nos-nos
A revista Nós en Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
Fonte: https://revistanos.galiciana.gal
Artigo de Xabier Iglesias sobre Bouza Brey e o seu poemario Nao senlleira, publicado no blog Os libros de Ánxel Casal. 10 de maio de 2014
Fonte: Iglesias, Xabier: «Nao senlleira», Os libros de Ánxel Casal, (10 de maio de 2014)
http://oslibrosdeanxelcasal.blogspot.com/2014/05/nao-senlleira.html [Consulta: 2021-12-27]
Acceso dixital á novela de Xulián Magariños O Kalivera 30 H.P. Lar, 1926
Fonte: Biblioteca de Galicia. Colección Basilio Losada / Galiciana.
http://galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/consulta/registro.do?id=447719 [Consulta: 2023-02-23]
Epístolas de
Carta de Ánxel Casal a Filgueira. 1924
Libros do ccg sobre Ánxel Casal
Ánxel Casal, un editor para un país.
2007 | Alfonso Mato, Coordinación.
Catálogos de Lar e Nós