Ernesto Chao
Ribadavia (Ourense), 12/ 11/1943 - Santiago de Compostela (A Coruña), 6/8/2018Autoría: Ana Abad de Larriva
Actor pioneiro de gran traxectoria e impulsor da escena galega
Ernesto Chao Pino, nado en Ribadavia en 1943, foi un actor pioneiro da escena galega. Seguir a traxectoria de Ernesto, “Nesto”, é seguir a historia do teatro galego nas últimas cinco décadas. A súa gran paixón polas artes escénicas levouno a estar vinculado á profesionalización do teatro galego e a diferentes proxectos e iniciativas a prol do sector, aínda que o seu amor pola interpretación o levou tamén a ser un dos grandes rostros coñecidos do audiovisual galego.
Ernesto foi un dos fundadores da Agrupación Cultural Abrente, en 1969, da que tamén foi presidente. Formou parte do Grupo de Teatro Afeccionado de Abrente e participou nas pezas que desenvolveron para recadar cartos para a primeira edición das Mostras de Teatro, que se celebraron entre 1973 e 1980. A paixón polo teatro fixo que deixase o negocio familiar, dedicado á fabricación de ataúdes, e que a finais dos anos 70 se trasladase a Vigo e se unise a Artello Teatro, compañía da que foi un dos membros fundadores, coa que impulsou a Sala Carral e na que participou en montaxes como a creación colectiva Tarará-chis-pum, en 1978; Pic-nic, de Fernando Arrabal, en 1979; As nubes, de Aristófanes, en 1980; A cantante calva, de Ionesco, en 1981; a creación colectiva Mandatruco, en 1982; Celtas sen filtro, de Xosé L. Méndez Ferrín e Artello, en 1983, dirixida por Eduardo Alonso; ou Gulliver FM (Radio Condena), de Antón Reixa e Artello, en coprodución co CDG, en 1985.
En 1984 trasladárase a Santiago de Compostela para participar na montaxe de Agasallo de sombras, de Roberto Vidal Bolaño, no Centro Dramático Galego, que viña de crearse, e un ano despois participaba na montaxe d’Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, coa dirección de Eduardo Alonso, así como na coprodución xa mencionada, Gulliver FM.
Ernesto asumiu a dirección do Centro Dramático Galego en dúas temporadas, a de 1986 e a de 1987, e seguiu traballando nel como actor en montaxes como As tres irmás, de Chejov, coa dirección de Xosé Manuel Rabón, en 1987; O incerto señor Don Hamlet, en 1991, a partir do texto de Álvaro Cunqueiro e dirixida por Ricard Salvat; Un soño de verán, en 1992, de William Shakespeare, dirixida por Eduardo Alonso, que lle supuxo un Premio Compostela de Teatro ao Mellor Actor de Reparto, compartido con Avelino González, Serxio Pazos, Miro Magariños, Víctor L. Mosqueira e Marcos Orsi, que formaban na peza o grupo Os artesáns; El embrujado, na montaxe dirixida por Eduardo Alonso; La cabeza del Bautista, dirixida por Helena Pementa, e Las galas del difunto, dirixida por Xosé Martíns, a tres incluídas dentro do ciclo Valle- Inclán 98, en 1998; e n’O profesional, de Dusan Kovacevic, coa dirección de Manuel Guede Oliva, en 2012. Ademais, en 1994 puxera tamén voz a Don Alfonso, na montaxe da peza O mariscal, de Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte, dirixida por Kukas.
Ernesto estivo na formación de Teatro do Noroeste, compañía coa que participou en montaxes como Galicia, S.L., en coprodución co Teatro do Malbarate, en 1988; Rei Lear, de William Shakespeare, en 1990, asumindo o rol de Lear, que lle supuxo ser finalista nos Premios Compostela de Teatro na categoría de Mellor Actor Protagonista en 1991 (este personaxe marcouno tanto que, de feito, a súa grande ilusión era poder volver facelo de maior, porque pensaba que entón aínda o podería facer mellor); Os xustos, de Albert Camus, tamén en 1991; A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, en 1992; e Galileo Galilei, de Bertolt Brecht, en 1993, que lle supuxo o Premio Compostela ao Mellor Actor protagonista; As vodas de Fígaro, de Pierre-Augustin Caron de Beaumarchais, e Macbeth, de William Shakespeare, en 1994, ou Noite de reis, tamén de Shakespeare, en 1996; todas elas baixo a dirección de Eduardo Alonso.
En 2001, Ernesto e a súa muller, Rosa Álvarez, actriz e directora pioneira e cunha longa traxectoria tamén iniciada no Grupo de Teatro Afeccionado de Abrente xunto a Ernesto, fundaron a compañía Lagarta Lagarta, na que Nesto actuou en pezas como Carambola (Cóncavo Convexo), de José Prieto e dirixida por Lino Braxe, en 2006; As últimas lúas, de Furio Bordon, dirixida por Xulio Lago, en 2007, que lle supuxo gañar en 2008 o Premio María Casares ao Mellor Actor Protagonista; Aeroplanos, de Carlos Gorostiza, baixo a dirección de Rosa Álvarez, en 2008; O segredo dos Hoffman, baseada na novela homónima de Alejandro Palomas, en 2009; Cásting (a comedia), de Roger Justafré, en 2010; Unha hora na vida de Stefan Zweig, de Antonio Tabares, en 2011 (as tres últimas tamén baixo a dirección de Rosa); ou O país do Pato Donald, unha nova adaptación d’As últimas lúas, tamén dirixida por Xulio Lago, en 2013. Porén, en Lagarta Lagarta Ernesto non só foi actor senón que tamén desenvolveu labores de escenografía.
Outra compañía coa que traballou Ernesto foi Redrum Teatro, en obras como Noiteboa, de Álex Sampayo e Borja F. Caamaño, en 2015; ou A canción do elefante, de Nicolas Billon, en 2017; dirixidas as dúas por Álex Sampayo.
A súa carreira no audiovisual foi tamén extensa, participando en curtametraxes como Só para nenos, de Milagros Bará, en 1985; A verdade se non minto, dirixida por Pablo Iglesias, no ano 2000; As loiras prefírenos cabaleiros, dirixida por Álex Sampayo, en 2002; ou En teoría, dirixida por Lidia Fraga, en 2006; mediametraxes, como Esperanza, de Chano Piñeiro, en 1986; e longametraxes, como La hora bruja, de Jaime de Armiñán, en 1985; Divinas palabras, a partir do texto de Valle Inclán, na dirección de José Luis García Sánchez, en 1987; Urxa, dirixida por Alfredo García Pinal e Carlos A. López Piñeiro, en 1989; A metade da vida, a partir dun conto de Xosé Luís Méndez Ferrín, dirixida por Raúl Veiga, en 1994; A lei da fronteira, dirixida por Adolfo Aristarain, en 1995; A noiva de medianoite, dirixida por Antonio F. Simón, en 1997; Condenado a vivir, un telefilme dirixido por Roberto Bodegas arredor da historia de Ramón Sampedro que protagonizou e que lle supuxo o Premio Chano Piñeiro do Audiovisual Galego ao Mellor Actor Protagonista, en 2022; Días de voda, dirixida por Juan Pinzás, en 2002; Trece badaladas, baseada no texto homónimo de Suso de Toro e dirixida por Xavier Villaverde, tamén en 2002; Os mortos van ás présas, dirixida por Ángel de la Cruz, en 2008, que lle supuxo un nomeamento aos VII Premios Mestre Mateo á Mellor Interpretación Masculina de Reparto; A síndrome Cacareco: A verdade na cara, dirixida por Breogán Riveiro, en 2010; Doentes, dirixida por Gustavo Balza, en 2010; Anos despois, dirixida por Laura Gardós Velo, en 2010; O ouro do tempo, dirixida por Xavier Bermúdez, en 2012; ou María (y los demás), de Nely Reguera, en 2016.
Mais tamén participou en series e miniseries como Os outros feirantes, dirixida por Antón Dobao, en 1989; Pratos combinados, dirixida por Xosé Cermeño e Chema Fernández Vilas, entre 1995 e 2006, que lle supuxo unha grandísima popularidade e un nomeamento como Mellor Actor Protagonista nos Premios Chano Piñeiro en 2002 e como Mellor Actor Protagonista nos IV Premios Mestre Mateo en 2005; Efectos secundarios, dirixida por Álex Sampayo, en 2007; Conexión, dirixida por Leonel Vieira, en 2009; Escoba!, dirixida por Mariana Carballal, en 2011; Hotel Almirante, dirixida por Antonio Cuadri, baseada na novela homónima de Marta Rivera de la Cruz, en 2015; ou Fariña, baseada na novela homónima de Nacho Carretero, dirixida por Carlos Sedes e Jorge Torregrossa, en 2018, na que interpretou a Gerardo Fernández Albor; ou mesmo documentais, como Lembrando a Xelmírez, dirixido por Rafael de la Cueva, en 1989; así como outros programas de televisión aos que asistiu como convidado.
Ademais do seu compromiso co propio traballo e da súa xenerosidade, destacou tamén a súa grande implicación no impulso do sector: foi fundador da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, AAAG, en 1985, e presidente da mesma entre 2016 e 2017; foi tamén presidente de Escena Galega; e foi o cofundador e primeiro presidente da Academia Galega do Audiovisual, entre 2002 e 2003.
Entre os recoñecementos que recibiu á súa traxectoria atópanse o Premio de Honra Abrente na Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia, en 2002, compartido coa súa muller; o Premio de Honra Fernando Rey nos IV Premios Mestre Mateo, en 2008, na edición correspondente a 2007; e o Premio de Honra Pedigree do VII Festival de Cans, en 2010; así como, de xeito póstumo, a Medalla da Academia Galega de Teatro en 2020, ou a homenaxe a Lagarta Lagarta en 2022 por parte de Escena Galega, nomeándoa socia de honra.
Agradecementos
A Rosa Álvarez, pola súa agarimosa axuda para a elaboración desta biografía, e a Eduardo Alonso e a María Costas, polas súas valiosas contribucións.
Fontes dixitais
Academia Galega do Audiovisual: www.academiagalegadoaudiovisual.gal
Artello Teatro: http://artello.com/gfm/ga.html
Asociación de Actores e Actrices de Galicia: https://aaag.gal/mariacasares/edicions/edicion-xii
AVG Soportal do Audiovisual Galego: http://culturagalega.gal/avg/
Centro Dramático Galego: http://centrodramatico.xunta.gal/cdg/
Compañía de teatro Lagarta Lagarta: http://lagartalagarta.blogspot.com/
Redrum Teatro: https://www.redrumteatro.com/espectaculos/#historico
Teatro do Noroeste: https://www.teatrodonoroeste.com/historial_g.php
Bibliografía
Riobó, Pedro Pablo: «Falamos con... Conversas de 25 anos de Teatro Profesional 7. Rosa Álvarez e Ernesto Chao», Revista Galega de Teatro, R.G.T, 38 (2003).
Gómez, Luma e Alonso, Eduardo: «Textos para Nesto», ed. dixital de erregueté | | Revista Galega de Teatro, (12 de agosto de 2018). Dispoñible en: https://erreguete.gal/2018/08/12/textos-nesto-de-luma-gomez-eduardo-alonso/
Xestoso, Manuel: «Ernesto Chao: un teatro nacional», ed. dixital de erregueté | Revista Galega de Teatro, (12 de agosto de 2018). Dispoñible en: https://erreguete.gal/2018/08/12/obituario-ernesto-chao/
Vieites, Manuel F. (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Vigo: Xunta de Galicia; Editorial Galaxia, 2007.
Como citar: Abad de Larriva, Ana : Ernesto Chao. Publicado o 1/11/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=831. Recuperado o 22/03/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Cartel d'A canción do elefante, de Redrum Teatro. 2017
Fonte: https://www.redrumteatro.com/espectaculo/a-cancion-do-elefante/ [Descaga: 2022-10-31]
Dossier d'O segredo dos Hoffman. 2009
Fonte: Documento cedido por Lagarta Lagarta.
Programa de man de Carambola. 2006
Fonte: Documento cedido por Lagarta Lagarta.
Cartel da obra Rei Lear, estreada no Teatro Principal de Santiago de Compostela o día 3 de maio de 1990
Fonte: https://www.teatrodonoroeste.com/obrah_g.php?idObra=20 [Descarga: 2022-10-31]
Programa de man de Gulliver FM, de Antón reixa e Artello. 1985
Fonte: Documento cedido por Artello.
Programa de man de Celtas sen filtro, de Xosé Luís Méndez Ferrín e Artello. 1983
Fonte: Documento cedido por Artello.
Ligazóns de interese
Entrada de Ernesto Chao na Enciclopedia del Cine Español
Fonte: https://enciclopediacineespa-fernando.blogspot.com/2019/10/ernesto-chao.html [Consulta: 2022-10-31]
«Obituario: Ernesto Chao» por Manuel Xestoso en erregueté | Revista Galega de Teatro
Fonte: https://erreguete.gal/2018/08/12/obituario-ernesto-chao/ [Consulta: 2022-07-04]
«Textos para Nesto», de Luma Gómez e Eduardo Alonso en erregueté | Revista Galega de Teatro
Fonte: https://erreguete.gal/2018/08/12/textos-nesto-de-luma-gomez-eduardo-alonso/ [Consulta: 2022-07-04]
Especial Ernesto Chao A entrega a unha profesión no Diario Cultural da Radio Galega. 6 de agosto de 2018
Fonte: https://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-06-08-2018-3862994 [Consulta. 2022-10-31]
«Unha ducia de papeis para lembrar a Ernesto Chao»: homenaxe a Ernesto Chao en praza.gal
Fonte: https://praza.gal/ducias/papeis-para-lembrar-a-ernesto-chao [Consulta: 2022-07-04]
Episodios da serie da TVG Pratos combinados. 1995-2006
Fonte: Episodios de Pratos Combinados: http://www.crtvg.es/en-serie/as-nosas-series/pratos-combinados [Consulta: 2022-10-31]
Nova emitida na TVG sobre a estrea de Agasallo de sombras, en 1984
Fonte: https://pasouoquepasou.crtvg.gal/content/o-centro-dramatico-galego-representa-en-1984-agasallo-de-sombras [Consulta: 2022-10-31]
Información sobre a obra Gulliver FM na páxina web de Artello
Fonte: http://artello.com/gfm/ga.html [Consulta: 2022-06-03]
Ernesto Chao en AVG: O soportal do Audiovisual Galego do Consello da Cultura Galega
Fonte: AVG. Consello da Cultura Galega.
http://culturagalega.gal/avg/persoas_detalle.php?Cod_prsa=16&busca=ernesto%2520chao [Consulta: 2022-07-04]
Páxina web da compañía teatral Lagarta Lagarta
Fonte: http://lagartalagarta.blogspot.com/ [Consulta: 2022-10-31]
Web da compañía Redrum Teatro
Fonte: https://www.redrumteatro.com/ [Consulta: 2022-10-31]
Páxina web da compañía Teatro do Noroeste
Fonte: https://www.teatrodonoroeste.com [Consulta: 2022-10-31]
Páxina web do Centro Dramático Galego
Fonte: http://centrodramatico.xunta.gal/cdg/
Videos
A noite de Ernesto Chao, especial en memoria do actor na TVG, 2018
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=6MLAVamFTZ4&ab_channel=Adrianci%C3%B1oGalego [Consulta: 2022-10-31]
Ernesto Chao: Labores de amor perdido. Academia Galega do Audiovisual, 2016
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=YwCcsgmasSI&ab_channel=AcademiaGalegadoAudiovisual [Consulta: 2022-10-31]
Primeiro episodio da serie Pratos combinados, da TVG, emitido o venres 1 de decembro de 1995
Fonte: https://youtu.be/HJ6BSp1Kszc [Consulta: 2022-10-31]