f María Corredoyra | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

María Corredoyra

A Coruña, 1893 - A Coruña, 1970

Biografía

----

María Corredoyra

A Coruña, 1893 - A Coruña, 1970

Autoria: María Dolores Villaverde

DOI: 10.17075/adg.937

Pintora, membro do Seminario de Estudos Galegos e da Academia de Belas Artes da Coruña

O nome completo desta artista é María del Carmen Corredoyra Ruiz de Baro, se ben artisticamente sempre se coñece como María Corredoyra. Foi unha das pintoras menos célebres da Xeración de 1916 por varias razóns: por non existir parentes directos que difundisen a obra tras o seu pasamento, pola chegada das vangardas e a ruptura que iso supuxo nas artes e, sobre todo, por ser muller, xa que as condicións socioculturais da época non eran as máis adecuadas para a formación das mulleres nin para o seu desenvolvemento como artistas, considerándose á muller pintora ou dedicada ás artes como algo secundario.

Nace en 1893 na rúa da Estreita de Santo André da Coruña. Dende moi nena mostra preferencias pola pintura fronte a outras disciplinas. Na súa familia conta con parentes directos pintores como Xesús Rodríguez Corredoyra de Castro e Xesús R. Corredoyra, mais todo parece indicar que a principal culpable da predisposición de María á pintura é a súa nai, que era unha grande afeccionada ás artes.

Empeza formándose nas clases de debuxo de don Félix Castro e, tras a morte deste, continúa aprendendo co pintor Enrique Saborit. Desa etapa son súas primeiras obras, copias de pintores da época e de cadros do Museo do Prado.

A Saborit débese que se presentara no ano 1909 á Exposición Rexional Galega, onde se lle concede a Medalla de Ouro polo seu traballo. A partir de entón participa en diversos certames, nos que acada recoñecemento e premios, en 1910 obtivo un diploma na exposición realizada en México e en 1911 triunfou en Bos Aires.


De vital importancia para a carreira da artista será a Exposición de Arte Galega no Centro Galego de Madrid en 1912, á mostra concorre con catro óleos e ten contacto coas grandes figuras da pintura e da escultura galegas.

A partir de aí vaise consolidando como pintora e en 1914 decide marchar a Madrid para completar os seus estudos baixo a dirección, primeiro, de Eduardo Chicharro e, máis tarde, de Xosé M.ª López Mezquita. A través deste último, María concorre a varios certames e mostras que se realizan en Gran Bretaña. Pouco despois decide volver a Galicia.

Das obras que irá expoñendo en Galicia dicíase: «Non é un xenio, pero pode selo». E a fama de María vai aumentando pouco a pouco.

Chega así o ano 1916, época das Irmandades da Fala e do ascenso do nacionalismo galego. Isto reflíctese tamén nas artes,;de feito, a Segunda Exposición de Arte Galega de 1917 está orientada a difundir a galeguidade polo mundo e nela M.ª Corredoyra presenta cinco obras de retrato e figuras que se poden considerar de estilo rexionalista.

A partir de entón María entende que se inicia unha nova etapa na súa vida artística, considera pechada a época de aprendizaxe e intensifica a súa carreira, chegará a probar coa escultura en madeira. Nos anos vinte participa en varias exposicións fora de Galicia e na mostra de Arte Galega de Ferrol presenta o primeiro dos seus cadros de interiores, tema que irá intercalando coa figura e co retrato.

Será entre 1923 e 1926 cando teña maior actividade expositiva (ver o apartado «extras de maría») No ano 1925 xa é artista recoñecida e realiza a súa primeira exposición individual na Coruña. O éxito da pintora segue crecendo e será nomeada en 1929 Membro do Seminario de Estudos Galegos.

Pero cambia a década e chega a Segunda República. Neste contexto a ideoloxía conservadora, monárquica e cristiá de María freará a súa actividade expositiva. Tamén é evidente o cambio estético e temático da súa obra; aumenta o número de cadros de interiores e desde 1935 convértense en tema exclusivo.

En 1936, coa chegada da Guerra Civil, paralízanse as actividades artísticas, pero non é todo malo para María, este será o ano en que foi nomeada Membro directivo da Asociación de Artistas Coruñesa e no que obtén a praza de axudante de debuxo artístico da Escola de Artes e Oficios da Coruña. Un pouco máis tarde, en 1938, vai ser elixida Membro de Número da Real Academia Provincial de Belas Artes da Coruña.

Ao remate da guerra retoma afortunadamente a carreira artística e a partir de agora os interiores de convento van ser, definitiva e unicamente, o tema das súas obras.

A súa última exposición tivo lugar na Coruña en 1966. Catro anos despois falece e cae pouco a pouco no esquecemento.

Na evolución pictórica da pintora destacan dúas temáticas ben diferentes:
1ª- Desde os seus inicios ata 1922 pinta do natural, céntrase no retrato e na figuración. Nun primeiro momento retrata xente da súa familia e amigas. Logo, durante a estadía en Madrid, céntrase en retratos de tipo rexionalista. A partir de 1918 os retratos énchense de carga psicolóxica.
2ª- Desde o ano 1922, aínda que segue pintando estes xéneros e pinta bodegóns ocasionalmente, comeza a realizar interiores conventuais que, como xa se indicou, acabarán converténdose no tema exclusivo da súa obra e os que a fan máis coñecida. Neses interiores conventuais prescinde da figuración humana, son espazos baleiros cheos de melancolía nos que co paso do tempo aclara a paleta.

Como citar: Villaverde, María Dolores : María Corredoyra. Recuperado o 26/05/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=937 DOI: 10.17075/adg.937]

Bibliografía

- PEREIRA BUENO, F., A presenza das mulleres pintoras na arte galega: 1858-1936, Sada, Ediciós do Castro, 2004.
- GARRIDO MORENO, A., “Mª Do Carmo Corredoira”, en Artistas galegos. Pintores. Rexionalismos III, Vigo, Nova Galicia Edicións, 1999, p. 60-72.
- LÓPEZ VÁZQUEZ, J.M., “Del 98 a la II república: la época del regionalismo”, en Galicia Arte, XV, A Coruña, Hércules, 1993.
- LIAÑO PEDREIRA, M.ªD. e SOBRINO MANZANARES, M.ªL., Catálogo del patrimonio artístico de la Diputación de A Coruña, I. Pintura y escultura, A Coruña, Deputación Provincial, 1991.
- MON, F., “María del Carmen Corredoira y Ruiz de Baró”, en Gran Enciclopedia gallega, v. 7, Santiago de Compostela, Silverio Cañada, 1974.
- COUSELO BOUZAS, J., La pintura gallega, Moret, Coruña, 1950.